DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 27 de setembro de 2004 Páx. 13.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e autonómica de directores de centros de ensino escolar.

A Orde do 10 de decembro de 1997 (DOG do 18 de decembro) creou e regulou as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

A Orde do 11 de novembro de 1999 (DOG do 10 de decembro) creou e regulou a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario e modificou a devandita Orde do 10 de decembro de 1997.

A Resolución do 4 de febreiro de 1998 (DOG do 18 de febreiro), da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, recolle no seu artigo 1 que a elección dos directores que formarán parte das citadas xuntas provinciais se efectuará nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución do 17 de novembro de 2000 (DOG do 28 de novembro), conxunta da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario, recolle no seu artigo primeiro que a elección dos directores que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario se efectuará a continuación do proceso de renovación das xuntas provinciais de directores, nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Resolución do 25 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e autonómica de directores de centros de ensino non universitario modificou, na súa disposición adicional única, o parágrafo 3º do artigo 4 da antedita Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento

de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

Por corresponderlle no curso 2004-2005 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, esta dirección xeral, en uso das atribucións expresadas na disposición derradeira primeira da Orde do 10 de decembro de 1997 e na disposición derradeira primeira da Orde do 11 de novembro de 1999,

RESOLVE:

Artigo 1º.-Convocatoria.

1. Correspóndelle ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a convocatoria, na súa respectiva provincia, das eleccións dos directores que formarán parte da Xunta Provincial de Directores de Centros de Ensino non Universitario e da xunta autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

2. En cada convocatoria provincial figurarán as vacantes a cubrir no correspondente proceso electoral.

Artigo 2º.-Prazo.

As eleccións efectuaranse no primeiro trimestre do curso académico 2004-2005, de tal xeito que:

a) A constitución das xuntas provinciais se leve a cabo antes do día 30 de novembro de 2004.

b) A constitución da Xunta Autonómica se leve a cabo antes do día 20 de decembro de 2004.

Artigo 3º.-Procedemento.

1. A regulación do procedemento de elección dos membros das xuntas provinciais de directores, e a constitución e funcións das xuntas electorais, seguirá o procedemento establecido na Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa (DOG do 18 de febreiro), sen prexuízo do establecido na disposición adicional única da Resolución do 25 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e autonómica de directores de centros de ensino non universitario.

2. A regulación do procedemento de elección dos membros da Xunta Autonómica de Directores seguirá o establecido na Resolución do 17 de novembro de 2000, conxunta da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa (DOG do 28 de novembro).

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2004.

Alberto González Armesto

Director xeral de Centros e Ordenación Educativa