DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 24 de setembro de 2004 Páx. 13.101

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 215/2004, do 23 de setembro, polo que se modifica o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. O tempo transcorrido desde a súa entrada en vigor e, por conseguinte, a experiencia adquirida do exercicio das competencias asignadas ás distintas consellerías en relación coa demanda social, aconsella proceder a unha nova distribución competencial, incidindo, pola súa vez, na correlativa asignación de competencias entre determinados centros directivos. A devandita distribución competencial establécese para unha maior racionalidade da distribución dos recursos, humanos e materiais, e oriéntase á consecución de cotas máis elevadas de eficacia e eficiencia da acción do Goberno de Galicia.

Polo tanto, en virtude do disposto no artigo 4.15º da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por iniciativa da conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e do conselleiro de Emigración, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e trés de setembro de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 11º, 13º e 14º do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que quedan redactados co seguinte teor literal:

«Artigo 11º

a) A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Familia.

3. Dirección Xeral de Xuventude.

4. Dirección Xeral para o Deporte.

5. Dirección Xeral do Voluntariado.

6. Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

b) Queda adscrito a esta consellería o seguinte organismo autónomo: Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 13º

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Promoción do Emprego.

3. Dirección Xeral de Formación e Colocación.

4. Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social.

5. Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 14º

A Consellería de Emigración estrutúrase nos seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral.

2. Dirección Xeral de Emigración.

3. Dirección Xeral de Inmigración».

Disposición transitoria

Única.-As unidades administrativas dependentes das direccións xerais afectadas polo disposto neste decreto manterán a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura orgánica das súas respectivas consellerías.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dite as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estrutura administrativa, sen que en ningún caso poida orixinarse incremento de gasto.

Segunda.-A Consellería de Economía e Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para dar cumprimento ao disposto neste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de setembro de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública