DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 23 de setembro de 2004 Páx. 13.062

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, pola que se establece o calendario para a realización de eleccións de membros dos consellos escolares de centros de ensino escolar sostidos con fondos públicos.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (LOCE) regula, no seu artigo 81, o consello escolar dos centros escolares. Sen prexuízo do establecido no citado artigo e de conformidade co disposto na disposición transitoria quinta da LOCE, nos aspectos nos que o devandito artigo remite a ulteriores disposicións regulamentarias que aínda non foron ditadas, son de aplicación as normas dese rango ata agora vixentes.

O Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, establece no seu artigo 29 que o procedemento de elección dos membros do consello escolar dos centros públicos se desenvolverá no primeiro trimestre do curso académico que corresponda e dentro do período lectivo, e que a data de realización das eleccións será fixada, cun mes de antelación, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os artigos 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación

primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente, e o artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen que a elección do consello escolar e a súa constitución nos centros de nova creación se efectuará no mes de outubro, e que a primeira renovación do consello escolar se producirá ao cabo dun ano ou dous de maneira que coincida coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Por outra parte, a Orde do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro), pola que se determinan aspectos para a elección dos membros do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, establece o procedemento de integración no consello escolar dos profesores, dos alumnos e dos pais dos alumnos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que cursen estudos nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.

Por corresponderlle no curso 2004-2005 a renovación dos consellos escolares dos centros de ensino

escolar sostidos con fondos públicos, esta dirección xeral, en uso das atribucións expresadas no artigo 29 do Decreto 92/1988, do 28 de abril

RESOLVE:

Artigo 1º

O obxecto desta disposición é fixar as datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros de ensino escolar sostidos con fondos públicos.

Artigo 2º

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar terá lugar entre os días 22 e 30 de novembro de 2004, ambos os dous incluídos.

2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a nova redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 2 e 8 de novembro de 2004, ambos os dous incluídos.

3. De conformidade co establecido no artigo 31 b) do Decreto 92/1988, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concretar o calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 3º

Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2003-2004 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista nos artigos 49 dos regulamentos aprobados polos decretos 374/1996 e 324/1996 e no artigo 11 do regulamento aprobado polo Decreto 7/1999, de acordo co calendario xeral previsto no artigo 2º desta resolución.

Artigo 4º

Para determinar os membros do consello escolar que deben ser renovados nos centros regulados polos decretos 374/1996 e 324/1996 terase en conta o establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Artigo 5º

1. As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2004-2005 terán lugar entre os días 21 e 29 de outubro de 2004, ambos os dous incluídos:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22 de outubro).

b) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, de acordo coa orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro), corrección de erros no DOG do 15 de novembro de 1996.

2. Nos centros aos que se refire o punto anterior, a xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a nova redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 1 e 6 de outubro de 2004, ambos os dous incluídos.

Artigo 6º

Os centros en cada renovación parcial modificarán o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

Artigo 7º

Aos membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e aos electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 70.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio (DOG do 1 de xuño), da función pública de Galicia. Non obstante, os días en que teñan lugar as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 8º

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á que se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, o director do centro, como presidente da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ao delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do consello escolar, á que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, o director do centro remitiralle ao delegado provincial, antes do 20 de decembro de 2004, o formulario que se publica como anexo II a esta resolución.

Artigo 9º

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2004.

Alberto González Armesto

Director xeral de Centros e Ordenación Educativa

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL