DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 23 de setembro de 2004 Páx. 13.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de setembro de 2004 pola que se convoca certame de premios ao deseño de páxinas web de centros educativos, ao desenvolvemento de materiais educativos curriculares e galerías de imaxes en contorno web, e a vídeos ou animacións de carácter pedagóxico, dentro do Proxecto Siega.

No marco actual da sociedade da información, existe unha crecente demanda social, especialmente nos ámbitos académico e profesional, de recursos educativos multimedia interactivos e de ferramentas informáticas que permitan o establecemento de novas vías de información e de comunicación entre os diferentes membros da comunidade educativa.

Na exposición de motivos da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, dise que os cambios tecnolóxicos transformaron as sociedades modernas en realidades complexas, afectadas por un forte dinamismo que ten no coñecemento e na información o motor do desenvolvemento económico e social. En particular, o uso das tecnoloxías da información e das comunicacións no sistema educativo posibilita e facilita este aceso á información e á formación.

Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da presente convocatoria e no marco das actuacións que se veñen desenvolvendo dentro do Proxecto do Sistema de Información da Educación Galega (Siega), pretende fomentar o desenvolvemento de materiais educativos que supoñan a utilización de ferramentas propias da sociedade da información nos centros.

Para tal fin, e polo mesmo,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxectivo.

O obxectivo da presente orde é convocar a II Edición dos Premios Siega de Creación de Recursos Educativos e establecer as bases reguladoras deste certame de premios que pretende fomentar o uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación no contorno educativo galego.

Segundo.-Modalidades.

-Poderase participar na presente convocatoria por catro modalidades:

* Modalidade A: deseño e contidos de páxinas web de centros educativos.

* Modalidade B: desenvolvemento de materiais educativos curriculares en contornos web.

* Modalidade C: galerías de fotografías ou ilustracións en contorno web.

* Modalidade D: vídeos ou animacións de carácter pedagóxico.

Terceiro.-Destinatarios.

Modalidade A: profesorado de centros educativos de titularidade pública e privados concertados, do ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega, que impartan ensinanzas contempladas no artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación. O profesorado participante nesta modalidade, a título individual ou en grupo, deberá estar en activo e impartindo ensinanza no centro titular da páxina web.

Modalidades B, C e D: profesorado e alumnado, a título individual ou en grupo, destinado ou matriculado en centros educativos de titularidade pública e privados concertados, do ámbito territorial do Estado español, que impartan ensinanzas contempladas no artigo 7.3º da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación. O profesorado participante nestas modalidades, deberá estar en activo e impartindo ensinanza en niveis non universitarios.

Cuarto.-Asignación económica.

A cantidade total destinada a premios ascende a 42.000 euros. O seu pagamento farase con cargo ás aplicacións orzamentarias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 07.01.322T.482.0 en contía de 21.000 euros e 07.01.322A.482.0 en contía de 21.000 euros, respectivamente, unha vez realizada a retención correspondente.

Quinto.-Requisitos.

Os proxectos que se presenten por calquera das catro modalidades contempladas deberán reunir os seguintes requisitos xerais:

* Os traballos deberán ser redactados e presentados en lingua galega.

* Todos os traballos presentados individualmente ou en grupo deberán ser inéditos e orixinais. Non se poderán presentar traballos comercializados nin premiados con anterioridade.

* Deberá incluírse toda aquela información escrita, tanto para o profesorado como para o alumnado, que se considere relevante para un bo aproveitamento do recurso.

* O material presentado non poderá incluír publicidade de empresas, produtos ou servizos comerciais.

* Os materiais presentados pola modalidade A deberán estar publicados no servidor da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no momento de finalizar o prazo de entrega fixado nesta convocatoria. Ademais deberá entregarse unha copia completa do sitio web en CD-ROM. Non poderán presentarse a esta convocatoria páxinas web de centros educativos premiados ou distinguidos con accésit na convocatoria anterior, aínda que sufrisen modificacións ou actualizacións significativas.

* Os materiais presentados polas modalidades B, C e D versarán sobre contidos curriculares das diferentes áreas e niveis educativos non universitarios. Os materiais entregaranse por duplicado en CD-ROM.

Ademais de cumpriren estes requisitos xerais, os materiais presentados a concurso deberán cumprir os requisitos técnicos que se especifican no anexo I para asegurar a homoxeneidade e compatibilidade cos servidores web dispoñibles na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.-Solicitudes, documentación e prazo de presentación.

1. Solicitudes.

Os participantes que, reunindo as condicións exixidas, desexen acceder a esta convocatoria formularán as súas solicitudes por medio de instancias de acordo cos modelos que figuran nos anexos. Estes modelos tamén se poden atopar no Portal Educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na sección de Contidos Educativos-Premios e concursos. No mesmo lugar encóntrase tamén un formulario on-line que deberán cubrir obrigatoriamente todos os participantes, tanto os que envíen anexos fotocopiados deste documento como os que os extraian da convocatoria do Portal Educativo.

A documentación, acompañada das pertinentes copias en CD-ROM do material, presentaranse en sobre pechado no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tanto o sobre como o soporte do traballo levarán inserta a información que se solicita nos anexos II ou III para facilitar a súa identificación.

2. Documentación.

Modalidade A:

-Anexo II: solicitude de participación que deberá ser cuberta na súa totalidade e remitida por escrito

ao rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Anexo IV: declaración asinada por todos os autores do proxecto.

-Anexo V: certificación do secretario do centro que acredite a aprobación por parte do Consello Escolar da participación no presente certame.

-Anexo VI: certificación orixinal do secretario do centro que acredite que o autor ou os coautores pertencen ao seu cadro de persoal.

-Rexistro mediante formulario electrónico vía web dispoñible no Portal Educativo da Consellería de Educación (www.edu.xunta.es), na sección de Contidos, en el apartado Premios e Concursos.

Modalidades B, C e D:

-Anexo III: solicitude de participación que deberá ser cuberta na súa totalidade e remitida por escrito ao rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Anexo IV: declaración asinada por todos os autores do proxecto.

-Anexo VI: certificado orixinal do secretario do centro ou centros dos autores que acredite que estes son alumnos matriculados no centro ou profesores pertencentes ao seu cadro de persoal.

-Rexistro mediante formulario electrónico vía web dispoñible no Portal Educativo da Consellería de Educación (www.edu.xunta.es), na sección de Contidos, en el apartado Premios e Concursos.

Os participantes na Modalidade B incluirán no CD-ROM da aplicación unha memoria detallada en formato electrónico coas seguintes alíneas:

* Exposición e descrición das características técnicas do software e hardware necesarios para a utilización dos programas.

* Descrición do procedemento de elaboración do recurso e dos medios utilizados.

* Guía para o seu uso didáctico.

Presentarase, así mesmo, unha copia impresa da memoria.

3. Prazos de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes, documentación e materiais comezará o día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de outubro de 2004.

De conformidade co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, naqueles proxectos que non acheguen a documentación exixida, os interesados serán requiridos para a súa presentación, nun prazo máximo de dez días hábiles, a contar desde o día seguinte ao da notificación efectuada.

Sétimo.-Criterios de selección. Comisión de selección.

1. Criterios de valoración. Máximo 100 puntos.

Modalidade A:

Para a valoración das páxinas presentadas teranse en conta tanto a calidade técnica coma o contido educativo das mesmas, de acordo co seguinte baremo:

-Calidade dos contidos relacionados coa organización do centro e a participación da comunidade educativa, ata un máximo de 20 puntos.

-Calidade, secuenciación e desenvolvemento de actividades e de exercicios relacionados coas diferentes áreas e materias curriculares, os contidos transversais e o respecto implícito aos valores constitucionais, ata un máximo de 50 puntos.

-Calidade técnica da páxina web, boa organización da mesma e facilidade de navegación, segundo se describe no punto quinto da presente orde, ata un máximo de 30 puntos.

Modalidade B:

Para a valoración dos proxectos presentados terase en conta tanto a calidade técnica como o contido educativo dos mesmos, de acordo co seguinte baremo:

-Axuda que presenta á resolución de problemas didácticos concretos dunha materia, ata un máximo de 25 puntos.

-Facilidade de manexo, calidade do deseño gráfico, interactividade, ata un máximo de 25 puntos.

-Adecuación ás últimas tecnoloxías, calidade da documentación do programa, facilidade de modificación por parte do profesorado e transferibilidade aos centros educativos, ata un máximo de 25 puntos.

-Que teña en conta ao alumnado que presente necesidades educativas especiais, ata un máximo de 25 puntos.

Modalidade C:

Terase en conta a calidade técnica e o contido educativo das galerías de imaxes de acordo co seguinte baremo:

-Aproveitamento didáctico das imaxes presentadas, ata un máximo de 35 puntos.

-Calidade técnica e artística das fotografías ou ilustracións, ata un máximo de 30 puntos.

-Contribución a unha visión global do tema escollido, ata un máximo de 20 puntos.

-Presentación e facilidade de navegación pola galería a través da páxina web índice, ata un máximo de 15 puntos.

Modalidade D:

Terase en conta a calidade técnica e o contido educativo dos vídeos e animacións de acordo co seguinte baremo:

-Aproveitamento didáctico, ata un máximo de 40 puntos.

-Calidade técnica e artística, ata un máximo de 40 puntos.

-Contribución a unha visión global do tema escollido, ata un máximo de 20 puntos.

2. Comisión de selección.

Constituirase unha comisión de selección presidida polo secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue e integrada polos seguintes membros:

Vocais:

-O subdirector xeral de Sistemas de Información da Educación.

-O xefe da área de Sistemas de Información e Comunicación.

-Catro membros do persoal docente especialistas en novas tecnoloxías.

Secretario:

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elevará a proposta de concesión dos premios ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

A comisión de selección terá a facultade de declarar deserto un, varios ou a totalidade dos premios na proposta de concesión; neste caso resérvase o dereito de aumentar o número de premiados/as noutras modalidades ou de outorgar accésits.

Igualmente, a comisión de selección poderá requirir os participantes para que acheguen as informacións e aclaracións que estime oportunas.

A orde de concesión determinará en cada caso os/as beneficiarios/as e a contía dos accésits, e en todo caso respectando os límites orzamentarios.

Oitavo.-Contía dos premios e forma de pagamento.

O pagamento do importe correspondente aos premios farase por transferencia bancaria a nome do autor ou autora se o traballo é individual. No caso de que o traballo sexa colectivo, o pagamento farase por transferencia bancaria a unha única conta de titularidade compartida entre todos os membros participantes que vaian recibir a asignación económica.

Os premios que se poderán outorgar e a súa contía serán os seguintes:

Modalidade A:

-Equipos de profesorado de escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, centros de educación primaria, centros de educación infantil e primaria e centros públicos integrados:

a) Un primeiro premio de 2.000 euros.

b) Un segundo premio de 1.500 euros.

c) Un terceiro premio de 1.000 euros.

-Equipos de profesorado do resto dos centros educativos de ensinanzas non universitarias:

a) Un primeiro premio de 2.000 euros.

b) Un segundo premio de 1.500 euros.

c) Un terceiro premio de 1.000 euros.

Modalidade B:

-Educación infantil e primaria:

a) Un primeiro premio de 6.000 euros.

b) Un segundo premio de 4.000 euros.

c) Un terceiro premio de 2.500 euros.

-Resto de ensinanzas non universitarias:

a) Un primeiro premio de 6.000 euros.

b) Un segundo premio de 4.000 euros.

c) Un terceiro premio de 2.500 euros.

Modalidade C:

-Profesorado e/ou alumnado de escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, centros de educación primaria, centros de educación infantil e primaria e centros públicos integrados:

a) Un primeiro premio de 1.000 euros.

b) Un segundo premio de 600 euros.

c) Un terceiro premio de 400 euros.

-Profesorado e/ou alumnado do resto dos centros educativos de ensinanzas non universitarias:

a) Un primeiro premio de 1.000 euros.

b) Un segundo premio de 600 euros.

c) Un terceiro premio de 400 euros.

Modalidade D:

-Profesorado e/ou alumnado de escolas de educación infantil, centros rurais agrupados, centros de educación primaria, centros de educación infantil e primaria e centros públicos integrados:

a) Un primeiro premio de 1.000 euros.

b) Un segundo premio de 600 euros.

c) Un terceiro premio de 400 euros.

-Profesorado e/ou alumnado do resto dos centros educativos de ensinanzas non universitarias:

a) Un primeiro premio de 1.000 euros.

b) Un segundo premio de 600 euros.

c) Un terceiro premio de 400 euros.

Os premios concedidos serán incompatibles con calquera outro tipo de premio, mención ou axuda económica da índole que sexa á que puidesen optar os proxectos presentados.

Noveno.-Resolución da convocatoria.

O prazo máximo de resolución será de 6 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, entendéndose desestimadas as solicitudes presentadas no caso de non resolverse neste prazo.

A proposta da concesión de premios emitida pola comisión de selección, será elevada polo secretario xeral ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a súa resolución e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo de cantos outros recursos estime oportuno interpor.

Décimo.-Obrigas do beneficiario.

O beneficiario ten a obriga de facilitar a información que lle sexa requirida, ademais dos programas fonte cos códigos precisos, textos, imaxes, fontes tipográficas e recursos multimedia.

Todo o material premiado quedará en posesión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que reserva para si a facultade de publicalo e difundilo polos medios que considere axeitados, e modificalo total ou parcialmente segundo o seu criterio e necesidade. Así mesmo, os autores dos proxectos premiados comprométense a colaborar coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na adecuación dos traballos aos criterios que esta estime oportunos para a súa difusión e utilización.

Undécimo.-Certificacións dos traballos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expediralles as oportunas certificacións aos participantes nos traballos premiados ou con mención de accésit.

Duodécimo.-Retirada dos materiais non seleccionados.

Os interesados ou os seus representantes legais disporán dun mes para retirar a documentación dos traballos non premiados na Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, a partir do prazo de dous meses contados desde a publicación da resolución do concurso.

Décimo terceiro.-Recurso.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sen prexuízo de cantos outros recursos estime oportuno interpor.

Disposición derradeira

Esta convocatoria entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Requisitos técnicos do material presentado

a concurso

* Os materiais que fagan uso do contorno web deberán aterse aos criterios xerais de deseño, navegabilidade e uso que se indican:

-Sempre que sexa posible, evitar no corpo do texto as barras de desprazamento (scroll).

-Ter en conta a correcta visualización nas últimas versións dos navegadores e sistemas operativos máis usados.

-Realizar os interfaces co obxectivo de que o seu deseño sexa visualizado correctamente a partir da configuración de pantalla de 800 x 600.

-Procurarase o uso de follas de estilo (CSS).

-Debe tenderse á máxima estandarización e a empregar unha simboloxía unívoca e fácil de comprender.

-En todas as páxinas debe estar presente un menú que permita -acceso rápido ao resto dos contidos do recurso.

-Mediante iconas ou texto debe indicárselle a quen navega en que sección se encontra, a onde pode ir, como pode volver á páxina principal, etc.

-Co fin de achegar os contidos aos usuarios, debe facerse un deseño atractivo, amigable e funcional das interfaces.

-Para evitar tempos de descarga excesivos debe evitarse unha sobrecarga de imaxes.

* Para asegurar a compatibilidade do material presentado cos servidores web, os nomes de todos os arquivos ou carpetas deberán conter unicamente letras minúsculas (agás o ñ), números, guións baixos e puntos. Non se aceptará ningún traballo onde os nomes dos ficheiros conteñan letras maiúsculas, eñes, acentos, espazos en branco ou outros caracteres especiais.

* Se as páxinas incluísen compoñentes multimedia que requirisen unha instalación de módulos adicionais no navegador, deberá advertirse isto na páxina inicial e indicar as instrucións de descarga, instalación e configuración necesarias.

* Os materiais en contorno web poderán ser estáticos ou dinámicos.

* No caso de ser estáticos realizaranse en formato HTML (extensión.htm) e poderán incluír elementos en flash, java, etc.

* No caso de páxinas dinámicas terase presente que o proxecto presentado, sexa na modalidade que sexa, deberá ser compatible cos servidores da consellería. A infraestrutura dispoñible sobre a cal se deben poder executar é a seguinte:

-S.O. Linux Red Hat AS 2.1.

-Servidor Web Apache 1.3.

-PHP 4.

-MySQL Server 4.

En caso de ser preciso, pódese habilitar un directorio Cgi-bin dentro do directorio raíz do concursante para que poida incluír scripts en Perl. De ser así, os servizos informáticos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria resérvanse o dereito a revisar e eliminar todos aqueles scripts que degraden en exceso o servizo ou supoñan algún tipo de problema para a seguridade do servidor. Para estes casos, o camiño ao intérprete de Perl é o seguinte: /usr/bin/perl

Os concursantes que desexen dispoñer de base de datos MySQL no seu proxecto deberán solicitalo á consellería, que lles asignará unha base de datos no servidor, así como un usuario e un contrasinal para utilizala. Só dispoñerán dunha base de datos no servidor, dentro da cal poderán crear as táboas que sexan necesarias. O proxecto deberá ir acompañado dun ficheiro de configuración no que se indique o usuario, a password e o nome da base de datos, de modo que os administradores de sistemas da consellería poidan modificala se fose necesario para o seu funcionamento.

Específicos para a modalidade A.

* Os proxectos que se presenten na modalidade A deberán incluír como obrigatorios os seguintes contidos:

-Datos identificativos do centro.

-Ensinanzas que se imparten no centro.

-Xestión administrativa: horarios, avisos, taboleiro de anuncios, etc.

* O enderezo será http://centros.edu.xunta.es/nome, onde nome será a raíz de onde colgarán as páxinas do proxecto. O nome será asignado pola consellería tendo en consideración as propostas dos concursantes. Para a instalación da páxina ou do sitio web, os concursantes deberán prever un procedemento de instalación automática ou ben empregar as ferramentas que a consellería facilitará con este fin.

Específicos para a modalidade C.

* As galerías de imaxes presentadas dentro da modalidade C cumprirán ademais os seguintes requisitos.

-Un mínimo de 75 imaxes.

-As imaxes deberán de vir libres de marcas de auga (pisadas).

-Presentaranse en formato JPEG, en tres tamaños:

Pequeno: 128 x 85 píxeles.

Mediano: 350 x 232 píxeles.

Grande: 2048 x 1360 píxeles.

-Virán presentadas en contorno web de xeito que aparezan páxinas iniciais a modo de índice nas que se inclúan as miniaturas das fotos e permitan o acceso directo a cada unha.

-Cada imaxe deberá ir acompañada do pé de foto correspondente, onde aparecerán: a data, o motivo presentado e, opcionalmente, a aplicación didáctica.

Específicos para a modalidade D.

* Os vídeos dixitais presentados dentro da modalidade D cumprirán os seguintes requisitos:

-Estarán presentados nalgún dos seguintes formatos usuais de vídeo dixital para internet; AVI (extensión.avi), MPEG, (extensión.mpg), Quick Time (extensión.mov) ou Windows Media Vídeo (extensión.wmv).

-O tamaño da pantalla será de 320 x 240 píxeles.

-A duración será como máximo de 8 minutos.

-A velocidade de 15 fps mínimo, preferiblemente 25 fps.

-Deberase procurar un compromiso entre a calidade e o tamaño do arquivo. Para iso se comprimirá o vídeo facendo uso dos codecs máis avanzados dispoñibles para cada formato. Para formato.avi usarase o codec Divx na súa última versión (actualmente 5.1.1).

-As imaxes deberán ser orixinais. En caso de usar imaxes alleas nunca poderán sobrepasar o 10% da duración total do vídeo.

* As animacións presentadas dentro da modalidade D cumprirán os seguintes requisitos:

-Serán en formato GIF animado (extensión.gif) ou Macromedia Flash (extensión.swf).

-No caso de presentar animacións en formato GIF presentarase ao concurso unha galería de, como mínimo, 5 animacións.