DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 20 de setembro de 2004 Páx. 12.914

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE conxunta do 14 de setembro de 2004, das consellerías de Medio Ambiente e de Innovación, Industria e Comercio, pola que se regula o procedemento para a obtención da autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Mediante o Real decreto lei 5/2004, do 27 de agosto, polo que se regula o réxime de comercio de dereitos de emisións, traspúxose ao ordenamento xurídico español a Directiva 2003/87/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de outubro de 2003, polo que se establece un réxime para o comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro na Comunidade e pola que se modifica a Directiva 96/61/CE.

De acordo con esta norma, o réxime de comercio de dereitos de emisión aplicarase inicialmente ás emisións de dióxido de carbono procedentes das instalacións nas que se desenvolven as actividades enumeradas no anexo I do real decreto lei e superen os limiares de capacidade que nel se establecen. Estas actividades inclúen grandes focos de emisión en sectores como a xeración de electricidade, o refinamento, a produción e transformación de metais férreos, cemento, cal, vidro, cerámica, pasta de papel e papel e cartón.

Para estas instalacións imponse a obriga, exixible a partir do 1 de xaneiro de 2005, de contar con autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro expedida polo órgano competente da comunidade autónoma a favor do seu titular. A partir desta mesma data, estas instalacións estarán obrigadas a implantar e manter o seguimento de emisións de gases de efecto invernadoiro e á entrega, con carácter anual, dun número de dereitos de emisión equivalente ao dato de emisións verificadas.

Para as instalacións existentes á entrada en vigor do real decreto lei prevese un réxime transitorio para a obtención de autorización de emisión destes gases, de tal xeito que se permite o seu funcionamento a partir do ano 2005 sempre que se cumpran uns determinados requisitos. En particular, estas instalacións deben solicitar a autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro antes do 30 de setembro de 2004.

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a obtención da autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación a todas as instalacións que desenvolvan algunha das actividades e que xere as emisións especificadas no anexo I do Real decreto lei 5/2004, do 27 de agosto, ou norma que o substitúa.

Artigo 2º.-Obxecto de autorización.

As instalacións incluídas no ámbito de aplicación desta orde requirirán para o seu funcionamento a autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro. Esta autorización será exixible a partir do 1 de xaneiro de 2005.

A autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro rexerase por esta orde e polo previsto no Real decreto lei 5/2004 ou norma que o substitúa.

Esta autorización outorgarase sen prexuízo de calquera outra autorización que resulte exixible á instalación de conformidade coa normativa que lle resulte aplicable.

Artigo 3º.-Contido da autorización.

A autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro terá o contido mínimo seguinte:

a) Nome e enderezo do titular da instalación.

b) Identificación e domicilio da instalación.

c) Unha descrición básica das actividades e emisións da instalación.

d) As obrigas de seguimento das emisións, especificando a metodoloxía que se deberá aplicar e a súa frecuencia.

e) As obrigas de subministración de información.

f) A obriga de entregar, nos catro meses seguintes ao final de cada ano natural, dereitos de emisión en cantidade equivalente ás emisións totais verificadas da instalación durante o ano anterior.

g) Data prevista da entrada en funcionamento.

A autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, se así o solicita o titular, poderá cubrir unha ou máis instalacións, sempre que estas se sitúen nun mesmo lugar, garden relación de índole técnica e teñan o mesmo titular.

Artigo 4º.-Solicitude.

A solicitude de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro deberá dirixirse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente e presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Documentación.

Á solicitude, que deberá axeitarse ao modelo que figura como anexo a esta orde deberá xuntarse, polo menos, documentación coa seguinte información:

a) Identificación e acreditación de ser titular da instalación.

b) Identificación, domicilio da instalación e cartografía da localización.

c) Descrición da instalación para a que se solicita autorización, así como das súas actividades, incluída a tecnoloxía utilizada.

d) As materia primas e auxiliares empregadas e cuxo uso poida producir emisións de gases incluídos no réxime de comercio de dereitos de emisión.

e) As fontes de emisión de gases incluídos no réxime de comercio de dereitos de emisión existentes na instalación, características e controis.

f) A metodoloxía prevista para realizar o seguimento das emisións, de acordo co anexo III do real decreto lei, coa Decisión 2004/156/CE da comisión, do 29 de

xaneiro de 2004, pola que se establecen directrices para o seguimento e a notificación das emisións de gases de efecto invernadoiro de conformidade coa Directiva 2003/87/CE e, de ser o caso, coa normativa en desenvolvemento.

A solicitude irá xunto cun resumo explicativo das indicacións especificadas no parágrafo anterior, e indicará a data prevista para a posta en funcionamento da instalación.

Artigo 6º.-Emenda da solicitude.

Examinada a solicitude, se faltase algún dos documentos previstos por esta norma, notificaráselle ao solicitante para que emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días, contados desde o día seguinte ao da notificación realizada. No caso contrario, terase por desistido da súa petición, procedéndose ao arquivo do expediente.

Artigo 7º.-Informes.

Unha vez completa a documentación, solicitáraselles informe aos seguintes organismos, para o cal se lles remitirá copia do expediente:

a) Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente.

b) Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

Os informes aos que se refire o parágrafo anterior emitiranse no prazo dun mes. Se transcorrido este prazo non se emitise informe, poderase continuar a tramitación do expediente.

Artigo 8º.-Audiencia ao interesado.

A proposta de resolución porase de manifesto ao interesado que poderá efectuar alegacións que considere oportunas na súa solicitude no prazo de 10 días.

Artigo 9º.-Resolución.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente ditará resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado. Contra esta resolución caberá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Sen prexuízo do previsto na disposición transitoria única desta orde, transcorrido o prazo de tres meses sen ter notificado resolución expresa entenderase denegada a súa solicitude.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente comunicaralle ao Rexistro Nacional de Dereitos de Emisión as resolucións de outorgamento, modificación e extinción das autorizacións no prazo de 10 días desde a data de resolución.

Artigo 10º.-Cambios na instalación.

O titular da autorización deberá informar a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente de calquera proxecto de cambio no carácter, o funcionamento ou o tamaño da instalación, así como de todo cambio que afecte a identidade ou ao domicilio do titular. Nestes supostos, deberá presentarse solicitude de modificación da autorización axustada ao modelo do anexo I, acompañando aquela documentación prevista no artigo 5 desta orde que presente algunha modificación respecto á que serviu de

base para a autorización de emisión. Esta solicitude tramitarase conforme o previsto nos artigos 6º e 9º desta orde.

Artigo 11º.-Extinción da autorización.

As autorizacións de emisión de gases de efecto invernadoiro quedarán extinguidas nos supostos de:

a) Peche da instalación.

b) Falta de posta en funcionamento da instalación, transcorridos tres meses desde a data de inicio de actividade prevista na autorización, agás causa xustificada polo órgano competente para outorgar a autorización.

c) Nos supostos de sanción, conforme o previsto no Real decreto lei 5/2004.

Artigo 12º.-Exclusión temporal.

1. Excepcionalmente, ata o 31 de decembro de 2007 o titular dunha instalación poderá solicitar a súa exclusión temporal do ámbito de aplicación do Real decreto lei 5/2004, nos termos recollidos na súa disposición transitoria cuarta.

2. A solicitude de exclusión temporal presentarase axustada ao modelo recollido no anexo I perante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente acompañada da documentación necesaria para tramitar a autorización de emisións referida no artigo 5º desta orde e documentación que acredite o cumprimento das seguintes condicións:

a) Que a instalación limite as súas emisións de maneira equivalente a como o faría no caso de non ser excluída en virtude das políticas e medidas nacionais vixentes.

b) Que quede suxeita ás obrigas de seguimento e subministración de información sobre emisións equivalentes ás previstas no real decreto lei.

c) Que non se produzan distorsións do mercado interior como consecuencia da súa exclusión.

3. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible someterá a solicitude ao trámite de información pública durante o prazo de vinte días, para este efecto inserirase un anuncio extracto desta no Diario Oficial de Galicia. Esa dirección xeral remitiralle o expediente completo ao Ministerio de Medio Ambiente para a súa tramitación á Comisión Europea.

Disposición transitoria

Única.-As instalacións existentes á entrada en vigor desta orde deberán solicitar a autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro antes do 30 de setembro de 2004. Ata que se dite resolución aprobatoria de autorización de emisión de gases de efecto invernadoiro, a partir do 1 de xaneiro de 2005, estas instalacións poderán seguir funcionando de forma provisional, sempre que se estableza o sistema de seguimento de emisións, aprobado por resolución expresa de Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente.

Enténdese por instalacións existentes no momento da entrada en vigor desta orde tanto as que se atopen en funcionamento como as que conten nesta data con todas as licenzas e permisos administrativos exixidos pola lexislación que resulte de aplicación. Nestes casos a solicitude de autorización de emisión de gases de

efecto invernadoiro deberá indicar a data prevista para a súa entrada en funcionamento.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2004.

José Manuel Barreiro FernándezJuan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Medio AmbienteConselleiro de Innovación,

Industria e Comercio