DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 17 de setembro de 2004 Páx. 12.863

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 2004 pola que se convoca un curso de especialización contra incendios.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola

Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de especialización contra incendios, que se desenvolverá en colaboración co Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o persoal voluntario de protección civil dunha formación teórico-práctica que lle facilite a realización das tarefas que teña encomendadas, adquirindo unha especialización na prevención e loita contra os incendios.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de segundo nivel de loita contra incendios urbanos e forestais e teñan experiencia no traballo de loita contra incendios.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 20.

2. Duración e data: o curso terá lugar do 18 ao 22 de outubro, ambos inclusive en horario de 8.30 a 14.00 horas e cunha duración de 25 horas lectivas.

3. Lugar: Centro de Instrución de Seguridade Interior da Armada, avda. de Tejeras s/n, Ferrol (A Coruña).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición e formación dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de outubro de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc., á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Os seleccionados deberán presentar, antes do inicio do curso, un certificado médico de non padecer

enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das prácticas con lume real.

Quinta.-Contido.

O contido do curso de especialización contra incendios divídese en dúas partes:

Teórica:

-Extintores portátiles de auga, CO2 e po seco. Incendios de grandes proporcións. Efecto Bleve. Lume a distinto nivel.

-Cámara termovisualizadora Argus. Materiais e equipos empregados na extinción con auga.

-Espumas extintoras. Clasificación e utilización.

-Equipos detectores de gases. Explosímetro, Combiwarn C. Multiwarn.

Práctica:

-Movemento básico de mangueiras. Técnicas de aproximación e extinción do lume. Lume exterior.

-Extinción de incendios con extintores portátiles.

-Extinción de incendios en exteriores con repartidores de caudal variable, conos oco e cheo.

-Equipos xeradores de espumas.

-Extinción de lumes con espumas.

-Risco durante os incendios. Precaucións de seguridade Adestrador C.I. Extinción de incendios combinados en Adestrador de C.I.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada a eles e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración ou ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 8 de setembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade