DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 17 de setembro de 2004 Páx. 12.849

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 1 de setembro de 2004 pola que se aproba o modelo informatizado «N01. Índices notariais, declaración informativa para efectos tributarios» e se ditan instrucións para a súa xestión e presentación.

O artigo 19 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, establece que en caso de tributos cedidos, cada Comunidade Autónoma poderá asumir, nos termos que estableza a lei que regule a cesión de tributos, determinadas competencias normativas entre as que inclúe a regulación da xestión e liquidación no imposto sobre sucesións e doazóns e no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. No mesmo sentido exprésase a Lei 21/2001, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas para a aplicación do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía, nos seus artigos 40 e 41.

Pola súa parte, a Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da dita cesión, establece no seu artigo 2.2 que, de acordo co disposto no artigo 150.1º da Constitución e consonte o previsto no artigo 19.2º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, atribúeselle á Comunidade Autónoma de Galicia a facultade de ditar para si mesma normas lexislativas, nos casos e condicións previstos na Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía.

En canto á normativa propia de cada tributo, o artigo 32.3º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións, e desenvolvendo este precepto, o artigo 91.3º do seu regulamento, aprobado polo R.D. 1629/1991, do 8 de novembro, establecen que os notarios estarán obrigados a remitir, dentro da primeira quincena de cada trimestre, relación ou índice comprensivo de todos os documentos autorizados no trimestre anterior que se refiran a actos ou contratos que puidesen dar lugar aos incrementos patrimoniais que constitúen o feito impoñible do imposto. Tamén estarán obrigados a remitir, dentro do mesmo prazo, relación dos documentos privados co contido indicado que lles fosen presentados para o seu coñecemento ou lexitimación de sinaturas. No mesmo sentido, o artigo 52, parágrafo segundo, do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobada por Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, e o seu desenvolvemento

contido no artigo 114.2º do seu regulamento, aprobado polo R.D. 828/1995, do 29 de maio, establecen que os notarios estarán obrigados a remitirlles ás oficinas liquidadoras do imposto, dentro da primeira quincena de cada trimestre, relación ou índice comprensivo de todos os documentos por eles autorizados no trimestre anterior con excepción dos actos de última vontade, recoñe-

cemento de fillos e demais que determine o regulamento. Tamén están obrigados a remitir, dentro do mesmo prazo, relación de documentos privados comprensivos de actos suxeitos ao pagamento do imposto que lles fosen presentados para coñecemento ou lexitimación das sinaturas.

A remisión de información a que se refire a normativa anteriormente citada que incumbe os notarios víñase realizando ata a data cubrindo os modelos en papel que para estes efectos creaba a Orde do 15 de xuño de 1993, da Consellería de Economía e Facenda (DOG do 28 xuño), sobre os modelos a utilizar polos notarios en cumprimento da obriga de subministrar información con transcendencia tributaria. Estes modelos debían ser enviados polos notarios, dentro da primeira quincena de cada trimestre natural, ao servizo de Inspección Tributaria da delegación da Consellería de Economía e Facenda competente por razón do territorio que lle corresponda á demarcación notarial en que exerzan as súas funcións.

O considerable avance técnico que desenvolveron as novas tecnoloxías e a eficacia que demostraron na súa aplicación aos procedementos tributarios, fan necesario modificar, neste sentido, o procedemento establecido ata agora. As propias normas administrativas e tributarias recomendan a súa utilización. Así a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sinala no seu artigo 45 que as administracións públicas impulsarán o emprego e aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias. No ámbito tributario, a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece no seu artigo 96 que a Administración tributaria promoverá a utilización das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para o desenvolvemento da súa actividade e o exercicio das súas competencias, coas limitacións que a

Constitución e as leis establezan.

No mesmo sentido exprésanse as normas que regulan a actividade notarial. En particular, o artigo 7 do Real decreto 1643/2000, do 22 de setembro, sobre medidas urxentes para a efectividade da integración nun só Corpo de Notarios e Corredores de Comercio Colexiados, establece que dentro dos vinte primeiros días de cada mes, os notarios, ademais dos índices previstos nos artigos 284 e 285 do Regulamento notarial, remitiranlles ás xuntas directivas índices informatizados dos documentos autorizados e intervidos no mes anterior. Estes índices remitiranse mediante soportes informáticos ou a través da rede telemática que, coas debidas garantías de confidencialidade, proporcione o Consello Xeral do Notariado. Anualmente estes índices incorporaranse a soportes informáticos que ofrezan as maiores garantías posibles en canto á súa conservación e que pasarán a formar parte do protocolo. Os colexios notariais conservarán os índices baixo a súa máis estrita responsabilidade e remitiranlles ás

administracións públicas que, consonte a algunha norma legal, teñan dereito a iso, a información que proceda. O Consello Xeral do Notariado poderá acceder a esta información para efectos estatísticos. O contido do dito índice regúlase na orde do ministro de Xustiza 469/2003, do 19 de febreiro, pola que se regula o índice informatizado dos notarios para darlle cumprimento ao disposto no artigo 7 do Real

decreto 1643/2000, onde sinala que a modernización do Corpo de Notarios leva consigo a necesaria utilización das novas tecnoloxías no seu ámbito organizativo. Esta utilización resulta particularmente importante para o cumprimento dos deberes de información que a lei lles impón aos notarios e que se plasman nos índices que está obrigado a remitir con finalidades diversas, entre as que sinala o cumprimento do deber de colaboración do notario coas administracións públicas.

Para ese desenvolvemento das novas tecnoloxías comentado anteriormente, o 26 de abril de 2004 asinouse un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria que na súa cláusula establece que os notarios lle subministrarán, por vía telemática a través da plataforma corporativa do Consello Xeral do Notariado, á Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda a relación ou índice trimestral comprensivo de todos os documentos autorizados ou que lles fosen presentados ao seu coñecemento ou lexitimación de sinatura que poñan de manifesto negocios xurídicos que constitúan o feito impoñible dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Aprobación do modelo N01 e dos seus deseños físicos e lóxicos.

Apróbase o modelo informatizado N01. Índices notariais. Declaración informativa para efectos tributarios, cuxos deseños físicos e lóxicos se describen no anexo á presente orde.

Segundo.-Obrigados á presentación do modelo informatizado N01.

Un. Todos os notarios, con independencia do seu destino profesional, estarán obrigados a incluír nos índices informatizados que deben remitirlles aos órganos corporativos notariais a información que se expresa no anexo a esta orde, que corresponda aos documentos públicos que autoricen e dos que resulten actos ou negocios xurídicos suxeitos ao imposto sobre sucesións e doazóns ou ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Dous. Os órganos corporativos do Notariado, a través da súa plataforma informática, subministraranlle periodicamente á Consellería de Economía e Facenda os arquivos que, cos deseños lóxicos que se describen no anexo a esta orde, inclúan a información relativa aos ditos documentos públicos, de acordo cos criterios que se establecen no artigo terceiro desta orde.

Tres. Do mesmo modo, os notarios están obrigados a remitir unha relación daqueles documentos privados que teñan o contido indicado e que lles fosen presentados para o seu coñecemento ou lexitimación de sinaturas. Esta relación, que conterá, para cada documento, os mesmos datos que para os documentos públicos se establecen no anexo a esta orde, poderá remitirse a través da plataforma informática do Notariado ou ben individualmente por cada notario utilizando algún dos procedementos que se describen no artigo cuarto desta orde.

Catro. O réxime de presentación a que se refiren os epígrafes anteriores establécese sen prexuízo da responsabilidade que deba imputarse individualmente a cada notario polo incumprimento do seu deber de remisión da expresada información ou pola inexactitude ou falta de integridade desta.

Terceiro.-Contido do modelo informatizado N01.

Un. O modelo N01 incluirá, de acordo coas especificacións técnicas recollidas no anexo á presente orde, a identificación dos documentos públicos a que se refiren os artigos 32.3º da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, e 52, parágrafo segundo, do texto refundido da Lei do imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, coas excepcións que en ambos casos se establecen, de acordo cos seguintes criterios:

a) Tratándose de notarios que teñan o seu destino profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, incluiranse no modelo N01 todos os documentos públicos autorizados por eles que cumpran os ditos requisitos, calquera que sexa a comunidade autónoma competente para a exacción e xestión dos ditos impostos.

b) Tratándose de notarios que teñan o seu destino profesional fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, incluiranse no modelo N01 unicamente aqueles documentos públicos autorizados por eles que, cumprindo os ditos requisitos, teñan por obxecto actos ou negocios xurídicos para cuxa exacción e xestión sexa competente a Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos puntos de conexión en vigor.

Dous. As mesmas regras aplicaranse aos documentos privados cuxas sinaturas os notarios recoñecesen ou lexitimasen, consonte o disposto no punto tres do artigo anterior.

Cuarto.-Procedemento para a presentación telemática do modelo informatizado N01.

Un. O modelo N01 deberá presentarse obrigatoriamente de forma telemática, de acordo co seguinte procedemento:

a) Os órganos corporativos do Notariado, a través da súa plataforma informática, subministraranlle á Comunidade Autónoma de Galicia un arquivo en formato XML, co contido que resulta dos artigos anteriores e axustado ás especificacións técnicas que se detallan no anexo da presente orde, cos oportunos códigos de seguridade que estableza a Consellería de Economía e Facenda.

b) Se a declaración é aceptada, a Consellería de Economía e Facenda devolverá o correspondente xustificante de presentación, no que constará a data e hora de presentación.

c) No suposto de que a presentación fose rexeitada, a Consellería de Economía e Facenda devolveralle á plataforma informática do Consello Xeral do Notariado a descrición dos erros detectados. Neste caso, deberase proceder a emendalos volvendo a cubrir o modelo N01 dentro do prazo establecido.

d) Será responsabilidade dos órganos corporativos do Notariado a impresión e entrega a cada notario dos xustificantes acreditativos das declaracións aceptadas, debidamente validadas, correspondendo a cada notario o deber de conservalas á disposición da Dirección Xeral de Tributos da Consellería de Economía e Facenda

co fin de que este centro directivo poida realizar as comprobacións oportunas.

Dous. Se a relación de documentos privados presentados aos notarios para a súa lexitimación ou recoñecemento de sinaturas non se presentase a través da plataforma informática do Notariado, presentarase en soporte magnético na Dirección Xeral de Tributos.

Quinto.-Prazo de presentación do modelo informatizado N01.

A presentación telemática do modelo informatizado N01 así como, de ser o caso, a información relativa aos documentos privados presentados aos notarios para a súa lexitimación ou recoñecemento de sinaturas que se presente individualmente por cada notario, realizarase durante o mes seguinte ao termo de cada trimestre natural, isto é, durante os meses de abril, xullo, outubro e xaneiro.

Disposición adicional

Única.-Designación do órgano interlocutor.

Para os efectos da aplicación da presente orde, así como da interpretación ou aclaración das cuestións xurí

dicas, materiais ou informáticas que puidese propoñer esta, desígnase o director xeral de Tributos como interlocutor válido nas relacións entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e os colexios notariais comprendidos no seu ámbito territorial.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogada a Orde do 15 xuño de 1993, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se aproban os modelos que se van utilizar polos notarios en cumprimento da obriga de subministrar información con transcendencia tributaria.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2004.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA