DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 14 de setembro de 2004 Páx. 12.754

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2004 pola que se convoca un curso básico de capacitación para gardas de policía local.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico de capacitación para gardas de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dotar os policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, para que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta antes do 14 de outubro de 2004 para efectuar a correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Segu

ridade solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e cubrir o anexo con todos os datos nel reflectidos, para efectuar a correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 14 de outubro de 2004.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada. Previamente remitiranse por fax para axilizar os correspondentes trámites.

Contido e duración.

O curso desenvolverase na Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes módulos:

-Misión e funcións policiais.

-Policía de protección e seguridade.

-Policía de tráfico e transporte.

-Policía xudicial e de investigación.

-Policía administrativa.

-Módulo transversal.

-Módulo profesional: formación en centros de traballo (concellos).

O curso terá unha duración de nove meses, seis de formación teórica na Academia Galega de Seguridade e tres de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas.

O curso principiará o vindeiro día 18 de outubro de 2004.

O horario será das 9.00 ás 20.00 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na academia rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28 de xullo de 1995, nº 144.

Certificado.

Para obter o correspondente diploma será requisito indispensable completar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar todas as materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de setembro de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA