DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 14 de setembro de 2004 Páx. 12.743

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames extraordinarios para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado no ano 2004.

Con data 17 de xullo de 2003 publicouse no BOE o Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba o novo texto modificado e refundido da instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

Con data 20 de febreiro de 2004 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 13 de xaneiro de 2004 que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial, na que se fai referencia aos requisitos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado.

Debido á demora na autorización das entidades encargadas de impartir os cursos teórico-prácticos recollidos no Real decreto 837/2003, non foi posible incluír o carné de operador de guindastre móbil autopropulsado na Resolución do 17 de marzo de 2004, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 62 do 30-3-2004), o que fixo necesario a realización desta convocatoria extraordinaria.

A Orde do 27 de decembro de 2000 da Consellería de Industria e Comercio, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial (Diario Oficial de Galicia nº 11, do 16-1-2001), modificada pola Orde do 25 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 64, do 3 de abril), establece no seu artigo 5º que a convocatoria de exames se publicará anualmente, mediante resolución da dirección xeral competente en materia de industria.

En virtude da competencia outorgada pola Orde do 27 de decembro de 2000,

RESOLVO:

Convocar os exames extraordinarios que se van celebrar no ano 2004 para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto da convocatoria é a obtención de carnés profesionais nas seguintes especialidades:

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría A.

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

Segunda.-Datas e lugares de realización dos exames. Tribunais cualificadores.

2.1. As probas comezarán ás nove horas nos lugares e locais que se indicarán nas listas definitivas de admitidos e excluídos, segundo se expón na base sexta da presente convocatoria.

2.2. Os membros dos tribunais cualificadores e as datas nas que se realizarán os exames serán os que se indican a continuación:

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría A

23 de outubro.

11 de decembro.

Tribunal nº 1.

Presidente: Antonio de la Hera Roldán.

Suplente: Juan Luis Ecenarro Tomé.

Secretario: María del Carmen da Costa Picón.

Suplente: Isabel Álvarez Janeiro.

Vogal A Coruña: Isidoro Martínez Arca.

Vogal suplente: Julián Lucas Ramírez.

Vogal Lugo: Alberto Mena Rodríguez.

Vogal suplente: Juan Antonio Gálvez García.

Vogal Ourense: Ángel Rodríguez Martínez.

Vogal suplente: Alfonso Tomás Paz Doniz.

Vogal Pontevedra: Ignacio Garnelo Preciado.

Vogal suplente: Eugenio Fernández Piñeiro.

Operador de guindastre móbil autopropulsado, categoría B.

30 de outubro.

18 de decembro.

O tribunal cualificador estará formado polos mesmos membros que o tribunal nº 1.

2.3. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no eido da presente convocatoria. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, os tribunais terán a súa sede na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Terceira.-Requisitos dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización das probas, os aspirantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Estaren en posesión do título de estudos primarios, excepto no caso de que se poida acreditar a experiencia á que fai referencia a disposición transitoria única do Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba o novo texto modificado e refundido da instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

b) Teren cumpridos 18 anos no momento de realizar a solicitude do curso que se cita na alínea c).

c) A superación dun curso teórico-práctico ou, no caso de que se poida acreditar a experiencia sinalada na alínea a), teórico, impartido por unha entidade acreditada pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

d) Superaren un exame médico, psicotécnico e físico, específico para este tipo de actividades, que inclúe exame sobre agudeza visual, sentido da orientación, equilibrio e agudeza auditiva.

Estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Cuarta.-Solicitudes e documentación.

4.1. Os aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia dirixida ao delegado provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio que corresponda, segundo o modelo que figura no anexo.

4.2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3. Xunto coa solicitude modelo será preciso presentar a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Dúas fotografías tamaño carné.

c) Documento que acredite a superación dun exame médico, psicotécnico e físico, específico para este tipo de actividades, que inclúa exame sobre agudeza visual, sentido da orientación, equilibrio e agudeza auditiva.

d) Copia compulsada do certificado de asistencia e superación do curso teórico-práctico ou, se é o caso, teórico, impartido por unha entidade acreditada pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio e, se é o caso, do título de estudos primarios.

e) Se é o caso, documento de recoñecemento da experiencia con relación á obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado, expedido pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio.

f) Xustificante para a Administración do impreso correspondente de autoliquidación de taxas en concepto de dereitos de exame (clave 32.07.01) debidamente validado pola entidade bancaria onde se realice o ingreso.

Quinta.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para a realización dos exames para a obtención do carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, e rematará o 29 de setembro para a convocatoria de outubro e o 22 de novembro para a convocatoria de decembro.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes publicarase a lista provisional de admitidos e excluídos nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais. Esta lista tamén se poderá consultar no teléfono de información da Consellería de Innovación, Industria e Comercio (981 54 43 41) e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

6.2. Os aspirantes excluídos, así como os que non figuren nas relacións de admitidos nin excluídos, disporán de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da devandita publicación no taboleiro de anuncios da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio para a emenda de defectos.

Sétima.-Desenvolvemento dos exames.

7.1. Os exames estarán constituídos por dúas partes que se desenvolverán no mesmo día nas datas que se recollen na base segunda desta resolución.

Primeira parte.-Estará constituída por un exercicio teórico escrito, consistente na resolución dun cuestionario tipo test proposto polo tribunal sobre as materias regulamentarias establecidas para cada especialidade.

Segunda parte.-Consistirá nun suposto práctico que versará sobre unha ou varias operacións propostas polo tribunal en relación cos requirimentos prácticos establecidos para cada especialidade. Neste exercicio os candidatos poderán utilizar a instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

7.2. Para a realización do exame os candidatos deberán ir provistos, para cada exercicio, do seu documento nacional de identidade, lapis, goma de borrar e bolígrafo negro.

Oitava.-Cualificación dos exames.

8.1. A puntuación mínima para superar cada parte corresponderá á metade do valor da puntuación máxima posible da dita parte. Na parte teórica a nota formarase de acordo coa expresión «nº de respostas correctas - (nº de respostas incorrectas / 3)».

8.2. Os exames cualificaranse como aptos ou non aptos. Para ser considerado apto deberanse aprobar as dúas partes independentemente.

Novena.-Lista de aprobados.

O tribunal cualificador publicará a relación provisional de aprobados por provincias e dará traslado desta ás catro delegacións provinciais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios. Esta relación tamén se poderá consultar no teléfono de información da Consellería de Innovación, Industria e Comercio (981 54 43 41) e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Os interesados disporán dun prazo de 10 días naturais desde a publicación da relación provisional de aprobados para formular reclamacións ante o tribunal. Finalizado o prazo o tribunal enviaralle proposta das listas de aprobados ao director xeral de Industria, Enerxía e Minas, que as elevará a definitivas mediante resolución e dará traslado delas ás catro delegacións provinciais para a súa publicación nos respectivos taboleiros de anuncios. Contra a dita resolución poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes a partir da publicación nos taboleiros de anuncios.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2004.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO