DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 13 de setembro de 2004 Páx. 12.708

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 2 de setembro de 2004 pola que se anuncia convocatoria pública para proceder á selección dos vogais do Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia, en representación das entidades sen ánimo de lucro que traballen en favor da integración social dos inmigrantes, e das asociacións de inmigrantes que actúen e desenvolvan programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

O Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia foi creado polo Decreto 78/2004, do 2 de abril, como un órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento da Xunta de Galicia, adscrito á Consellería de Emigración.

Este órgano terá como finalidade a recollida de datos, análise e estudo da realidade do fenómeno inmigratorio, así como a obtención de informacións obxectivas e comparables con outros ámbitos: europeo, nacional e autonómico, sobre os fenómenos do racismo e a xenofobia na Comunidade Autónoma de Galicia que permitan a futura adopción de medidas e a definición de accións propias da súa esfera competencial.

Para acadar o dito obxectivo, cómpre garantir que na súa composición se atopen representados os sectores máis relevantes no tocante a achegar informacións e datos sobre a inmigración, o racismo e a xenofobia na nosa comunidade autónoma. Entre todos estes sectores, o observatorio dá cabida, no eido da iniciativa social, a aquelas entidades sen ánimo de lucro que traballan en favor da integración social dos inmigrantes en Galicia, así como ás asociacións de inmigrantes que actúan e desenvolven programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

O artigo 4.3º do devandito decreto establece que a respecto dos vogais que representan as entidades sen ánimo de lucro e as asociacións de inmigrantes ás que fai referencia o seu artigo 3 h) e i), o seu nomeamento será realizado polo conselleiro de Emigración tras seren elixidos polas propias entidades sen ánimo de lucro e asociacións de inmigrantes que participen na convocatoria pública que a consellería efectuará para tal efecto.

Por todo o exposto, e de conformidade co establecido no artigo 4.3º do Decreto 78/2004, do 2 de abril, polo que se crea e regula o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia, e no exercicio das facultades conferidas pola súa disposición derradeira segunda e polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é anunciar e regular a convocatoria pública pola que se procederá a seleccionar os vogais do Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia, en representación das entidades sen ánimo de lucro que traballen en favor da integración social dos inmigrantes en Galicia, e das asociacións de inmigrantes que actúen e desenvolvan programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

2. De acordo co establecido no artigo 3.1º h) e i) do Decreto 78/2004, do 2 de abril, polo que se crea e regula o Observatorio Galego da Inmigración e da Loita contra o Racismo e a Xenofobia, dous vogais representarán as entidades sen ánimo de lucro e outros dous as asociacións de inmigrantes.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades e asociacións solicitantes.

Poderán participar nesta convocatoria todas as entidades sen ánimo de lucro que traballen en favor da integración social dos inmigrantes en Galicia, e as asociacións de inmigrantes que actúen e desenvolvan programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

As ditas entidades e asociacións deberán desenvolver a súa actividade en Galicia e figurar debidamente inscritas como tales no rexistro correspondente.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

As entidades e asociacións que desexen participar nesta convocatoria deberán formular a súa solicitude nos respectivos modelos que figuran como anexos I e II a esta orde, á que deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada acreditativa da identidade e capacidade de representación do asinante da solicitude.

b) Copia compulsada dos seus estatutos

c) Fotocopia compulsada acreditativa do requisito de inscrición da entidade ou asociación no rexistro correspondente.

d) Memoria de actividades, debidamente asinada polo responsable da entidade ou asociación, onde se acredite o seu traballo en favor da integración social dos inmigrantes en Galicia ou o desenvolvemento de programas no ámbito da inmigración na Comunidade Autónoma galega.

e) Proposta do seu candidato a representante no observatorio, acompañada de certificación da entidade ou asociación, expedida por quen teña atribuída tal función, na que constarán os datos persoais e a relación coa correspondente entidade ou asociación do dito candidato.

Artigo 4º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Apoio á Inmigración da Consellería de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivera debidamente cuberta, ou non se achegara a documentación exixida, a Dirección Xeral de Apoio á Inmigración requirirá a entidade ou asociación para que, no prazo máximo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución ditada para o efecto nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Unha vez recibidas as solicitudes, e emendados, se é o caso, os seus defectos, a Dirección Xeral de Apoio á Inmigración resolverá sobre a admisión ou exclusión no procedemento de elección de representantes como vogais neste observatorio.

Contra a dita resolución, poderase interpor recurso de alzada perante o conselleiro de Emigración no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novem

bro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa resolución de admisión, achegarase a relación respectiva de todas as entidades ou asociacións admitidas xunto cos seus correspondentes candidatos.

Á vista desa relación, cada entidade ou asociación comunicará por escrito, no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, os dous candidatos que elixen como vogais para formar parte deste observatorio.

3. Recibidas en prazo as comunicacións ás que fai referencia o parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Apoio á Inmigración elevará ao conselleiro de Emigración a proposta de nomeamento dos vogais titulares e suplentes, de entre os candidatos elixidos que obtiveran un maior número de votos.

Os supostos de empate resolveranse pola dita dirección xeral en atención aos seguintes criterios:

a) O ámbito territorial da entidade ou asociación.

b) As actividades realizadas no eido da inmigración de acordo coa memoria presentada.

c) A súa antigüidade.

Así mesmo, no caso das asociacións de inmigrantes, terase en conta a súa representatividade.

Artigo 7º.-Nomeamento.

1. Estes vogais do observatorio serán nomeados polo conselleiro de Emigración por un prazo de tres anos.

2. Se durante o mandato dos vogais se extinguise ou incapacitase legalmente a entidade ou a asociación á que pertencen, o conselleiro de Emigración procederá á súa substitución de acordo cos suplentes designados.

3. No suposto de que algún vogal deixase de ter a representatividade da entidade ou asociación á que pertence ou por calquera outra causa xustificada non poida exercer as funcións asignadas, esta deberá comunicar o seu substituto para proceder ao seu posterior nomeamento.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral de Apoio á Inmigración para que dite, no exercicio das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2004.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL