DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 09 de setembro de 2004 Páx. 12.606

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2004 pola que se convocan dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de dous cursos sobre primeiros auxilios e excarceración, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dotar o colectivo voluntario de protección civil de Galicia dos coñecementos e destrezas necesarios en primeiros auxilios e excarceración, co fin de que cando teñan que intervir en situacións de emerxencia o fagan con total seguridade.

Segunda.-Destinatarios.

Os cursos van dirixidos aos membros das agrupacións de voluntarios de protección civil da Comunidade Autónoma de Galicia que previamente superasen o curso básico de protección civil e o curso de 2º nivel de accidentes en estrada. Tendo prioridade os membros das AVPC que teñan equipos de excarceración.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para cada curso será de 27.

2. Duración e datas:

Os cursos realizaranse nas datas do 18 ao 22 de outubro e do 8 ao 12 de novembro, respectivamente e cunha duración de 40 horas lectivas.

O horario será de 9.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.30 horas.

3. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, na Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta en todos os seus recadros á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 8 de outubro de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritario. Isto será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc., á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel tratarase, entre outros, os seguintes temas:

a) O accidente de tráfico. Sinalización, regulación e avaliación de riscos.

b) Primeiros auxilios. Queimaduras. Traumatismos cranioencefálicos, da columna e torácico-abdominais. Fracturas, escordaduras e contusións.

c) A asistencia de emerxencias na nosa comunidade. Transporte do lesionado.

d) Excarceración de víctimas atrapadas no interior de vehículos accidentados.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con ante

lación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada ao mesmo e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de agosto de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA