DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 09 de setembro de 2004 Páx. 12.572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 1 de setembro de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Provincial de Avogados de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela.

Dando cumprimento a esta disposición o Colexio Provincial de Avogados de Ourense acordou en Xunta Xeral a aprobación dos estatutos. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, tal como dispón o artigo 18.1º da Lei 11/2001, do 18 de setembro.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Provincial de Avogados de Ourense, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e

Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio

de Avogados de Ourense

TÍTULO I

Do Colexio de Avogados de Ourense

Artigo 1º.-Natureza.

O Colexio de Avogados de Ourense é unha corporación de dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O seu ámbito territorial é a provincia de Ourense.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente estatuto é de aplicación a todos os colexiados desta corporación, así como a todos aqueles avogados que exerzan no seu ámbito territorial.

Artigo 4º.-Sede.

O Colexio de Avogados de Ourense terá a súa sede na cidade de Ourense, con enderezo na Rúa do Concello, 22.

Artigo 5º.-Patrocinio e escudo.

O patrón do Colexio de Avogados de Ourense é San Martiño de Tours. É sinal de identidade do colexio un escudo que está constituído polo da provincia de Ourense sobre o emblema da Avogacía Española orlado pola seguinte lenda: «Ilustre Colexio de Avogados de Ourense» e que será empregado nos seus documentos oficiais como cabeceira e selo do colexio así como nas medallas e insignias.

Artigo 6º.-Principios rectores.

O Colexio de Avogados de Ourense someterase na súa actuación e funcionamento aos principios consagrados na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia e ao réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias.

Artigo 7º.-Réxime xurídico.

O colexio rexerase polo disposto na Lei 2/1974, do 13 de febreiro, modificada polas leis 74/1978, 7/1997 e R.D. 6/2000, de colexios profesionais, e pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Estatuto xeral da avogacía española, aprobado por Real decreto 658/2001, do 22 de xuño, polo Código deontolóxico da avogacía española aprobado polo Pleno do CXAE, do 30 de xuño de 2000 e o Estatuto do Consello da Avogacía Galega (Decreto 130/1993, do 3 de xuño), polos presentes estatutos e polos seus regulamentos de réxime interior, así como polos acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no eido das súas respectivas competencias e polas disposicións estatais e autonómicas que lle sexan de aplicación.

Artigo 8º.-Fins.

Son fins esenciais do Colexio de Avogados, no seu ámbito territorial, o servizo á sociedade, á xustiza e aos seus colexiados, mediante a ordenación do exercicio da profesión, a súa representación exclusiva, a defensa dos dereitos e intereses profesionais dos colexiados, a formación profesional permanente da avogacía ourensá, o control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario, a defensa do Estado social e democrático de dereito proclamado na Constitución, a promoción e defensa dos dereitos humanos e a colaboración no funcionamento, promoción e mellora da Administración de xustiza.

Artigo 9º.-Funcións.

Son funcións do Colexio de Avogados:

a) Exercer a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión perante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten os dereitos e intereses profesionais e os fins da avogacía, exercitar as accións penais, civís, administrativas ou sociais que sexan procedentes, así como para utilizar o dereito de petición consonte a lei.

b) Emitir informe, nos respectivos ámbitos de competencia, de palabra ou por escrito, de cantos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Goberno, dos órganos lexislativos ou executivos de carácter autonómico e de cantos outros organismos así o requiran.

c) Colaborar co Poder xudicial e cos demais poderes públicos mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que lles sexan solicitadas ou acorde por propia iniciativa.

d) Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan estatutariamente crearse.

e) Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos interprofesionais.

f) Asegurar a representación da avogacía nos consellos sociais e padroados universitarios, nos termos establecidos polas normas que os regulen.

g) Participar na elaboración dos plans de estudos, informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, manter permanente contacto con estes, crear, manter e propoñerlle ao Consello Xeral da Avogacía Española a homologación de escolas de Práctica Xurídica e outros medios para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados e organizar cursos para a formación e perfeccionamento profesional.

h) Ordenar a actividade profesional dos colexiados, velando pola formación, a ética e a dignidade profesionais e polo respecto debido aos dereitos dos particulares; exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial; elaborar estatutos particulares e as súas modificacións e sometelos á aprobación do Consello Xeral da Avogacía Española; redactar e aprobar o seu propio regulamento de réxime interior, sen prexuízo do ser visado polo Consello Xeral, e, se é o caso, polo Consello da Avogacía Galega, e demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias.

i) Organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento obrigatorio da responsabilidade civil profesional cando legalmente se estableza.

j) Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados combatendo e sancionando a competencia desleal entre estes.

k) Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir a intrusión profesional.

l) Intervir, trala solicitude oportuna, nas avinzas ou arbitraxes en cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados, ou entre estes e os seus clientes.

m) Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lles sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe.

n) Resolver as discrepancias que poidan xurdir en relación coa actuación profesional dos colexiados e a percepción dos seus honorarios, mediante laudo ao que previamente se sometan de xeito expreso as partes interesadas.

o) Establecer baremos orientadores sobre honorarios profesionais e, se é o caso, establecer o réxime das notas de encargo ou orzamentos para os clientes.

p) Informar e ditaminar sobre honorarios profesionais, así como establecer, de ser o caso, servizos voluntarios para o seu cobramento.

q) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados, en canto afecte a profesión, as disposicións legais e estatutarias, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

r) Cantas outras funcións redunden en beneficio dos intereses da profesión, dos colexiados e demais fins da avogacía.

s) As demais que veñan impostas pola lexislación estatal ou autonómica.

En especial, o Colexio de Avogados velará para que a ningunha persoa se lle negue a asistencia letrada para a defensa dos seus dereitos e intereses, xa sexa da súa libre elección ou ben de oficio, consonte cos requisitos establecidos para o efecto.

Igualmente, velará polos medios legais ao seu alcance para que se removan os impedimentos de calquera clase que se opoñan á intervención en dereito da avogacía, incluídos os normativos, así como para que se lle recoñeza a exclusividade da súa actuación.

Artigo 10º.-Publicacións colexiais.

O colexio publicará periodicamente unha revista de contido profesional de carácter científico, así como boletíns informativos.

Artigo 11º.-Tratamento.

O Colexio de Avogados de Ourense terá o seu tratamento tradicional e, en todo caso, o de Ilustre e o seu decano o de Ilustrísimo Señor. Tanto o dito tratamento, coma a denominación honorífica de decano, teranse con carácter vitalicio.

Artigo 12º.-Consideracións honoríficas do decano.

O decano do colexio terá a consideración honorífica de presidente de Sala da Audiencia Provincial.

O decano levará encaixes nos puños da súa toga, así como as medallas e placas correspondentes aos seus cargos, en audiencia pública e en actos solemnes aos que asista no seu exercicio. En tales ocasións os demais membros da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos.

TÍTULO II

Capítulo I

Dos colexiados e o seu ingreso no colexio

Artigo 13º.-Da avogacía.

A avogacía é unha profesión libre e independente, que se exercerá no ámbito deste colexio de xeito e cos fins que establece o artigo 1 do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 14º.-Dos colexiados.

O colexio estará integrado polas seguintes clases de colexiados:

a) Avogados/as.

b) Colexiados/as non-exercentes.

Os colexiados terán unha das anteriores calidades en virtude das características que a cada unha lle atribúe o Estatuto xeral da avogacía española.

Ademais das anteriores categorías, os colexiados poderán ser nomeados decanos de honor e colexiados de honor, no xeito establecido no Estatuto xeral da avogacía española; tales colexiados disporán destes títulos con efectos estritamente honoríficos. Igualmente, poderán seguir utilizando a denominación de avogado/a, pero engadindo sempre a expresión «sen exercicio», os que cesen no exercicio da profesión despois de teren exercido polo menos vinte anos.

Artigo 15º.-Obrigatoriedade da colexiación.

Para pertencer ao Colexio de Avogados de Ourense será preciso cumprir os requisitos exixidos pola lexislación estatal e, se é o caso, autonómica, polo Estatuto xeral da avogacía española e demais normas que fosen de aplicación, solicitar a incorporación ao colexio e aboar os dereitos de incorporación que, se é o caso, se establezan.

Artigo 16º.-Colexiación única.

Abondará a incorporación a un só colexio, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio do Estado.

Non obstante, o avogado que vaia exercer nun territorio diferente ao da súa colexiación, deberá comunicarllo ao colexio no eido do cal deba intervir.

Artigo 17º.-Requisitos de incorporación.

A incorporación ao Colexio de Avogados de Ourense exixirá os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún Estado membro da Unión Europea ou do acordo sobre o Espazo Económico Europeo do 2 de maio de 1992, salvante o que dispoñen os tratados ou convenios internacionais ou dispensa legal.

b) Ser maior de idade e non estar incurso en causa de incapacidade.

c) Posuír o título de licenciado en dereito ou os títulos estranxeiros que, consonte coas normas vixentes, sexan homologados a aqueles.

d) Satisfacer a cota de ingreso e demais que establecese o colexio.

A incorporación como exercente exixirá, ademais, os seguintes requisitos:

a) Carecer de antecedentes penais que inhabiliten para o exercicio da avogacía.

b) Non estar incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición para o exercicio da avogacía.

c) Por lei, a teor do establecido nos artigos 36 e 149.1º.30 da Constitución, poderanse establecer fórmulas homologables co resto dos países da Unión Europea que garantan a preparación no exercicio da profesión.

En todo caso, estarán exceptuados do dito réxime os funcionarios ao servizo das administracións públicas, no ámbito civil ou militar, que teñan superado os correspondentes concursos ou oposicións de ingreso, nos que para concorrer acreditasen a licenciatura de dereito e tomasen posesión do seu cargo, así como quen teña sido con anterioridade avogado exercente incorporado en calquera colexio de avogados de España.

d) Formalizar o ingreso na Mutualidade Xeral da Avogacía, Mutualidade de Previsión Social con prima fixa ou, se é o caso, no réxime da Seguridade Social que corresponda de acordo coa lexislación vixente.

Ademais de acreditar os requisitos mentados, terá de achegar a seguinte documentación:

a) Presentar solicitude ao respecto, na que, á parte de solicitar o ingreso, exprese se ten o propósito de exercer a profesión ou non, se pertence ou pertenceu a outros colexios con determinación de cales fosen, e os períodos de exercicio; en todo caso, designarán un enderezo para comunicacións oficiais e demais relacións coa corporación e un número de conta bancaria para a domiciliación de cotas e obrigas colexiais.

b) Ao dito escrito xuntarán:

1. A alta no imposto de actividades económicas, se a incorporación se fai en calidade de exercente, salvo que unicamente realice o seu traballo por conta allea.

2. Dúas fotografías de tamaño carné.

3. Unha fotocopia do documento nacional de identidade.

4. Se é o caso, a certificación de ter superada a proba de acceso á profesión.

5. Unha declaración xurada do solicitante na que manifeste non estar incurso en incompatibilidade para o exercicio da avogacía:

5.1. O desenvolvemento en calquera concepto de cargos, funcións ou empregos públicos, que teñan unha normativa reguladora que así o especifique.

5.2. O exercicio da profesión de procurador, graduado social, axente de negocios, xestor administrativo e calquera outra cunha normativa reguladora que así o especifique.

5.3. O mantemento de vínculos profesionais con cargos ou profesións incompatibles coa avogacía que impidan o correcto exercicio desta.

Os avogados, antes de iniciaren o seu exercicio profesional por primeira vez, prestarán xuramento ou promesa de acatamento á Constitución e ao resto do ordenamento xurídico e de fiel cumprimento das obrigas e normas deontolóxicas da profesión de avogado.

Artigo 18º.-Perda da condición de colexiado.

A condición de colexiado perderase:

a) Por pasamento.

b) Por baixa voluntaria.

c) Por falta de pagamento das cotas ordinarias ou extraordinarias e das demais cargas colexiais a que viñesen obrigados. Non obstante, non aboar as cotas da Mutualidade Xeral da Avogacía e Mutualidade de Previsión Social con prima fixa, non dará lugar á inmediata perda da condición de colexiado, sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria que corresponda.

d) Por condena firme que leve consigo a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

A perda da condición de colexiado será acordada pola Xunta de Goberno do colexio en resolución motivada e, unha vez firme, seralle comunicada ao Consello Xeral da Avogacía Española e ao Consello da Avogacía Galega.

Para o caso da alínea c) do punto 1 anterior, os colexiados poderán rehabilitar os seus dereitos pagando o que se debe, os seus xuros ao tipo legal e a cantidade que correspondese como nova incorporación.

Capítulo II

Dereitos e obrigas dos colexiados

Artigo 19º

O deber de defensa xurídica que á avogacía se confía é tamén un dereito para esta.

En consecuencia, os avogados poderán reclamar tanto do colexio como das autoridades e dos particulares, todas as medidas de axuda na súa función que lles sexan legalmente debidas.

Artigo 20º.-Dereitos dos colexiados.

Os colexiados teñen dereito a:

a) Participar na xestión corporativa e, por tanto, exercer o dereito de petición, así como os de sufraxio activo e pasivo nas condicións establecidas no presente estatuto e no Estatuto xeral da avogacía española. O voto dos avogados exercentes terá duplo valor que o dos colexiados non-exercentes.

b) Solicitar e obter do colexio e, se é o caso, do Consello Xeral da Avogacía Española e do Consello da Avogacía Galega, a protección da súa lícita liberdade de actuación.

c) Todos os colexiados do Colexio de Avogados de Ourense teñen dereito a invocar a inviolabilidade do segredo profesional consonte o que establecen as leis e a normativa xeral da avogacía.

d) Utilizar as dependencias e servizos colexiais no xeito que determinen os seus órganos rectores.

e) Todos os demais dereitos que lles outorga o Estatuto xeral da avogacía española e demais normativa aplicable.

Artigo 21º.-Deberes dos colexiados.

O deber fundamental do avogado, como partícipe na función pública da Administración de xustiza, é cooperar a ela defendendo en dereito os intereses que lle sexan confiados. En ningún caso a tutela de tales intereses pode xustificar a desviación do fin supremo da xustiza á que a avogacía se atopa vinculada.

A defensa xurídica é unha obriga profesional tanto para a avogacía como para os avogados e cumprirase con suxeición a normas deontolóxicas.

Artigo 22º

Son tamén deberes dos colexiados:

a) Cumprir o disposto nestes estatutos, no Estatuto xeral da avogacía española, no Estatuto do Consello da Avogacía Galega e nas leis e demais normas de aplicación estatais, autonómicas e corporativas.

b) Comunicarlle ao colexio o enderezo, os cambios deste e demais datos de interese profesional; o enderezo designado será o utilizado polo colexio para os efectos de notificacións e comunicacións.

c) Gardar segredo profesional, no xeito que establecen as leis e a normativa xeral da avogacía.

d) Estar ao corrente no pagamento das súas cotas, ordinarias e extraordinarias, e erguer as demais cargas colexiais, calquera que sexa a súa natureza, no xeito e prazos para o efecto establecidos. Para tal efecto, considéranse cargas corporativas todas as impostas polo colexio, o Consello da Avogacía Galega e o Consello Xeral da Avogacía Española, así como as que corresponden á súa previsión social, xa sexan correspondentes á Mutualidade da Avogacía ou ao seu réxime da Seguridade Social e ao pagamento da cota do seguro de responsabilidade civil profesional.

e) Denunciar ante o colexio todo acto de intrusión que chegue ao seu coñecemento, así como os casos de exercicio ilegal, tanto por falta de colexiación nun colexio de avogados como por se daren os supostos de incompatibilidade, suspensión ou inhabilitación.

f) Manter como materia reservada as conversas e correspondencia tidas co avogado ou avogados contrarios, con prohibición de revelalos ou presentalos en xuízo sen o seu consentimento previo; non obstante, excepcionalmente e por causa grave, a Xunta de Goberno do colexio poderá discrecionalmente autorizar a súa revelación ou presentación en xuízo sen o dito consentimento previo.

g) Procurar a solución amigable como trámite previo á acción xudicial, naqueles asuntos en que lle sexa encomendada a súa dirección xurídica, e que afecten aos intereses materiais ou á honra doutro compañeiro.

h) Poñer en coñecemento previo da Xunta de Goberno para os efectos da intervención do decano, se isto fose posible e pertinente, os feitos que puidesen dar lugar ao exercicio de acción penal por asunto propio ou alleo contra outro compañeiro.

i) Denunciarlle ao colexio os agravios que xurdan no exercicio profesional, ou os que presencie que afecten calquera outro colexiado.

j) Solicitar e conceder a oportuna venia, nos termos en que o dispón o Estatuto xeral da avogacía española e o Código deontolóxico, para encargarse do asunto ou asuntos encomendados previamente a outro colexiado.

k) Os demais recollidos no Estatuto xeral da avogacía española.

TÍTULO III

Dos dereitos profesionais

Artigo 23º.-Dos honorarios.

O avogado ten dereito a unha compensación económica axeitada polos servizos prestados, así como ao reintegro dos gastos que se lle causasen. A contía dos honorarios será libremente acordada entre o cliente e o avogado, con respecto ás normas deontolóxicas e sobre competencia desleal. Na falta de pacto expreso en contrario, para a fixación dos honorarios poderanse ter en conta, como referencia, os baremos orientadores do colexio no ámbito do cal actúe, aplicados conforme as regras, usos e costumes deste, normas que, en todo caso, terán carácter supletorio do acordado e que se aplicarán nos casos de condena ás custas sobre a parte contraria.

A dita compensación económica poderá asumir a forma de retribución fixa, periódica ou por horas. Respecto das custas recobradas de terceiros seguirase o que libremente acorden as partes, que, na falta de pacto expreso, lle deberán ser satisfeitas efectivamente ao avogado.

Prohíbese en todo caso a cota lite en sentido estrito, entendéndose por tal o acordo entre o avogado e o seu cliente, previamente á terminación do asunto, en virtude do cal este se compromete a pagarlle unicamente unha porcentaxe do resultado do asunto, independentemente de que consista nunha suma de diñeiro ou calquera outro beneficio, ben ou valor que consiga o cliente por ese asunto.

A Xunta de Goberno do colexio poderá adoptar medidas disciplinarias contra os letrados que habitual e temerariamente impugnen as minutas dos seus compañeiros, así como contra os letrados cuns honorarios que sexan declarados reiteradamente excesivos ou indebidos.

Artigo 24º

Os letrados pertencentes ao Colexio de Avogados de Ourense fixarán os seus honorarios profesionais en réxime de liberdade e de competencia, sen incorreren en competencia desleal co resto dos colexiados. Sen prexuízo disto, o colexio, por medio da Xunta de Goberno, establecerá normas orientadoras de honorarios ou fará súas as elaboradas polo Consello da Avogacía Galega. En todo caso, a interpretación das normas orientadoras de honorarios corresponderalle á Xunta de Goberno do colexio.

Artigo 25º.- Función arbitral da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno exercerá a función arbitral respecto dos honorarios cando se lle someta, por escrito do colexiado ou colexiados interesados ou pola parte que deba satisfacer os honorarios, todo isto sen prexuízo das facultades que competen aos tribunais de xustiza en consonancia coas leis procesuais.

En todo caso, co fin de evitar as impugnacións e a intervención xudicial, o letrado da parte que obtivese a condena ás custas virá obrigado inescusablemente a comunicarlle ao compañeiro defensor da parte condenada o importe da minuta dos seus honorarios, debidamente razoado e axustado ás normas de honorarios vixentes. O letrado, obrigatoriamente e por escrito asinado, informará o seu compañeiro de se encontra ou non a minuta axustada ás normas e, polo tanto, se a acepta ou non. Expoñerá, de ser o caso, as razóns que sexan fundamentos da oposición. Se a contestación fose considerada satisfactoria, o letrado da parte que obtivese a condena expresaralle a conformidade ao seu compañeiro por escrito. Se a contestación non fose considerada satisfactoria e non houbese posibilidade de avinza entre os letrados, o da parte que obtivese a condena remitiralle copia da súa minuta, xunto co escrito que provocase a oposición, á Xunta de Goberno, e esta, tras a audiencia dos amentados letrados, que

terá lugar nos 30 días hábiles seguintes contados desde a recepción de tales documentos, emitirá ditame no prazo de 15 días tamén hábiles, contados desde esta audiencia.

Artigo 26º

O colexio percibirá os dereitos económicos que a este respecto se fixasen ou se fixen no futuro, por laudos, ditames xudiciais ou extraxudiciais en materia de fixación de honorarios ou das súas impugnacións.

TÍTULO IV

Capítulo I

Dos órganos de goberno do colexio

Sección primeira

Da Xunta Xeral

Artigo 27º.-Clases de xuntas xerais.

A Xunta Xeral estará formada por todos os colexiados. Terá o carácter de ordinaria ou de extraordinaria.

Serán xuntas xerais ordinarias as determinadas como tales no Estatuto xeral da avogacía española; e serán extraordinarias todas as demais.

Artigo 28º.-Convocatoria das xuntas xerais.

As xuntas xerais deberán convocarse con antelación mínima de quince días, salvante os casos de urxencia en que, a xuízo do decano deba reducirse o prazo.

A convocatoria inserirase no taboleiro de anuncios do colexio e na páxina correspondente da web, con sinalamento da orde do día.

Sen prexuízo do anterior, citaranse tamén os colexiados por comunicación escrita ou telemática na que igualmente se inserirá a orde do día; a citación dos colexiados poderá ser feita polo decano ou o secretario indistintamente; citación persoal que,

no caso de convocatoria urxente, poderá ser substituída pola súa publicación nun medio provincial de comunicación escrita dos de maior difusión.

Os antecedentes dos asuntos que se vaian deliberar na xunta convocada estarán ao dispor dos colexiados coa antelación suficiente para que se poidan facer proposicións, ata vinte e catro horas antes á súa celebración, durante as horas de despacho na secretaría do colexio.

Artigo 29º.-Da celebración das xuntas xerais.

As xuntas xerais terán lugar no día e hora sinalados, calquera que sexa o número de colexiados concorrentes a elas, salvante os casos en que se exixa un quórum de asistencia determinado. Os acordos tomaranse por maioría de votos emitidos, quitando os casos en que estes estatutos ou o Estatuto xeral da avogacía española exixan un quórum especial.

As xuntas xerais ordinarias e extraordinarias poderán ser convocadas, en segunda convocatoria, media hora despois da primeira, para o suposto de que non se obtivese o quórum necesario na primeira, cando fose preciso o dito quórum.

Os acordos serán obrigatorios para todos os colexiados, sen prexuízo dos recursos que legalmente poidan ser interpostos.

Artigo 30º.-Das xuntas xerais ordinarias.

Convocaranse dúas xuntas xerais ordinarias cada ano:

a) Antes do día trinta e un do mes de marzo terá lugar a primeira Xunta Xeral ordinaria de cada ano, consonte coa seguinte orde do día:

1. Resumo que fará o decano dos acontecementos máis importantes que durante o ano tivesen lugar, en relación co colexio.

2. Lectura, discusión e votación da conta xeral de ingresos e gastos do ano anterior.

3. Lectura, discusión e votación dos ditames e proposicións que se consignen na convocatoria. Compréndense neste punto os asuntos sobre os cales, ben a Xunta de Goberno ben os colexiados, mediante proposición escrita e asinada cando menos por un 5% do total do censo de colexiados, se sometan á deliberación do colexio e que se lle deberá entregar á secretaría do colexio cunha antelación mínima de 15 días naturais á celebración da Xunta Xeral.

4. Proposicións.

5. Rogos e preguntas.

6. Toma de posesión, se é o caso, dos seus cargos respectivos, por parte dos membros da Xunta de Goberno elixidos, e cesamento daqueles a quen corresponda saír.

b) A segunda Xunta Xeral ordinaria de cada ano terá lugar no último trimestre, consonte coa seguinte orde do día:

1. Exame e votación do orzamento elaborado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte.

2. Elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno cando proceda.

3. Lectura, discusión e votación dos asuntos que se consignen na convocatoria.

4. Rogos e preguntas.

Artigo 31º.-Das xuntas xerais extraordinarias.

As xuntas xerais extraordinarias terán lugar por iniciativa do decano, da Xunta de Goberno ou pola solicitude do 10% dos colexiados exercentes, con expresión dos asuntos concretos que se deban de tratar nelas. A xunta realizarase no prazo de 30 días naturais desde o acordo do decano ou da Xunta de Goberno no primeiro caso, ou desde a presentación da solicitude no segundo, e nunca poderán ser tratados nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

En todo caso, será necesaria unha Xunta Xeral extraordinaria para os supostos de modificación dos estatutos e voto de censura á Xunta de Goberno, cos requisitos específicos que, para cada unha delas, se indican nos artigos 59 e 60 do Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 32º.-Da adopción dos acordos.

Presidirá as xuntas o decano ou quen estatutariamente o substitúa.

Os acordos serán adoptados por votación secreta cando así o solicite o dez por cento dos colexiados asistentes.

Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos non comprendidos na orde do día.

Artigo 33º.-O voto de censura.

1. O voto de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros competerá sempre á Xunta Xeral extraordinaria convocada para ese só efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de Xunta Xeral extraordinaria requirirá a sinatura dun mínimo do vinte por cento dos colexiados exercentes, incorporados polo menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns nas que se funde.

3. A Xunta Xeral extraordinaria haberá de celebrarse dentro dos trinta días hábiles contados desde que se presentase a solicitude e non poderán tratarse nela máis asuntos que os expresados na convocatoria.

A válida constitución da devandita Xunta Xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal da metade máis un do censo colexial con dereito a voto e o voto haberá de ser expresado necesariamente de forma secreta, directa e persoal. A moción de censura quedará aprobada polo voto favorable da metade mais un dos colexiados exercentes.

Sección segunda

Da Xunta de Goberno

Artigo 34º.-Composición.

A Xunta de Goberno é o órgano que rexe o colexio, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Xunta Xeral.

Está composta polo decano, un tesoureiro, un bibliotecario, un secretario e seis vogais.

Artigo 35º.-Competencia.

A Xunta de Goberno ten as atribucións seguintes:

1. Someter a referendo, por sufraxio secreto, asuntos concretos de interese colexial.

2. Resolver sobre a admisión dos licenciados ou doutores en dereito que soliciten incorporarse ao colexio.

3. Velar por que os colexiados amosen respecto e cortesía polos tribunais, os seus compañeiros, os seus clientes e que, no desenvolvemento da súa función, despreguen competencia profesional.

4. Impedir o exercicio da profesión a quen, sendo colexiados ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias á orde legal establecida.

5. Regular nos termos legalmente establecidos o funcionamento e a designación para prestar os servizos de asistencia xurídica gratuíta.

6. Perseguir os infractores do regulado no número anterior, así como as persoas naturais ou xurídicas que faciliten o exercicio profesional irregular, exercendo fronte a estas cantas accións xurisdicionais fosen necesarias ou convenientes.

7. Adoptar os acordos que estime procedentes canto á cantidade que deba satisfacer cada colexiado por dereitos de incorporación.

8. Determinar as cotas que deben aboar os colexiados para sostemento das cargas e servicios colexiais, así como as taxas ou dereitos percibibles polo colexio pola prestación de calquera servizo ou actividade.

9. Propoñerlle á Xunta Xeral a imposición de cotas extraordinarias aos colexiados.

10. Recadar o importe das cotas e das pólizas establecidas para o sostemento das cargas do colexio, do Consello Xeral da Avogacía Española, do Consello da Avogacía Galega e da Mutualidade Xeral da Avogacía.

11. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

12. Convocar xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e fixar a orde do día para cada unha.

13. Exercer as facultades disciplinarias respecto dos colexiados.

14. Propoñer e redactar os regulamentos de orde interior que xulgue convenientes, os cales precisarán a aprobación da Xunta Xeral.

15. Establecer, crear ou aprobar as delegacións, agrupacións, comisións ou seccións de colexiados que poidan interesar aos fins do colexio e regular o seu funcionamento e fixar as facultades que, de ser o caso, lle delegue.

16. Velar porque no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que lle corresponden ao avogado, así como propiciar a harmonía e colaboración entre os colexiados e impedir a competencia desleal, consonte a legalidade vixente.

17. Informar os colexiados con prontitude de cantas cuestións poidan afectalos, xa sexan de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural, das que a Xunta de Goberno teña noticia no exercicio da súa función ou na dalgún dos seus membros.

18. Fomentar e estreitar as relacións de respectuosa cordialidade entre o colexio e os seus colexiados, e entre estes e todos os intervenientes na Administración de xustiza.

19. Defender, cando o estime procedente e xusto, os colexiados no desenvolvemento das funcións da profesión ou con ocasión destas.

20. Procurar do Goberno, da Xunta de Galicia e demais autoridades, canto se considere beneficioso para o interese común e para a recta e pronta administración da xustiza.

21. Informar de palabra ou por escrito, no nome do colexio, en cantos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Parlamento Galego, do Goberno da nación ou da Xunta de Galicia e outros organismos o requiran.

22. Recadar, distribuír e administrar os fondos do colexio.

23. Redactar os orzamentos e render as contas anuais.

24. Propoñerlle á Xunta Xeral o investimento ou disposición do patrimonio colexial, de se tratar de inmobles.

25. Emitir consultas e ditames, así como ditar arbitraxes e laudos e promover a constitución de tribunais de arbitraxe.

26. Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha do colexio.

27. Cantas outras estableza o Estatuto xeral da avogacía española.

Artigo 36º.-Da convocatoria e celebración das xuntas de goberno.

A Xunta de Goberno xuntarase ordinariamente polo menos dúas veces ao mes, sen prexuízo de podelo facer con maior frecuencia cando a importancia ou urxencia dos asuntos o requira, ou o solicite unha cuarta parte dos seus membros.

A convocatoria para as reunións será feita pola secretaría, tralo mandato do decano, con tres días

de antelación polo menos. Formularase por escrito e/ou por vía telemática e irá acompañada da orde do día correspondente. Fóra desta non poderán tratarse outros asuntos, salvante os que o decano ou a maioría dos membros da Xunta de Goberno consideren de urxencia. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O decano terá voto de calidade para o suposto de empate.

A Xunta de Goberno poderá crear as comisións que estime convenientes que deberán, en todo caso, ser presididas polo decano ou en quen el mesmo delegue, atribuíndolle as funcións que considere oportunas.

A Xunta de Goberno poderá acordar a delegación da sinatura do secretario en cuestións non substanciais, ben noutro compoñente da xunta ou ben nun empregado do colexio.

Artigo 37º.-Das delegacións.

A Xunta de Goberno ten facultades para designar delegados da propia Xunta de Goberno nos partidos xudiciais que estime pertinentes, coas facultades representativas e de xestión colexial que acorde.

Os delegados poderán ser chamados á Xunta de Goberno e concorrer ás súas deliberacións, con voz e sen voto, cando deban decidirse asuntos concernentes ao seu partido xudicial.

Artigo 38º.-Das agrupacións de colexiados.

As agrupacións constituídas ou que se constitúan no seo do colexio, incluída a Agrupación de Avogados Xoves, actuará subordinada á Xunta de Goberno, a quen corresponde autorizar os seus estatutos ou as modificacións destes, a súa constitución, suspensión ou disolución. As actuacións ou comunicacións destinadas a transcender fóra do colexio deberán de ser identificadas como de procedencia de tal agrupación.

Os representantes destas agrupacións, incluído o presidente da Agrupación de Avogados Xoves, poderán asistir á Xunta de Goberno e concorrer ás súas deliberacións, con voz pero sen voto, salvante nos asuntos referentes a réxime disciplinario e cuestións de honorarios. En todo caso, os representantes destas agrupacións estarán obrigados a gardar o segredo das deliberacións da Xunta de Goberno nos mesmos termos que os membros desta.

Artigo 39º.-Da comisión disciplinaria.

No desenvolvemento do establecido no artigo 88.3º do Estatuto xeral da avogacía española, a Xunta de Goberno nomeará, de entre os avogados con máis de cinco anos de exercicio profesional, sen nota desfavorable nos seus expedientes e que non pertenzan á Xunta de Goberno do colexio, a unha comisión disciplinaria, que estará formada por un número impar de membros e non superior a cinco, que terá como función a instrución dos expedientes disciplinarios por infraccións graves e moi graves.

Esta comisión designará, de entre os seus membros, a un instrutor e un secretario para cada un dos expedientes tramitados, e estes darán traslado do informe e proporán resolución ante a Xunta de Goberno.

Desenvolverán as súas funcións por un período de tres anos e poderán ser designados por outro período consecutivo como máximo.

Artigo 40º.-Do decano.

Corresponderalle ao decano a representación oficial do colexio en todas as reunións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións e persoeiros de calquera orde; exercerá as funcións de vixilancia e corrección que os estatutos reservan á súa autoridade, presidirá as xuntas de goberno e as xerais e todas as comisións e comités especiais a que asista, dirixindo as discusións con voto de calidade no caso de empate.

Expedirá, ademais, os libramentos para o investimento dos fondos do colexio e proporá os avogados que deban formar parte dos tribunais de oposición, entre os que reúnan as circunstancias necesarias para o efecto.

Artigo 41º.-Do vicedecano.

O vogal primeiro exercerá o rango de vicedecano e levará a termo todas aquelas funcións que lle confira o decano e asumirá as deste en caso de ausencia, doenza, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 42º.-Do secretario.

Correspóndelle ao secretario as funcións seguintes:

1. Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do colexio, segundo as instrucións que reciba do decano e coa anticipación debida.

2. Redactar as actas das xuntas xerais e as que realice a Xunta de Goberno.

3. Levar os libros para o mellor e máis ordenado servizo. Deberá existir obrigatoriamente aquel libro no que se anoten as correccións que se lles impoñan aos colexiados, así como o libro de rexistro de títulos e demais establecidos.

4. Recibir e darlle conta ao decano de todas as solicitudes e comunicacións que se lle remitan ao colexio.

5. Expedir co visto e prace do decano as certificacións que soliciten os interesados.

6. Organizar e dirixir as oficinas e exercer a xefatura do persoal.

7. Levar un rexistro no que, por orde alfabética dos colexiados, se consigne o historial destes dentro do colexio.

8. Revisar cada ano as listas dos avogados do colexio para expresar a súa antigüidade e enderezo.

9. Remitir anualmente a lista dos avogados exercentes incorporados ao colexio a todos os xulgados e tribunais da provincia, así como aos centros penitenciarios e de detención.

10. Ter ao seu cargo o arquivo e selo do colexio.

Artigo 43º.-Do tesoureiro.

Corresponderalle ao tesoureiro:

1. Materializar a recadación e custodiar os fondos do colexio.

2. Pagar os libramentos que expida o decano.

3. Informar periodicamente a Xunta de Goberno da conta de ingresos e gastos e marcha do orzamento; e formalizar anualmente as contas do exercicio económico vencido.

4. Redactar os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno teña que presentar á aprobación da Xunta Xeral.

5. Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co decano ou outro membro da Xunta de Goberno que esta designe para o efecto.

6. Levar inventario minucioso dos bens do colexio, dos que será administrador.

7. Controlar a contabilidade e verificar a caixa.

8. Facer as xestións de cobramento sobre calquera dos recursos económicos do colexio.

9. Elaborar e presentar as auditorías relativas á renovación parcial da Xunta de Goberno prevista no artigo 56 destes estatutos, para o cal poderá auxiliarse ben por profesionaies externos ao colexio, ben por aqueles empregados del que teñan a competencia.

Artigo 44º.-Do bibliotecario.

O bibliotecario terá as obrigas seguintes:

1. Coidar a biblioteca e as bases de datos.

2. Formar e levar catálogos de obras, actualizando mensualmente o índice bibliográfico.

3. Propoñer a adquisición das que considere procedentes para os fins corporativos.

Artigo 45º.-Dos vogais da xunta.

Os vogais da xunta terán as concretas atribucións ou competencias que a propia Xunta de Goberno fixe. En todo caso, asumirán as delegacións que o decano ou a propia xunta lles encomenden.

Os seus cargos serán numerados co fin de substituír por orde de categoría o decano en caso de enfermidade, ausencia ou vacante.

Artigo 46º.-Das substitucións.

Cando por calquera motivo quedase vacante, definitiva ou temporalmente o cargo de secretario, tesoureiro ou bibliotecario, serán substituídos polos vogais que para o efecto designe a Xunta de Goberno, e noutro caso proverase empezando polo último.

Capítulo II

Réxime electoral

Artigo 47º.-Dos mandatos e os anovamentos de cargos.

O mandato dos membros da Xunta de Goberno terá unha duración de cinco anos.

O decano poderá ser reelixido só unha única vez de forma consecutiva, de xeito que o período de permanencia no Decanato non poderá ser superior ao que corresponda a dous mandatos consecutivos.

O anovamento dos cargos da Xunta de Goberno verificarase por metades, con suxeición á seguinte quenda:

a) Anovarán conxuntamente os cargos de vogal 3º, vogal 4º, vogal 5º, tesoureiro e bibliotecario.

b) Anovarán conxuntamente os cargos de decano, vogal 1º, vogal 2º, vogal 6º e secretario.

O decano e os demais cargos da Xunta de Goberno serán elixidos en votación directa e secreta, na que poderán participar como electores todos os colexiados incorporados con máis de tres meses de antelación á data de convocatoria das eleccións e como elixibles, para o cargo de decano os colexiados exercentes e para os demais cargos os electores residentes no ámbito do colexio de que se trate, sempre que non se atopen incursos en ningunha das seguintes situacións:

a) Atopárense condenados por sentenza firme que leve aparellada a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos, en tanto estas subsistan.

b) Teren sido disciplinariamente sancionados en calquera colexio de avogados, namentres non fosen rehabilitados.

c) Seren membros de órganos rectores doutro colexio profesional.

Artigo 48º.-Das vacantes na Xunta de Goberno.

Cando algún cargo da xunta quedase vacante antes de dous anos para o termo do seu mandato, deberase prover a elección especialmente convocada para o efecto. O elixido só desenvolverá o seu cargo polo tempo que reste ata o seu normal anovamento.

Artigo 49º.-Da convocatoria electoral e das candidaturas.

Os trámites que se seguirán ata a celebración do acto electoral serán os seguintes:

1. A convocatoria será efectuada pola Xunta de Goberno e anunciarase cunha antelación mínima de dous meses á data de celebración da elección.

2. Dentro dos cinco primeiros días seguintes ao da data de convocatoria, a secretaría verificará os seguintes particulares:

a) Inserirase no taboleiro de anuncios a convocatoria electoral e, se é o caso, nos demais medios de difusión de que dispoña o colexio, a convocatoria

electoral, na que deberán constar os seguintes extremos:

-Cargos que teñen que ser obxecto de elección e requisitos de situación colexial exixidos para poder aspirar a cada un destes.

-Día e hora de celebración da Xunta Xeral e hora á que se cerrarán as urnas para o comezo do escrutinio, segundo o disposto sobre o particular nos presentes estatutos.

b) Así mesmo, exporanse no taboleiro de anuncios do colexio as listas separadas de avogados e colexiados non exercentes con dereito a voto.

3. As candidaturas deberanse presentar na secretaría do colexio ante a mesa electoral con, polo menos, un mes de antelación á data sinalada para o acto electoral. Coa presentación da candidatura recoñéceselle a cada candidato o dereito a obter da Xunta de Goberno unha lista de colexiados cos seus enderezos e teléfonos profesionais.

As ditas candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos ou individuais para cargos determinados e deben ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

Ningún colexiado poderá presentarse como candidato para máis dun cargo.

4. Os colexiados que quixesen formular reclamacións contra as listas de electores deberán de verificalo dentro do prazo dos dez días seguintes ao da exposición destas.

A Xunta de Goberno no caso de haber reclamacións contra as ditas listas, resolverá sobre elas dentro dos cinco días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas e notificaráselle a súa resolución a cada reclamante dentro dos tres días seguintes.

5. A mesa electoral, ao día seguinte da finalización do prazo de presentación de candidaturas, proclamará candidatos a quen reúna os requisitos legais exixibles e considerará electos aos que non teñan opoñentes.

Seguidamente, publicarao no taboleiro de anuncios e comunicarállelo aos interesados.

6. Os prazos sinalados por días neste artigo computaranse por días hábiles.

Artigo 50º.-Da mesa electoral.

No momento da convocatoria das eleccións, a Xunta de Goberno designará unha mesa electoral, que regulará o desenvolvemento do proceso sen prexuízo das atribucións que os estatutos lle outorgan á propia xunta. Estará constituída por tres membros da Xunta de Goberno de entre aqueles cuxos cargos non vaian ser anovados nesa convocatoria electoral, así como polo avogado residente de maior idade e polo de menor idade, que serán substituídos, no caso de incapacidade ou incompatibilidade, polo seguinte en idade, respectivamente.

Serán competencia da mesa electoral todas as incidencias que afecten o proceso electoral, desde o momento da presentación das candidaturas ata o momento da proclamación dos elixidos.

Os acordos da mesa serán recorribles perante a Xunta de Goberno, e os que esta adopte serán susceptibles de recurso perante o Consello da Avogacía Galega.

Artigo 51º.-Do voto.

Nas eleccións o voto dos avogados exercentes terá dobre valor que o voto dos demais colexiados, proclamándose electos para cada cargo os candidatos que obteñan a maioría.

O exercicio do voto nas eleccións corporativas, para estes efectos, poderá facerse por correspondencia, dirixida en forma de certificado á mesa electoral. Tamén poderá facerse mediante acta notarial. En ambos os dous casos o voto deberá estar en poder da mesa electoral antes de que esta vote e comece o escrutinio. Non se admitirá o voto por representación en ningún caso.

Todos os letrados que desexen votar por correo deberán solicitalo por escrito ou persoalmente na secretaría do colexio, séndolle remitida a documentación ou entregada en man. A devandita documentación consistirá en sobre e papeleta oficial emitida polo colexio, co selo deste.

A documentación, sobre a que non se poderá efectuar anotación ningunha que vulnere o segredo de voto, será remitida debidamente pechada á mesa electoral do Colexio de Avogados introducida nun sobre con cabeceira ou remite do elector, acompañada de carta ou oficio remisor con sinatura del, dándolle curso mediante correo certificado con xustificante de recepción.

Serán nulos todos aqueles votos que de calquera modo vulneren o segredo de voto, ou aqueles emitidos en papeleta diferente da oficial emitida polo colexio.

A mesa electoral poderá regular os requisitos adicionais para garantir a autenticidade, a participación dos colexiados e o segredo de voto.

Artigo 52º.-Da votación e do escrutinio.

A elección de cargos da Xunta de Goberno, na segunda Xunta Xeral dos anos que corresponda, verificarase por votación directa e secreta por papeletas, que depositarán por si na urna correspondente, unha para os avogados e outra para os colexiados non exercentes.

A sesión electoral, que se realizará nunha mesma xornada, durará oito horas, catro en horario de mañá e catro en horario de tarde, salvante que a Xunta de Goberno ao convocar a elección, sinale un prazo maior. Constituirase a mesa electoral acompañada dos interventores que, no número de dous como máximo, poderán designar cada unha das candidaturas.

Logo de transcorrer o tempo da votación, pecharanse as portas do local, votarán os que se atopen dentro e non o fixesen e despois votará a mesa.

A continuación verificarase o escrutinio e seguidamente publicarase o resultado e proclamaranse electos os candidatos que obtivesen para cada cargo maior número de votos. No caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no propio colexio e, en caso de igualdade entre eles, o de maior idade.

Artigo 53º.-Dos candidatos electos e da toma de posesión.

Os candidatos elixidos tomarán posesión dos seus cargos na primeira Xunta xeral, que deberá efectuarse no primeiro trimestre do ano seguinte ao da elección, logo da promesa de cumprir lealmente o cargo respectivo e gardar segredo das deliberacións da Xunta de Goberno, momento no cal cesarán os substituídos; malia isto, en supostos excepcionais, poderán tomar posesión provisional con anterioridade á realización da dita xunta, solemnizando a toma de posesión nesta.

Artigo 54º.-Dos recursos.

Os recursos que se interpoñan no proceso electoral ou contra o seu resultado, ante a Xunta de Goberno do colexio ou ante o Consello da Avogacía Galega, serán admitidos nun só efecto e non suspenderán a votación, proclamación e toma de posesión dos elixidos, salvo cando así se acorde por causas excepcionais mediante resolución expresa e motivada, que será debidamente publicada.

Artigo 55º.-Comunicacións.

No prazo de cinco días desde a constitución da nova Xunta de Goberno, deberá comunicarse esta ao Consello Xeral da Avogacía Española, ao Consello da Avogacía Galega, á consellería competente en materia de colexios profesionais e á consellería ou consellerías competentes por razón da profesión.

Artigo 56º.-Auditoría.

Cando se produza o anovamento total ou parcial da Xunta de Goberno, as contas colexiais serán auditadas.

Para o caso de que o anovamento sexa total, encargaráselles a devandita auditoría a profesionais alleos ao Colexio de Avogados e á Xunta de Goberno, e coa habilitación legal necesaria para iso.

Para o suposto de anovamento parcial, seguirase o disposto no artigo 43.9º dos presentes estatutos.

Artigo 57º.-Ceses.

Os membros da Xunta de Goberno do Colexio de Avogados cesarán polas causas seguintes:

a) Pasamento.

b) Renuncia do interesado.

c) Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

d) Expiración do termo ou prazo para o que foron elixidos ou designados.

e) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no termo dun ano, logo de acordo da propia xunta.

f) Aprobación de moción de censura, segundo o regulado no artigo 33 dos presentes estatutos.

TÍTULO V

Dos recursos económicos do colexio

Artigo 58º.-Dos recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do colexio:

1. As cotas, fixas ou variables, que acheguen os colexiados nos prazos, contías e condicións que determine a Xunta de Goberno.

2. Os dereitos de incorporación ao colexio.

3. Os dereitos de expedición de certificacións e comunicacións.

4. A participación que ao colexio lle corresponde pola xestión da mutualidade.

5. Os xuros, rendas, pensións e valores que produzan os bens ou dereitos que integran o capital ou o patrimonio do colexio.

6. Todos os demais ingresos que a Xunta Xeral ou a Xunta de Goberno, nas súas respectivas atribucións, acorden establecer con este carácter, así como os posibles ingresos que se obteñan por servizos prestados polo colexio por publicación, documentación, informacións ou ditames.

Artigo 59º.-Dos recursos extraordinarios.

Constituirán os recursos extraordinarios do colexio:

1. As subvencións ou doazóns que se lle concedan.

2. Os bens mobles ou inmobles de toda clase que por herdanza, doazón ou outro título xurídico reciba, tras a aceptación da Xunta de Goberno.

3. As cantidades que, por calquera concepto, lle corresponda percibir ao colexio, cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou definitivo, cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

Artigo 60º.-Administración.

1. O patrimonio do colexio será administrado pola Xunta de Goberno, facultade que exercerá por medio do tesoureiro e coa colaboración técnica que precise.

2. O decano exercerá as funcións de ordenador de pagamentos, que o tesoureiro executará e coidará da súa contabilización.

TÍTULO VI

Do persoal e do funcionamento administrativo

do colexio

Artigo 61º.-Expedientes actos e comunicacións.

a) A actividade do colexio axustarase, para o non previsto neste estatuto nin no estatuto xeral ao disposto nas leis administrativas ou laborais, segundo a natureza dos asuntos desenvolvidos.

b) As convocatorias, circulares e toda clase de notificacións e comunicacións colexiais poderanse practicar por medios telemáticos, fax ou listas de correo de distribución electrónica ou mensaxes de correo electrónico ao enderezo que o letrado lle facilitará ao colexio.

c) Exclúese do anterior o xeito de notificación das resolucións acaídas nos expedientes disciplinarios ou sancionadores que deberán de seguir o procedemento previsto no Estatuto xeral da avogacía española.

d) As comunicacións, notificacións e demais escritos oficiais do Colexio de Avogados de Ourense terán como idioma o galego, sen prexuízo da súa tradución, se así se require para o castelán.

Artigo 62º.-Do secretario técnico, director letrado ou xerente do colexio e persoal administrativo e auxiliar.

O Colexio de Avogados poderá contar cos servizos dun secretario técnico, director letrado ou xerente, que organizará administrativamente o colexio e terá as demais funcións e competencias que a propia xunta determine ou delegue, excepto a competencia para resolver expedientes disciplinarios.

A Xunta de Goberno procederá á designación dos empregados administrativos, auxiliares e subalternos que sexan mester para a boa marcha do colexio.

TÍTULO VII

Da disolución e liquidación

Artigo 63º.-Disolución.

O colexio, de permitilo a normativa legal, poderá disolverse pola vontade dos seus membros, por ter cumprido o fin para o que foi constituído, por non poder cumprir co mesmo, ou por sentenza xudicial firme.

Para que o Colexio de Avogados de Ourense sexa disolto pola vontade dos seus membros, será necesario que o acordo de disolución dela sexa adoptada pola Xunta Xeral convocada para dito efecto, e que reúna o voto favorable, en votación secreta, das catro quintas partes dos membros del.

Acordada a disolución do colexio, a Xunta de Goberno, incrementada en tres avogados dos máis antigos, converterase en comisión liquidadora e como tal procederá a reclamar todas as cantidades que tiver pendentes de cobramento, a pagar o que se deba e a realizar os bens que existan no patrimonio.

Artigo 64º.-Liquidación.

Practicadas as anteriores operacións, e no suposto de que quedasen cantidades no activo do colexio, repartiranse, por parte da comisión liquidadora, entre todos os seus membros dados de alta nese momento en proporción aos anos de antigüidade, a razón dunha unidade de repartición por cada ano ou fracción como avogado, e media unidade de repartición por cada ano ou fracción como colexiado sen exercicio.

Todo o anterior sen prexuízo de que a propia Xunta Xeral extraordinaria acorde destinar total ou parcialmente o remanente a fins sociais.

TÍTULO VIII

Da función disciplinaria

Sección primeira

Das facultades disciplinarias dos tribunais

e colexios

Artigo 65º

Os avogados están ademais suxeitos a responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes profesionais ou deontolóxicos.

Artigo 66º

As facultades disciplinarias da autoridade xudicial sobre os avogados axustaranse ao disposto nas leis procesuais.

Artigo 67º

O decano e a Xunta de Goberno son competentes para o exercicio da xurisdición disciplinaria, que se estenderá á sanción de infracción de deberes profesionais ou normas éticas de conduta en canto afecten a profesión.

A responsabilidade disciplinaria declararase logo de formación de expediente seguido polos trámites que se especifiquen no Estatuto xeral da avogacía española e no Regulamento de procedemento disciplinario, cando se trate de faltas graves ou moi graves. As faltas leves serán sancionadas pola Xunta de Goberno ou polo decano do colexio, mediante expediente, limitado á audiencia ou descargo do inculpado.

As correccións que poderán aplicarse, serán as seguintes:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por escrito.

c) Suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a dous anos.

d) Expulsión do colexio.

Artigo 68º

O acordo de suspensión por máis de seis meses ou expulsión deberá ser tomado exclusivamente pola Xunta de Goberno, mediante votación secreta e coa

conformidade das dúas terceiras partes dos membros compoñentes daquela.

A esta sesión están obrigados a asistir todos os compoñentes da xunta. O que, sen causa xustificada, non concorrese, cesará como membro da Xunta de Goberno e non poderá presentarse como candidato na elección na que se cubra a súa vacante.

Artigo 69º

A facultade disciplinaria en relación cos membros da Xunta de Goberno compételle ao Consello da Avogacía Galega.

Sección segunda

Das infraccións e sancións

Artigo 70º

As infraccións que poidan levar aparellada sanción disciplinaria, clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 71º.-Faltas moi graves.

Son infraccións moi graves:

a) A infracción das prohibicións e incompatibilidades establecidas neste estatuto.

b) A publicidade de servizos profesionais con incumprimento dos requisitos que rexen a profesión e calquera outra infracción que nos presentes estatutos tivese a cualificación de infracción moi grave.

c) A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, como consecuencia do exercicio da profesión; así como os actos e omisións que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras éticas que a gobernan.

d) O atentado contra a dignidade ou honra das persoas que constitúen a Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das suas funcións, e contra os demais compañeiros con ocasión do exercicio profesional.

e) A embriaguez ou o consumo de drogas cando afecten gravemente o exercicio da profesión.

f) A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias e exclusivas dos colexios.

g) A comisión dunha infracción grave, tendo sido sancionado pola comisión doutras dúas do mesmo carácter e cuxa responsabilidade non se extinguise conforme o previsto nestes estatutos.

h) O intrusismo profesional e o seu encubrimento.

i) A cooperación necesaria do avogado coa empresa ou persoa que preste os seus servizos á que se apropien de honorarios profesionais aboados por terceiros e que no lle fosen previamente satisfeitos, cando tales honorarios correspondan ao avogado.

j) A condena dun colexiado por sentenza firme a penas graves conforme o artigo 33.2º do Código penal.

k) O deliberado e persistente incumprimento das normas deontolóxicas esenciais no exercicio da avogacía.

Artigo 72º.-Faltas graves.

Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave das normas estatutarias ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, así como polo reiterado incumprimento da obriga de atender as cargas colexiais previstas nestes estatutos, salvo que constitúan infracción de maior gravidade.

b) O exercicio profesional no ámbito doutro colexio, sen a oportuna comunicación da actuación profesional, o que haberá de sancionar o colexio en cuxo ámbito territorial actúe.

c) A falta de respecto, por acción ou omisión, aos compoñentes da Xunta de Goberno cando actúen no exercicio das súas funcións.

d) Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros no exercicio da actividade profesional e a infracción do disposto sobre a venia no artigo 22º destes estatutos.

e) A competencia desleal, cando así fose declarada polo órgano competente, e a infracción en materia de publicidade cando non constitúa falta moi grave.

f) Os actos e omisións descritos nas alíneas a), b), c) e d) do artigo anterior, cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como moi graves.

g) O exercicio profesional en situación de embriaguez ou o uso de drogas tóxicas coa ocasión do exercicio profesional.

h) A habitual e temeraria impugnación das minutas dos compañeiros, así como a reiterada formulación de minutas de honorarios que sexan declarados excesivos ou indebidos.

Artigo 73º.-Faltas leves.

Son infraccións leves:

a) A falta de respecto aos membros da Xunta de Goberno no exercicio das suas funcións, cando non constitúa falta moi grave ou grave.

b) A neglixencia no cumprimento de normas estatutarias.

c) Os actos enumerados no artigo anterior, cando non tivesen entidade suficiente para ser considerados como graves.

Artigo 74º.-Sancións.

As sancións que poden impoñerse son:

1. Por faltas moi graves:

a) Para as das alíneas b), c), d), e), f), g), h) e i) do artigo 72º, suspensión do exercicio da avogacía por un prazo superior a tres meses sen exceder de dous anos.

b) Para as alíneas a), j) e k) expulsión do colexio.

2. Por faltas graves: suspensión do exercicio da avogacía por un prazo non superior a tres meses.

3. Por faltas leves:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por escrito.

Artigo 75º

A Xunta de Goberno e o decano serán en todo caso os órganos competentes para resolver debendo corresponderlles as facultades instrutoras a outros que se creen para tal fin.

Artigo 76º

As sancións disciplinarias executaranse unha vez que sexan firmes. Poderán ser feitas públicas cando gañen firmeza.

A Xunta de Goberno remitiralles ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Xeral da Avogacía testemuño dos seus acordos de condena nos expedientes verbo de responsabilidade disciplinaria dos avogados por faltas graves e moi graves.

Artigo 77º

A responsabilidade disciplinaria dos colexiados extínguese polo cumprimento da sanción, o pasamento do colexiado, a prescrición da falta e a prescrición da sanción.

A baixa no colexio non extingue a responsabilidade disciplinaria contraída durante o período de alta, se non que se concluirá o procedemento disciplinario e a sanción quedará en suspenso para ser cumprida se o colexiado causase novamente alta no colexio.

Artigo 78º

As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses.

O prazo de prescrición comenzará a contarse desde que a infracción se cometese.

A prescrición interromperase pola notificación ao colexiado afectado do acordo de incoación de información, previa á apertura de expediente disciplinario, continuando o cómputo do prazo de prescrición se nos tres meses seguintes non se incoa expediente disciplinario ou este ficase paralizado durante máis de seis meses, por causa non imputable ao colexiado inculpado.

Artigo 79º

As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos; as impostas por infraccións graves, aos dous anos, e as impostas por infraccións leves, aos seis meses.

O prazo de prescrición da sanción por falta de execución desta comenzará a contar desde o día seguinte a aquel en que quedase firme a resolución sancionadora.

O prazo de prescrición da sanción, cando o sancionado quebrante seu cumprimento, comezará a contar desde a data do quebrantamento.

Artigo 80º

As sancións disciplinarias corporativas faranse constar en todo caso no expediente persoal do colexiado.

A anotación das sancións no expediente persoal do colexiado cancelarase cando transcorresen os seguintes prazos, sen que o colexiado incorrese en nova responsabilidade disciplinaria: 6 meses no caso de sancións de amoestación privada ou apercibimento escrito; 1 ano no caso de sanción de suspensión non superior a 3 meses; 3 anos no caso de sanción de suspensión superior a 3 meses; e 5 anos no caso de sanción de expulsión. O prazo de caducidade contarase a partir do día seguinte a aquel no que quedase cumprida a sanción.

A cancelación da anotación, unha vez cumpridos os devanditos prazos, poderá facerse de oficio ou por petición dos sancionados.

A Xunta de Goberno remitiralles ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Xeral da Avogacía testemuño dos expedientes de rehabilitación de que coñeza.

TÍTULO IX

Do réxime xurídico dos acordos sometidos a

dereito administrativo e a súa impugnación

Artigo 81º

Os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do colexio e as decisións do decano e demais membros da Xunta de Goberno serán inmediatamente executivos, salvo que o propio acordo estableza outra cousa ou se trate de materia disciplinaria.

Os acordos que llesm deban ser notificados persoalmente aos colexiados, referidos a calquera materia mesmo a disciplinaria, poderán selo no enderezo profesional que lle teñan comunicado ao colexio. Se non puidese ser efectuada a notificación nos termos previstos nos puntos 1 e 2 do artigo 59 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a entrega poderá realizala un empregado do Colexio de Avogados, con suxeición ao sinalado nos puntos 2 e 3 do devandito precepto; e se tampouco así puidese efectuarse a notificación, entenderase realizada aos quince días da súa colocación no taboleiro de anuncios do propio Colexio de Avogados, que poderá facerse na forma prevista no artigo 61 da citada lei.

Artigo 82º

Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 62 de la Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 63 da citada lei.

Artigo 83º

As persoas con interese lexítimo poderán formular recurso ordinario perante o Consello da Avogacía Galega, ou, se é o caso, perante o Consello Xeral da Avogacía Española, contra os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral de calquera colexio de avogados, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación ou, se é o caso, notificación aos colexiados ou persoas que afecten.

O recurso presentarase ante a Xunta de Goberno que ditou o acordo, que deberá elevalo, cos seus antecedentes e o informe que proceda, ao consello dentro dos quince días seguintes á data de presentación, salvo que de oficio repoña o seu propio acordo no devandito prazo. O consello, logo dos informes que estime pertinentes, deberá ditar resolución expresa dentro dos tres meses seguintes á súa interposición, entendéndose que no caso de silencio queda denegado. O recorrente poderá solicitar a suspensión do acordo recorrido e o consello poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 84º

A Xunta de Goberno tamén poderá recorrer os acordos da Xunta Xeral perante o Consello da Avogacía Galega, no prazo dun mes desde a súa adopción.

Se a Xunta de Goberno entendese que o acordo obxecto de recurso é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do colexio poderá solicitar a suspensión do acordo recorrido e o consello poderá acordala ou denegala motivadamente.

Artigo 85º

Os actos emanados da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do colexio, en canto que están suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente susceptibles de recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 86º

Os prazos deste estatuto expresados en días entenderanse referidos a días hábiles, salvo que expresamente se diga outra cousa.

A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común aplicarase a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas. En todo caso, a devandita lei terá carácter supletorio para o non previsto neste estatuto.

TÍTULO X

En todo o non previsto nos presentes estatutos, será de aplicación o previsto no Estatuto xeral da avogacía española e o Estatuto do Consello da Avo

gacía Galega, as normas de desenvolvemento que os ditos consellos diten e a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común que se lles aplicará a cantos actos dos órganos colexiais supoñan exercicio de potestades administrativas.

Disposición derradeira

Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.