DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 08 de setembro de 2004 Páx. 12.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2004, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se modifica a do 27 de xaneiro de 2004 pola que se desenvolve a Orde do 27 de novembro de 2003, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2004.

O artigo 11 da Resolución do 27 de xaneiro de 2004 (DOG nº 29, do 11 de febreiro) recolle as

axudas e bolsas que poden percibir os alumnos dos cursos do Plan FIP. No punto 5 do citado artigo regúlanse as axudas por aloxamento e manutención, indicando os requisitos que deben reunir os alumnos para teren dereito a elas. O dereito ao percibo desta axuda, ademais doutros requisitos que deben reunir os alumnos, queda restrinxido a unha serie de especialidades formativas, elixidas en función da súa alta inserción laboral e da existencia de poucos centros homologados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na programación dos cursos do Plan FIP do ano 2004 constatouse a necesidade de incrementar estas especialidades, en función dos dous criterios sinalados anteriormente, co fin de que os alumnos que asistan a elas teñan a posibilidade de percibir a axuda de aloxamento e manutención, e así facilitarlles o acceso aos cursos desta especialidade que se programen e aumentar, deste xeito, as súas posibilidades de inserción laboral.

Á vista da disposición derradeira primeira da Orde do 27 de novembro de 2003 que autoriza o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desa disposición, e de conformidade co Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais segundo o cal lle corresponde á Dirección Xeral de Formación e Colocación o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación profesional ocupacional,

RESOLVO:

Artigo único.-No artigo 11 5º da Resolución do 27 de xaneiro de 2004 engádese a seguinte especialidade:

EOMQ80. Operador de guindastre.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2004.

Odilo Martiñá Rodríguez

Director xeral de Formación e Colocación