DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 08 de setembro de 2004 Páx. 12.521

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 2 de setembro de 2004 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca por segunda vez para o ano 2004 a concesión de subvencións aos titulares de autorizacións administrativas de transporte da serie VT-N domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguridade nos seus vehículos.

Os profesionais dos vehículos destinados ao servizo público de taxi (provistos de preceptiva autorización administrativa de transportes da serie VT-N) veñen soportando actos de delincuencia que, en moitos dos casos son extremadamente perigosos e que poñen en risco a vida dalgúns destes profesionais, polo que a sociedade galega está moi sensibilizada ante a demanda de novas medidas de seguridade para os vehículos do sector.

Neste sentido, a Xunta de Galicia ten procedido nos últimos anos á promoción de actuacións que contribúan á consecución de sistemas que garantan unha maior seguridade dos titulares de autorizacións de transporte documentadas en tarxetas VT-N. Así, xa se establecen unha canle de axudas ao sector para tal fin pola Orde do 6 de agosto de 1999 (DOG nº 156, do 13 de agosto); no ano 2003 realizouse unha actuación concorrente de distintos departamentos desta administración (consellerías de Cultura, Comunicación Social e Turismo; de Xustiza, Interior e Administración Local; de Innovación, Industria e Comercio; e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda), para o fin de instrumentalizar e canalizar o interese de todos eles cara á consecución daqueles sistemas de seguridade.

A dita actuación contribuíu a dotar de sistemas de seguridade (GPS e anteparos) a cantos interesados o solicitaron cumprindo os requisitos exixidos pola normativa aplicable.

Por tanto, e considerando a acollida no sector destas medidas, debe neste exercicio continuarse coa liña trazada, razón pola que se procedeu a unha nova convocatoria de axudas ao sector para tal fin; convocada a referida liña de axudas con data do 23 de febreiro, ten resultado crédito sobrante, razón ante a cal, e manifestado un claro interese do sector ao respecto, estímase procedente o establecemento na presente anualidade dunha segunda convocatoria de axudas, mantendo as liñas seguidas ata o momento, e simplificando no máis posible as tramitacións que os interesados deban efectuar.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse por segunda vez para o ano 2004, as

axudas para a dotación de equipamentos de seguimento e localización e outros mecanismos de seguridade (anteparos) para vehículos de transporte que dispoñan de autorización administrativa vixente documentada en tarxeta de transportes da serie VT-N expedida pola Dirección Xeral de Transportes, co fin de facilitar a instalación nos taxis galegos de sistemas que resulten eficaces en consideración ás tecnoloxías que incorporan e que contribúan ao incremento da seguridade no seu traballo profesional.

2. Os sistemas de seguridade que se van instalar poderán ser de dúas clases:

a) Sistema GPS, consistente nun dispositivo tecnolóxico embarcado no taxi, mediante o que nunha situación de emerxencia de inseguridade física do taxista se activa un sinal que se recibe no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

b) Anteparo de seguridade e protección física do condutor do taxi que permita a separación e imposibilite o contacto físico entre o taxista e os ocupantes da parte traseira do vehículo, permitindo a comunicación verbal entre eles; deberá consistir nun material polimérico altamente resistente a golpes.

Para os efectos desta orde, e de xeito inicial, só devengará axuda respecto de cada beneficiario un dos sistemas de seguridade previstos na alínea anterior, a elección dos solicitantes; porén, de se solicitar a axuda para os dous sistemas, tomarase en consideración inicialmente só aquel que sexa seleccionado en primeiro lugar podendo a administración aplicar o remanente resultante á subvención do segundo sistema de seguridade que, se é o caso, se teña solicitado, de resultar dispoñibilidades orzamentarias de acordo co artigo 5º.3 desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas os titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Transportes ou órganos periféricos desta consellería competentes para o efecto, e domiciliadas en Galicia. Para tal fin, xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

As ditas autorizacións deberán estar vixentes, no momento de presentación da solicitude.

Artigo 3º.-Imputación orzamentaria e contía.

Esta convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 2004.06.04.413A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2004, na que existe un crédito para este efecto de 57.260,00 euros, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias. Emporiso, as solicitudes de axuda que reúnan todos os requisitos e non resulten bene

ficiarias poderán ser tidas en consideración, se é o caso, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, na seguinte convocatoria de axudas que, se é o caso, se convoque, coa previa confirmación do mantemento da solicitude polo interesado, e no marco das condicións técnicas e requisitos que se establezan.

Os equipamentos que se prevén nesta orde como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica do 50 por cento (sen IVE) do seu prezo, incluíndo neste tanto o do propio equipamento como os correspondentes aos gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento; en todo caso, e para os efectos do previsto no presente artigo, considerarase como importe máximo da subvención os seguintes:

-Sistema GPS: 500 euros.

-Anteparo: 550 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo titular da autorización administrativa de transportes VT-N, segundo o modelo normalizado que se xunta como anexo I a esta orde, e dirixiranse ao director xeral de Transportes; fíxase como prazo límite para a súa presentación o de corenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde.

2. A presentación das solicitudes efectuarase no rexistro xeral desta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda sito nos seus servizos centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela), ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude unirase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI e do NIF ou CIF, cando corresponda, do solicitante.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Marca e modelo do/s sistema/s de seguridade elixido/s polo interesado con factura pro forma do provedor.

-Certificado de homologación do sistema de seguridade.

-Informe de validación do sistema GPS expedido polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, de ser este o sistema de seguridade solicitado; en caso de non dispor del en tal momento, deberá achegarse certificación de telo solicitado e que estea pendente de realización das oportunas probas previstas na disposición adicional desta orde.

-Autorización expresa á Dirección Xeral de Transportes, segundo anexo II, para solicitar de calquera organismo público cantos documentos sexan precisos para a verificación dos datos indicados polo solicitante, así como para a tramitación informatizada dos seus datos de carácter persoal que fosen precisos para a fin desta orde de axudas.

-Declaración responsable segundo modelo normalizado incluído no anexo III desta orde referente aos aspectos seguintes:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Non ter instalado no vehículo para o que se solicita a axuda ningún sistema de seguridade dos previstos no artigo 1 desta orde, ou, en caso positivo, xustificativa do sistema que xa estea instalado.

d) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

e) Compromiso de non beneficiarse nin se ter beneficiado de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, que illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Delégase no director xeral de Transportes o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde.

2. Para tal efecto a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as funcións de instrución do procedemento previstas polo artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e procederá á avaliación das peticións recibidas con base nos criterios establecidos nesta orde e formulará proposta de concesión, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin.

Para tal fin, o indicado órgano poderá solicitar cantos informes técnicos considere convenientes para os seus fins.

3. Fíxanse os seguintes criterios de selección para o outorgamento da subvención respecto das solicitudes formuladas:

-Consideraranse preferentes as solicitudes dos interesados que non teñan instalado nos seus vehí

culos ningún sistema de seguridade dos previstos nesta orde; dentro dos que, de acordo co anterior, se atopen na mesma situación, establécense os seguintes criterios de selección por orde de preferencia:

1º A menor antigüidade do vehículo no que se vaia instalar o sistema de seguridade.

2º En caso de igual antigüidade do vehículo, a maior antigüidade do solicitante na titularidade da autorización de transporte da serie VT-N.

3º A prioridade temporal na presentación da solicitude; para esta fin, considerarase como elemento temporal para considerar o do día da súa presentación.

-En segundo lugar, de resultar crédito orzamentario, tomaranse en consideración conxuntamente as solicitudes formuladas por titulares de autorizacións VT-N que xa dispoñan dalgún sistema de seguridade dos previstos nesta orde instalado nos seus vehículos, e o segundo sistema, non preferente, solicitado, se é o caso, polos interesados; respecto destes supostos, aplicaranse os mesmos criterios de selección previstos nos tres puntos do punto anterior.

4. O prazo para resolver as solicitudes e notificar a dita resolución ao abeiro desta orde será de seis meses, que se computarán a partir do seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, determinará que os interesados poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte co previsto polo artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Compatibilidades.

Esta subvención será compatible coas que poida conceder calquera outra administración pública ou organismo público ou privado, nacional ou internacional, sempre e cando, e en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas, illada ou conxuntamente, poida ser tal que supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolver o beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez notificada a resolución á que se refire o artigo 5º desta orde, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo dun mes para proceder á instalación dos respectivos equipos e presentar ante a Administración os correspondentes certificados da empresa ins

taladora, facturas de pagamento e certificado expedida polo organismo responsable do Centro de Emerxencia 112 SOS-Galicia xustificativa da alta do sistema para o caso de instalación de sistemas GPS; a dita documentación deberá ser achegada no referido prazo ante a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, presentándoa no rexistro xeral desta Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos servizos centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Respecto dos anteparos, e con antelación en todo caso ao pagamento da subvención, deberá ser efectuada unha verificación da súa instalación, pola Dirección Xeral de Transportes, ben nos seus servizos centrais, ben nos servizos provinciais dela dependentes, para o que se establece o deber de colaboración activa dos interesados.

Artigo 8º.-Condicionantes.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á Dirección Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou correcta aplicación da axuda concedida.

2. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a finalidade delas, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos fundamento da concesión. Por tanto, os equipamentos obxecto da presente liña de subvención deberán estar instalados e operativos, durante toda a súa vida útil, e en todo momento, no vehículo adscrito á autorización administrativa de transporte VT-N, mesmo no suposto de substitución ulterior do material móbil no que inicialmente se instalasen.

3. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así cómo o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

4. Os beneficiarios das subvencións deberán facer constar en todo tipo de publicidade e información ao respecto, a condición de subvencionada pola Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, empregando para isto a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Para tal fin, e concretamente, establécese a obriga dos beneficiarios de inserir e manter permanentemente, en lugar visible para o usuario, na totalidade dos vehículos dotados cos presentes equipamentos, da súa dotación do referido sistema de seguridade e a colaboración para o efecto, das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e de Xustiza, Interior e Administración Local.

5. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 9º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, consonte co disposto polo artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da

xurisdición contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba

o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ao previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Cando o taxista solicitante da subvención opte pola instalación do sistema GPS, e este non estea validado e operativo polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, a empresa instaladora del deberá presentar previamente para a súa validación un equipo no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Os equipos deben estar preparados para a súa integración dentro do sistema TAXGAL (Sistema de Emerxencias de Taxis de Galicia, que consta dun número elevado de elementos: sistemas embarcados nos taxis, operador de telefonía, equipos receptores de alarmas, equipo integrador de alarmas e postos de atención e seguimento) no contorno da plataforma de operacións Séneca-Galicia do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, sendo imprescindible para a dita validación a realización dunha batería de probas desde o Centro de Emerxencias con presenza in situ do persoal da empresa instaladora e do persoal técnico do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Todos os custos que se deriven da dita integración e das probas necesarias serán por conta da empresa instaladora, sendo responsable o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia unicamente da atención das alarmas que entren directamente nel, e o correcto tratamento destas.

De non se ter obtido e acreditado ante a Dirección Xeral de Transportes, a validación e integración do equipo proposto no sistema do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia no prazo máximo dun mes contado desde o vencemento do prazo de presentación de solicitudes, a Administración non admitirá a solicitude formulada, sen prexuízo da súa consideración para a seguinte orde de convocatoria que, se é o caso, se puidese ditar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ao director xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para que, no ámbito das súas competencias, dite os actos necesarios para a correcta aplicación e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda