DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 07 de setembro de 2004 Páx. 12.472

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2004, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se lle dá publicidade ao laudo arbitral ditado ao abeiro do previsto no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo -AGA-, para a solución da discrepancia xurdida na determinación do convenio colectivo aplicable a un grupo de traballadores que fan o mantemento nas instalacións de Sogama en Cerceda, pertencentes á empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L.

Visto o texto do laudo arbitral do 23 de xuño de 2004 ditado ao abeiro do establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo -AGA- para solucionar o conflito xurdido entre a representación social e a representación da empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L., en relación coa determinación do convenio colectivo aplicable a un grupo de traballadores da citada empresa que fan o mantemento nas instalacións de Sogama en Cerceda, e en cumprimento do artigo 2 f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, en relación co artigo 90.2º

do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do citado laudo arbitral no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de xullo de 2004.

Cristina Azpilcueta González

Delegada provincial da Coruña

LAUDO ARBITRAL

Carlos Doménech de Aspe, designado árbitro en acta de compromiso arbitral con data do 21 de xuño de 2004, subscrita pola representación da empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L., e o delegado de persoal e representantes das centrais sindicais UGT e CIG, con base no establecido no Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo (AGA), visto o expediente e oídas as alegacións das partes, dita este laudo.

Obxecto da arbitraxe.

Determinación do convenio colectivo aplicable a un grupo de traballadores que fan o mantemento nas instalacións de Sogama en Cerceda, pertencentes á empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L.

Antecedentes.

A empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L. é subcontratista da empresa UTE O.I.M. Sogama, e realiza no que se refire aos traballadores afectados por esta arbitraxe, incluídos os denominados rondistas, funcións de mantemento no complexo ambiental de Cerceda.

A empresa aplica a estes traballadores, segundo recoñece na comparecencia, o convenio colectivo de siderometalurxia da provincia de Biscaia.

A representación dos traballadores presenta conflito colectivo, solicitando a aplicación do convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama).

Na conciliación celebrada polas dúas representacións, de empresa e traballadores, acordan someter o punto controvertido a unha arbitraxe do AGA, polo que a decisión sobre a aplicación ou non do convenio citado se somete a esta resolución arbitral no marco do AGA, mediante compromiso do 21 de xuño de 2004.

O árbitro convoca as partes, que comparecendo con data 21 de xuño de 2004, coa asistencia de ámbas as dúas representacións, expoñendo ao árbitro os puntos e formulando as alegacións que estimaron convenientes.

A representación da empresa argumenta, en síntese, que entende que o convenio aplicable debe ser o do metal, xa que a función de mantemento que desempeñan estes traballadores, a diferenza doutros produtores da empresa neste centro de traballo, está directamente relacionada con esta actividade.

Pola súa parte, a representación social manifesta que o ámbito de aplicación do convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama) claramente inclúe a estes traballadores, polo que debe de ser considerado como o axeitado legalmente para aplicar as condicións de traballo.

Consideracións e fundamentos xurídicos.

A controversia sometida a laudo arbitral limítase á determinación de se é aplicable o convenio das empresas subcontratistas de Sogama e, para isto, é preciso acudir ao recollido no artigo 1º do dito convenio, que textualmente di no seu primeiro parágrafo: «Este convenio colectivo será de aplicación a todos os traballadores e empresas que presten actualmente ou poidan prestar nun futuro os seus servizos nun centro de traballo do Complexo Ambiental de Cerceda (Sogama), fixos e eventuais, calquera que sexa a súa modalidade de contrato ou a súa categoría profesional».

Da lectura deste precepto, nunha primeira apreciación, é clara e non deixa lugar a ninguha dúbida a aplicación do convenio aos traballadores da empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L., que desenvolven o seu labor no recinto de Sogama, independentemente da modalidade de contrato e categoría profesional, xa que se trata dunha empresa que, na súa calidade de subcontratista desta, presta os seus servizos neste centro de traballo.

É necesario, non obstante, examinar o resto do artigo por se puidese estar afectada a empresa nalgunha das exclusións que contén.

O segundo parágrafo determina: «Quedan expresamente excluídos os traballadores de empresa que poidan prestar algún tipo de colaboración accesoria en traballos que que non sexan da propia actividade destas instalacións». Da realidade examinada e posta de manifesto polas partes na comparecencia ante o árbitro, non pode deducirse que o labor encomendado a esta empresa poida cualificarse de accesorio, xa que o mantemento normal é necesario e esencial para o funcionamento da actividade produtiva e, loxicamente, é consubstancial á actividade das instalacións, feito que referenda a antigüidade de grande parte dos produtores afectados que, como prestación de servizos normal, levan desenvolvendo este traballo no complexo.

O terceiro parágrafo do artigo 1º establece: «Así mesmo, quedan excluídas as empresas ou traballadores que, con convenio propio ou sectorial, teñan condicións superiores ás deste convenio en cómputo anual».

Nin a empresa ten convenio propio, nin o que manifesta estar aplicando, o de metal de Biscaia, polo seu ámbito xeográfico, pode entenderse legalmente aplicable, sen prexuízo de que, no caso de que o resultado de feito fose a concesión de condicións máis beneficiosas, sería de aplicación, como garantía ad personam, o artigo 5º do convenio colectivo. Por outra parte, a posible aplicación dun convenio sectorial debería engadir, á inclusión no seu ámbito, a consideración de ter condicións superiores, feito que, independentemente da súa compoñente subxectiva recoñecida doutrinal e xurisprudencialmente, non recoñecen os traballadores afectados pola inaplicación do convenio de centro de traballo, ao que consideran máis beneficioso.

En consecuencia, estando incluído no seu ámbito de aplicación e non apreciándose que se estea incurso nalgunha das exclusións que se sinalan no seu articulado, considérase, a xuízo deste árbitro, que aos traballadores afectados por esta decisión arbitral lles é de aplicación legalmente o convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama).

Por todas as consideracións apuntadas, dita a seguinte resolución:

É de aplicación o convenio colectivo de centro de traballo das empresas que prestan servizos no Complexo Ambiental de Cerceda, como subcontratistas da Sociedade Galega de Medioambiente (Sogama), recollido na Resolución do 25 de xuño de 2002 (publicado no DOG do 22 de xullo de 2002), aos traballadores da empresa Nervión Montajes y Mantenimientos, S.L., que realizan as funcións de mantemento que ten subcontratadas no citado complexo.

Este laudo poderá ser impugnado ante a xurisdición social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo.

Dado na Coruña o 23 de xuño de 2004.

Carlos Doménech de Aspe

Árbitro