DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Martes, 07 de setembro de 2004 Páx. 12.470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 6 de agosto de 2004 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, e tendo en conta os seguintes

Feitos.

1. José Eugenio Rey Fernández, na súa condición de presidente do Ilustre Colexio Oficial de Veterinarios da Coruña, en escrito do 14 de maio de 2004, formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, á que están incorporados os seus estatutos, outorgada na Coruña o día 22 de marzo de 2004 ante o notario do Ilustre Colexio de Galicia, Francisco Manuel Ordoñez Arman, co número novecentos trinta e sete do seu protocolo.

3. A Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia ten por obxecto a elaboración e execución de programas formativos de carácter profesional, científico ou cultural para os veterinarios colexiados e organizar e promover actividades e servizos comúns de interese para os colexiados de carácter profesional, formativo, cultural ou asistencial, tal e como se establece no artigo 5 dos seus estatutos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 ºe 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede á súa clasificación como de interese social e á súa adscrición á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia,

Relacións Institucionais e Administración Pública do 13 de maio de 2004 (Diario Oficial de Galicia do 7 de xuño de 2004), clasificouse como de interese social a Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia e adscribiuse á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; á súa capacidade para constituíla e a súa voluntade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída pola achega do fundador dun total de trinta mil euros; e a designación das persoas naturais que constituen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, o seu enderezo na rúa María Puga Cerdido, s/n, Edificio Lugrís Vadillo, 1º, Matogrande, A Coruña (artigo 1); a súa duración (artigo 2); o seu rexime normativo (artigo 3); a súa personalidade e capacidade xurídica (artigo 4) o seu obxecto e finalidade (artigo 5); as regras para o destino das rendas e ingresos e para a determinación dos beneficiarios (artigos 6 e 7); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 8 a 14).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 16 de xullo de 2004, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, modificado polo Decreto 161/2004, do 13 de febreiro, correspóndelle a esta Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro

de Fundacións de Interese Galego da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade no indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, da Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia, polo que procede ditar a presente orde. Por todo iso

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación para o Avance Científico da Veterinaria en Galicia.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2004.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural