DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 02 de setembro de 2004 Páx. 12.338

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2004, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación da provincia de Ourense, para os anos 2004 e 2005.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de alimentación da provincia de Ourense, para os anos 2004 e 2005, código de convenio número 3200545, que subscribiu con data do 1 de xuño de 2004 a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), en representación da parte económica, e as centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores (UGT), Unión Sindical Obreira (USO), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Federación de Traballadores Independentes de Comercio (Fetico), en representación dos traballadores do sector, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación

provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 15 de xuño de 2004.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio de alimentación

da provincia de Ourense (anos 2004-2005)

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio afecta a todas as empresas de alimentación da provincia de Ourense. Nelas inclúense os almacenistas e distribuidores; os comercios de retallistas; os supermercados e autoservizos; os economatos; as chacinarías; as carnizarías e pescadarías; e, en xeral, todas as empresas dos sectores de comercio-alimentación e comercio-gandaría.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de dous anos; comezará a rexer o 1 de xaneiro de 2004 e finalizará o 31 de decembro de 2005.

O convenio prorrogarase por períodos anuais mentres non sexa modificado por outro que o substitúa, ou non medie denuncia por parte de calquera dos representantes empresariais ou sindicais que interviñesen na negociación, con dous meses de antelación como mínimo ao final da vixencia.

Unha vez producida a denuncia do convenio nos termos establecidos no parágrafo anterior, as partes comprométense a constituír a comisión negociadora antes de finalizar o mes de febreiro e iniciar a negociación efectiva na primeira quincena do mes de marzo.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións que se establecen neste convenio serán compensables e absorbibles en cómputo anual de acordo coa lexislación vixente, respectando as situacións persoais de igual forma.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada máxima de traballo queda establecida en 1.820 horas ao ano. Respecto ao número de horas anuais acordadas, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular da xornada en períodos de catro meses.

Neste período cuadrimestral a distribución semanal poderá superar as 40 horas de traballo, co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensarase nos períodos de menor traballo. Antes do inicio de cada período de distribución irregular da xornada publicarase, con 15 días de antelación, o calendario correspondente ao citado período.

Os días 24 e 31 de decembro a xornada laboral, dos centros de traballo afectados por este convenio, finalizará ás 20.00 horas. O inventario anual que se realice nas empresas deberá quedar comprendido dentro da xornada ordinaria.

Anualmente, a empresa comunicaralles aos representantes dos traballadores o calendario laboral, que comprenderá o horario de traballo e a distribución anual dos días de traballo, festivos e descansos semanais ou entre xornadas e outros días inhábiles, tendo en conta a xornada máxima anual ou, se é o caso, a pactada. O calendario deberá exporse en sitio visible en cada centro de traballo. Este calendario deberá confeccionarse nos dous primeiros meses do ano.

Artigo 5º.-Vacacións.

O persoal comprendido neste convenio terá un período anual de vacacións de 31 días naturais.

As vacacións poderanse desfrutar no transcurso do ano. É obrigatorio para a empresa conceder 18 días naturais no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, de forma rotativa. Se o primeiro día de vacacións coincide en sábado ou véspera de festivo, estas empezarán a computar o primeiro día hábil. A empresa, de común acordo co comité de empresa e os delegados de persoal, elaborará un calendario de vacacións, que deberá quedar confeccionado antes do 31 de marzo do ano que corresponda. O traballador coñecerá as datas que lle correspondan con dous meses de antelación.

Se antes do período vacacional, o traballador sufrise un accidente laboral, non se computarán para efectos de vacacións os días que durase a baixa. Neste suposto, de común acordo entre a empresa e o traballador sinalarase un novo período vacacional equivalente aos días pendentes de desfrute.

A empresa, por solicitude do traballador, estará obrigada a lle entregar ao traballador un xustificante con expresión das datas de inicio e remate destas.

Artigo 6º.-Horas extras.

Terán a consideración de horas extraordinarias cada unha das horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

As horas extraordinarias realizadas retribuiranse cun incremento do 75% e as realizadas en domingo ou días festivos retribuiranse co 100% de recarga.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 ao ano. A prestación de traballo en horas extraordinarias será voluntaria.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente. Así mesmo, entregaráselle copia deste rexistro ao traballador no parte correspondente, así como ao comité de empresa, ou se é o caso, delegado de persoal.

Por común acordo entre empresa e traballador poderase substituír a compensación económica destas horas extras, por descanso compensatorio na mes

ma porcentaxe de recarga en que están retribuídas. Ambas as partes acordan a conveniencia de reducir ao mínimo indispensable as horas extraordinarias, conforme os seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias que veñan exixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

3. Horas extraordinarias estruturais, que son as necesarias para pedidos ou períodos punta de produción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estrutural derivadas da natureza da actividade de que se trate: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei.

Artigo 7º.-Licenzas e permisos.

Todo traballador, se avisa con suficiente antelación e o xustifica posteriormente, terá dereito aos seguintes permisos retribuídos, sen prexuízo dos establecidos na lexislación vixente.

a) Matrimonio civil ou relixioso: 16 días.

b) No caso de nacemento, falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 4 días. Se mediase desprazamento: 6 días.

c) Por traslado do domicilio habitual: 2 días.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación de persoal nos termos establecidos legal e convencionalmente.

f) No caso de saídas ao médico, o tempo empregado cando a visita coincida co horario de traballo.

g) As traballadoras por lactación de fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia ao traballo que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, por propia vontade, poderá substituír este dereito pola redución da xornada en media hora para esta finalidade. Este dereito poderán desfrutalo indistintamente o pai ou a nai sempre que ambos traballen.

h) Nos casos de nacementos de fillos prematuros ou que por calquera causa, deban permanecer hospitalizados a continuación do parto, a nai ou o pai terán dereito a ausentarse do traballo durante unha hora. Así mesmo terán dereito a unha redución da súa xornada de traballo nun máximo de dúas horas coa diminución proporcional do salario.

i) Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico ou psíquico ou sensorial, que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito

a unha redución da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre polo menos un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

j) As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo con dereito a remuneración para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, logo de aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada laboral.

k) Un día natural en caso de matrimonio de pais, fillos, irmáns, e irmáns políticos na data de celebración da cerimonia. Non poderán coincidir máis de dous permisos no mesmo centro de traballo, debendo o traballador que teña dereito a este permiso, solicitalo con polo menos 15 días de antelación.

l) Os traballadores terá dereito a desfrutar dous días por asuntos propios, se ben estes non poderán ser acumulados a vacacións, pontes ou días de Nadal.

Salvo a licenza recollida na letra a), as parellas de feito debidamente acreditadas mediante a súa inscrición no rexistro municipal poderán desfrutar das anteriores licenzas e permisos.

No non previsto, aplicarase o disposto na Lei 39/1999, do 5 de novembro, de conciliación da vida familiar e laboral das persoas traballadoras.

Artigo 8º.-Excedencias.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender o coidado de cada fillo, tanto se o é por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento, ou se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a un ano, os traballadores para atender o coidado de cada familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non se poida valer por si mesma e non desempeñe actividade retribuída.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o disposto neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación para cuxa participación deberá ser convocado polo empresario especialmente con ocasión da súa reincorporación.

Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo; transcorrido este período a reserva será dun posto de traballo do seu mesmo grupo profesional.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias, consistentes nunha mensualidade dos salarios vixentes en cada momento máis a anti

güidade correspondente; así mesmo o complemento de permanencia segundo o convido no artigo 11º. Estas pagas serán aboadas da seguinte maneira:

a) Paga de verán, antes do 20 de xullo.

b) Paga de Nadal, antes do 20 de decembro.

c) Paga de primavera, antes do 21 de marzo.

A paga de primavera devengarase do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano anterior ao seu aboamento.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

O incremento salarial para o 2004 será dun 4% sobre a táboa salarial de 2003.

Para 2005, o incremento salarial será a porcentaxe que resulte de sumar ao IPC real resultante o 31 de decembro de 2004+1%, unha vez que este sexa constatado polo INE. Este incremento tamén se aplicará sobre as axudas de custo e a gratificación de actividade.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade e aumentos periódicos por ano de servizo que se viña aboando por porcentaxes segundo os anos de antigüidade na empresa, queda modificado polo acordo entre as partes por entender que dificulta a contratación indefinida e permanencia dos traballadores que accedan agora ou accedesen nos últimos anos, a un posto de traballo.

Por iso, e coa intención de promover e consolidar a contratación indefinida e o emprego no comercio de alimentación, acórdase modificar o complemento de antigüidade previsto ata o de agora no convenio da seguinte forma:

a) Os traballadores que o 1 de xaneiro de 1998 viñesen percibindo unha cantidade en concepto de antigüidade, seguirana percibindo en concepto de antigüidade consolidada.

b) A esta antigüidade consolidada haberá que lle engadir a parte proporcional xerada desde o cumprimento do último cuadrienio ata o 31 de decembro de 1997.

c) Os traballadores que figuren de alta o 1 de xaneiro de 1998 percibirán, durante a vixencia do seu contrato, unha gratificación de permanencia que se establece do seguinte modo:

-Esta gratificación aboarase a partir do 1 de xaneiro de 1998, desde o día 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de cada ano, e aboarase distribuída entre as 3 pagas extraordinarias no ano seguinte á súa aplicación.

-A contía desta obterase de multiplicar o salario base anual do convenio polo 1,25% (para a súa distribución entre as pagas extraordinarias).

d) Os traballadores contratados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 1998 non gozarán do complemento de antigüidade, dado que o concepto desapareceu como tal do convenio colectivo de comercio de ali

mentación de Ourense a partir do 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas todos os traballadores que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo, que imposibiliten o seu regreso e nos que faga falta efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou cando teñan necesidade de desprazarse a localidades onde a misión encomendada tamén exixa unha permanencia que obrigue a aloxarse.

A contía destas será a seguinte:

-Axuda de custo completa: 33,18 euros.

-Xantar: 12,44 euros.

-Cea: 8,29 euros.

-Almorzo: 2,50 euros.

Ou ben, mediante acordo coa empresa, utilizando o sistema de gastos por xustificar.

Artigo 13º.-Quilometraxe.

Cando o traballador teña que realizar por iniciativa da empresa, tarefas ou funcións nun centro distinto ao habitual, que estando dentro da provincia, non pertenza ao núcleo urbano, recibirá sempre que necesite facer uso do seu vehículo para o desprazamento, un complemento de 0,17 euros por quilómetro.

Artigo 14º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

En caso de incapacidade temporal debido a enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime asistencial desta, a empresa complementará o salario ata o importe íntegro das súas retribucións, ata o límite dos 12 meses, aínda que o traballador fose substituído.

O persoal que, con carácter obrigatorio, non estivese comprendido na Seguridade Social e opte por gozar a cobertura do réxime xeral, percibirá con cargo á empresa os mesmos beneficios económicos que regularmente estean escritos no dito seguro; é dicir, deducirase en calquera caso o importe das prestacións que se terían que percibir da Seguridade Social, no suposto de que voluntariamente se inscribisen.

No referente ao persoal que, no caso de enfermidade común ou accidente laboral, non teña cumprido un período de cotización de 180 días dentro dos cinco anos inmediatamente anteriores ao feito causante, a empresa estará obrigada a satisfacer a retribución básica ata que sexa cuberto o mencionado período de carencia.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

As empresas estarán obrigadas a lles facilitar aos seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. Aos condutores e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupa de auga. O seu uso será obrigatorio.

Artigo 16º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O traballador que opere en cámaras de conxelación, con independencia de que sexa dotado de pezas de roupa adecuadas ao seu cometido, percibirá unha gratificación do 20% do seu salario base, sempre e cando traballe máis do 25% da súa xornada nestas cámaras.

Artigo 17º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ao traballador, a empresa comprometerase a lle facilitar ao traballador afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional, sen que con isto se vexa minguado o seu salario.

A empresa pagará as multas orixinadas por excesos de carga, mal aparcamento, no caso de carga e descarga, e número de viaxeiros excesivo, que teñan condición de persoal ao servizo da empresa; así como cando no tacógrafo apareza un exceso de horario autorizado.

Artigo 18º.-Garantía ad personam.

As condicións laborais pactadas neste convenio entenderanse con carácter de mínimas e deben ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan gozando os traballadores mentres sexan máis beneficiosas que as establecidas aquí.

Con respecto a isto, aclárase que, sobre a denominación de gratificación familiar para aqueles traballadores que a teñan recoñecida en nómina a 31 de maio de 1991, estes manterán a súa contía actual, deixando de percibila ou diminuíndo no momento en que desaparezan legalmente as circunstancias da súa aplicación.

Artigo 19º.-Descanso semanal.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un descanso semanal de día e medio, que como regra xeral, comprenderá a tarde do sábado ou no seu lugar a mañá do luns e o día completo do domingo, salvo que mediante acordo entre a empresa e os traballadores se pacten outras condicións.

As festas laborables terán carácter retribuído e non recuperable. Cando coincida o persoal de ruta con festa local, a empresa compensará ese día co descanso do día seguinte, sempre e cando este non sexa festivo, caso no que pasará ao seguinte día.

Artigo 20º.-Gratificación de actividade.

Todos os traballadores percibirán en concepto de gratificación de actividade a cantidade de 42,54 euros mensuais, aplicándose a citada cantidade en 12 mensualidades.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ambas as partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria integrada por tres membros das asociacións empresariais, un de CC.OO., un de Fetico, un de UGT, e un da USO.

Artigo 22º.-Delimitación das funcións do condutor.

Chofer de 1ª: é o traballador que, cos coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos para cuxo manexo se exixe o permiso de conducir de 1ª especial ou 1ª, coida da conservación destes, cobra a mercadoría de acordo coas instrucións que recibe e debe participar na carga e descarga.

Chofer de 2ª: é o traballador que, cos coñecementos e permisos necesarios, conduce vehículos para cuxo manexo se exixe o permiso de conducir de 2ª ou de 3ª clase, cobra a mercadoría de acordo coas instrucións que recibe e debe participar na carga e descarga. O condutor de 1ª terá a categoría de oficial de 1ª ou de oficial de 2ª.

Artigo 23º.-Igualdade no traballo.

Respectaranse os principios de igualdade no traballo par todos os efectos e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

En todas as empresas afectadas polo presente convenio con máis de 250 traballadores, as centrais sindicais poderán nomear un delegado sindical sempre que teñan representación no comité.

As empresas están obrigadas a entregar copia básica do contrato á representación legal dos traballadores (comités de empresa, delegados de persoal), que asinará o correspondente recibín para acreditar que se realizou tal entrega.

Artigo 25º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven polo menos 10 anos na empresa e causen baixa voluntaria nela a partir dos 60 anos e ata os 65 anos, terán dereito a desfrutar de vacacións retribuídas. Se a baixa se produce aos 60 anos, as vacacións terán unha duración de 6 meses, reducíndose un mes por cada ano, ata alcanzar os 65.

Os traballadores que igualmente cesen voluntariamente aos 65 anos percibirán dous meses de vacacións retribuídas. O desfrute destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ao seu cesamento efectivo, debendo comunicar o traballador de forma que faga fe á empresa a súa decisión. A empresa faralle entrega ao traballador que solicite o premio de vacacións dun certificado acreditativo do seu des

frute, no que constará o número de meses aos que ten dereito. Durante este período percibirá o salario base, antigüidade, gratificación de actividade e gratificación de permanencia.

Considerarase obrigatoria a xubilación aos 65 anos para todos os traballadores afectados por este convenio.

Artigo 26º.-Vixilancia da saúde.

As empresas velarán pola realización de recoñecementos médicos, que inclúan análises de sangue e de orina, tanto iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes.

Por outra parte, os traballadores estarán obrigados a someterse a todos os recoñecementos médicos que dispoñan as empresas a cargo destas, tanto en situación activa como en situación de IT (incapacidade temporal) ou semellante.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector, entregándoselle ao traballador o resultado do recoñecemento.

Entregaranse nun prazo máximo de cinco días contados desde a data de recepción destes.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 27º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto, a intimidade e/ou a liberdade dos/as traballadores/as, condutas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuados como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase en grao máximo.

O comité de empresa, a xunta de persoal, a sección sindical ou o representante dos traballadores e a dirección da empresa velarán polo dereito á intimidade do/a traballador/a, procurando preservar a súa intimidade cando así lles fose requirido.

(*) Como normativa de referencia debe terse en conta o acordo de substitución da Ordenanza laboral do comercio.

Artigo 28º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para todos os traballadores contratados durante a vixencia do presente convenio, que será o seguinte:

Grupos de tarifa 1 e 2: 6 meses.

Grupos de tarifa 3 a 8: 3 meses.

Grupos de tarifa 9 e seguintes: 15 días laborables.

Artigo 29º.-Sumisión ao AGA.

Ante a importancia que pode ter para a solución pacífica dos conflitos laborais a elaboración do Acor

do interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos (AGA), asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, as partes que asinan este convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

Artigo 30º.-Clasificación do persoal.

O persoal ao servizo das empresas afectadas por este convenio colectivo quedará encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais, en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas en cada grupo profesional non son exhaustivas, se non meramente enunciativas.

Grupo I. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, cun alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios co fin de lograr os obxectivos operativos marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores que desempeñan unha actividade baixo especificacións precisas, cun certo grao de autonomía, podendo coordinar o traballo dun equipo e realizar aquilo que requira unha pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, que estean ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instrucións concretas, con dependencia xerárquica e funcional total. Exíxeselles o coñecemento total do seu oficio. Así mesmo, as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

Artigo 31º.-Modalidades de contratación.

a) Contratos para a formación.

Pódense realizar contratos para a formación con traballadores maiores de 16 e menores de 21 anos. O salario de contratación será igual ao salario base da súa categoría durante a vixencia do contrato.

b) Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 100% do salario da súa categoría profesional durante a vixencia do contrato.

c) Contrato por obra ou servizo determinado (artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co establecido no artigo 15.1º a) do Estatuto dos traballadores, ademais dos contidos xerais establecidos nel, identifícanse como tarefas con substantividade propia, dentro da actividade normal das empresas do sector que se poden cubrir con contratos para a realización de obras ou servizos

determinados, os supostos de consolidación comercial nos casos de creación ou ampliación de establecementos comerciais. Nestes casos a duración máxima dos contratos será de dous anos.

d) Contrato por circunstancias do mercado (artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores).

De conformidade co artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, de cara a unha menor precarización do emprego e buscando aproveitar ao máximo as posibilidades de emprego que derivan do actual ciclo económico, o contrato, debido ás circunstancias de mercado ás que se refire o citado artigo, poderase asinar cunha duración máxima de doce meses nun período de dezaoito meses.

e) Contratación indefinida.

Nas empresas que teñan máis de 30 traballadores deberán ter como mínimo o 50% de emprego fixo nos seus cadros de persoal a 31 de decembro de 2005.

De acordo co establecido na Lei 12/2001, ambas as partes acordan que durante a vixencia deste convenio (2004-2005) será posible a conversión de todos os contratos temporais, realizados durante a súa vixencia, en contratos para o fomento da contratación indefinida regulados pola lexislación mencionada.

Artigo 32º.-Indemnización á contratación.

Para aqueles contratos de duración determinada, establécese unha indemnización equivalente a un día por mes traballado. Quedan excluídos do cobro desta indemnización os contratos de interinidade ou substitución sexa cal sexa a causa, e fundamentalmente se se trata de maternidade, vacacións, ou incapacidade temporal.

Se o traballador rescindise voluntariamente o seu contrato antes da súa finalización ou da de calquera das súas prórrogas, perderá o dereito a percibir a indemnización prevista neste artigo. Dereito que tamén perderá se, finalizado o contrato, o traballador continuase na empresa.

Artigo 33º.-Mobilidade xeográfica.

Desprazamento: as empresas poderán desprazar o seu persoal a outros centros de traballo distintos daquel no que presten os seus servizos durante calquera período de tempo, baseando o citado desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de produción ou de contratación.

Traslado: enténdese por traslado ou desprazamento a outro centro de traballo que implique cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo do novo destino dista máis de 40 km do seu centro de traballo actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos considerados na lei establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA no caso de desacordo da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentenza favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ao novo centro de traballo de 30 días.

Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos. Se, debido ao traslado, un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ao traslado á mesma localidade. Os casos de traslado, segundo a definición anterior, darán lugar ao dereito do traballador trasladado aos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para el e os familiares que vivan á súa conta.

-Transporte do mobiliario, roupa e utensilios do seu fogar.

-Indemnización por cambio de vivenda, consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional nun único pagamento.

-Compensación durante 12 meses da diferencia de custo de vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

Unha vez notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servizo, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 34º.-Maternidade.

De conformidade co artigo 48 do Estatuto dos traballadores, no suposto de parto, a muller ten dereito á suspensión do seu contrato durante un período de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. O mes de vacacións correspondente poderá ser desfrutado antes ou despois da baixa por maternidade a elección da traballadora. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade, ou se é o caso, do período que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ao iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar para que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas, e ao final do citado período, salvo que no momento da súa efectividade, a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

No suposto de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración máxima de dezaseis semanas ininterrompidas ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas a elección do traballador ben a partir da resolución administrativa ou xudicial de acollemento a partir da que se constitúe a adopción.

A empresa definirá os postos de traballo con risco que afecten especificamente á muller embarazada ou ao feto, para o que elaborará unha relación de postos alternativos para ocupar nestas circunstancias.

Se non existise posto de traballo ou función compatible co seu estado, poderá declararse o paso da traballadora á situación de suspensión do contrato de traballo por risco durante o embarazo.

No non previsto, será de aplicación a Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a conciliación da vida laboral e familiar das persoas traballadoras.

Artigo 36º.-Comisión de seguimento da contratación.

Establécese unha comisión de seguimento da contratación que estará formada pola comisión paritaria do convenio, sendo os seus compoñentes os mesmos que procederon á sinatura do convenio.

Artigo 37º.-Vinculación á totalidade.

Este convenio colectivo do comercio de alimentación de Ourense é considerado como un todo, polo que a anulación de calquera artigo deste pola autoridade laboral ou xudicial, levará consigo e deixará sen efecto o acordado na negociación de 2004, debéndose proceder á renegociación do convenio.

ANEXO

Táboa salarial

GrupoCategoríasSalario baseSalario

anual

I.A)Director.850,5712.758,55

I.B)Xefe de administración, xefe de vendas, jefe de compras.797,4211.961,30

I.C)Supervisor, coordinador xeral, xefe de centro.744,2211.163,30

II.A)Xefe de almacén, xefe de supermercado, xefe de sección.701,7210.525,8

II.B)Analista, responsable de expedición, recepcionista.691,8910.378,35

II.C)Oficial administrativo, programador.669,8110.047,15

III.A)Mecánico, electricista, oficial de 1ª chofer, operador informática, capataz, viaxante.648,589.728,70

III.B)Dependente, oficial de 2ª chofer, auxiliar de caixa repoñedor, auxiliar de caixa dependente, auxiliar de caixa, auxiliar de gravación, auxiliar administrativo, axudante mecánico, axudante electricista, peón de mantemento, mozo especializado.616,679.250,05

GrupoCategoríasSalario baseSalario

anual

III.C)Telefonista, mozo de reparto, mozo repoñedor, oficial de 3ª, axudante, persoal de limpeza.595,408.931,00

Partes asinantes:

-Parte empresarial: CEO.-Parte sindical: UGT, USO, CC.OO. e FETICO.