DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 02 de setembro de 2004 Páx. 12.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de xullo de 2004 de aprobación definitiva do proxecto de Plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural dos Muíños, concello de Barbadás (Ourense). (Expediente DOU-0011).

O municipio de Barbadás (Ourense) dispón dun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Pleno do concello en sesión do 19 de xullo de 2002, publicado no número 186 do BOP de Ourense, do 14 de agosto.

A zona dos Muíños está clasificada polo plan xeral como solo de núcleo rural, para desenvolver mediante un Plan especial de mellora do medio, e no seu contorno como solo rústico de protección do contorno e do medio rural dos Muíños. O ámbito do proxecto do plan especial abarca estas dúas clasificacións de solo nunha área de 180.165,62 m, dos que soamente 18.860,26 m (un 10%) corresponden ao solo clasificado como de núcleo rural.

O proxecto de razón promóvese como Plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural, en atención ao disposto no artigo 72 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (desde agora Louga).

Os fins do proxecto tramitado son os seguintes: protexer o ámbito singular dos Muíños; coordinar a execución de dotacións urbanísticas agora inexistentes; e protexer, rehabilitar e mellorar o medio rural.

Terminada a fase de redacción do documento, o Pleno do Concello de Barbadás, en sesión do 15 de setembro de 2003, acordou a aprobación inicial do proxecto, que de seguido foi sometido a información pública, polo prazo dun mes e conforme sinala o artigo 87.2º da Louga, mediante anuncios inseridos nos xornais La Región e Faro de Vigo correspondentes aos días 18 e 19 de setembro de 2003, así como no número 186 do Diario Oficial de Galicia do 25 de igual mes e ano, sen que se foran formuladas alegacións. Tras iso, o proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno do concello en sesión do 29 de decembro de 2003.

Constan no expediente os informes favorables seguintes: do xefe de área da Confederación Hidrográfica del Norte (Comisaría de Augas de Oviedo)

con data 23 de outubro de 2003, coas precisións que nel constan; do director xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con data 30 de outubro de 2003; do Servizo de Programación e Planificación da Subdirección Xeral de Estradas desta consellería, do 10 de novembro de 2003, coas precisións que nel constan.

Así mesmo, constan os informes emitidos polo secretario do concello en setembro de 2003 e o 22 de decembro de 2003, e polo aparellador municipal con data do 23 de decembro de igual ano.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, na súa sesión do 22 de xullo de 2004, emitiu informe favorable sobre o proxecto de razón.

De conformidade co disposto no artigo 87 da Louga, a competencia para a aprobación definitiva deste tipo de plans especiais, previstos no artigo 72 da dita lei, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

En mérito do antedito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes técnico e xurídico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Ourense, con datas 16 e 20 de febreiro de 2004, respectivamente, e de acordo co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, do 22 de xullo de 2004, e cos das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes do 29 de xullo de igual ano, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desa mesma última data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto do Plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural dos Muíños, concello de Barbadás (Ourense), aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Barbadás o 29 de decembro de 2003.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do referido plan especial que se aproba definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46

da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda