DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 02 de setembro de 2004 Páx. 12.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de xullo de 2004 de aprobación definitiva do proxecto de modificacións puntuais das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Begonte (Lugo) para creación de dúas áreas de solo urbanizable industrial en Begonte e Baamonde. (Expediente LU-03005).

O planeamento urbanístico vixente no municipio de Begonte (Lugo) son as normas subsidiarias de planeamento municipal (NN.SS.) aprobadas definitivamente polo acordo do Pleno do Concello de Begonte o 3 de abril de 1997.

O expediente, promovido polo Concello de Begonte (Lugo), comprende dúas modificacións, coa finalidade de determinar dúas novas áreas de solo urbanizable non delimitado industrial, que na actualidade están cualificadas como solo non urbanizable común, e polo tanto rústico, por aplicación da disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (desde agora Louga). Estas áreas son as seguintes:

1. Área de solo urbanizable industrial nas proximidades de Begonte, cunha superficie aproximada de 24,72 ha, e que se constitúe como ampliación doutra área industrial, dunha superficie de 10,68 ha, xa prevista no planeamento vixente e que na actualidade está urbanizada e ocupada practicamente na súa totalidade.

2. Área de solo urbanizable industrial cerca do núcleo de Baamonde dunha superficie de 45,30 ha.

O obxecto do proxecto tramitado cumpre o sinalado no artigo 94 da Louga, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co disposto no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe

preceptivo desta consellería, que foi emitido, ao amparo do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, en dous informes con datas do 8 de agosto de 2003 e 10 de febreiro de 2004, nos que se sinalaron os particulares que neles constan.

O Pleno da Corporación, en sesión do 16 de febreiro de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que de seguido foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios insertados nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso correspondentes aos días 20 e 21 de febreiro de 2004, así como no número 38 do Diario Oficial de Galicia do 24 de igual mes e ano, presentándose unha alegación que foi rexeitada por acordo do Pleno do concello en sesión do 28 de abril de 2004. Tras iso, o proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno do concello en igual sesión.

Constan no expediente os informes favorables seguintes: da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo e da Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con datas 31 de xullo e 6 de agosto de 2003, respectivamente; da Unidade de Estradas de Lugo do Ministerio de Fomento, con datas 8 de agosto de 2003, no que atinxe á modificación en Begonte (nº 1), e 15 de setembro de 2003, no relativo á de Baamonde (nº 2), coas precisións que neles constan; así como o do Pleno da Deputación Provincial de Lugo do 29 de marzo de 2004.

Así mesmo, constan os informes emitidos polo arquitecto os días 11 de febreiro e 29 de marzo de 2004 e polo secretario municipal con datas do 11 de febreiro e 13 de abril de 2004.

Deberanse incluír, segundo o disposto no artigo 32.2º c) da LOUGA, como solo rústico de protección de infraestruturas as franxas de terreo exteriores á liña de edificación con respecto da estrada N-VI en Begonte, segundo xa se denotou como condición no informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 22 de xullo de 2004, emitido en virtude do disposto no artigo 95.2º da Louga, que veu entender a concorrencia das xustificacións demandadas no dito artigo, que están suficientemente recollidas no contido do proxecto que se tramita.

Co fin de cumprir o establecido no artigo 2 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental (redacción recollida no Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro), o concello de razón deberá darlle conta á Consellería de Medio Ambiente do contido do dito proxecto co fin de que esta determine se é necesario sometelo á avaliación de impacto ambiental.

De conformidade co disposto nos artigos 89.1º e 95.1º da Louga, a competencia para a aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias de planeamento que impliquen un cambio de clasificación de solo rústico en urbanizable, como sucede neste caso, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do

territorio, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo del Galicia.

En mérito do predito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo, con datas 1 de xuño e 20 de xullo de 2004, respectivamente, e de acordo co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 22 de xullo de 2004, e cos das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes, do 29 de xullo de igual ano, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desa mesma última data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificacións puntuais das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Begonte (Lugo) para a creación de dúas áreas de solo urbanizable industrial en Begonte e Baamonde, aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Begonte o 28 de abril de 2004, coas seguintes condicións:

a) Deberanse incluír, segundo o disposto no artigo 32.2º c) da sinalada Lei 9/2002, como solo rústico de protección de infraestruturas as franxas de terreo exteriores á liña de edificación con respecto da estrada N-VI en Begonte.

b) O Concello de Begonte deberá darlle conta á Consellería de Medio Ambiente do contido do dito proxecto co fin de que esta determine se é necesario ou non someter tal proxecto á avaliación de impacto ambiental, segundo o establecido no artigo 2 do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, segundo a redacción recollida no Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello de Begonte deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP, con posterioridade a que dea cumprimento ás condicións recollidas no artigo anterior e unha vez incorporados ao expediente e proxecto todos os particulares necesarios para tal efecto.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da

súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda