DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Xoves, 02 de setembro de 2004 Páx. 12.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de xullo de 2004 de aprobación definitiva do proxecto de modificación puntual do Plan Xeral Municipal do Concello de Valga (Pontevedra) no ámbito do solo rústico e do solo apto para urbanizar (SRAU-5) da Torre, concello de Valga (Pontevedra). (Expediente PO-04004).

O Concello de Valga (Pontevedra) conta cun Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente polo Pleno do concello o 30 de decembro de 1998.

O obxecto do expediente, promovido polo dito concello, é a reclasificación de dous ámbitos:

Un, de 67.160 m de superficie, clasificado no planeamento vixente como solo rústico común (SR), é dicir, sen especial protección, polo que non se aprecian valores relevantes que impidan a súa reclasificación.

Outro, de 67.680 m de superficie, clasificado na actualidade como solo rústico apto para urbanizar (SRAU-5). No seu interior, sobre unha parcela de 22.270 m, implantouse un equipamento deportivo.

Ambas as dúas parcelas veñen definir un único ámbito denominado SUD.1, no cal se diferencian dous sectores de planeamento e unha parcela destinada a sistema xeral de equipamento deportivo, a clasificar como solo urbanizable delimitado para uso industrial no 80% da superficie construída e terciario e oficinas para o restante.

A finalidade desta modificación atende á necesidade de incrementar o solo industrial para poder dar resposta á transcendente iniciativa e demanda de ampliación do solo urbano industrial lindante cos terreos do ámbito que agora se pretende modificar.

Por outra banda, incorpóranse as dotacións deportivas existentes ao sistema xeral de equipamentos e dotacións municipais.

Así pois, o obxecto do proxecto tramitado cumpre o sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (desde agora Louga), respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co disposto no artigo 93.4º da Louga, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido, precisando diversas observacións e ao amparo do disposto no artigo 85.1º da Louga, con data do 6 de marzo de 2003.

O Pleno da Corporación, en sesión do 18 de maio de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que a seguir foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios inseridos nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Arousa, así como no número 103 do Diario Oficial de Galicia do 31 de igual mes e ano, presentándose unha alegación que foi rexeitada por acordo do Pleno do concello en sesión do 5 de xullo de 2004. Despois diso, o proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno do concello en igual sesión.

Constan no expediente o informe favorable do xefe de Patrimonio de Galicia do Patrimonio e Urbanismo de Renfe, do 8 de xuño do ano que corre.

Así mesmo, constan os informes emitidos polo arquitecto técnico e secretario municipais, ambos os dous do 2 de xullo de 2004.

A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitiu informe favorable con data do 22 de xullo de 2004, en virtude do disposto no artigo 95.2º da Louga, que veu entender a concorrencia das xustificacións demandadas no dito artigo, que están suficientemente recollidas no contido do proxecto tramitado.

De conformidade co disposto nos artigos 89.1º, 93.4º e 95.2º da Louga, a competencia para a aprobación definitiva da modificación das normas subsidiarias de planeamento que comporten un cambio de clasificación de solo rústico en urbanizable, como sucede neste caso, correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

En mérito do dito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Pontevedra, do 19 de xullo de 2004, respectivamente, e de acordo co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia do 22 de xullo de 2004, e cos das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes, do 29 de xullo de igual ano, así como a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desa mesma última data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente o proxecto de modificación puntual do Plan Xeral Municipal do Concello de Valga (Pontevedra) no ámbito do solo rústico e do solo apto para urbanizar (SRAU-5) da Torre, aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello de Valga o 5 de xullo de 2004.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas desta modifica

ción aprobada definitivamente no BOP de Pontevedra.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda