DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 01 de setembro de 2004 Páx. 12.298

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 24 de agosto de 2004 pola que se convocan unhas xornadas sobre a duración da propiedade intelectual e as obras en dominio público.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2004, e de acordo

coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellaría de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a fundación AISGE e ASEDA, unhas xornadas sobre a duración da pro

piedade intelectual e as obras en dominio público, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Sendo a propiedade intelectual a máis sagrada das propiedades para os revolucionarios franceses, non sempre foi así, nin existe hoxe para sempre, por curioso e criticable que poida resultar. Naceu, en efecto, dun privilexio, e na actualidade é unha propiedade temporal cunhas facultades patrimoniais que se extinguen co paso do tempo.

O cómputo da duración e a duración mesma de tal propiedade varía en función de que esteamos en presenza de obras singulares, colectivas, en colaboración, póstumas, pseudónimas ou publicadas por partes, ao que hai que engadir cómputos e prazos diversos para os dereitos dos intérpretes ou executantes, os produtores de fonogramas ou de gravacións audiovisuais, as entidades de radiodifusión, certos editores ou, en fin, os titulares de dereitos sui generis sobre bases de datos.

A todo este cúmulo de asuntos, en por si difíciles, cómpre engadir que as duracións, en tempos pretéritos, eran outras e non as actuais para a propiedade intelectual, os dereitos de autor e os dereitos afíns a estes, razón pola que haberá que ter moi presente o dereito transitorio sobre a materia, a retroactividade das normas e os seus graos, xunto coas disposicións contidas en tratados, acordos e convenios internacionais ao respecto, co fin de saber se unha obra segue sometida ao dereito de autor ou caeu xa no dominio público.

Extinguidas, polo transcurso do tempo, as facultades patrimoniais inseridas na propiedade intelectual, as obras obxecto desta caen -dise- en dominio público, dominio cun alcance que é necesario explicar, indicando ata que punto implica a posibilidade do uso indiscriminado destas por todos, como tal uso debe ser responsable e adecuado, como debe respectar os dereitos morais dos autores sempre e, por máis abastanza e en bo número de casos, o que deu en chamarse dereito á personalidade pretérito dos que crearon tales obras.

Interesa destacar a existencia de supostos en que o dominio público, por diversas razóns, pode chegar a anticiparse, a existencia do chamado software libre e, noutros países que nos están próximos, a presenza, pasada ou presente, de remedios tales como o dominio público de pagamento ou a existencia, no seo da Administración pública, de entes de control e xestión das obras do espírito, sitas no dominio ao que nos vimos referindo.

De todo o anterior ocuparanse, entre outras materias, estas xornadas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A propiedade intelectual como propiedade temporal.

-A duración do dereito de autor.

-A duración dos outros dereitos de propiedade intelectual.

-O dereito transitorio sobre duración da propiedade intelectual.

-As obras en dominio público.

-O software libre e outros supostos de dominio público anticipado.

-Dominio público, dereitos morais e dereito á personalidade pretérita.

-Xurisprudencia, casos e cousas sobre duración e dominio público.

-Respecto do dominio de pagamento e da actividade de control da Administración na experiencia portuguesa.

-Outra perspectiva: duración e dominio público das obras do espírito no dereito cubano.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de reunións do Hotel Bahía Bayona de Baiona (Pontevedra) sito na avda. de Santa Marta, 13 da citada localidade, os días 22 e 23 de setembro de 2004.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 20 de setembro de 2004.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 21 de setembro das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de

cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou

superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2004.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública