DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 01 de setembro de 2004 Páx. 12.297

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de agosto de 2004 pola que se convocan dous cursos de formación en materia de consumo.

No uso das atribucións outorgadas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto Galego de Consumo, os cursos indicados no anexo I da presente resolución, que se desenvolverán de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta en todos os epígrafes que correspondan, a instancia que, como modelo, se recolle no anexo II desta resolución.

A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso que se solicita, así como á imposibilidade de participar en ningún curso no ano seguinte.

O prazo de presentación de instancias ramatará segundo se indica no anexo para cada curso.

As solicitudes de admisión ao curso axustaranse ao modelo recollido no anexo II desta resolución e dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela. As instancias presentaranse no rexistro da EGAP, pero poderanse utilizar, así mesmo, os sistemas previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participar o persoal que cumpra os requisitos específicos exixidos para cada actividade do referido anexo I.

Terceira.-Selección.

Os criterios selectivos que se utilizarán serán os recollidos no anexo I para cada unha das actividades programadas.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 11 de febreiro de 2004, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 34, do 18 de febreiro).

As relacións de seleccionados para participar nos cursos publicaranse nos taboleiros de anuncios da EGAP e do Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Cuarta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselle certificado de asistencia aos alumnos que participen con regularidade nas actividades programadas. É obrigatoria a asistencia e a puntualidade a todas as sesións previstas dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, ben que a falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá a expedición das correspondentes certificacións de participación e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

Quinta.-Modificacións.

A EGAP poderá modificar o desenvolvemento das actividades anunciadas co fin de adaptalas ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito a suspender a realización do curso de que se trate, utilizando para estes efectos os medios de notificación aos interesados previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2004

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

Curso: A calidade nos sistemas de inspección.

1. Obxectivos.

Difundir os conceptos básicos dun sistema de calidade. Coñecer o modelo europeo de xestión da calidade e as habilidades necesarias para a súa implantación nos servizos de Inspección de Consumo.

2. Destinatarios.

Persoal de control de mercado e instrución de procedemento do Instituto Galego de Consumo.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 20 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela, na sede da Escola Galega de Administración Pública.

3.3. Datas de realización: 7, 14, 21 e 28 de outubro de 2004.

3.4. Horario: de mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 50.

4. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 17 de setembro.

5. Contido.

Introdución á calidade. Xestión da calidade total (TQM). Modelo europeo da calidade total. Ferra

mentas (remuíno de ideas, TGN, diagramación, follas de recolla de datos etc.). A implantación de criterios de calidade na inspección de consumo. Experiencias.

Curso de deseño e avaliación de proxectos.

1. Obxectivos.

Introducir os responsables das oficinas municipais de Información ao Consumidor e das organizacións de consumidores no deseño, xestión e avaliación de proxectos formativos de consumo. Proporcionar as ferramentas necesarias para o desenvolvemento e avaliación dos proxectos.

2. Destinatarios.

Persoal das OMIC e das organizacións de consumidores que deseñan e xestionan os proxectos.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 12 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela, na sede da Escola Galega de Administración Pública.

3.3. Datas de realización: 19 e 20 de outubro de 2004.

3.4. Horario: de mañá e tarde.

3.5. Nº de prazas: 50.

4. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de setembro.

5. Contido.

Elementos da planificación. Tipos e niveis. A planificación no proceso de xestión. A análise da realidade. A formulación da hipótese e a definición dos obxectivos. A elaboración e desenvolvemento do proxecto. Os niveis da avaliación. Definición dos marcadores e deseño de instrumentos da avaliación. Elaboración de memorias e informes.