DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 01 de setembro de 2004 Páx. 12.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2004, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do comercio téxtil de Ourense para o ano 2004.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do comercio téxtil de Ourense para o ano 2004, codigo de convenio número 3200145, que se subscribiu coa data do 26 de maio de 2004, entre os representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Comercio Textil de Ourense, en representación da parte económica, e doutra polos das centrais sindicais: Unión Xeral de Traballadores (UXT), Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO.), en representación da parte social, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso

de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 9 de xuño de 2004.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio téxtil

da provincia de Ourense para o ano 2004

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio aféctalles a todas as empresas dedicadas ao comercio téxtil con centro de traballo na provincia de Ourense, aínda que a súa sede social tivera o seu domicilio noutra distinta, e serviralles a súa aplicación igualmente ás empresas que durante a vixencia deste convenio se instalasen na provincia.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio aféctalles a todas as empresas dedicadas ao comercio téxtil e a todos os traballadores incluídos no ámbito de aplicación territorial deste, salvo os que exerzan funcións do alto consello ou alta dirección.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións deste convenio comprenderán a todo o territorio da cidade de Ourense e da súa provincia.

Artigo 4º.-Vixencia, duración e denuncia.

Este convenio terá unha duración dun 1 ano, desde o 1 de xaneiro de 2004 ao 31 de decembro do 2004, e será de aplicación na súa totalidade ata que se asine outro que o substitúa.

O convenio prorrogarase de ano en ano, mentres que calquera das partes non o denuncie con antelación de alomenos tres meses ao termo en que expire a prórroga en curso.

A forma de denuncia será mediante comunicación escrita da parte que inste a negociación, á outra parte na que se fará constar a representación que ten, así como o ámbito de aplicación do convenio e modificacións que se propoña negociar.

Artigo 5º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste no centro de traballo para

o coñecemento do persoal. Así mesmo, as empresas colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social, co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 6º.-Soldo do convenio.

Os salarios das distintas categorías profesionais do persoal deste convenio son os que se detallan na táboa salarial que figura como anexo, respectándose para todo o persoal con contrato de traballo ou sen el unha vez cumpridos os 18 anos.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadoira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será estimado, de ser o caso, sobre o salario actualizado á data en que sexa pagado, e incluso cos beneficios para aqueles que regulamentariamente ou por pacto os teñan recoñecidos de tal maneira que o importe destas ha de ser igual ao das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 8º.-Premio de antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servizo serán cuadrienios na contía do 6% do salario base correspondente á categoría na que estea clasificado o trabaIlador, e que figure neste convenio.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supoñer máis do 10% aos 5 anos, do 25%, aos 15 anos, do 40% aos 20 anos e do 60%, como máximo aos 25 ou máis anos.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral para o 2004 será de 40 horas semanais. Os traballadores terán dereito a día e medio de descanso ininterrompido que comprenderá a tarde do sábado e o domingo ou ben a maña do luns, salvo que por acordo entre empresa e traballador se pacte o desfrute dese medio día en calquera outro día da semana. Cando a xornada diaria continuada exceda de seis horas, os traballadores desfrutarán dun descanso durante esta de 15 minutos.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a dous días e medio laborables e non recuperables, como consecuencia da aplicación do calendario laboral.

Estes días fixaranse de común acordo entre a empresa e os traballadores. A falta de acordo, os traballadores terán dereito a gozar os días 3 e 10 de novembro e a tarde do 17 de novembro. O medio día non será acumulable as vacacións, nin os festivos, nin se poderá solicitar coincidindo cos períodos de máis venda para o comercio.

Artigo 10º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse os dereitos adquiridos así como as cantidades superiores pactadas a título persoal que

teñan establecidas as empresas á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 11º.-Compensación e absorción.

As melloras deste convenio serán compensadas e absorbidas ata onde alcance no cómputo anual con aqueloutras que puideran establecerse por disposición legal, que estivesen establecidas pola empresa salvo que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 12º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven polo menos 10 anos traballando na empresa e causen baixa nela de xeito voluntario a partir dos 64 anos, terán dereito a gozar dun mes de vacacións retribuídas.

O gozo das vacacións retribuídas farase efectivo coa correspondente antelación ao cesamento efectivo da empresa, debendo comunicarlle ao traballador fidedignamente a súa decisión de cesar voluntariamente.

A empresa entregaralle un certificado da concesión do mencionado premio de vacacións, acreditativo da solicitude deste por parte do traballador.

Artigo 13º.-Dereitos e garantías sindicais.

a) As empresas deben cumprir a Lei 1/1995, do 24 de marzo, e os acordos nacionais asinados entre ambas as partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se presenten en relación coas condicións de traballo e de persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral, entidades xestoras da Seguridade Social segundo proceda sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información, que lles será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a situación de produción e vendas da empresa, sobre a súa programación de produción e evolución probable do emprego na empresa, coñecer o balance de resultados, a memoria, e no caso de revestir a forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lle dean a coñecer aos socios e nas mesmas condicións

que a estes. Emitir informe con carácter anterior sobre a reestruturación de cadros de persoal e cadros bancarios.

b) En todos os contratos, modificacións e prórrogas destes, poderase incluír xunto coa sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comité de empresa e delegados de persoal.

c) A dirección da empresa, no prazo de 1 semana, entregaralles a copia do contrato ou documento que o modifique aos representantes sindicais dos traballadores.

d) Cláusula sobre liquidacións. Todos os recibos de liquidación deberán especificar con claridade,

xunto cos demais conceptos endebedados ao traballador, os correspondentes atrasos de convenio e os derivados da aplicación das cláusulas de revisión.

e) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderán realizarse contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estrita causalidade da contratación. Por isto, a empresa notificaralles aos representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 14º.-Calendario laboral.

Todas as empresas afectadas por este convenio están obrigadas a confeccionaren un calendario laboral nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para todo o persoal afectado por este convenio.

A distribución destas, salvo pacto en contrario, será a seguinte: 15 días desfrutaranse entre o 1 de xuño e o 30 de setembro e os 15 días restantes de común acordo entre empresa e traballador.

Artigo 16º.-Fomento á contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, en prol dunha menor precariedade do emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias de mercado, ao que se refire o devandito artigo, poderá realizarse cunha duración mínima de 6 meses, e un máximo de 12 meses, ca única excepción dos períodos oficiais de rebaixas, festas do Nadal e desfrute de vacacións, nos que o dito contrato poderá ter unha duración inferior a 6 meses.

O seu réxime xurídico será equivalente ao do contrato por tempo indefinido en canto ao gozo de beneficios salariais, complementos, etc.

Este contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con, polo menos, 15 días de antelación e cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que esta indemnización corresponde por finalización do contrato ou das súas prórrogas. Se o contrato se rescindira antes de rematar a duración máxima deste, ou de cada unha das súas prórrogas por causa non imputable ao traballador, este terá dereito a percibir a indemnización que legalmente lle corresponda por despedimento.

No suposto de non se producir a extinción ao remate do tempo máximo de duración dos doce meses, se o traballador seguise prestándolle os seus servizos á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

Este contrato só poderá realizarse a xornada completa.

As partes asinantes deste convenio comprométense a recomendarlles aos seus afiliados a utilización des

te tipo de contrato, sempre que resulte aplicable, en lugar doutras modalidades de contratación temporal que están en vigor actualmente.

Artigo 17º.-Contratación fixa.

En prol dunha menor precariedade no emprego, as empresas incluídas no ámbito de aplicación do convenio, terán que ter en cada un dos establecementos que leven, polo menos tres anos abertos, un mínimo do 40% do cadro de persoal do dito centro con contrato fixo.

Artigo 18º.-Contratos formativos.

Os contratos para a formación regulados polo Real decreto 488/1998, realizaránselles a traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos. Terán unha duración máxima de 3 anos e mínima de 6 meses, de conformidade co estipulado no artigo 19 do Real decreto 488/1998. No non previsto neste convenio, en relación cos ditos contratos, haberá que aterse ao sinalado no devandito real decreto e lexilación vixente.

A retribución será a seguinte:

-No primeiro ano o 75% do salario da categoría do sector.

-No segundo ano o 85% da categoría do sector.

-No terceiro ano o 95% da categoría do sector.

Artigo 19º.-Contratos en prácticas.

Os contratos en prácticas regularanse polo preceptuado no Real decreto 488/1998, se ben a retribución dos traballadores contratados non poderá ser inferior ao 70% do salario do convenio para a categoría profesional na que vaia realizar as prácticas, para o primeiro ano, e o 80% do salario do convenio para a súa categoría profesional, para o segundo ano. No non previsto neste convenio, para esta contratación haberá que aterse ao sinalado no devandito Real decreto 488/1998 e lexislación que lle sexa de aplicación.

Artigo 20.

Modifícase o parágrafo 5º do nº 1 do artigo 40 do texto refundido da lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, que terá a seguinte redacción:

«O traballador que non optase pola extinción do contrato e se mostre desconforme coa decisión empresarial, poderá impugnala ante a xurisdición competente. Neste caso o traslado non se levará a cabo ata a resolución xudicial firme sobre este, a sentenza que declare xustificado ou inxustificado o traslado. No caso de ser xustificado o traslado, o traballador incorporarase ao seu novo centro de traballo no prazo máximo de 10 días naturais, contados desde a notificación da sentenza».

En todo o demais manterase integramente o texto do artigo 40 do menciona do texto refundido.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Queda prohibida a realización de horas extraordinarias que non teñan carácter estrutural.

Terán carácter estrutural as que viñeran esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos que poñan en perigo as instalacións e/ou materias primas almacenadas, as derivadas de avarías que requiran a reparación inmediata, así como as debidas a cambios de temporada, exposicións ou reorganización do almacén.

O resto das horas extraordinarias só terán a consideración de estruturais cando exista acordo expreso cos representantes sindicais. Cando se constate que o número de horas extraordinarias supera a cantidade de 40 horas semanais nunha mesma sección ou servizo da empresa, esta procederá á contratación do número de traballadores necesario para substituír a realización das ditas horas extraordinarias.

En todo caso, as horas extraordinarias serán compensadas con tempo de descanso a razón de 1,75 horas por hora extraordinaria realizada. O dito tempo de descanso gozarase de común acordo entre a empresa e os traballadores afectados, e unicamente serán remuneradas cando o traballador así o solicite.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente, e entregaráselles unha copia resumo mensual ao traballador e outra aos representantes sindicais dos traballadores.

Artigo 22º.-Baixa por IT.

No caso de baixa por accidente de traballo percibirase o 100% do salario correspondente ao traballador en baixa a partir do primeiro día de baixa. No que respecta á enfermidade común ou profesional, o persoal en situación de IT percibirá con cargo á empresa, polo período de 1 ano como máximo, o salario que lle corresponda por este convenio, incrementado cos aumentos por anos de servizo.

Artigo 23º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para todos os efectos e non se admitirá discriminación por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalía, etc. Así mesmo, as empresas garantirán o percibo de igual salario en igual función.

Artigo 24º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respeto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, condutas de acoso sexual verbais, graves ou leves en función da repercusión do feito (*), nos supostos que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, a xunta de persoal, a sección sindical ou os representantes dos traballadores/as e a dirección de persoal da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a ou procurando silenciar a súa identidade cando así fora requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na Orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 25º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade a empresa deberá conceder os permisos de 16 semanas ininterrompidas, ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada, sempre que as seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto, e poderán facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai e o pai traballen, aquela, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar a que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión sempre que sexan ininterrompidas e ao final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo supoña un risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de 9 meses, a suspensión terá unha duración máxima de 8 semanas, contados a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo é menor de 5 anos e maior de 9 meses, a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

No non previsto neste convenio haberá que aterse ao sinalado na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promover a conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 26º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas afectadas por este convenio só poderán non aplicar o réxime salarial pactado nel por acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de persoal de traballadores da empresa, aos que lles é de aplicación o convenio, mediante asemblea legalmente constituída. Ademais a desvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada por perdas nos últimos exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitarlle á comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito, no que conste os datos da empresa, a redución salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo deberá achegar a documentación que lle sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal deberá producirse no prazo de un mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo para aplicar na empresa afectada, que en ningún caso lle afectará a estrutura establecida para o salario do convenio.

En todo caso, o beneficio da non aplicación só se estende ata a finalización do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no

momento da solicitada. Unha vez rematado este, a empresa deberá recuperar o nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores reflectiranse nas actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 27º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, tras o aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 2 días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir: pais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos e netos políticos cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazarnento para o efecto, o prazo será de catro días. Igualmente o traballador terá dereito a dous días no caso de hospitalización de fillos e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade cando por tal motivo o traballador deba facer un desprazamento para o efecto o prazo será de catro días.

c) 1 día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber público e persoal comprendido no exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ao que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido a máis do 20% das horas laborais nun período de 3 meses, a empresa poderá pasar ao traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

g) Polo tempo imprescindible para asistir a consulta médica dun facultativo da Seguridade Social, debendo xustificar a visita cun certificado no que conste a hora de entrada e saída ao médico.

h) As traballadoras por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a 1 hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución da xornada normal en media hora coa mesma finalidade Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou o pai no caso de que ambos os dous traballen.

i) Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 28º.-Categoría de axudante.

Unha vez transcorridos 3 anos baixo a categoría de axudante no mesmo centro de traballo, os traballadores pasarán á categoría de dependente sempre que o dito centro de traballo conte con máis de 2 traballadores. Naquelas empresas que teñan máis dun centro de traballo, polo menos o 25% dos seus traballadores deberán ter a categoría de dependente.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto por este convenio haberá que aterse ao disposto na ordenanza laboral para o comercio en xeral en tanto en canto ambas partes non acorden a súa substitución por convenio en caso de que aquela fora derrogada, así como as demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As partes asinantes deste convenio son a Asociación Provincial de Empresarios do Comercio Téxtil de Ourense e as centrais sindicais UXT, CIG, e CC.OO. Todo isto de conformidade co previsto na Lei 1/1995, que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Terceira.-Establécese unha comisión paritaria para a interpretación e vixilancia deste convenio, e baseándose na representación que teñen as ditas partes. Esta comisión paritaria estará composta por membros da patronal e sindicatos sinalados na disposición adicional segunda.

Cuarta.-Ambas as partes fan constar que a táboa salarial que figura como anexo a este convenio supón un incremento con respecto á táboa do convenio do ano 2003 dun 3,25%.

Quinta.-Cláusula de submisión ao AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución de conflitos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de solución de conflitos colectivos (AGA) asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia deste, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formulados.

Disposición derradeira

Ámbalas partes asinantes deste convenio acordan manter as reunións e contactos que foran necesarios para a elaboración e estudo da situación real do sector do comercio téxtil, que poida permitir a redacción e sinatura dun convenio de carácter xeral do comercio da provincia de Ourense, e se as condicións obxectivas así o aconsellaran.

ANEXO

Táboa salarial ano 2004

CategoríaEuros

Xefe de compras e encargado xeral849,50

Xefe de sucursal e xefe administrativo759,41

Xefe de sección mercantil759,41

Encargado de establecemento729,89

Viaxante759,41

Corredor de praza729,89

Dependente724,91

Dependente maior797,37

Axudante634,28

Xefe administrativo 849,85

Xefe de sección administrativo 774,86

Contable caixeiro764,83

Oficial administrativo 724,91

Auxiliar administrativo 652,42

Auxiliar de caixa 724,91

Escaparatista 797,31

Axudante de montaxe 652,42

Persoal de oficio 652,42

Mozo especializado 652,42

Mozo652,42

Telefonista 652,42

Empaquetadora 652,42

Costureira652,42

Operador técnico 724,91

Persoal de limpeza 4,54