DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 01 de setembro de 2004 Páx. 12.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de xullo de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega para a Dinamización do Emprego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 1 de xuño de 2004 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 21 de maio de 2004, pola que se clasifica como benéfico-asistencial a Fundación Galega para a Dinamización do Emprego, adscribíndoa á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, é o seguinte:

A realización de actividades dirixidas a promover a formación, a cualificación profesional e o emprego especialmente nas pequenas empresas.

Concretamente a través da planificación, organización e xestión de accións de formación ocupacional, orientación laboral e profesional e prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego, así como a difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados. E por último, calquera outra acción que o padroado decida en cumprimento do fin establecido no parágrafo anterior.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e no Decreto 8/2003,

do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Galega para a Dinamización do Emprego, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Galega para a Dinamización do Emprego, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2004.

P.D. (Decreto 166/2004, do 23 de xullo)

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública