DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Mércores, 01 de setembro de 2004 Páx. 12.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 27 de agosto de 2004 pola que se outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro nas áreas cualificadas coa ordenanza residencial mixta RM.

O Concello de Viveiro conta cunhas normas subsidiarias de ámbito municipal aprobadas definitivamente o 29 de abril de 1986, revisadas para o solo rústico en 1997.

A documentación remitida consta do expediente administrativo e do proxecto técnico da modificación puntual.

Trata da reforma da ordenanza RM residencial mixta, que é unha ordenanza reguladora de moitas áreas do solo urbano clasificado polo planeamento vixente.

A ambigüidade desta ordenanza permite a elección de dúas modalidades ou tipoloxías de ordenanzas, a residencial pechada ou a residencial aberta, en función das características do contorno, decisión que o concello pode adoptar dun xeito case discrecional, xa que a devandita ordenanza textualmente di: «O concello establecerá para cada soar a modalidade de ordenación acorde co seu contorno», o que conduce a unha inseguridade xurídica no procedemento de outorgamento de licenzas de obras.

Por este motivo o concello pensa na formulación deste proxecto que pretende suprimir a ordenanza RM, residencial mixta, e aplicar as determinacións das ordenanzas residencial aberta ou residencial pechada recollidas nas normas subsidiarias, de xeito que non existan dúbidas e a súa aplicación resulte estritamente regrada.

Todo isto con catro modalidades concretas que matizan as características do contorno respectivo, que son: RAU, residencial aberta unifamiliar; RAC, residencial aberta colectiva; RCE, residencial pechada extensiva; RCI, residencial pechada intensiva.

Tamén se definen na modificación dúas áreas como solo urbano non consolidado, unha en Celeiro e outra en Magazos, pendentes de desenvolvemento mediante o correspondente plan especial.

Exclúense desta modificación as zonas que xa están reguladas por planeamento parcial ou especial aprobados definitivamente.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido con data do 10 de febreiro de 2004, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello, na súa sesión do 22 de marzo de 2004, acordou a súa aprobación inicial por unanimidade, publicada en prensa os días 1 e 2 de abril de 2004 e no DOG nº 65, do 2 de abril, co resultado da fase de información pública que consta no expediente.

Constan, así mesmo, o informe técnico emitido polo enxeñeiro municipal con data do 17 de marzo de 2004, e xurídico do 18 de marzo do mesmo ano, e prodúcese a aprobación provisional polo Pleno do 27 de maio de 2004.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servizo Provincial de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Viveiro para as áreas cualificadas coa ordenanza residencial mixta, coas seguintes modificacións:

1ª Nas áreas cualificadas coa modalidade de ordenanza RAC, residencial aberta colectiva, de Celeiro e Magazos (desde o río Fontecova ata o final do solo urbano) debe limitarse o número máximo de plantas a tres, dado que, polos planos de información achegados, ese é o nivel de volume consolidado polas edificacións existentes nas ditas áreas periféricas.

2ª Na páxina 10 da memoria do proxecto de modificación debe corrixirse unha errata na lenda que figura no seu derradeiro parágrafo, dado que pode incidir na interpretación do documento, consistente no seguinte:

Onde di: RCU: residencial aberta unifamiliar, debe dicir RAU: residencial aberta unifamiliar, para que se corresponda coa terminoloxía reflectida nos planos.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP de Lugo.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda