DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 31 de agosto de 2004 Páx. 12.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 13 de agosto de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, establece no seu artigo 18 que os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como a súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva

A aprobación definitiva deberá producirse no prazo máximo de seis meses, transcorrido o citado prazo sen declaración expresa, esta entenderase de carácter favorable.

Tendo en conta o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

ANEXO

TÍTULO I

Disposicións xerais

Capítulo I

Natureza xurídica, representación

e obrigatoriedade

Artigo 1º.-Natureza xurídica do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña.

1. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia, e plena capacidade de obrar para cumprir os seus fins.

2. O funcionamento e o réxime xurídico, no ámbito da súa competencia, rexerase pola Lei de colexios profesionais de Galicia, pola lexislación básica existente na materia, polos presentes estatutos e as súas normas de desenvolvemento, e polos estatutos do Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos.

Artigo 2º.-Representación.

1. A representación legal do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, tanto no xuízo como fóra del, recaerá no seu presidente, quen se atopará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores, letrados ou calquera outra clase de mandatarios, tralo acordo da xunta directiva.

2. Correspóndelle ao Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña a representación exclusiva da profesión médica, no ámbito provincial da actividade profesional dos/as colexiados/as e a defensa dos seus intereses profesionais.

Artigo 3º

É requisito indispensable para exercer a profesión, dentro da provincia da Coruña, estar colexiado no Ilustre Colexio Oficial de Médicos.

Agrupa, polo tanto, obrigatoriamente a todos os/as posuidores do título de licenciado en medicina e cirurxía que, de acordo coas leis vixentes, exerzan a súa profesión na provincia da Coruña, sempre que a súa titulación sexa condición exixible para desempeñar a súa actividade ou acceder ao posto de traballo.

Artigo 4º

Voluntariamente poden solicitar a súa colexiación quen, con título de licenciado en medicina e cirurxía, non exerza a profesión de médico.

Capítulo II

Estatutos

Artigo 5º

1. Os preceptos destes estatutos interpretaranse segundo o sentido propio das súas palabras, atendendo fundamentalmente ao seu espírito e finalidade e ao significado que resultase máis acorde coas disposicións legais para o efecto.

2. Compételle ao Pleno da xunta directiva, de oficio ou por instancia de persoa interesada, interpretar as normas do presente estatuto, cando na súa aplicación se suscitasen dúbidas razoables.

Artigo 6º

Para tratar sobre a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña será necesario un acordo maioritario do Pleno da xunta directiva, con 2/3 de votos favorables do total dos seus membros ou que llo solicite ao Pleno da xunta directiva o 25% do censo de colexiados.

Igualmente o acordo de aprobar a modificación, tanto na xunta directiva como na asemblea xeral, exixirá o voto favorable de dous terzos dos presentes.

Capítulo III

Relacións

Artigo 7º

Sen prexuízo doutras relacións derivadas da súa actuación o Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña relacionarase:

1. No ámbito da Xunta de Galicia, e en todo aquilo referente aos aspectos institucionais e corporativos, coa Consellería da Xustiza, Interior e Administración Local ou aquel no que esta delegue, e en todo o que lle afecte ao contido da súa profesión principalmente á Consellería de Sanidade, sen prexuízo de poder establecer relacións con outras consellerías ou departamentos competentes en materias relacionadas cos fins da actividade colexial.

2. No ámbito da Administración central do Estado, o Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña relacionarase ordinariamente a través do Consello Galego de Colexios Médicos, sen prexuízo de facelo directamente cando se trate de asuntos específicos do propio colexio, ou que lle afecten á profesión no ámbito territorial da provincia da Coruña.

Artigo 8º

1. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, destinado a colaborar na realización do ben común, gozará do amparo da lei e do recoñecemento da Administración.

2. O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña terá o tratamento de Ilustre e o seu presidente, de Ilustrísimo.

TÍTULO II

Fins, funcións e competencias

Artigo 9º

Son fins esenciais deste colexio profesional a ordenación e o control do exercicio da profesión dentro do marco legal, a súa representación exclusiva e a defensa dos intereses profesionais dos/as colexiados/as.

Artigo 10º

Correspóndelle ao Colexio de Médicos da Coruña exercer as competencias que o ordenamento vixente lles outorga aos colexios profesionais e, en concreto, as funcións que lle atribúen á Lei de colexios profesionais de Galicia e á lexislación estatal sobre a materia, no que sexa de aplicación ao ámbito, as seguintes:

-A ordenación e o control do exercicio profesional, no ámbito da súa competencia, a representación exclusiva desta e a defensa dos intereses profesionais dos/as colexiados/as.

-A salvagarda e a observancia dos principios deontolóxicos e ético-sociais da profesión médica e da súa dignidade e prestixio.

-A promoción por todos os medios ao seu alcance da mellora constante dos niveis científico, cultural, económico e social dos/as colexiados/as, para tal fin poderá organizar e manter toda clase de institucións culturais e sistemas de previsión e de protección social.

-A colaboración cos poderes públicos na consecución do dereito á protección da saúde de todos os cidadáns e a máis eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina, así como cantos lle corresponde e sinala a Lei de colexios profesionais.

E, en especial, o daqueloutras competencias específicas que lle permiten levar a cabo as finalidades sinaladas no artigo 9º dos presentes estatutos.

Artigo 11º

O Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña asume, no seu ámbito territorial, todas as competencias que a lexislación vixente lle outorga, e independentemente destas, a autoridade que, dunha maneira expresa, lle delegue a Administración co fin de cumprir as funcións que se lle asignan nestes estatutos en todo o que afecte á saúde pública, á ordenación do exercicio da medicina e á conservación dos seus valores éticos.

Dunha maneira expresa correspóndelle asumir, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

a) En relación coa finalidade de representación e defensa das lexítimas aspiracións dos profesionais:

1. Asumir a representación da profesión médica ante as autoridades e organismos públicos.

2. A ordenación do exercicio da medicina no ámbito das súas competencias e de acordo co marco que establecen as leis.

3. A representación e a defensa dos intereses profesionais e o prestixio de todos os/as colexiados/as ou de calquera deles, se fose obxecto de vexación, menoscabo, desconsideración ou descoñecemento en cuestións profesionais.

4. Emitir informe directamente de todas as normas que elabore o Goberno da Xunta de Galicia sobre as condicións xerais do exercicio da medicina en Galicia, as funcións, os ámbitos e os honorarios cando se fixen por tarifa ou por arancel, e sobre o réxime de incompatibilidades.

5. Emitir informe a través do Consello Galego de Colexios de Médicos de todos os proxectos de lei e das disposicións legais que traten das condicións do exercicio legal da medicina e das súas funcións, como son: o ámbito, os títulos, o réxime de incompatibilidades, o réxime de honorarios, etc.

6. Participar na elaboración e na execución dos plans de estudo e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión médica e, especialmente, en todo o que se refira á fase posgraduada e de especialización, visar e rexistrar os títulos e os méritos profesionais correspondentes, participar na acreditación de actividades docentes e de formación médica continuada, dos que se rexistrarán os datos que se consideren necesarios desde un punto de vista profesional.

7. Representar a profesión médica nos padroados universitarios e ante as administracións en comisións ou consellos de estudos ou asesores científicos, docentes profesionais éticos e sociais, do ámbito da saúde e da medicina.

8. O exercicio e a xestión de todas aquelas competencias que, de maneira directa ou por mediación do Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos, lle sexan delegadas ou reciba e acepte das administracións públicas.

9. Asesorar os tribunais de xustiza, as corporacións oficiais e as persoas individuais e colectivas, nas condicións previstas pola lei.

10. Facilitarlles aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados/as que puidesen ser requiridos para interviren como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos por si mesmos, segundo proceda.

11. Informar sobre a creación de prazas de médico novas e sinalar as bases nas que se regulen os contratos de prestación de servizos no ámbito do colexio, contribuíndo á determinación e á defensa de honorarios e dos salarios médicos, calquera que sexa a modalidade de exercicio e, en xeral, representar os intereses dos/as colexiados/as ante a Administración, institucións, entidades e particulares, de acordo coas leis vixentes.

12. Intervir por si mesmo ou a través do Consello Galego, segundo o disposto na Lei de colexios profesionais e no ordenamento xurídico fiscal, en todas aquelas cuestións que afecten á tributación dos/as colexiados/as.

13. Formar parte de tribunais nos que se xulguen coñecementos profesionais ou méritos para o acceso e a designación de prazas ou postos de traballo.

b) En relación coa finalidade de orientación e vixilancia do exercicio profesional:

1. A salvagarda e a observancia dos principios éticos e legais da profesión, correspondéndolle elaborar as normas deontolóxicas pertinentes e vixiar o seu cumprimento.

2. Delimitar conceptualmente os actos médicos, entendéndose como tales os propios da profesión médica.

3. Velar en todo momento polo comportamento profesional correcto, exixindo dos/as colexiados/as a preparación e a pericia requirida obxectivamente, así como utilizar os medios adecuados para o exercicio profesional correcto.

4. Sancionar os actos dos/as colexiados/as que supoñan unha infracción da deontoloxía e executar a sanción imposta.

5. Velar porque os medios de comunicación social divulguen os avances da medicina cientificamente arraigados e eviten toda propaganda ou publicidade xeral incerta.

6. Examinar e denunciar as cuestións relacionadas coa intrusión na profesión.

7. Establecer ou validar os protocolos de actuación profesional, de consentimento informado e calquera outro que lle afecte ao exercicio profesional.

c) En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

1. Estimular e realizar os plans de carácter científico, cultural e de asistencia social que se crea conveniente.

2. Promover, colaborar e participar na protección social dos médicos xubilados, enfermos e inválidos, viúvos, fillos diminuídos e orfos de médicos e outras iniciativas similares.

3. Organizar os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes e, ao mesmo tempo, publicar os medios informativos que se crean oportunos.

d) En relación coa finalidade de promover o dereito á saúde:

1. Colaborar cos poderes públicos e coas demais institucións do país en conseguir a saúde e loitar por unha eficiente, xusta e equitativa regulación da asistencia sanitaria e do exercicio da medicina, participando na defensa e na tutela dos intereses xerais

da colectividade no referente a esta, como destinataria da actuación profesional dos médicos.

2. Contribuír de forma continuada ao asesoramento cidadán nos temas relacionados coa promoción e coa defensa da saúde.

e) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que estean encamiñadas a cumprir os obxectivos colexiais, de acordo cos intereses da sociedade.

TÍTULO III

Ámbito e distribución territorial do Colexio Oficial

de Médicos da Provincia da Coruña

Artigo 12º.-Competencia territorial.

O ámbito territorial do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña abarca toda a provincia da Coruña.

O colexio ten a súa sede na Coruña e o seu domicilio na dita cidade, na avenida Salvador de Madariaga, 66 - entreplanta, sen prexuízo das delegacións comarcais que, para efectos funcionais, poida ter abertas en Santiago de Compostela e en Ferrol ou noutras localidades.

Artigo 13º.-Emblema colexial.

O emblema do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña consta dun escudo de forma ovalada que na súa parte exterior ten, en cada un dos dous lados un basto, arredor do cal se envolve unha serpe coa cabeza mirando ao interior do escudo. Na parte inferior do escudo e no exterior deste, unha follaxe simétrica estilizada sobre a cal se apoian os dous bastos laterais coas serpes enroladas. Sempre ao exterior e na súa parte superior figura a coroa real. No interior do escudo está debuxada a Torre de Hércules, que leva na súa base unha caveira sobre dúas tibias cruzadas; arredor da torre figuran sete cunchas de peregrino (unha debaixo da base e tres a cada lado da mesma torre).

TÍTULO IV

Constitución, órganos de goberno, órganos de

participación e de asesoramento

Artigo 14º

Os órganos de goberno do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña son:

-A asemblea xeral de colexiados.

-A xunta directiva.

-O presidente.

Capítulo I

Da asemblea xeral

Artigo 15º.-Natureza.

A asemblea xeral está formada por todos os/as colexiados/as, constitúe o órgano supremo de repre

sentación colexial, e esta deberalle dar conta da súa actuación á xunta directiva.

Artigo 16º

A asemblea xeral reunirase ordinariamente unha vez ao ano, no transcurso do primeiro trimestre, á que se presentará para aprobar o proxecto de orzamento anual de ingresos e de gastos para o ano e a liquidación e o balance de contas do exercicio anterior, cerradas o 31 de decembro; e, extraordinariamente, reunirase cando o solicite por escrito un 25% dos/as colexiados/as, ou sexa, acordado polo Pleno da xunta directiva co voto favorable de 2/3 dos seus membros.

Entenderase validamente constituída en primeira convocatoria, cando estean presentes a metade más un dos colexiados. En segunda convocatoria, quedará constituída media hora máis tarde, calquera que sexa o número de colexiados presentes.

A convocatoria faraa por escrito o secretario xeral co visto e prace do presidente, e conterá o día, a hora e o lugar de reunión, nela fixará as que correspondan á primeira e á segunda convocatoria, e a orde do día.

A convocatoria será remitida cunha antelación mínima de dez días naturais, salvo que se trate dunha reunión acordada con carácter urxente, que abondará con 48 horas, que se poderá facer neste caso a través dun medio de comunicación pública.

As reunións da asemblea que vaian ser presididas polo presidente desenvolveranse de conformidade coa orde do día, non se poderán tratar asuntos non incluídos nesta.

A orde do día poderá engadir calquera punto de interese cando o soliciten mediante un escrito dirixido ao presidente, polo menos o 10% dos/as colexiados/as, cunha antelación mínima de quince días naturais a efectuar a reunión.

Do desenvolvemento da mesma reunión, o secretario redactará unha acta que subscribirá xunto co presidente.

Os acordos adoptados difundiranse entre a colexiación polos medios de comunicación habituais dos que dispón o colexio.

Para validar os acordos será necesario o voto favorable da maioría simple dos/as asistentes, e decidirá, en caso de empate, o voto de calidade do presidente.

Non será válido o voto delegado.

Salvo que expresamente se acorde outra cosa, os acordos producirán efectos desde a data na que se adopten.

Artigo 17º

Constitúen competencias exclusivas da asemblea xeral de colexiados a adopción dos seguintes acordos:

a) Reformar os estatutos deste Ilustre Colexio.

b) Aprobar os orzamentos anuais de ingresos e de gastos, que se lle presenta o proxecto á xunta directiva.

c) Aprobar o balance e a liquidación orzamentaria, pechados o 31 de decembro de cada ano, e nomear a Comisión de Facenda se se considerase conveniente a súa existencia.

d) Aprobar a conta xeral de Tesourería.

e) Fixar o importe das cotas colexiais ordinarias e extraordinarias, así como o da cota de entrada e acordar derramas.

f) Ratificar na Presidencia do colexio o vicepresidente correspondente, cando aquela quede vacante.

g) Aprobar e censurar a xestión da xunta directiva ou a de calquera dos seus membros.

h) Establecer as normas e a contía de honorarios profesionais orientativos, por proposta do Pleno da xunta directiva.

i) Aprobar as normas reguladoras e de control do exercicio profesional que lle someta o Pleno da xunta directiva.

l) A designación de auditores.

ll)A moción de censura á xunta directiva ou a calquera dos seus membros.

O Pleno da xunta directiva someterá á aprobación da asemblea os asuntos que, ó seu criterio, merezan esta atención en razón da súa específica transcendencia colexial e profesional.

Artigo 18º

A moción de censura deberá ser proposta mediante un escrito dirixido ao presidente, asinado polo menos polo 25% dos/as colexiados/as.

Logo de recibir a solicitude de moción de censura terá lugar unha sesión extraordinaria do Pleno da xunta directiva para convocar a asemblea xeral extraordinaria, na que figurarán como únicos puntos da orde do día a intervención do presidente e a votación da mesma xunta directiva.

Entre a solicitude de moción de censura e a realización da asemblea non poderá transcorrer máis dun mes.

A asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto quedará validamente constituída en primeira convocatoria coa presenza da maioría simple de colexiados/as e, na segunda, coa presenza do 25% de colexiados/as.

Para aprobar a moción de censura e o conseguinte cesamento da xunta directiva, será necesario o voto favorable de 2/3 dos asistentes á sesión.

Para o caso de aprobar a moción, a xunta continuará en funcións, coa obriga de convocar eleccións no prazo máximo dun mes desde que teña lugar a asemblea xeral extraordinaria.

Capítulo II

Da xunta directiva

Sección primeira

Artigo 19º

A xunta directiva estará constituída por:

-Pleno.

-Comisión permanente.

Artigo 20º.-Composición do Pleno.

O Pleno da xunta directiva estará integrado por:

a) O presidente.

b) O vicepresidente 1º.

c) O vicepresidente 2º.

d) O vicepresidente 3º.

e) O secretario.

f) O vicesecretario.

g) O tesoureiro-contador.

h) Un mínimo de 6 e un máximo de 10 vogais, número que será fixado para cada período, por acordo da xunta directiva na convocatoria de eleccións.

Artigo 21º.-Composición da Comisión Permanente.

A Comisión Permanente estará integrada por:

a) O presidente.

b) Os vicepresidentes.

c) O secretario xeral.

d) O vicesecretario xeral.

e) O tesoureiro-contador.

Deberá ser convocada a Comisión Permanente con calquera outro membro do Pleno da xunta directiva cando se teñan que tratar asuntos da súa incumbencia especial.

Artigo 22º.-Reunións do Pleno e da Comisión Permanente.

1. O Pleno reunirase ordinariamente polo menos seis veces ao ano e, extraordinariamente, cando o solicite polo menos un terzo dos seus compoñentes, ou as circunstancias así o aconsellen, a xuízo da Comisión Permanente ou do presidente.

As convocatorias faraas por escrito o secretario xeral, con oito días hábiles de antelación, despois do mandado do presidente. Sinalarase día e hora en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e o lugar da realización.

A convocatoria de sesións urxentes poderá facerse cunha antelación de vinte e catro horas, mediante telegrama, fax e polos medios telemáticos que permitan acreditar o seu envío, a recepción e o contido da mesma convocatoria.

Os acordos serán adoptados por maioría simple, sendo necesario para isto na primeira convocatoria a asistencia da maioría de membros e, na segunda, sexa cal sexa o número de asistentes, excepto nos

casos en que estatutariamente se exixa quórum específico. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

A asistencia ás sesións será obrigatoria, polo que se considerará como renuncia ao cargo a non-asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou a seis alternas.

Do desenvolvemento das sesións o secretario xeral redactará unha acta que será sometida á aprobación e que quedará reflectida no libro de actas das sesións do Pleno.

Os acordos serán executivos desde que estes se adoptan, sen prexuízo dos recursos que procedan contra os mesmos acordos.

Calquera membro da xunta directiva poderá solicitar incluír determinados asuntos na orde do día, o que se levará a efecto mediante a comunicación escrita dirixida ao presidente, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, na que se fará constar o tema, os antecedentes e a documentación que crea que se debe achegar.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordos na xunta directiva aqueles temas que, aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares e pola súa urxencia así os considere a maioría dos membros da xunta. Para isto requírese a presenza de todos os seus membros.

Cando a urxencia do asunto así o aconselle, o presidente poderá incluír na orde do día o novo asunto que se vai tratar, cunha antelación de 24 horas.

Artigo 23º.-Competencias do Pleno.

Son competencias do Pleno da xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña:

1. Conceder a autorización para outorgar poderes xerais ou especiais por parte do presidente a procuradores, letrados ou mandatarios.

2. Convocar eleccións para cubrir cargos da xunta directiva.

Nas correspondentes a cargos da xunta directiva:

a) Proclamar candidatos e resolver reclamacións, excepto as correspondentes a erros materiais na confección dos censos electorais.

b) Designar o presidente da mesa electoral.

c) Resolver as reclamacións á votación que non fosen resoltas pola mesa electoral.

d) Proclamar candidatos electos, se é o caso.

3. Designar, por proposta do presidente, os membros da xunta directiva cando os seus cargos queden vacantes e mentres non se cubran de forma regulamentaria.

4. Convocar a asemblea xeral e confeccionar a orde do día correspondente.

5. Crear ou suspender seccións colexiais e comisións.

6. Nomear os membros da Comisión Deontolóxica e crear outras comisións, así como designar os seus membros.

7. Outorgar distincións e premios, conceder o nomeamento de Colexiado de Honra e conceder a Medalla ao Mérito Colexial.

8. Propoñerlle á asemblea a creación de premios novos e distincións.

9. Propoñer e aprobar, se é o caso, suplementos de créditos.

10. Aprobar e propoñerlle á asemblea o proxecto de orzamanto de ingresos e de gastos e a liquidación de orzamentos.

11. Aprobar os honorarios orientativos correspondentes ao exercicio libre da profesión e das súas normas reguladoras.

12. Planificar e determinar os recursos económicos propios e extraordinarios da entidade colexial.

13. Establecer os conceptos e a cantidade máxima ata a que se poderán pagar os gastos previamente orzados coa soa conformidade do tesoureiro contador e, se é o caso, do secretario xeral.

14. Regularizar os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais.

15. En xeral, administrar e dispoñer de bens coa limitación que fixan os presentes estatutos e os orzamentos xerais.

16. Interpretar as normas dos presentes estatutos.

17. Propoñerlle á asemblea xeral a designación de auditores.

18. Habilitar suplementos de crédito.

Artigo 24º

A Comisión Permanente reunirase ordinariamente unha vez ao mes e, extraordinariamente, cando as circunstancias así o aconsellen ou o soliciten tres dos seus membros.

A convocatoria faraa o secretario xeral, por escrito, con corenta e oito horas de antelación, logo do mandado do presidente; sinalará o día e a hora para a reunión en primeira e segunda convocatoria, a orde do día e o lugar da reunión. En caso de urxencia a convocatoria poderá facerse con menor antelación e por calquera medio de comunicación que permita acreditar o envío, a recepción e o contido.

Durante a sesión soamente se poderán tratar os asuntos da orde do día.

Calquera membro da Comisión Permanente poderá solicitar a inclusión de determinados asuntos na orde do día, o que se levará a efecto mediante comunicación escrita dirixida ao presidente, polo menos tres días antes de que sexa cursada a convocatoria, nela farase constar o tema, os antecedentes e a documentación que considere.

Poderán debaterse e ser obxecto de acordos na Comisión Permanente aqueles temas que aínda que non fosen previamente incluídos na orde do día, polas súas características peculiares sexan considerados de urxencia e así se acorde por maioría, requirirase para isto a presenza do todos os membros da Comisión Permanente.

Sen prexuízo do exposto, cando a urxencia así o aconselle, o presidente poderá incluír na orde do día algún asunto que haxa que tratar cunha antelación de 24 horas.

Os acordos adoptaranse de igual maneira que nas sesións do Pleno e igualmente se actuará coas actas das sesións e coa executividade dos acordos.

Artigo 25º.-Competencias da Comisión Permanente.

Son competencias da Comisión Permanente da xunta directiva:

1. En materia de colexiacións, acordar as altas e as baixas.

2. Coñecer o exercicio profesional na Coruña de colexiados doutras provincias.

3. Sinalar as horas de visita e o despacho da secretaría xeral.

4. Designar os colexiados honoríficos.

5. Autorizar os gastos por custas xudiciais.

6. Autorizar os anuncios da actividade profesional.

7. Resolver diverxencias profesionais entre colexiados/as.

8. Conceder o aprazamento no pagamento das cotas.

9. Acordar a apertura de informacións previas, de expedientes disciplinarios e a designación do instrutor e do secretario dos procedementos.

10. Acordar a baixa do/a colexiado/a nos casos de falta de pagamento de cotas.

11. Autorizar a cancelación de sancións.

12. Propoñerlle ao Pleno o nomeamento dos membros das comisións e outros cargos de designación.

13. Propoñerlle ao Pleno as disposicións e as normas que procedan para aplicar e desenvolver os presentes estatutos.

Sección segunda

Cargos da xunta directiva

Artigo 26º.-Do presidente.

O presidente velará por cumprir as prescricións legais e regulamentarias, e os acordos e disposicións que dite o Consello Galego de Colexios de Médicos de Galicia, a asemblea xeral e a xunta directiva.

As disposicións adoptadas no exercicio das súas funcións, segundo as facultades que lle confiren estes estatutos, deberán ser acatadas, sen prexuízo das reclamacións que contra elas procedan.

Ademais, corresponderanlle as seguintes funcións:

1. Presidir todas as reunións dos órganos de goberno colexial, ordinarias e extraordinarias, e calquera outra reunión de colexiados á que asista.

2. Nomear as comisións, por proposta, se é o caso, do Pleno.

3. Convocar, abrir, dirixir e rematar as sesións.

4. Asinar as actas que lle corresponda, despois de seren aprobadas.

5. Solicitarlles aos centros administrativos correspondentes os datos que necesite para cumprir os acordos dos órganos de goberno e ilustralos nas súas deliberacións e resolucións.

6. Autorizar o documento que aprobe a xunta directiva como xustificante de que o/a facultativo/a está incorporado/a ao colexio.

7. Autorizar os informes e as comunicacións que se dirixan ás autoridades, corporacións ou particulares.

8. Autorizar as contas correntes bancarias, as imposicións que se fagan e os talóns ou cheques para retirar cantidades.

9. Visar as certificacións que expida o secretario.

10. Aprobar os libramentos e as ordes de pagamento e libros de contabilidade.

11. Velar co maior interese pola boa conduta profesional dos/as colexiados/as e polo decoro do colexio.

No orzamento colexial figurarán as partidas precisas para atender decorosamente os gastos de representación.

Artigo 27º.-Dos vicepresidentes.

Os vicepresidentes levarán a cabo todas aquelas funcións que lles confira o presidente, asumirán as deste no caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación.

No caso de estar vacante a Presidencia, o vicepresidente primeiro ocupará a Presidencia ata terminar o mandado.

O vicepresidente segundo levará a cabo as funcións que lle confira o presidente e asumirá as do vicepresidente primeiro en caso de ausencia, enfermidade, abstención ou recusación deste. Vacante a vicepresidencia primeira, ocuparaa ata terminar o mandado.

O vicepresidente terceiro, exercerá as funcións que lle confira o presidente.

Artigo 28º.-Do secretario xeral.

Independentemente das outras funcións que se deriven destes estatutos, das disposicións vixentes

e das ordes procedentes da Presidencia, correspóndelle ao secretario xeral:

1º Redactar e dirixir os oficios de citación para todos os actos do colexio, segundo as ordes que reciba do presidente e coa anticipación debida.

2º Redactar as actas da asemblea xeral así como as das reunións que celebre a xunta directiva, en Pleno e en Comisión Permanente, nas que expresará os membros que asistan, coidando de que se copien, despois de aprobadas, no libro correspondente, e asinaraas co presidente.

3º Levar os libros que se precisen para o mellor e máis ordenado servizo, deberá existir aquel no que se anoten as sancións que se lles impoñen aos/ás colexiados/as.

4º Recibir e darlle conta ao presidente de todas as solicitudes e comunicacións que se lle remitan ao colexio.

5º Asinar co presidente o documento acreditativo de que o médico está incorporado ao colexio.

6º Expedir as certificacións que soliciten os interesados.

7º Redactar anualmente a memoria que reflicta as vicisitudes do ano, que haberá que ler na asemblea ordinaria.

8º Asumir a dirección dos servizos administrativos e do persoal do colexio de acordo coas disposicións destes estatutos, sinalarase de acordo coa Comisión Permanente, as horas que haberá de dedicar a recibir visitas e despacho da secretaría.

O cargo de secretario será retribuído coa asignación que acorde a xunta directiva, que figurará no orzamento colexial.

Artigo 29º.-Do vicesecretario xeral.

O vicesecretario, conforme acorde a xunta directiva, auxiliará no traballo ao secretario, polo que asumirá as súas funcións no caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación ou vacante.

Artigo 30º.-Do tesoureiro-contador.

Correspóndelle ao tesoureiro-contador dispoñer o necesario para levar a cabo a contabilidade do colexio, co que asinará os cheques e talóns das contas correntes bancarias así como os libramentos e cargos que serán autorizados coas sinaturas do presidente o do secretario da corporación.

Todos os anos formulará a conta xeral de Tesouraría que someterá á aprobación do Pleno da xunta directiva e da asemblea xeral. Así mesmo, redactará o proxecto de orzamento, que será aprobado pola xunta directiva e pola asemblea xeral e subscribirá o balance que da contabilidade se deduza, efectuando os recontos que correspondan dunha maneira regular e periódica.

Artigo 31º.-Dos vogais.

Os vogais participarán activamente no Pleno da xunta directiva, e corresponderalles ademais aqueloutras funcións que lles encomenda a xunta directiva.

TÍTULO V

Réxime electoral

Artigo 32º

1. Os cargos da xunta directiva proveranse mediante elección directa e secreta, na que teñen dereito a participar todos os/as colexiados/as incluídos/as no censo electoral que se pechará o último día do mes anterior á data de convocar as eleccións.

2. Para ser elixible será necesario estar colexiado, atoparse exercendo a profesión e ademais non estar incurso nalgunha das seguintes situacións:

-Estar condenado por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación ou a suspensión para cargos públicos, mentres estas subsistan.

-Ser sancionado disciplinariamente en calquera colexio de médicos, mentres non fose rehabilitado.

3. O período de mandado dos membros da xunta directiva será de catro anos, poderán ser reelixidos.

Artigo 33º

A convocatoria de eleccións será realizada pola xunta directiva, antes de finalizar o mandado.

A dita convocatoria será comunicada mediante circular á colexiación, sen prexuízo de que se poida difundir nos medios de comunicación.

A convocatoria sinalará a data de votación e os prazos para presentar candidaturas, que durará polo menos vinte días naturais.

En todo caso a votación será persoal ou por correo.

Os candidatos deberán reunir os requisitos do artigo anterior, e solicitarllos por escrito á xunta directiva. As solicitudes poderán facerse en forma individual ou en candidatura conxunta.

Artigo 34º

Despois de finalizar o prazo de presentación de candidaturas, a xunta directiva reunirase en sesión extraordinaria e proclamará candidatos aos que reúnan os requisitos legais esixibles, polo que considerará electos os que non teñan opoñentes.

Disto daráselle conta á colexiación.

Artigo 35º

O desenvolvemento do proceso electoral axustarase ao seu propio e específico regulamento, que aprobe a xunta directiva.

Artigo 36º

Os membros das xuntas directivas cesarán polas causas seguintes:

a) Remate ou finalización do prazo para o que foron elixidos.

b) Renuncia do/a interesado/a.

c) Nomeamento para un cargo do Goberno, o da Administración pública central, autonómica, local ou institucional, de carácter executivo.

d) Condena por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación para cargos públicos.

e) Sanción disciplinaria por falta grave ou moi grave.

f) Perda das condicións de elixibilidade.

Artigo 37º

O Consello Galego adoptará as medidas que considere convenientes para completar provisionalmente, cos colexiados máis antigos, a xunta directiva cando se produza o cesamento de máis da metade dos cargos.

Esta xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección que se convocará no prazo máximo de trinta días.

Cando non se dea o suposto antes previsto, as vacantes cubriranse de forma regulamentaria, co que entre tanto a xunta directiva poderá designar os colexiados que vaian substituír temporalmente os cesantes. Esa designación non poderá ser superior a un ano e, no caso de restar de mandado máis tempo, convocaranse eleccións aos cargos.

Ao seren cubertos calquera destes cargos por elección, a duración do mandado alcanzará soamente ata o próximo período electoral.

TÍTULO VI

Órganos de participación e asesoramento

Artigo 38º

Por instancia ou por iniciativa da xunta directiva ou dos/as colexiados/as que compartan un modo de exercicio profesional, ou teñan en común unha problemática ou teñan calquera tipo de inquedanza, poderase acordar crear un órgano de participación ou de asesoramento, coa denominación que para o efecto se determine.

Os órganos de participación e asesoramento poderán exercer as funcións delegadas que o Pleno da xunta directiva lles asigne, aténdose ao establecido no acordo de delegación.

É deber dos/as colexiados/as participar e colaborar cos órganos aos que pertenzan.

Constitúe unha función primordial destes órganos asesorar e colaborar cos órganos de goberno do colexio en todos aqueles asuntos relacionados co ámbito de cada un deles.

A constitución, as funcións e o seu réxime de funcionamento virá definido no seu respectivo regulamento, que será aprobado polo Pleno da xunta directiva.

TÍTULO VII

Da ética, deontoloxía e calidade asistencial

Artigo 39º

Existirá unha Comisión de Deontoloxía integrada por entre cinco e nove membros, designados polo Pleno da xunta directiva mediante votación secreta.

Son condicións para ser membro desta comisión:

-Ter como mínimo doce anos de colexiación.

-Estar exercendo a profesión.

-Non estar sancionado nin sometido a expediente disciplinario.

-Ser persoa de recoñecido prestixio moral e profesional.

-Non ser membro da xunta directiva.

A xunta directiva procurará manter a máxima reserva respecto á identidade dos compoñentes da comisión.

Artigo 40º

A comisión elixirá de entre os seus membros un presidente e un secretario, e entenderase validamente constituída cando estean presentes polo menos a metade máis un dos seus membros.

Os acordos tomaranse por maioría, co voto de calidade do presidente no caso de empate.

De cada sesión, que a convocatoria lle corresponde ao presidente, redactarase a acta que será asinada por aquel e polo secretario, e unha copia desta será remitida á xunta directiva do colexio.

Artigo 41º

É función da Comisión de Deontoloxía asesorar a xunta directiva en todos aqueles asuntos nos que esta considere oportuno o seu ditame.

Será preceptivo o seu informe nos seguintes supostos:

1. En todas aquelas cuestións que, por lle afectar á deontoloxía médica, teñan que aplicar os principios contidos no Código Deontolóxico.

2. Antes de impoñerlle calquera tipo de sanción a un/ha colexiado/a.

A Comisión Deontolóxica entregaralle á xunta directiva os seus ditames e os informes sobre todas as denuncias e cuestións que lle sexan presentadas.

Artigo 42º.-Das comisións de Ética e Calidade asistencial.

Por proposta da Comisión Deontolóxica, o Pleno da xunta directiva poderá nomear cantas comisións de Ética e Calidade Asistencial considere necesario para controlar e asesorar nos temas que lle son propios do exercicio profesional, de competencia específica, no centro, nas institucións asistenciais, ou nas modalidades determinadas do exercicio médico da provincia.

As ditas comisións estarán vinculadas directamente no seu funcionamento co disposto pola Comisión Deontolóxica.

As comisións de Ética e Calidade Asistencial estarán integradas por médicos colexiados, pertencentes ao cadro de persoal dos centros ou das institucións ou modalidade de exercicio correspondentes. Non poderán formar parte da Comisión Deontolóxica, aínda que poderán colaborar con esta en cuestións específicas en relación coa deontoloxía profesional e a calidade asistencial.

As diferentes comisións de Ética e Calidade Asistencial constituiranse nun Consello de Ética e Calidade Asistencial.

O acordo de constitución destas comisións determinará o carácter da mesma comisión en canto á súa duración.

Artigo 43º.-Da Comisión de Control de Ensaios Clínicos.

No Colexio Oficial de Médicos da Coruña poderase constituír unha Comisión de Control de Ensaios Clínicos, dependente do Pleno da xunta directiva e en relación coa Comisión Deontolóxica.

A garantía de calidade, a eficacia e a seguridade, a protección dos dereitos do/a paciente e a fiel observancia dos principios éticos, exixe o consentimento, a autorización e o seguimento de calquera protocolo de ensaio clínico, de execución e dos resultados por parte do colexio profesional. Na súa virtude, calquera ensaio clínico levado a cabo polos médicos colexiados poderá someterse á normativa que o regule a través da Comisión de Ensaios Clínicos, a cal preceptivamente informará a xunta directiva sobre o seu seguimento.

TÍTULO VIII

Das humanidades médicas

Artigo 44º.-Instituto de Humanidades Médicas.

As actividades na área de humanidades canalizaranse a través dun instituto ou dunha fundación de humanidades médicas, que promoverá, potenciará e realizará todas aquelas actividades relacionadas coa tradición humanística médica.

TÍTULO IX

Da colexiación

Artigo 45º.-Obrigatoriedade da colexiación.

1. Será requisito indispensable para exercer a profesión médica na provincia da Coruña, en calquera das súas modalidades, a incorporación previa ao Colexio Oficial de Médicos da provincia.

2. De toda inscrición, alta ou baixa, daráselle conta inmediata ao Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos.

3. Os/as colexiados/as poderán exercer a profesión no ámbito territorial doutro colexio polo que lle deberán notificar previamente a súa actuación profesional

ao colexio de acollida. A devandita notificación farase a través deste colexio. Así mesmo, o médico colexiado noutra provincia, que desexe exercer nesta, deberá notificarllo previamente a este colexio. A dita notificación, que deberá ser por escrito, farase a través do colexio de orixe.

4. Enténdese como obrigatoria a pertenza ao colexio onde se exerza a profesión con carácter habitual.

Artigo 46º.-Solicitudes de colexiación.

1. Para ser admitido no Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, achegarase coa solicitude o correspondente título profesional orixinal ou o testemuño notarial deste título, o documento nacional de identidade ou o documento de identidade equivalente no caso de cidadán comunitario ou estranxeiro, tres fotografías tamaño carné e o resto de documentos ou requisitos administrativos que acorde a xunta directiva.

2. Cando o solicitante proceda doutra provincia, deberá presentar ademais o certificado de baixa expedido polo colexio de orixe, utilizará o modelo establecido para tal fin no que se exprese que está ao día no pagamento das cotas colexiais e que non figura inhabilitado temporal ou definitivamente para exercer a profesión.

3. O/a solicitante fará constar se propón exercer a profesión, o lugar no que a vai exercer e a modalidade daquela, achegará os títulos de especialista oficialmente expedidos, recoñecidos ou homologados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte se vai exercer como médico especialista.

4. A xunta directiva acordará, no prazo dun mes, o que crea pertinente acerca da solicitude de inscrición, polo que neste prazo comprobará o que crea necesario e poderalle pedir ao/á solicitante documentos ou aclaracións complementarias.

5. Para o suposto caso dos médicos acabados de graduados que non recibisen o título de licenciado en medicina e cirurxía, a xunta directiva concederalles unha colexiación transitoria e temporal, sempre e cando o/a interesado/a presente un certificado da universidade que xustifique que ten aboados os dereitos de expedición do título correspondente, o cal terá a obriga de presentar no colexio para o seu rexistro, cando lle sexa facilitado. Despois de transcorrer un ano a colexiación provisional caducará, e o/a interesado/a poderá solicitar a súa renovación.

6. Para a colexiación de médicos estranxeiros atenderase ao que determinen as disposicións vixentes.

Artigo 47º.-Denegación de colexiación e recursos.

1. A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes e ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto ou cando

o/a solicitante falsease os datos e documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o/a peticionario/a non acredite ter aboadas as cotas de colexiado/a no colexio de orixe.

c) Cando fose condenado/a, con sentenza firme, que no momento da solicitude o/a inhabilite para o exercicio profesional.

d) Cando fose expulsado/a doutro colexio sen ser rehabilitado/a.

e) Cando ao formular a solicitude se encontrase suspendido do exercicio da profesión, en virtude de sanción disciplinaria imposta no seo da Organización Médica Colexial.

Logo de obter a rehabilitación ou tras desapareceren os obstáculos que se opuxeron á colexiación, esta deberá ser aceptada polo colexio sen ningunha dilación nin escusa.

2. Se a xunta directiva acordase denegar a colexiación pretendida, notificaralle ao/á interesado/a o acordo, que haberá de ser motivado.

3. Contra o acordo que denegue a colexiación, poderá o/a interesado/a formular un recurso de alzada ante o Consello Galego de Colexios Oficiais de Médicos. Tras finalizar a vía administrativa quedará aberta a vía xudicial.

Artigo 48º.-Trámites posteriores á admisión.

Despois de ser admitido o/a solicitante no Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, expediráselle a tarxeta de identidade correspondente, polo que se lle dará conta da súa inscrición ao Consello Galego no modelo de ficha normalizada que este estableza. Así mesmo, abrirase un expediente no que se consignarán os seus antecedentes e a actuación profesional. O/a colexiado/a estará obrigado/a a facilitar en todo momento os datos precisos para manter actualizados os devanditos antecedentes.

Artigo 49º.-Efectos do exercicio sen colexiación.

O médico en exercicio que non solicitase a colexiación quedará obrigado a pagar as cotas colexiais que teñan dereito a percibir durante ese período. Sen aboar o dito pagamento non poderá causar alta neste colexio; e isto sen prexuízo da responsabilidade disciplinaria en que pola dita circunstancia puidese incorrer.

Artigo 50º.-Clases de colexiados/as.

1. Para os fins destes estatutos, os/as colexiados/as clasifícanse en:

a) Con exercicio.

b) Sen exercicio.

c) Honoríficos.

d) Colexiados/as de honra.

2. Serán colexiados con exercicio cantos practiquen a medicina en calquera das súas diversas moda

lidades de exercicio libre ou de exercicio por conta allea.

3. Serán colexiados sen exercicio aqueloutros médicos que non exerzan a profesión.

4. Serán colexiados honoríficos os médicos que cumprisen os 70 anos de idade, ou os que estean xubilados, ou se atopen en estado de incapacidade física ou psíquica e non cumprisen os 70 anos de idade, e así o acorde a xunta directiva.

Os colexiados honoríficos estarán exentos de pagar as cotas colexiais, e esta categoría colexial por idade é compatible co exercicio profesional que o seu estado psicofísico lle permita.

5. Cando polos seus relevantes méritos o/a colexiado/a sexa acredor/a de superior distinción, poderá pasar á consideración de colexiado/a de honra.

Artigo 51º.-Distincións e premios.

A xunta directiva, mediante información previa, poderalles outorgar distincións e honras, por merecementos corporativos ou profesionais, a aquelas persoas que se fixesen acredoras destas.

Artigo 52º

A concesión de colexiado de honra correspóndelle ao Pleno da xunta directiva.

Poderán ser nomeados colexiados de honra as persoas físicas e xurídicas españolas ou estranxeiras, sexan médicos ou non, que reúnan os méritos para iso, a xuízo do órgano competente para outorgarlle o nomeamento.

Para outorgar estes nomeamentos valorarase o labor relevante e meritorio das persoas que se pretenda distinguir, calquera que sexa a súa actuación a favor ou en defensa da clase médica en xeral ou da medicina, pero singularmente serán tidos moi en conta os seguintes merecementos:

a) O exercicio profesional exemplar.

b) A actividade consagrada á defensa da ética profesional ou dos altos intereses de corporación médica provincial ou nacional.

c) Os actos médicos individualizados, cando teñan extraordinario relevo científico, profesional, social ou humano.

Artigo 53º

A concesión farase pública polos medios de difusión colexiais e outorgaráselle o nomeamento ao/á distinguido/a, coa maior solemnidade.

A condición de colexiado/a de honra facultará para o uso de emblema de prata, que constará dunha rama de loureiro e outra de palma, de esmalte verde, bastón con nós e serpe de prata.

Levarase un rexistro especial de colexiados/as de honra que conterá as persoas ás que se distinguisen, facendo constar o número de orde do nomeamento e o nome da persoa física ou xurídica a favor da cal se tomase o acordo.

Artigo 54º

Despois de acordalo a asemblea xeral poderán crearse outras distincións e premios para a recompensa e o estímulo de honor, prestixio e dedicación aos altos valores que comporta o exercicio da medicina.

Artigo 55º.-Dereitos dos/as colexiados/as.

1. Os/as colexiados/as terán os seguintes dereitos:

a) Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exerceren o dereito de petición, o de voto e o acceso aos postos e cargos directivos, mediante os procedementos e cos requisitos establecidos nestes estatutos colexiais.

b) Ser defendidos, por petición propia, polo colexio o polo Consello Galego, cando sexan aldraxados ou perseguidos con motivo do exercicio profesional.

c) Ser representados e apoiados polo colexio, polo Consello Galego e pola Asesoría Xurídica cando necesiten presentar reclamacións fundadas á autoridade, aos tribunais, ás entidades públicas ou a privadas e en cantas diverxencias xurdan en ocasión do exercicio profesional, correrán a cargo do/a colexiado/a solicitante os gastos e as custas xurídicas que o procedemento ocasione, salvo unha decisión contraria da xunta directiva ou do Consello Galego.

d) Non soportar outras cargas corporativas que as sinaladas polas leis, estes estatutos ou as validamente acordadas.

Artigo 56º.-Deberes dos/as colexiados/as.

Os/as colexiados/as terán os seguintes deberes:

a) Cumprir o disposto nos estatutos e as decisións dos órganos do colexio provincial e do Consello Galego, sen prexuízo de interpoñeren os recursos que procedan.

b) Estar ao día no pagamento das cotas colexiais.

c) Levar coa máxima lealdade as relacións co colexio e cos/as outros/as colexiados/as, comunicaranlle a aquel calquera aldraxe ou atropelo a un compañeiro no exercicio profesional, do que teñan noticia, ou os que recibise por si mesmo doutros compañeiros.

d) Comunicarlle ao colexio os cargos que ocupen en relación coa súa profesión e especialidades que exerzan co seu título correspondente, para os efectos de constancia nos seus expedientes persoais, así como calquera outro dato que lle sexa solicitado.

e) Informar igualmente dos seus cambios de residencia ou de domicilio.

f) Comunicarlle ao colexio calquera anuncio relacionado coas súas actividades profesionais, inclusive as inscricións na guía médica, que se deberán acomodar ao que sinala o Código deontolóxico. Igualmente para a publicar noticias e actuacións médicas que se teñan que difundir por calquera medio, observará as prescricións do Código deontolóxico.

g) Cumprir calquera requirimento que lles faga o colexio ou o Consello Galego e especificamente prestarlles apoio ás comisións ás que fosen incorporados.

h) Tramitar por medio do colexio, que o tramitará, co informe preceptivo, toda petición ou reclamación que lle haxa que formular ao Consello Galego.

i) Certificar o estado de saúde ou de enfermidade ou o grao de incapacidade ou a defunción exclusivamente en impresos oficiais editados pola Organización Médica Colexial.

j) Cumprir coas normas de deontoloxía aprobadas para tal fin.

k) Darlle conta ao colexio das denuncias ou queixas que formule ou pretenda formular contra algún/algunha compañeiro/a, ante calquera autoridade sanitaria, administrativa ou xudicial.

Artigo 57º.-Prohibicións.

Ademais das prohibicións sinaladas no Código deontolóxico, de rigorosa observancia, e do establecido nos artigos anteriores, todo/a colexiado/a absterase de:

a) Ofrecer a eficacia garantida de procedementos curativos ou de medios persoais que non recibisen a consagración científica ou profesional.

b) Tolerar, encubrir ou colaborar con quen, sen posuír o título de licenciado en medicina e cirurxía, trate de exercer a profesión, practique ou practicase a intrusión.

c) Utilizar como receita impresos que leven anuncios ou signos de preparados farmacéuticos, nomes de casas produtoras ou calquera outra indicación que poida servir de publicidade.

d) Poñerse de acordo con calquera outra persoa ou entidade para lograr fins utilitarios que sexan ilícitos ou que atenten contra a corrección profesional.

e) Vender ou administrarlles aos clientes, utilizando a súa condición de médico: drogas, herbas medicinais, produtos farmacéuticos ou especialidades propias.

f) Prestarse a que o seu nome figure como director facultativo, colaborador ou asesor de centros de curación, industrias ou empresas relacionadas coa medicina, que non dirixan ou asesoren persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e ao Código deontolóxico.

g) Aceptar remuneracións ou beneficios directos ou indirectos en calquera forma, da industria farmacéutica ou de firmas de material técnico e científico de utilidade diagnóstica e farmacéutica, balnearios, sociedades de augas minerais ou medicinais, ópticas, etc., en concepto de comisión, como acción propagandística ou como provedor de clientes, ou por outros motivos que non sexan de traballos encomendados de conformidade coas normas vixentes.

h) Empregar para o tratamento dos seus enfermos medios ou produtos non controlados cientificamente e simular ou finxir a aplicación de elementos diagnósticos e terapéuticos.

i) Realizar prácticas dicotómicas.

j) Desviar os enfermos das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

k) Permitirlle o uso da súa clínica a persoas que, aínda que posúan o título de licenciado ou doutor en medicina, non fosen dados de alta no colexio.

l) Exercer a medicina cando se evidencien manifestamente alteracións orgánicas, psíquicas ou hábitos tóxicos que o/a incapaciten para o devandito exercicio, tralo recoñecemento médico pertinente. Ou encubrir a quen a exerza baixo esas condicións.

m) Colaborar co envío de pacientes, ou de calquera outra forma, en actividades que propicien a intrusión médica. Pertencer a outro colexio sen llo comunicar regulamentariamente a este.

Artigo 58º.-Diverxencias entre colexiados/as.

As diferenzas de carácter profesional, que puidesen xurdir entre colexiados/as, serán sometidas en primeira instancia a obter unha resolución da xunta directiva, ou, se é o caso, ao Consello Galego, se se tratase de colexiados pertencentes ou de distintas provincias ou membros da xunta directiva.

Artigo 59º.-Perda da condición de colexiado/a.

A condición de colexiado/a perderase:

a) Por falecemento.

b) Por baixa voluntaria no caso de non exercer.

c) Por falta de pagamento das cotas ordinarias e extraordinarias e das demais cargas colexiais.

d) Por condena firme que leve como pena principal ou accesoria a inhabilitación para exercer a profesión.

e) Por sanción firme de expulsión do colexio, acordada no expediente disciplinario.

A perda da condición de colexiado/a prevista na letra c) será acordada unha vez que o colexiado fose requirido polo pagamento, con trinta días naturais de antelación.

En todo caso, a perda da condición de colexiado/a non liberará ao/a interesado/a de cumprir as obrigas vencidas.

A perda da condición de colexiado/a será acordada pola xunta directiva, en resolución motivada.

TÍTULO X

Rexime económico e financieiro

Artigo 60º.-Competencias.

A economía do colexio é independente da doutros organismos da organización médica colexial por ser autónomo na xestión e na administración de bens

e libre de adquirir compromisos de índole económica.

O patrimonio e os recursos do colexio serán administrados pola súa xunta directiva. O tesoureiro exercerá funcións de ordenador de pagamentos, e as ordes estarán autorizadas polo presidente.

Artigo 61º.-Confección e liquidación do presuposto.

Anualmente o tesoureiro-contador confeccionará o proxecto de orzamento de ingresos e de gastos e someterao á aprobación do Pleno da xunta directiva e da asemblea xeral, xuntamente coa liquidación do que corresponde ao exercicio pasado.

Quince días antes de que teña lugar a asemblea, quedarán á disposición dos seus membros a liquidación e o balance dos orzamentos referidos cos seus xustificantes de ingresos e de gastos efectuados.

Artigo 62º.-Recursos económicos.

Os recursos do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña serán de carácter ordinario e extraordinario.

1. Serán recursos ordinarios:

a) Os rendementos dos bens e de dereitos que constitúen o seu patrimonio.

b) Os dereitos que se establezan para a elaboración remunerada de informes, ditames, estudos, recoñecementos de sinaturas e doutros servizos.

c) Os dereitos de incorporación ou de habilitación, se se establecesen, as cotas ordinarias e extraordinarias, incluídas as derramas, a participación asignada aos certificados, os selos autorizados, os impresos de carácter oficial.

d) O libramento de certificacións fidedignas.

e) Os dereitos de intervención profesional.

f) Calquera outro que, legalmente, se poida asimilar cos anteriores.

2. Serán recursos extraordinarios:

a) Os donativos ou as subvencións de procedencia pública ou privada.

b) Os bens que por título hereditario ou por calquera outra causa sexan incorporados ao patrimonio colexial.

c) Os que proveñan das sancións económicas.

d) Calquera outro que fose legalmente posible e que non constitúa recurso ordinario.

Artigo 63º.-Cotas de entrada.

Os/as colexiados/as aboarán ao inscribirse no colexio unha cota de entrada.

Artigo 64º.-Cotas ordinarias.

Os/as colexiados/as con ou sen exercicio veñen obrigados/as a satisfacer as cotas fixadas.

Non se lle poderá librar certificación colexial, nin aínda de baixa, ao/á colexiado/a moroso/a.

A xunta directiva está facultada para conceder o aprazamento de pagamento de cotas e de débitos nas condicións que acorde en cada caso particular.

Os médicos doutras provincias, que se habiliten para exercer na Coruña, aboarán a cota trimestral obrigatoria, que corresponderá ás funcións e aos servizos colexiais que se estableza.

Artigo 65º.-Cotas extraordinarias.

Por acordo da asemblea xeral, poderán establecerse cotas extraordinarias que serán satisfeitas obrigatoriamente polos/as colexiados/as. Estas poderán ser únicas, en forma de derrama ou periódica polo tempo que se determine.

Artigo 66º.-Recadación de cotas.

A cota de entrada será aboada no momento da inscrición no colexio. As cotas ordinarias e as extraordinarias, se é o caso, cobraranse trimestralmente mediante domiciliación bancaria.

Artigo 67º.-Gastos.

a) Os gastos de colexio serán os necesarios para soster os servizos, sen que poida pagarse algún non previsto no orzamento aprobado, salvo casos xustificados, nos cales e tendo en conta as disposicións de tesouraría, a xunta directiva poderá acordar a habilitación dun suplemento de crédito.

b) Sen a autorización expresa do presidente ou do tesoureiro non se poderá realizar ningún gasto.

Na caixa do colexio existirá a cantidade necesaria para facerlles fronte aos pagamentos deste, negociando estes, sempre que sexa posible, cunha entidade bancaria.

c) Os gastos que ocasione o exercicio dos cargos colexiais serán aboados polo colexio nas contías e nas condicións que regule o Pleno da xunta directiva. O mesmo criterio observarase nos supostos en que calquera colexiado/a sexa designado/a polo órgano de goberno do colexio para realizar a función concreta que se lle designe.

d) Poderase acordar o establecemento dunha remuneración fixa para os membros da xunta directiva cando pola súa específica e habitual dedicación ao cargo así se considere.

Artigo 68º.-Destino dos bens en caso de disolución.

No caso de disolución do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña, nomearase unha comisión liquidadora, a cal, no caso de que houbese bens e valores sobrantes, despois de satisfacer as débedas, lles adxudicará estes aos organismos que o substitúan, á Fundación Hipocrática para a Saúde ou ás entidades benéficas e de previsión social dos médicos, preferentemente dentro do seu ámbito territorial.

TÍTULO XI

Certificados médicos oficiais

Artigo 69º

Os/as médicos/as colexiados/as deberán utilizar para certificaren os impresos oficiais editados e distribuídos para tal fin. O colexio velará polo cumprimento estrito da súa aplicación e inspeccionará o seu uso, polo que adoptará as medidas pertinentes no caso de irregularidades.

TÍTULO XII

Réxime disciplinario

Artigo 70º.-Principios xerais.

1. Os/as colexiados/as incorrerán en responsabilidade disciplinaria nos supostos e nas circunstancias establecidas nestes estatutos.

2. O réxime disciplinario establecido nestes estatutos enténdese sen prexuízo das responsabilidades de calquera outra orde en que os/as colexiados/as poidan incorrer.

3. Non se poderán impoñer sancións disciplinarias, senón en virtude de expediente instruído para o efecto, de acordo co procedemento establecido no presente capítulo. Non obstante, non será preceptiva a instrución previa de expediente para impoñer sancións motivadas pola comisión de faltas cualificadas de leves, trala audiencia do/a interesado/a.

4. A potestade sancionadora correspóndelle á xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña. Non obstante, o axuizamento e a sanción das faltas cometidas polos membros da xunta directiva será competencia do Consello Galego.

5. Os acordos sancionadores serán inmediatamente executivos, sen prexuízo dos recursos que procedan. Non obstante, no caso de que a devandita execución puidese ocasionar prexuízos de imposible ou de difícil reparación, o organismo sancionador poderá acordar de oficio ou por instancia de parte suspender a execución do acordo obxecto de recurso.

6. O colexio daralle conta inmediata ao Consello Galego de Colexios Médicos, e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos de todas as sancións que impoña por faltas graves ou moi graves, as cales serán remitidas cun extracto do expediente.

Artigo 71º.-Faltas disciplinarias.

As faltas disciplinarias clasificaranse en leves, menos graves, graves e moi graves.

1. Son faltas leves:

a) O incumprimento das normas establecidas sobre documentación colexial, o que deben ser tramitadas pola súa vía.

b) A neglixencia en comunicarlle ao colexio as vicisitudes profesionais para anotar no expediente persoal.

c) A desatención respecto aos requisitos ou ás peticións de informes solicitados polo colexio.

2. Son faltas graves:

a) Non corresponder á solicitude de certificación ou de información derivada da asistencia, nos termos éticos, cando isto supoña un prexuízo para o/a enfermo/a.

b) A emisión de informes ou a expedición de certificados con falta á verdade.

c) Indicar unha competencia ou un título que non se posúe.

d) O abuso manifesto nos honorarios.

e) A desatención respecto aos requisitos ou ás peticións de informe solicitados polo colexio, que ademais leve consigo un prexuízo ou un dano á institución ou a terceiras persoas.

f) A indisciplina deliberadamente rebelde fronte aos órganos de goberno colexiais e, en xeral, a falta grave do respecto debido a aqueles.

g) Os actos e as omisións que atenten contra a moral, o decoro, a dignidade, o prestixio e a honorabilidade da profesión, ou sexan contrarios ao respecto debido aos/ás colexiados/as.

h) A infracción grave do segredo profesional, por culpa ou a neglixencia, con prexuízo para terceiros.

i) O incumprimento das normas sobre restrición de estupefacientes e a explotación de toxicomanías.

j) O exercer ou ter exercido sen estar colexiado/a.

k) O incumprimento das funcións como membro do órgano instrutor de procedementos disciplinarios.

l) A reiteración das faltas leves durante o ano seguinte á súa corrección.

3. Son faltas moi graves:

a) Calquera conduta constitutiva de delito doloso, en materia profesional.

b) A violación dolosa do segredo profesional.

c) O atentado contra a dignidade das persoas con ocasión do exercicio profesional.

d) A desatención maliciosa ou intencionada dos enfermos.

e) A reiteración das faltas graves durante os dous anos seguintes á súa corrección.

5. O incumprimento dos deberes establecidos no artigo 56 destes estatutos, a incursión en calquera das prohibicións sinaladas no artigo 57, o incumprimento das normas do Código deontolóxico, que non estean especificados nos números 1, 2 e 3 serán cualificados por similitude aos incluídos nos números citados deste artigo.

Será oída a Comisión Deontolóxica en todo caso antes de impoñer calquera sanción.

Artigo 72º.-Sancións disciplinarias.

1. Por razón das faltas a que se refire o artigo precedente, poden impoñer as seguintes sancións:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por oficio.

c) Suspensión temporal do exercicio profesional.

d) Expulsión do colexio.

e) Sanción económica de ata 6.000 A.

2. As faltas leves serán emendadas con algunhas das seguintes sancións que serán impostas por acordo da xunta directiva: amoestación privada e/ou multa, apercibimento por oficio e/ou multa.

3. A comisión de falta cualificada de grave sancionarase coa suspensión do exercicio profesional por un tempo inferior a un ano e/ou multa.

4. A comisión de falta cualificada como moi grave será sancionada coa suspensión do exercicio profesional por tempo superior a un ano e inferior a dous e/ou multa.

5. A sanción de expulsión do colexio levará consigo a inhabilitación para incorporarse a calquera outro, mentres non sexa expresamente autorizado polo Consello Galego. Esta sanción só se poderá impoñer pola reiteración de faltas moi graves, e o acordo que determine a súa imposición deberá ser adoptado polo Pleno da xunta directiva, coa asistencia das dúas terceiras partes dos membros correspondentes deste, e a conformidade da metade de quen o integra.

O cobramento da sanción que consista en multa será efectivo mediante requirimento ao/á sancionado/a, a quen se lle concederá un prazo de trinta días para aboar o seu importe, transcorrido este, o presidente do colexio, despois de acordalo a Comisión Permanente, instará o procedemento xudicial correspondente para obter o pagamento debido, incrementado cos xuros correspondentes. En todo caso, o importe da sanción poderá ser deducido do aboamento que por calquera concepto teña que percibir do colexio.

6. Para impoñer sancións, deberá o colexio graduar a responsabilidade do/a inculpado/a en relación coa natureza da infracción cometida, a transcendencia desta e demais circunstancias modificativas da responsabilidade, que terá potestade para impoñer a sanción adecuada, se fose máis dunha a que se estableza para cada tipo de faltas.

7. En caso de sanción por falta moi grave que lle afecta ao interese xeral, poderá publicarse na prensa colexial.

Artigo 73º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

1. A responsabilidade disciplinaria extinguirase:

a) Por morte do inculpado.

b) Por cumprimento da sanción.

c) Por prescrición da falta.

d) Por prescrición das sancións ou por acordo do colexio, ratificado polo Consello Galego.

2. As anotacións de sancións serán canceladas definitivamente sempre que, tras cumprir a sanción, os/as colexiados/as observen boa conduta despois de transcorreren: un ano para as leves, tres anos para as graves e cinco anos para as moi graves.

3. As faltas prescriben unha vez transcorrido un ano desde a súa comisión sen se decretar a incoación do expediente oportuno, salvo as que constitúan delito, que terán o mesmo prazo de prescrición que se este fose maior dun ano.

Artículo 74º.-Competencia.

As faltas leves corrixiraas o presidente do colexio, por acordo da xunta directiva, de conformidade co previsto no artigo 72º.2.

A sanción das restantes faltas será da competencia da xunta directiva, trala instrución dun expediente disciplinario e conforme o procedemento que se regula no artigo seguinte.

No caso de presuntas faltas cometidas por colexiados/as doutras provincias, o expediente tramitarase e resolverase no colexio onde foi cometida esta, co que llo comunicará ao da súa procedencia, a través do Consello Xeral e o Consello Autonómico respectivo.

As funcións disciplinarias con respecto aos membros da xuntas directivas dos colexios correspóndenlle ao Consello Galego.

Artigo 75º.-Procedemento.

1. O procedemento iniciarase de oficio ou por instancia de parte, sempre mediante acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa ou por denuncia.

2. A xunta directiva do colexio, ao coñecer unha suposta infracción, poderá decidir a instrución dunha información previa antes de acordar a incoación de expediente ou, se é o caso, o arquivo das actuacións, ben sen impoñer sanción por sobresemento ou ben a dalgunha das previstas para corrixir faltas leves.

3. Decidido o procedemento, o órgano que acordou a súa iniciación poderá adoptar as medidas provisionais que crea oportunas para asegurar a eficacia da resolución que puidese recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para isto. Non se poderán tomar medidas provisionais que lles poidan causar prexuízos irreparables aos/ás interesados/as, ou ben que impliquen a violación de dereitos amparados pola leis.

4. A xunta directiva, ao acordar a incoación do expediente, designará como instrutor un dos seus membros ou outro/a colexiado/a. O designado deberá ter maior antigüidade no exercicio profesional que o expedientado, ou, no seu defecto, polo menos dez

anos de colexiación. Poderase tamén designar secretario ou autorizar o instrutor para nomealo entre os/as colexiados/as.

5. Aplicaránselles ao instrutor e ao secretario as normas de abstención e de recusación dos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O/a expedientado/a pode nomear un colexiado para que actúe de defensor ou de home bo, o que lle será dado a coñecer, polo que dispoñerá dun prazo de dez días hábiles a partir de recibir a notificación, para comunicarlle á xunta directiva o citado nomeamento; así mesmo, deberá xuntar a aceptación deste por parte do interesado/a. O defensor asistirá a todas as dilixencias propostas polo instrutor e poderá propoñer a práctica doutras no nome do seu defendido.

Así mesmo, o expedientado, poderá acudir asistido de letrado.

7. Compételle ao instrutor dispoñer a achega dos antecedentes que crea necesarios e ordenar a práctica de cantas probas e actuacións conduzan a esclarecer os feitos ou a determinar as responsabilidades susceptibles de sanción.

8. O instrutor formulará un prego de cargos, que será redactado de modo claro e preciso, e nel incluiralle os feitos imputados ao/á inculpado/a, en parágrafos separados e numerados, polo que non é necesario expresar nese momento a falta ou as faltas presuntamente cometidas e as sancións que se puidesen aplicar. O prego de cargos notificaráselle ao/á inculpado polo que se lle concederá un prazo non inferior a dez días, nin superior a quince, para que o poida contestar coas alegacións que considere e a proposición de probas que crea oportunas.

Logo de contestar o prego de cargos, ou despois de transcorrer o referido prazo, o instrutor admitirá ou rexeitará as probas propostas, acordará a práctica das admitidas e de cantas outras actuacións considere eficaces para coñecer mellor os feitos.

9. Ao rematar as actuacións, o instrutor, dentro do prazo máximo de seis meses desde a data de incoación, formulará unha proposta de resolución, na que se fixarán con precisión os feitos, valorará estes para determinar a falta que considere cometida, precisará a responsabilidade do inculpado/a e, se é o caso, a sanción que se vai impoñer.

A proposta de resolución notificaráselle ao/á inculpado/a para que, no prazo de dez días, con vista do expediente, poida alegar canto considere oportuno para a súa defensa.

10. Tras sérenlle remitidas así as actuacións á xunta directiva do colexio, inmediatamente de recibir o escrito de alegacións que presentou o expedientado, ou de transcorrer o prazo para facelo, aquela resolverá o expediente na primeira sesión que teña lugar, oirá previamente o asesor xurídico do

colexio, se o houbese, e a Comisión de Ética e de Deontoloxía e notificaráselle a resolución ao/á interesado/a nos seus termos literais.

11. A xunta directiva do colexio poderá devolverlle o expediente ao instrutor para a práctica daquelas dilixencias que, por seren omitidas, resulten imprescindibles para a decisión. En tal caso, antes de lle remitir de novo o expediente á xunta directiva, informarase do actuado ao/á inculpado/a, co fin de que, no prazo de oito días, alegue canto crea conveniente.

12. A resolución pola que se finaliza o expediente sancionador haberá de ser motivada, e nela non se poderán aceptar feitos ou fundamentos destes distintos dos que serviron de base ao prego de cargos e á proposta de resolución, sen prexuízo da súa distinta valoración.

13. Contra a resolución que finalice o expediente poderá o/a interesado/a interpoñer un recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o Consello Galego de Colexios de Médicos.

14. Contra a resolución ditada polo Consello Galego de Colexios de Médicos poderá o/a interesado/a recorrer ante a xurisdición contencioso-administrativa.

TÍTULO XIII

Réxime xurídico

Artigo 76º.-Competencias.

A competencia é irrenunciable e será exercida precisamente polos órganos colexiais que a teñan atribuída como propia, de non seren os casos de delegación, substitución ou avocación, previstos legalmente.

Artigo 77º.-Competencia do colexio.

O colexio é plenamente competente, no seu ámbito territorial, para exercer as funcións que lle atribúe a lexislación sobre colexios profesionais, os estatutos xerais da OMC, estes estatutos e os do Consello Galego.

Artigo 78º.-Eficacia.

1. Os acordos ou os actos colexiais de regulación interna son públicos e daráseller a publicidade adecuada, dentro do ámbito colexial.

2. Os demais acordos ou actos colexiais serán válidos e producirán efectos desde a data en que sexan ditados, salvo que neles se dispoña outra cousa.

A eficacia quedará demorada cando así o exixa o contido do acto ou estea supeditado á súa notificación.

Excepcionalmente poderá outorgárselle eficacia retroactiva aos actos que sexan ditados en substitución doutros anulados, e, así mesmo, cando lle produzan efectos favorables ao/á interesado/a, sempre que os supostos de feito necesarios existisen na data na que se retrotraia a eficacia do acto e este non lesione dereitos ou intereses lexítimos de terceiros.

Artigo 79º.-Recursos.

1. Contra as resolucións dos órganos colexiais e os actos de trámite que determinen a imposibilidade de continuaren un procedemento ou produzan indefensión, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o Consello Galego no prazo dun mes.

Logo de transcorreren tres meses desde a interposición do recurso de alzada sen que se notifique a súa resolución, entenderase rexeitado e quedará expedita a vía procedente.

Se se ditase resolución expresa, o prazo para formular o recurso que procede contarase desde a notificación da mesma resolución.

2. En canto estes actos estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente obxecto de recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa.

3. Poderán recorrer contra os actos colexiais:

a) Cando se trate dun acto ou dun acordo de efectos xurídicos individualizados, os titulares dun dereito subxectivo ou dun interese lexítimo, persoal e directo no asunto.

b) Cando se trate dun acto o acordo que lle afecte a unha pluralidade indeterminada de persoas, ou á organización en si mesma, entenderase que calquera outro colexiado pertencente ao organismo que o adoptou, está lexitimado para recorrer.

4. A interposición do recurso non suspenderá a execución do acto impugnado, pero a autoridade a quen lle compete resolvelo poderá suspender, de oficio ou por instancia de parte, a execución do acordo obxecto de recurso, no caso de que a dita execución puidese causar perdas de imposible ou difícil reparación.

TÍTULO X

Garantías dos cargos colexiais

Artigo 80º.-Consideración dos cargos.

Dada a natureza de corporacións de dereito público dos colexios profesionais, recoñecidos pola lei e amparados polo Estado, o cumprimento das obrigas correspondentes aos cargos electivos terá, para efectos corporativos e profesionais, a consideración e o carácter de cumprimento de deber colexial.

Para todos os efectos os membros da xunta directiva terán a consideración de autoridade no desempeño das súas funcións e competencias.

Artigo 81º.-Facultades.

A designación para un cargo colexial de orixe electivo, faculta o seu titular para exercelo libremente durante o seu mandado, comprendendo as seguintes facultades:

a) Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación colexial.

b) Promover as accións a que dea lugar para a defensa dos dereitos e dos intereses colexiais confiados ao seu cargo.

c) Reunirse cos restantes membros dos órganos de goberno corporativo, conforme as normas estatutarias para deliberar, acordar e xestionar os temas da actividade colexial.

d) Ser protexido contra calquera acto de usurpación, abuso o inxerencia que lle afecte ao exercicio libre da súa función.

e) Obter dos órganos colexiais competentes a información, o asesoramento e a cooperación necesarias nas tarefas do seu cargo.

f) Dispoñer, de acordo coas disposicións aplicables en cada caso, das facilidades precisas para interromper a súa actividade profesional, cando as exixencias da súa representación colexial así o impoñan.

Artigo 82º.-Ausencias e desprazamentos no servizo.

Para os efectos do artigo anterior os/as colexiados asumirán a cobertura dos servizos correspondentes ao cargo representativo nos supostos de desprazamentos por causas corporativas dos seus titulares, nas mesmas condicións que as substitucións oficiais.

A asistencia dos cargos electivos de representación, ás reunións regulamentarias convocadas polas entidades colexiais, terá os efectos sinalados, en cada caso, polas disposicións vixentes.

A organización colexial, ao cursar as convocatorias que correspondan no uso das súas facultades, procurará moderar as ausencias de maneira que se produzan as menores perturbacións. En todo caso o cargo representativo deberalle dar conta á autoridade correspondente da necesidade da súa ausencia do posto de traballo, que se ha de xustificar coa convocatoria ou motivo da falta de presenza, e anunciarase coa posible antelación.

Disposicións adicionais

1. Autorízase á Comisión Permanente da xunta directiva para ditar as disposicións e as normas que procedan para aplicar e desenvolver o disposto nos presentes estatutos.

2. En todo o non previsto expresamente nestes estatutos será de aplicación o disposto nos estatutos xerais da OMC e os do Consello Galego.

Disposición transitoria

Excepto o cesamento polas causas previstas nos artigos correspondentes destes estatutos, os membros electos actuais da xunta directiva do colexio continuarán desempeñando os seus cargos adaptándose á nova estrutura ata finalizaren o mandado para o que foron elixidos.

Disposición derradeira

Os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña foron aprobados polo Pleno da xunta directiva, que tivo lugar o día 11 de marzo de 2003 e pola asemblea xeral, de data 16 de maio de 2003, e entrarán en vigor ao día seguinte de ser publicados.

Quedan expresamente derrogadas as normas estatutarias previas.