DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 27 de agosto de 2004 Páx. 12.146

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2004, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do convenio colectivo do sector do comercio de elementos do metal da provincia de Ourense, para os anos 2004 e 2005.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio de elementos do metal da provincia de Ourense, para os anos 2004 e 2005, código de convenio número 3200125, que se subscribiu coa data 19 do de maio de 2004, entre a Asociación de Empresarios do Comercio de Elementos do Metal, en representación da parte económica, e as centrais sindicais Unión Xeral de Traballadores (UGT), Comisións Obreiras (CC.OO.) e Confederación Intersindical Galega (CIG), en representación dos traballadores do sector, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e no Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente

nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 7 de xuño de 2004.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do sector do comercio

de elementos do metal da provincia de Ourense

(anos 2004-2005)

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Quedan sometidas ás estipulacións deste convenio todas as empresas dedicadas ao comercio do metal en xeral.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos neste convenio todos os traballadores das empresas incluídas no ámbito funcional, coas excepcións do Estatuto dos traballadores e dos menores de 16 anos, os cales teñen prohibida a contratación.

Artigo 3.-Ámbito territorial.

As disposicións deste convenio rexerán en Ourense e a súa provincia.

Artigo 4.-Ámbito temporal.

A duración deste convenio será dous anos, comezando a rexer o 1 de xaneiro de 2004 e finalizando o 31 de decembro de 2005.

Artigo 5.-Prórroga.

O convenio prorrogarase por períodos anuais ao non denuncialo calquera das partes, con antelación mínima de tres meses, respecto da data da súa terminación. A denuncia farase mediante comunicación escrita á outra parte na cal se fará constar a representación que se teña e as materias de negociación.

Ao finalizar a vixencia a que se refire o artigo 4º, manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do próximo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Todas as contidas neste convenio se establecerán con carácter de mínimos, polo que os pactos, acordos ou situacións actualmente implantadas nas distintas empresas que impliquen condicións máis beneficiosas, subsistirán para aqueles traballadores que as estean a desfrutar.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As condicións que se establecen neste convenio son compensables e absorbibles en cómputo anual conforme a lexislación vixente, respectándose as situacións persoais en igual forma.

Réxime de traballo

Artigo 8º.-Xeira de traballo.

A xeira de traballo máxima para o persoal comprendido neste convenio é de 40 horas semanais.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todos os traballadores gozarán anualmente de 30 días naturais de vacacións retribuídas a salario base, gratificación de transporte e antigüidade.

A empresa confeccionará conxuntamente o calendario de vacacións cos representantes legais dos traballadores ou cos mesmos traballadores se non os hai, será exposto no taboleiro de anuncios e coñecerase con 60 días de antelación á saída da primera data. As datas de vacacións deberán estar comprendidas entre os meses de maio e outubro.

A empresa, por solicitude do traballador, estará obrigada a entregar un xustificante con expresión das datas de inicio e terminación delas. As vacacións non poderán comezar a computar nin en sábado nin en véspera de día santo.

Artigo 10º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, tras o aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 2 días no caso de falecemento, accidente ou enfermidade graves ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir, cónxuxe, fillos/as, nai, pai, sogro/a, nora, xenro, avós, avós políticos, irmáns, cuñados/as, netos/as e netos/as políticos/as. Cando por tal motivo o traballador necesite facer un desprazarnento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) 2 días por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexerá o que este dispoña canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá pasar o traballador afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Por nacemento de fillo/a: 6 días.

g) As traballadoras por lactación dun fillo menor de 9 meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderá dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha redución de xeira en media hora coa mesma finalidade.

Este permiso poderá ser gozado indistintamente polo pai ou nai no caso de que os dous traballen.

Réxime económico

Artigo 11º.-Salario base.

Para o ano 2004 comprende as retribucións que en xeira normal de traballo figuran na táboa salarial do anexo.

Polo que respecta ao segundo ano de vixencia, é dicir, o ano 2005, o incremento salarial aplicable será o IPC real constatado a 31 de decembro de 2004, máis 0,5 puntos.

Artigo 12º.-Rendemento mínimo.

Dadas as dificultades técnicas que entraña o establecemento dunhas táboas de rendementos mínimos nas actividades encadradas neste convenio, pola diversidade e diferentes estruturas das empresas afectadas, considerarase o rendemento mínimo adaptado aos usos profesionais de cada actividade comercial da localidade.

Non obstante, as empresas, dentro da súa peculiar organización, poderán establecer os ditos rendementos.

Artigo 13º.-Incentivos.

Cando as empresas establezan unhas táboas de rendementos e o traballador exceda o mínimo fixado, percibirá unha prima ou incentivo.

As tarifas de remuneración por incentivo deberanse calcular de modo que o traballador de normal capacidade e rendemento obteña polo menos unha retribución superior nun 25 por cento do salario base establecido neste convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 14º.-Aumentos periódicos por anos de servizos.

O persoal comprendido neste convenio percibirá aumentos periódicos por anos de servizos consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 5% sobre o salario base.

Con efectos desde o 1 de xaneiro de 2004, ningún traballador poderá acumular máis de dez cuadrienios. No obstante, aqueles que viñeran percibindo porcentaxes superiores por este concepto ata a data indicada, manterán e consolidarán as citadas cantidades.

Cando o traballador ascenda de categoría profesional, engadiráselle o soldo base da nova categoría ao número de cuadrienios que viñese gozando, calculándose a contía destes de acordo coa nova categoría acadada.

A data inicial para o cómputo dos aumentos por anos de servizos será a de ingreso na empresa, incluído o tempo de aprendizaxe e aspirante, ben que para estes o dito cómputo se aplicará a partir da vixencia deste convenio.

Artigo 15º.-Gratificación especial por idiomas.

Os traballadores con coñecementos acreditados ante as súas empresas dunha ou máis linguas estranxeiras sempre que este coñecemento fose requirido e pactado coa empresa, percibirán un aumento do 10% do seu salario base por cada idioma.

Artigo 16º.-Posto de traballo.

Gratificación especial por ornamentación de escaparates: o persoal que, non estando clasificado como escaparatista, realice, non obstante, con carácter normal a función de ornamentación de escaparates, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a unha gratificación do 10% do seu salario base e aumentos por anos de servizo.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

Para o cálculo do salario-hora que servirá de base para determinar o importe das horas extraordinarias, terase en conta os seguintes conceptos: salario base, pagas extraordinarias, complemento de antigüidade e, se o traballador as viñese percibindo, gratificación especial por idiomas e gratificación especial por ornamentación de escaparates. O incremento que se aplicará sobre o salario-hora para o pagamento das horas extraordinarias é o seguinte:

-O 75% nas extraordinarias de días laborables.

-O 150% nas horas extraordinarias de domingos e días santos.

Artigo 18º.-Desprazamento e axudas de custo.

Os traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo e que imposibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou teñan necesidade de se desprazaren a localidades onde tamén exixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento, terán dereito ao cobramento de gastos orixinados de acordo coa empresa, e unha vez xustificados.

Artigo 19º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá tres pagas extraordinarias, consistentes nunha mensualidade dos salarios base vixentes en cada momento, aumentos periódicos por ano de servizo e gratificación de transporte.

A gratificación de transporte fíxase para estes efectos na cantidade de 65,5 euros.

Estas pagas serán aboadas do xeito seguinte: a paga de verán, antes do 20 de xullo; a paga de Nadal, antes do 20 de decembro; a paga de beneficios, antes do 21 de marzo.

O importe das referidas gratificacións será rateado en proporción ao tempo traballado durante o ano, computándose como tal o correspondente a enfermidade xustificada, accidente de traballo, vacacións e permisos retribuídos.

Artigo 20º.-Incapacidade temporal.

En caso de enfermidade común, accidente de traballo ou enfermidade profesional, o persoal en situación de incapacidade temporal percibirá con cargo á empresa, por un período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda por este convenio, incrementado cos aumentos periódicos por anos de servizos.

A empresa poderá descontar deles durante o dito período de tempo as prestacións económicas que corresponden ao seguro obrigatorio de enfermidade.

Artigo 21º.-Premio de compensación por antigüidade.

Os traballadores que teñan unha antigüidade mínima na empresa de 10 anos e causen baixa por xubilación nesta a partir dos 60 anos e ata os 65 anos, terán dereito a gozar de vacacións retribuídas. Se a baixa se producise aos 60 anos, as vacacións terán unha duración de seis meses, reducíndose un mes por cada ano, ata chegar aos 65.

Os traballadores que igualmente cesen aos 65 anos de idade, percibirán dous meses de vacacións retribuídas. Se, cumpridos os 65 anos de idade e seis meses, o traballador non solicitase a xubilación, o traballador perderá o dereito a este complemento.

As ditas mensualidades serán calculadas sobre o salario real. Para a súa precepción deberán solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade correspondente.

O goce destas vacacións farase efectivo coa correspondente antelación ao seu cesamento efectivo, debendo o traballador comunicar de xeito constatable a súa decisión á empresa. Esta entregaralle ao traballador que solicite o premio de vacacións un certificado acreditativo do seu goce, no cal constará o número de meses a que ten dereito.

Artigo 22º.-Gratificación de transporte.

Establécese unha gratificación de transporte urbano para todos os traballadores afectados por este convenio de 2,62 euros por día traballado. Para o ano 2005, a dita gratificación incrementarase na mesma proporción que o salario base.

Artigo 23º.-Delimitacións das funcións do condutor.

As funcións dos condutores de vehículos nas actividades comprendidas neste convenio fixaraas a comisión paritaria que, para tal fin, se reunirá a partir do mes de setembro deste ano.

Artigo 24º.-Salarios.

Este convenio incrementarase nun 3,25% para o ano 2004 con respecto á táboa salarial do ano 2003.

Polo que respecta ao ano 2005, aplicarase á táboa salarial de 2004 un incremento salarial equivalente ao IPC real constatado no 31 de decembro de 2004, máis 0,5 puntos.

Artigo 25º.-Fomento da contratación.

Para contribuír a darlle estabilidade ao emprego, as partes asinantes deste convenio comprométense a fomentar a contratación indefinida como norma xeral.

Sen embargo, ao ser este un sector cunha problemática específica, propoñemos os seguintes modelos de contratación:

a) Contrato eventual por circunstancias da produción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos: as partes asinantes deste convenio acordan que, de conformidade co establecido no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, co obxecto de aproveitar ao máximo as posibilidades de emprego que ofrecen as circunstancias de mercado no sector do comercio de elementos do metal, a duración máxima do contrato eventual por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos será de doce meses dentro dun período de 18 meses.

A dita duración máxima será de aplicación tanto para os novos contratos que se pacten a partir da publicación deste convenio como para aqueles que se asinaran nun momento anterior a esta.

b) Contrato para a formación laboral: o contrato para a formación terá por obxecto a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o desenvolvemento dun oficio ou posto de traballo que requira un determinado nivel de cualificación.

Poderase realizar con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21. Debido ás necesidades formativas impostas polas características dos postos de traballo para desempeñar no sector de comercio de elementos do metal, as partes asinantes deste convenio acordan que, segundo o establecido na Lei 63/1997, modificada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, a duración mínima do contrato para a formación laboral sexa de seis meses e a máxima de tres anos.

c) Contrato en prácticas: a retribución do traballador contratado baixo a modalidade de prácticas será dun 60% no primeiro ano e dun 75% no segundo do salario da súa categoría profesional, en cómputo anual, quedando incluído neste cómputo anual a gratificación de transporte.

d) Fomento da contratación indefinida: durante a vixencia deste convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se tivesen pactado de xeito temporal ou por tempo determinado, independentemente do momento en que se formalice o contrato temporal, acollerase ao disposto no punto 2, alínea b), da disposición adicional primeira, da Lei 12/2001, do 9 de xullo, de medidas urxentes de reforma do mercado de traballo para o incremento

do emprego e a mellora da súa calidade, segundo a cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 26º.-Póliza de seguros.

As empresas suscribirán a favor dos traballadores unha póliza de seguros que cubra, en caso de accidente de traballo, os riscos de morte e invalidez permanente, nos graos de total, absoluta e grande invalidez, na contía de 12.000 euros.

No obstante, a indemnización que se perciba con cargo ao seguro aquí convido, considerarase como percibida á conta da indemnización que, se for o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza na vía penal, compensándose ata onde aquela non alcance.

Artigo 27º.-Comisión paritaria.

Para todas as cuestións que deriven da aplicación, interpretación e vixilancia deste convenio, constitúese unha comisión paritaria formada pola asociación provincial de empresarios e as centrais sindicais que asinan este convenio.

Artigo 28º.-Absentismo.

As partes asinantes recoñecen o grave problema que supón o absentismo laboral e entenden que a súa redución implica tanto un aumento da presenza do traballador no posto de traballo como a correcta organización da medicina da empresa e da Seguridade Social, xunto cunhas adecuadas condicións de seguranza, hixiene e ambiente de traballo, para unha efectiva protección da saúde física e mental do traballador.

Artigo 29º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para todos os efectos, e non se admitirá discriminación por razón de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc.

Artigo 30º.-Pezas de roupa de traballo.

Aos traballadores que proceda, a empresa proporcionaralles o vestiario adecuado para o traballo na cantidade de dúas pezas de roupa por ano, que reporá unha vez cada semestre. Así mesmo, facilitaralles luvas e calzado cando así o exixa o traballo que hai que realizar. Aos traballadores que realicen funcións de repartición en moto, a empresa está obrigada a proporcionarlles o casco obrigatorio e traxe de augas.

Artigo 31º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa.

A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ao cómputo de antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ao traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ao cesamento do cargo público.

O traballador cunha antigüidade mínima na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en situación de excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período non superior a tres anos de excedencia para atenderen o coidado de cada fillo, xa sexa por natureza ou adopción, contado desde a data de nacemento deste. Os fillos sucesivos darán dereito a un novo período de excedencia, que, se se dá o caso, porá fin ao que se viñese gozando. Cando o pai ou nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, a partir do inicio de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do posto de traballo e a que o citado período sexa computado para efectos de antigüidade. Finalizado este e ata a terminación do período de excedencia, serán de aplicación, agás pacto colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

Así mesmo poderán solicitar o seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exercen funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ao ingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

A situación de excedencia poderase estender a outros supostos colectivamente acordados con réxime e cos efectos que alí se prevexan.

Artigo 32º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán pola práctica de recoñecementos médicos, incluídas análises de sangue e de urina, tanto iniciais como periódicas, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo unha ao ano. Pola súa banda, os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo delas, tanto en situación activa como en situación de IT ou similar.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e entregaráselle a ese do resultado do recoñecemento. Serán entregados nun máximo de cinco días desde a data en que se reciban.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 33º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade, a empresa deberá conceder os permisos de 16 semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada, sempre que 6 semanas sexan inmedianta

mente posteriores ao parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Non obstante o anterior, no caso de que a nai ou o pai traballen, aquela, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar a que o pai goce de catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ao final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas, contadas a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo adoptado é menor de 5 anos e maior de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

Artigo 34º.-Réxime disciplinario por acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto e a intimidade ou contra a liberdade dos traballadores, condutas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica con persoa ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu máximo grao.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representante dos traballadores e traballadoras e da dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador afectado procurando silenciar a súa identidade cando así fose requirido.

Dada a falta de normativa existente, poderase seguir a descrición de sancións incluídas no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Ley sobre infraccións e sancións na orden social, modificada pola Lei 62/2003, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

Artigo 35º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder 6 meses para os técnicos titulados, nin 3 meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados; en tal caso, a duración máxima será de 15 días laborais.

O empesario e o traballador están respectivamente obrigados a realizar as experiencias que constitúan o obxecto da proba.

Durante o período de proba o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ao posto de traballo que desempeñe, como se fose do cadro de persoal, salvo os derivados da resolución laboral, que poderá producirse por

petición de calquera das partes durante o seu transcurso.

Transcorrido o período de proba sen que se produza a desistencia, o contrato producirá plenos efectos, e computarase o tempo dos servizos prestados na antigüidade do traballador na empresa.

A situación de incapacidade temporal que afecte o traballador durante o período de proba interrompe o cómputo del sempre que se produza acordo entre ambas as partes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para o non previsto neste convenio haberá que aterse ao sinalado no acordo marco para a substitución da ordenanza do comercio asinado o 6 de marzo de 1996 pola Confederación Española de Comercio por unha banda e polas centrais sindicais CC.OO., CIG e UGT, pola outra, e a Lei orgánica de liberdade sindical e Estatuto dos traballadores.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Cláusula de sumisión ao AGA: dada a importancia que pode ter para a resolución pacífica de conflitos laborais e elaboración do acordo galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.00. e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formuladas.

Segunda.-Partes asinantes: este convenio asínano as centrais sindicais UGT, CIG e CC.OO., en representación da parte social, e a Asociación de Empresarios de Comercio de Elementos do Metal en representación da parte empresarial.

Táboa salarial 2004

-Grupo primeiro: 584,54 euros.

Profesional de oficio de terceira.

Vixilante sereno.

Ordenanza porteiro.

Cobrador.

Conserxe.

Empaquetador.

Mozo.

Telefonista.

Limpadora.

-Grupo segundo: 593,97 euros.

Mozo especializado.

Auxiliar administrativo.

Profesional de oficio de segunda.

-Grupo terceiro: 608,70 euros.

Intérprete.

Delineante.

Escaparatista.

Profesional de oficio de primeira.

Oficial administrativo.

Caixeiro.

Viaxante.

Dependente.

Axudante.

-Grupo cuarto: 668,50 euros.

Xefe administrativo.

Contable.

Xefe de división.

Xefe de taller.

Xefe de persoal.

Xefe de compras.

Xefe de vendas.

Xefe de sucursal.

Xefe de almacén.

Xefe de servizo mercantil.

Encargado de establecementos.

Titulado de grao medio.

-Grupo quinto: 728,32 euros.

Director.

Titulado de grao superior.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA