DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Mércores, 25 de agosto de 2004 Páx. 12.084

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2004 pola que se convoca un curso de atestados e investigación de accidentes de tráfico.

Dentro das actividades programadas para o ano 2004 en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial da Coruña, anúnciase a celebración dun curso de atestados e investigación de accidentes de tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Afondar na elaboración do atestado policial, na temática relacionada co tráfico e os accidentes.

-Coñecer a metodoloxía aplicable na investigación e reconstrución de accidentes de tráfico.

-Dominar os distintos aspectos que abrangue a instrución e confección do informe técnico e a súa presentación e defensa ante os xulgados.

-Saber actuar ante problemáticas derivadas dos seguros.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación

Provincial da Coruña, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP da Coruña.

Destinatarios.

O curso vai dirixido aos membros dos corpos de policía local da provincia da Coruña.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de setembro de 2004, ás 14.00 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial da Coruña-Servizo de Asistencia a Municipios (fax: 981 18 33 33): avenida Alférez Provisional, s/n, 15006 A Coruña; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 27 de setembro ao 5 de outubro de 2004.

O horario será de 16.30 a 20.45 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, e nel trataranse os seguintes módulos:

* O atestado nos delitos relacionados co tráfico. Dilixencias que o integran segundo o caso.

* O atestado por accidente de tráfico.

* A investigación de accidentes: concepto e fases; factores que interveñen e metodoloxía a seguir.

* Toma de datos: fotografías, medicións e bosquexo do lugar e dos elementos.

* Aplicación das teorías da física para os cálculos necesarios: velocidades, prestacións, deformacións, etc. Elaboración do informe técnico.

* Os seguros do automóbil: o seu control. Problemática con estranxeiros.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos será feita pública o día 23 de setembro a partir das 14.00 horas, tanto pola

Deputación Provincial da Coruña como pola Academia Galega de Seguridade; os interesados poden coñecer e confirmar a súa asistencia chamando aos teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 981 18 33 13 (Servizo de Asistencia a Municipios da Deputación Provincial da Coruña).

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Boiro, na Casa da Cultura Ramón Martínez López.

Certificado de asistencia.

Ao remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial da Coruña, se é o caso, poderán modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 3 de agosto de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA