DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 23 de agosto de 2004 Páx. 12.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2004 pola que se publica o regulamento do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego e se convoca o premio correspondente ao ano 2003.

Na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG nº 251, do 29 de decembro), disponse a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) como o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego para mellorar as condicións de vida e evitar o despoboamento dese territorio.

Dentro dos obxectivos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural atópase a mobilización da iniciativa privada coa finalidade de impulsar o desenvolvemento das áreas rurais. Neste sentido, entre os traballos que está a levar a cabo Agader, cabe sinalar a posta en práctica de actuacións públicas complementarias que animen a participación privada e contribúan á conservación do contorno rural.

Neste marco tivo lugar no 2003 a primeira convocatoria do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego, que contou, a xuízo do xurado avaliador, cunha alta calidade e participación de candidaturas. Por outra banda, no orzamento de 2004 incrementouse a contía da partida de Agader destinada ao premio.

En consonancia con todo o anterior, o Consello de Dirección do 29 de xullo de 2004, aprobou o novo regulamento do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego. Así mesmo, aprobou a convocatoria para o ano 2004 e acordou delegar na directora xeral de Agader a facultade para levar a cabo as actuacións precisas para o desenvolvemento da convocatoria e a concesión do premio Agader ao embelecemento do medio rural galego.

De acordo co exposto,

RESOLVO

Primeiro.-Regulamento.

Publícase o regulamento do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego, que figura como anexo da presente resolución.

Segundo.-Convocatoria de 2004.

Faise pública a convocatoria do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego correspondente ao ano 2004, que se suxeitará ás normas contidas no regulamento que figura como anexo desta resolución.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14 horas do día 15 de outubro de 2004.

O premio constará dun diploma e unha dotación en metálico de 42.000 A.

Ademais o xurado poderá conceder dous accésit, que constarán dun diploma e unha dotación en metálico de 9.000 A cada un.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2004.

Belén Hernández Lafuente

Directora xeral de Agader

ANEXO

Regulamento do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego

Artigo 1º

O Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego poderá concederse ao proxecto ou actuación realizada pola parroquia, localidade, aldea, núcleo de poboación ou grupo humano da Comunidade Autónoma de Galicia que destacase de xeito notable polo embelecemento e coidado do medio rural, a través da defensa e conservación do contorno natural ou ecolóxico, do patrimonio histórico, cultural ou artístico ou a través da realización de obras comunais ou doutras manifestacións de solidariedade extraordinaria.

Artigo 2º

Os grupos de acción local de Galicia, institucións, entidades, empresas, así como os cidadáns que o desexen, poderán presentar propostas razoadas de candidaturas ao Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego durante o prazo que determine a axencia na correspondente convocatoria.

As propostas poderán ser enviadas por correo certificado, correo electrónico (infoAgader*xunta.es) ou presentadas na sede de Agader, avda. do Camiño Francés, 10-baixo, 15771 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 3º

Non poderán presentarse ao premio os proxectos ou actuacións que xa obtivesen premio ou accésit en convocatorias anteriores.

Artigo 4º

A documentación que necesariamente deberá ser incluída na presentación de cada candidatura é a seguinte:

1) Proposta formal, explicando os motivos polos que se presenta a candidatura.

2) Documentación acerca do proxecto ou actuación desenvolvida que se propón para o premio.

Poden presentarse tamén, se se considera oportuno, apoios á candidatura e, en xeral, cantos datos e información se consideren axeitados para fortalecer a proposta.

Artigo 5º

As candidaturas que non presenten a documentación necesaria sinalada no artigo anterior non serán admitidas.

En todo caso, a documentación presentada non será devolta, nin se manterá correspondencia sobre ela.

Artigo 6º

En cada convocatoria o premio terá o seu propio xurado. Os membros deste serán designados por Agader, que determinará, de entre aqueles, quen será o secretario.

Artigo 7º

Na primeira xuntanza do xurado o secretario declararao constituído. A continuación elixirase o presidente do xurado de entre os seus membros.

Correspóndelle ao presidente dirixir as deliberacións e, se é o caso, as votacións que se produzan, e ao secretario, con voz e sen voto, levantar acta das sesións e interpretar este regulamento.

Artigo 8º

O premio outorgarase ao proxecto ou actuación que obteña a maioría dos votos do xurado. O voto deberá ser emitido persoalmente por cada un dos membros do xurado durante as xuntanzas formais que este celebre. No caso de empate decidirá o voto do presidente.

Artigo 9º

O premio será outorgado a unha soa candidatura. Excepcionalmente poderá ser compartido.

Artigo 10º

O xurado poderá declarar deserto o premio.

Artigo 11º

O Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego constará dun diploma e da dotación en metálico que se estableza na convocatoria anual correspondente. Ademais do premio, o xurado poderá conceder dous accésit, que constarán dun diploma e da dotación económica que se estableza na convocatoria anual correspondente.

Artigo 12º

O importe do premio e dos accésit deberá destinarse a realizar melloras, conservación ou actuacións complementarias respecto dos proxectos ou actuacións galardoados.

Artigo 13º

A axencia fará unha difusión axeitada dos resultados do Premio Agader ao embelecemento do medio rural galego.