DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 23 de agosto de 2004 Páx. 11.986

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de xullo de 2004 pola que se convocan axudas a alumnos e alumnas que inicien durante o curso 2004-2005 ensinanzas de formación profesional específica de grao medio, en familias profesionais non vocacionais demandadas polo mercado laboral. Axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servizos da Administración do Estado en materia de educación.

O Plan Galego de Formación profesional, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 27 de xuño de 2001, recolle un plan específico de promoción de profesións non vocacionais demandadas no mercado de traballo, para favorecer o necesario equilibrio entre os profesionais que precisa o mundo laboral e a cualificación dos traballadores. Trátase de potenciar entre a xuventude aquelas familias profesionais e ciclos formativos de grao medio das ensinanzas de formación profesional específica que, mesmo sendo pouco demandadas polo alumnado, contan con perspectivas de inserción laboral e, en consecuencia, facilitan a súa incorporación ao primeiro emprego.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Bases xerais.

Convócanse axudas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, destinadas ao alumnado que inicia no curso académico 2004-2005 algún ciclo formativo de grao medio ou módulo experimental dos que se indican na seguinte táboa:

Familia profesionalCiclo formativo de grao medio

Actividades agrarias-CM01001 CM Traballos forestais e de conservación do medio natural.-CM01002 CM Xardinaría.-CM01003 CM Explotacións agrarias extensivas.-CM01004 CM Explotacións agrícolas intensivas.-CM01005 CM Explotacións gandeiras.

Actividades marítimo-pesqueiras-CM03003 CM Operación, control e mantemento de máquinas e instalacións do buque.-CM03004 CM Pesca e transporte marítimo.

Edificación e obra civil-M218020 M2 Albanelaría.-M2 18008 M2 Cubrición de edificios: lousas.-DM 08001 DM Acabamentos de construción.

Industrias alimentarias-CM13004 CM Panificación e respostaría.-CM13001 CM Elaboración de produtos lácteos.-CM13002 CM Elaboración de viños e outras bebidas.-CM13005 CM Conserveira vexetal, cárnica e de peixe.

Familia profesionalCiclo formativo de grao medio

Mantemento e servizos á produción-CM17002 CM Instalación e mantemento electromecánico de maquinaria e condución de liñas.

Téxtil, confección e pel-CM21001 CM Confección.

Vidro e cerámica-CM22002 CM Operacións de fabricación de produtos cerámicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán beneficiarse destas axudas os alumnos e alumnas que se matriculen por primeira vez no curso 2004-2005 nalgún ciclo formativo de grao medio ou módulo experimental dos indicados no artigo 1º desta orde, en centros de educación secundaria da Comunidade Autónoma en que as ditas ensinanzas estean sostidas con fondos públicos.

Quedan excluídos destas axudas os alumnos e alumnas que cursen o segundo ano do ciclo formativo ou módulo experimental e os repetidores, así como os que estean matriculados en oferta modular.

Artigo 3º.-Contía das axudas.

A contía das axudas individuais será única e poderá ascender ata un máximo de 400 euros por beneficiario.

As axudas serán concedidas con cargo ao concepto orzamentario 07.04.322S.480.1 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, por un importe total máximo de 150.000 euros.

O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo a fondos públicos.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participaren nesta convocatoria presentarán a seguinte documentación no centro onde vaian realizar os estudos de formación profesional:

-A solicitude de axuda segundo o modelo que se recolle no anexo I desta orde.

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia cotexada do xustificante de matrícula.

-Anexo II desta orde relativa á declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes, para o curso 2004-2005, de acordo co establecido nos artigos 8.4º e 15.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes dirixiranse á secretaría do centro onde o alumno ou a alumna vaian cursar os estudos.

As secretarías dos centros remitirán a documentación, nos cinco días naturais seguintes ao do remate do prazo de presentación de solicitudes, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais (edificio administrativo San Caetano, 15771 Santiago de Compostela).

O alumnado que excepcionalmente se matricule con posterioridade ao prazo sinalado disporá de 5 días naturais, contados a partir da data de matriculación no ciclo, para presentar a solicitude na secretaría do centro. En todo caso, a data límite de presentación de solicitudes será o 29 de outubro. Nos cinco días naturais posteriores a esta data o centro educativo remitirá a documentación deste alumnado á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Artigo 6º.-Comisión de selección.

A selección das peticións levarase a efecto por unha comisión integrada polas seguintes persoas:

-A subdirectora xeral de Formación Profesional, que actuará como presidenta.

-O xefe de Servizo de Xestión Integrada de Recursos, Formación en Empresas e Orientación Laboral.

-O xefe do Servizo de Formación Profesional.

-Un membro dos servizos de Inspección Educativa designado pola Inspección Central.

-O director dun centro de educación secundaria que imparta ensinanzas de formación profesional específica, designado pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión de selección poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, para concorreren ás sesións, conforme o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Artigo 7º.-Adxudicación de axudas.

Vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, a comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Artigo 8º.-Comunicación.

A concesión ou denegación da axuda será publicada no Diario Oficial de Galicia. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Aceptación das axudas.

Nos quince días naturais seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, os beneficiarios deberán remitir á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a seguinte documentación:

-Anexo III desta orde relativo á aceptación previa da subvención concedida e ao compromiso de seguir as avaliacións continuas durante o curso 2004-2005.

-Certificación bancaria na cal consten os datos da entidade e o código da conta na que o beneficiario

desexa que se lle faga efectivo o pagamento. Nesta conta o beneficiario debe figurar necesariamente entre os titulares.

De non se presentar a citada documentación no prazo establecido enténdese que o beneficiario renuncia á axuda concedida, polo que se procederá ao arquivo do expediente.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non se ditar resolución expresa no prazo de seis meses desde a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

As axudas efectuaranse nun só pagamento, a través de conta ou cartilla de aforro aberta a nome do beneficiario.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 11º.-Perda da axuda.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A falsidade dos datos ou a falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos do solicitante e a correspondente devolución da cantidade total percibida, sen prexuízo doutras responsabilidades ás que houber lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

Artigo 12º.-Información.

De acordo co establecido no Regulamento (CE) nº 1159/2000 da Comisión, do 30 de maio de 2000 (DO L 130/30 do 31-5-2000), os centros educativos tomarán as medidas oportunas para informar o alumnado de que estas axudas están financiadas nun 65% polo Fondo Social Europeo.

Os directores dos centros educativos arbitrarán as medidas necesarias para que esta orde sexa coñecida por todos os membros da comunidade educativa e para que os beneficiarios cumpran cos requisitos establecidos. Así mesmo, a Inspección Educativa asesorará os centros na tramitación desta orde e velará polo seu estrito cumprimento.

Artigo 13º.-Autorización.

Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais a desenvolver o disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria