DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 23 de agosto de 2004 Páx. 11.985

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 29 de xuño de 2004 pola que se lle outorga a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Outeiro de Rei para cambio de uso de solo urbanizable industrial a residencial en Guillar.

O planeamento urbanístico vixente no Concello de Outeiro de Rei son unhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 30 de outubro de 1992.

Nun principio, o Concello de Outeiro de Rei remitiu un documento, para informe previo á aprobación inicial denominado modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Outeiro de Rei para cambiar dúas áreas de solo urbanizable industrial a residencial do que a área denominada B acadou a súa aprobación definitiva mediante orde desta consellería de data 16 de outubro de 2003.

O expediente que o Concello de Outeiro de Rei envía para a súa aprobación definitiva refírese á zona A, estremeira co sector RA-46, na zona do Salete, Guillar, cunha superficie de 74.450 m, cualificada na actualidade como solo urbanizable de uso industrial para pasar a residencial para vivenda unifamiliar, sen incrementar a intensidade do uso.

O obxecto da modificación dálle cumprimento ao sinalado no artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual e, inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente ao informe preceptivo desta consellería, que foi emitido en data 22 de novembro de 2002, ao abeiro do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno da Corporación, na súa sesión do 26 de decembro de 2003 acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida ao trámite de información pública polo prazo dun mes mediante anuncios publicados no Diario Oficial de Galicia nº 5, do 9 de xaneiro de 2004, no diario El Progreso e no xornal La Voz de Galicia de datas de 2 e 3 e 3 e 4 de xaneiro de 2004, respectivamente.

No expediente constan os informes emitidos pola arquitecta municipal con data 30 de marzo de 2004 e polo secretario do concello o 1 de abril de 2004,

ambos os dous favorables á modificación puntual proposta no que respecta á súa conformidade coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

O Pleno da Corporación en sesión do 16 de abril de 2004 acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual, remitíndollo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

De conformidade co disposto polo artigo 89.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e cos informes xurídico e técnico do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial de Lugo, de datas 31 de maio e 4 de xuño de 2004, respectivamente, así como en consonancia cos das subdireccións xerais de Urbanismo e de Disciplina e Informes, do 29 de xuño, de igual ano, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, do 29 de xuño do ano en curso

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Outeiro de Rei para cambio de uso de solo urbanizable industrial a residencial en Guillar. De acordo co disposto na disposición transitoria primeira da Lei 9/2002, o só obxecto da modificación terá a condición de solo urbanizable non delimitado, polo que o seu desenvolvemento deberá levarse a cabo mediante un plan de sectorización único e achegando as reservas de equipamentos establecidas polo artigo 47 da Lei 9/2002, para sistemas xerais e locais.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contenciosa-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2004.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda