DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 19 de agosto de 2004 Páx. 11.855

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2004 pola que se convocan dous cursos sobre a atención nos servizos de emerxencia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2004, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre a atención nos servizos de emerxencia, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

A formación do persoal voluntario das A.V.P.C., dos bombeiros e da garda civil, que nos seus centros de destino teñan instalados terminais remotos do 112, que lle permita un mellor desenvolvemento da súa actividade na atención de chamadas de urxencia e emerxencias.

Segunda.-Destinatarios.

-Voluntarios de protección civil pertencentes a A.V.P.C. que teñan instalados terminais remotos do 112.

-Bombeiros pertencentes a parques que teñan instalados terminais remotos do 112.

-Gardas civís que presten servizos en acuartelamentos que teñan instalados terminais remotos do 112.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 27 por curso.

2. Duración e datas: os cursos desenvolveranse os días 4 e 5 e 6 e 7 de outubro respectivamente, en xornada de mañá e tarde, cunha duración de 16 horas cada un.

O horario será o seguinte: das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: os cursos realizaranse na sede da Academia Galega de Seguridade no concello da Estrada.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 21 de setembro de 2004.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación ou xefe do organismo ao que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada e fax nº 986 59 09 88 ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

-A comunicación nun centro de emerxencias.

-A comunicación oral.

-A comunicación escrita.

-A comunicación por radio.

-A responsabilidade legal.

-Os terminais remotos do 112, funcionamento e coordinación.

-Servizo 112 de Galicia.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 30 de xullo de 2004.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade