DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Xoves, 19 de agosto de 2004 Páx. 11.853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 2 de agosto de 2004 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

No Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, establécese a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

En virtude do Decreto 195/2003, do 20 de marzo, establécese a estrutura da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, departamento da Xunta de Galicia de conformidade co referido

Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, modificado polo Decreto 280/2003, do 17 de xuño.

A necesidade de acadar unha axeitada axilización administrativa en beneficio da Administración e dos administrados con respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe e aos principios que informan a actividade administrativa, aconsellan delegar en determinados órganos da consellería o exercicio dalgunhas competencias legalmente atribuídas á titular da consellería.

En virtude da Orde do 14 de marzo de 2003 delegáronse as competencias a favor dos delegados provinciais no seu ámbito territorial. Coa recente modificación da estrutura orgánica e de conformidade co principio de seguridade xurídica cómpre, así mesmo, reunir na presente disposición a delegación das

competencias da titular da consellería nos órganos periféricos.

Facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Administración e xestión de persoal.

1. Deléganse no secretario xeral:

a) As facultades que lle corresponden á titular da consellería en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela.

b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal dependente da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, agás as que se delegan expresamente nos delegados provinciais.

2. Deléganse nos delegados provinciais, no seu respectivo ámbito territorial:

a) A competencia para efectuar as contratacións de persoal interino que se realicen ao abeiro da normativa vixente, as cales serán tramitadas e subscritas por eles.

b) As autorizacións das comisións de servizo con dereito a indemnización no ámbito provincial de todo o persoal adscrito ás delegacións.

Artigo 2º.-Contratación e xestión financeira e orzamentaria.

1. Delégase no secretario xeral:

a) As competencias que como órgano de contratación lle son atribuídas á titular da consellería pola lexislación vixente.

b) A autorización e disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas dos servizos da consellería, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes, agás os que se delegan expresamente nos directores xerais.

2. Deléganse nos directores xerais:

A autorización e disposicións dos créditos e de recoñecemento de obrigas dos orzamentos xerais dos capítulos II e IV asignados aos seus respectivos centros directivos, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

3. Deléganse nos delegados provinciais, no seu respectivo ámbito territorial as competencias seguintes:

a) A contratación de servizos relativos a gastos correntes así como a contratación de subministra

cións de bens funxibles, con cargo ao capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servizos xestionados polos órganos periféricos.

b) En relación coa alínea anterior, a autorización e disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

c) A realización de todos os trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros sen convenio e para o ingreso en garderías infantís, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento.

Artigo 3º.-Réxime interno, recursos e reclamacións.

Deléganse na secretaría xeral da consellería.

a) O despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos á titular da consellería.

b) A disposición de canto atinxe ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia da conselleira ou doutro centro directivo.

c) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan á conselleira, das reclamacións administrativas previas á vía xudicial e das reclamacións de responsabilidade patrimonial, nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

Artigo 4º

Axudas e subvencións: será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

Artigo 5º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 6º

En calquera momento a conselleira poderá revogar ou avocar o exercicio das competencias delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na súa redacción dada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 14 de marzo de 2003, sobre delegación de competencias nos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2004.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado