DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 16 de agosto de 2004 Páx. 11.705

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 23 de xullo de 2004 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, establece no seu artigo 18 que os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como as súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva.

A través do Decreto 448/2003, do 18 de decembro, creouse por segregación o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense.

En cumprimento das disposicións transitorias do devandito decreto, unha vez constituída a asemblea constituínte, aprobáronse os estatutos con data do 6 de marzo de 2004, e posteriormente foron remitidos a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Tendo en conta o exposto, e verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense, que figuran como anexo á presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2004.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos

Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Natureza xurídica.

1. O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas de Ourense (no sucesivo o colexio) é unha corporación de dereito público e de carácter profesional, amparada pola lei, con personalidade xurídica propia, que se rexerá polas leis e disposicións vixentes na materia e polas prescricións dos presentes estatutos.

2. O colexio ten plena capacidade para o cumprimento dos seus fins. En consecuencia, e de acordo coa legalidade vixente, pode adquirir, vender, allear, posuír, reivindicar, permutar, gravar toda clase de bens e dereitos, realizar contratos, obrigarse e exercitar accións e interpor recursos en todas as vías e xurisdicións para o cumprimento dos seus fins.

3. O colexio funcionará baixo o principio de estrutura interna democrática, independente das administracións públicas, sen prexuízo das relacións de dereito público que con elas lle corresponda.

Artigo 2º.-Relacións coa Administración.

O colexio, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relaciónase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local ou a competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión ou actividade profesional, coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou coa Administración competente por razón da materia. A relación coa Administración do Estado será a través do Consello Xeral de Colexios de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos Agrícolas.

Artigo 3º.-Ámbito territorial e domicilio.

O ámbito territorial do colexio é o correspondente á provincia de Ourense. O seu domicilio e sede radicarase en Ourense, sen prexuízo de levar a cabo reunións en calquera lugar do seu ámbito territorial, para o cal poderán establecerse oficinas administrativas territoriais.

Artigo 4º.-Membros do colexio.

1. O colexio agrupará obrigatoriamente a todos os españois e estranxeiros que, por estaren en posesión do título oficial de enxeñeiro técnico agrícola ou perito agrícola, expedido polo Estado, ou dos comunitarios ou estranxeiros que se homologuen a estes, desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón dos devanditos títulos con domicilio profesional na provincia de Ourense. Estes serán os chamados membros ou colexiados de número.

2. Exceptúase da colexiación obrigatoria aos profesionais vinculados coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, cando o destinatario da súa actuación, ben sexa para o exercicio de funcións puramente administrativas ou para a realización de actividades propias da profesión por conta da Administración a que pertenzan, sexa esa Administración.

3. Os colexiados xubilados poderán seguir pertencendo ao colexio, de pleno dereito, sen que para iso sexa necesario satisfacer as cotas colexiais de carácter obrigatorio.

4. O colexio recolle tamén os membros ou colexiados de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión, que rendan ou renderan servizos destacados a este ou á profesión. O título de membro ou colexiado de honra será outorgado, mediante acordo da xunta xeral, por proposta da xunta de goberno.

5. De conformidade co disposto no artigo 2.3º da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, abondará coa colexiación nun só colexio territorial, que será o do domicilio profesional único ou principal. O exercicio no ámbito territorial doutro colexio diferente ao de adscrición deberá comunicarse mediante o procedemento que se regula no artigo 11º destes estatutos.

Artigo 5º.-Fins.

1. Son fins esenciais do colexio os que a título enunciativo e non limitativo se relacionan a seguir:

a) A ordenación, no ámbito da súa competencia e de acordo co establecido polas leis, do exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola en todas as súas formas e especialidades, a representación exclusiva desta profesión e a defensa dos intereses profesionais dos titulados.

b) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola, mediante a promoción, salvagarda e observancia dos principios deontolóxicos e éticos da profesión e da súa dignidade e prestixio.

c) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, mediante a promoción e fomento do progreso das actividades propias da profesión, do desenvolvemento científico e técnico, así como da solidariedade profesional e do servizo da profesión á sociedade.

d) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención do título de enxeñeiro técnico agrícola, favorecendo as ensinanzas técnicas profesionais de investigación relacionadas coa carreira, facilitando a formación de técnicos aptos para as súas diversas funcións, promovendo para este efecto o entendemento entre os centros de ensino e as empresas, para obter o máximo nivel intelectual, cultural e de aplicación dos enxeñeiros técnicos agrícolas.

e) Colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión recoñecidos pola Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia aos colexios profesionais.

2. O disposto no punto anterior enténdese sen prexuízo das competencias das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

3. O cumprimento dos ditos fins desenvolverase no ámbito estritamente profesional; quedan excluídas aquelas actividades que a Constitución atribúe especificamente aos partidos políticos, aos sindicatos e a outras asociacións.

Artigo 6º.-Funcións.

Para o cumprimento dos devanditos fins, o colexio exercerá as funcións encomendadas na lexislación estatal e autonómica e, como propias, as seguintes:

a) Facilitarlles aos colexiados o exercicio da profesión, procurando a irmandade entre todos eles.

b) Asesorar as administracións públicas, corporacións oficiais e persoas ou entidades particulares en todos aqueles asuntos que directa ou indirectamente afecten a profesión ou aos seus colexiados, realizando estudos, emitindo informes, resolvendo consultas, redactando pregos de condicións técnicas e económicas, actuando en arbitraxes e demais actividades relacionadas cos seus fins que puidesen solicitarlles ou por iniciativa propia.

c) Emitir informe sobre os proxectos de lei e as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade da enxeñaría técnica agrícola ou que se refiran ás condicións xerais da función profesional dos enxeñeiros técnicos agrícolas e á súa correlación con outras profesións, co ensino, ás súas atribucións, os seus honorarios orientativos ou o réxime de incompatibilidades.

d) Exercer a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, institucións, tribunais ou entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en todos aqueles litixios que afecten os intereses profesionais, en defensa dos seus dereitos e honorarios producidos polos seus traballos, así como exercitar o dereito de petición conforme a lei.

e) Participar nos consellos ou organismos consultivos das distintas administracións públicas en materia da súa competencia profesional, cando as súas normas reguladoras o permitan, así como estar representado nos órganos de participación social existentes.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo das ensinanzas universitarias ou de formación profesional que teñan relación coas actividades propias da profesión e emitir informe sobre a posible creación de escolas universitarias de enxeñería técnica agrícola, mantendo contacto con estas, e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados. Esta participación non terá en ningún caso carácter vinculante.

g) Estar representados, se é o caso, nos consellos sociais das universidades onde se impartan os estudos de enxeñaría técnica agrícola, de conformidade co que estableza a lexislación aplicable.

h) Cooperar coa Administración de Xustiza e demais organismos oficiais na designación de colexiados que puidesen ser requiridos para realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais, para o que se facilitará periodicamente, e sempre que o soliciten, a relación de colexiados dispoñibles para estes efectos.

i) Colaborar coa Administración xeral do Estado e administracións autonómicas na realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lle sexan solicitadas ou decida formular por iniciativa propia.

j) Ordenar, no ámbito das súas atribucións, a actividade profesional dos colexiados, que deberá realizarse en réxime de libre competencia, e suxeitarse, en canto á oferta de servizos e á fixación da súa remuneración, á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal. Así mesmo, velar pola ética, a deontoloxía e a dignidade profesional e polo debido respecto aos dereitos dos particulares, exercendo, se cabe, a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.

k) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter simplemente orientativo. Os acordos, decisións e recomendacións con transcendencia económica observarán, inescusablemente, os límites da Lei sobre defensa da competencia e a Lei sobre a competencia desleal.

l) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais de traballos previamente visados, só por petición libre e expresa dos colexiados, nas condicións que se determinen nestes estatutos ou na correspondente normativa do colexio, así como comparecer ante os tribunais de xustiza, por substitución dos colexiados, exercitando as accións procedentes en reclamación dos honorarios reportados por estes mesmos no exercicio da profesión.

m) Impedir e, se é o caso, denunciar ante a Administración, e incluso perseguir ante os tribunais de xustiza, todos os casos de intrusismo profesional que afecten os enxeñeiros técnicos agrícolas e o exercicio da profesión.

n) Intervir, pola vía da conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados.

o) Resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión.

p) Realizar os recoñecementos de sinatura ou o visado de proxectos, informes, ditames, valoracións,

peritaxes e demais traballos realizados polos colexiados no exercicio da súa profesión, de conformidade co establecido no artigo 16º, así como editar e distribuír impresos dos certificados oficiais que para esta función aproben os órganos de goberno.

q) Manter un activo e eficaz servizo de información sobre os postos de traballo que poden desenvolver os enxeñeiros técnicos agrícolas, co fin de conseguir unha maior eficacia no seu exercicio profesional.

r) Emitir informes nos procedementos xudiciais ou administrativos nos que se discutan honorarios.

s) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión.

t) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados os estatutos, así como as normas e acordos adoptados polos órganos de goberno en materia da súa competencia.

u) Todas as outras funcións que lle sexan atribuídas polas disposicións vixentes e que beneficien os intereses profesionais dos colexiados ou da profesión.

Título II

Dos colexiados

Capítulo I

Adquisición, denegación e perda da condición

de colexiado

Artigo 7º.-Colexiación.

1. É requisito indispensable para o exercicio da profesión de enxeñeiro técnico agrícola atoparse incorporado ao colexio correspondente. Para exercer en todo o territorio nacional bastará a pertenza a un só dos colexios de enxeñeiros técnicos agrícolas. Este será o do domicilio único ou principal do profesional; ou, no seu defecto, o do lugar onde se desenvolva efectivamente a profesión.

2. Para ser colexiado é necesario:

a) Estar en posesión do título universitario oficial de enxeñeiro técnico agrícola ou perito agrícola, ou ben o título estranxeiro equivalente, sempre que, en virtude de convenio de reciprocidade entre ambos os países, o Goberno español lles outorgue aos devanditos titulados a autorización expresa para poderen exercer a profesión de enxeñeiro técnico agrícola ou perito agrícola.

b) Declaración de non atoparse inhabilitado profesionalmente nin colexialmente como consecuencia de resolución xudicial ou resolución disciplinaria firme.

c) Aboar a cota de entrada vixente no colexio.

d) Se o solicitante procede doutro colexio territorial, deberá achegar un certificado do colexio de orixe, en substitución do título, no que se expresará se está ao corrente das súas obrigas colexiais e que non está inhabilitado para o exercicio profesional como consecuencia de sanción colexial.

3. Os titulados aceptan, polo mero feito de solicitar a súa colexiación, o contido dos presentes estatutos.

4. As peticións de colexiación tramitaranse da forma seguinte:

a) Toda petición de incorporación ao colexio deberá formalizarse mediante instancia dirixida ao seu presidente, acompañada de: orixinal do título profesional ou fotocopia debidamente compulsada, catro fotos tamaño carné, fotocopia do DNI, currículum vitae, certificación bancaria da conta onde se domiciliarán os recibos e fotocopia da tarxeta de demanda de emprego no caso de estar desempregado. Esta petición será resolta pola xunta de goberno no prazo máximo de tres meses desde a súa formulación ou, se é o caso, desde que o interesado achegue os documentos necesarios ou se corrixan os defectos reparables da petición, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Rematado este prazo, e mais o que se dea de acordo coa Lei 30/1992, sen que se resolva a solicitude de incorporación ao colexio, poderase entender aceptada esta, nos termos establecidos no artigo 43 da citada Lei 30/1992.

c) O colexio está na obriga de emitir certificación acreditativa da aceptación da solicitude de colexiación, por silencio administrativo, cando sexa requirido para iso.

Artigo 8º.-Denegacións.

1. A colexiación poderá ser denegada:

a) Cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas respecto da súa autenticidade.

b) Cando o peticionario estea baixo condena imposta polos tribunais de xustiza que leve anexa unha pena accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

c) Cando estea suspendido no exercicio da profesión por outro colexio e non obteña a correspondente rehabilitación.

2. Contra as resolucións denegatorias das peticións de incorporación, que deberán comunicarse ao solicitante de forma debidamente razoada, cabe recurso de alzada ante o consello xeral, que deberá interporse no prazo dun mes desde a data de notificación da denegación de incorporación ao colexio.

3. Contra a resolución do recurso de alzada, que pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo na forma e prazos establecidos na Lei de xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Baixas.

1. Pérdese a condición de colexiado en calquera das seguintes circunstancias:

a) Por petición propia, mediante instancia dirixida ao presidente do colexio. Esta petición non eximirá

do cumprimento das obrigas que o interesado contraese anteriormente co colexio.

b) Por pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza xudicial firme ou pola resolución firme dun expediente disciplinario que impoña a expulsión do colexio.

c) Por falta de pagamento da cota colexial durante un ano ou doutras achegas establecidas polos órganos de goberno do colexio, tras o requirimento de pagamento co prazo de dous meses para o seu aboamento.

2. En todo caso, a perda da condición de colexiado polas causas expresadas nos números 1 b) e 1 c) deste artigo deberá ser comunicada por calquera medio do que quede constancia ao interesado, momento no que producirá efecto.

Artigo 10º.-Reincorporación.

1. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9º.1 a) destes estatutos, o solicitante deberá tramitar unha nova solicitude de admisión, excepto a presentación de documentos referentes a súa titulación, debendo aboar a cota de reincorporación que regulamentariamente estea establecida.

2. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9º.1 b) destes estatutos, o solicitante deberá acreditar o cumprimento da pena ou sanción que motivou a súa baixa colexial.

3. Cando o motivo da baixa sexa o que dispón o artigo 9º.1 c) destes estatutos, o solicitante deberá satisfacer a débeda pendente mailos intereses legais, se procede, desde a data da orde de pagamento daquela.

Artigo 11º.-Colexiación única e exercicio en territorio diferente ao da colexiación.

1. O colexiado que desexe actuar no ámbito territorial doutro colexio deberá comunicalo previamente a este colexio, detallando o lugar e servizo profesional concreto que constitúa a actuación.

2. O colexio comunicará a devandita intervención, con anterioridade a esta, ao colexio do ámbito territorial na que se desenvolverá, detallando o nome e apelidos do colexiado, o seu domicilio profesional, así como o servizo profesional concreto que constitúa a actuación.

3. O colexio unicamente poderá negarse a expedir a certificación correspondente se o colexiado non se atopa ao día das súas obrigas e cargas colexiais, ou se existe algunha causa que o inhabilite para o exercicio da profesión.

4. Unha vez cumprido o trámite anterior, o colexiado estará facultado para a realización do acto profesional. A citada comunicación esgotará os seus efectos co concreto servizo ou acto profesional que constituía o seu obxecto.

5. Os profesionais doutros colexios que actúen na provincia de Ourense aboarán, nas mesmas condicións que os colexiados deste colexio, os dereitos económicos correspondentes ao visado dos seus tra

ballos e quedan suxeitos, durante a súa actuación profesional, ao réxime disciplinario vixente neste colexio.

Capítulo II

Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 12º.-Dereitos.

Son dereitos dos colexiados:

a) Actuar profesionalmente en todo o territorio nacional, de acordo co previsto no artigo anterior.

b) Ser asistido, asesorado e defendido polo colexio, de acordo cos medios dos que este dispoña e nas condicións que regulamentariamente se fixen, cando se lesionen ou menoscaben os seus dereitos ou intereses profesionais.

c) Ser representado pola xunta de goberno do colexio, cando así o solicite, nas reclamacións, de calquera tipo, dimanantes do exercicio profesional, nos termos que regulamentariamente se fixen.

d) Empregar os servizos e medios do colexio, nas condicións que regulamentariamente se determinen.

e) Participar, como electores e como elixibles, en cantas eleccións se convoquen no ámbito colexial; intervir de forma activa na vida do colexio; e ser informado, informar e participar con voz e voto nas xuntas xerais do colexio.

f) Formar parte das comisións ou seccións que se establezan.

g) Presentar á xunta de goberno escritos con peticións, queixas ou suxestións relativas ao exercicio profesional ou á marcha do colexio.

h) Gardar o segredo profesional respecto dos datos e da información coñecidos con ocasión do exercicio profesional.

i) Someter a conciliación ou arbitraxe do colexio as cuestións de carácter profesional que se produzan entre os colexiados.

Artigo 13º.-Deberes.

Son deberes dos colexiados:

a) Exercer a profesión eticamente e cumprindo os preceptos e normas das disposicións vixentes, actuando dentro das normas da libre competencia, con respecto cara aos compañeiros e sen incorrer en competencia desleal.

b) Acatar e cumprir estes estatutos e, en xeral, as normas que rexen a vida colexial, así como os acordos adoptados polos órganos de goberno do colexio, sen prexuízo dos recursos oportunos.

c) Poñer en coñecemento do colexio todos os feitos que poden afectar a profesión, tanto particular como colectivamente considerada; a importancia destes feitos pode determinar a intervención corporativa con carácter oficial.

d) Someter ao visado do colexio toda a documentación técnica ou facultativa que subscriba no exer

cicio da súa profesión, segundo o disposto no artigo 16º, aboando ao colexio os dereitos económicos que se establezan pola práctica do visado.

e) Comunicarlle ao colexio, no prazo de trinta días, os cambios de residencia ou domicilio.

f) Asistir aos actos corporativos.

g) Aboar, cando sexan emitidas, as cotas e contribucións establecidas polos órganos de goberno do colexio.

h) Desenvolver con dilixencia e eficacia os cargos para os que fose elixido, e cumprir os encargos que os órganos de goberno poidan encomendarlle.

i) Cooperar coa xunta xeral e coa xunta de goberno, prestando declaración e facilitando información nos asuntos de interese colexial nos que poida ser requirido, sen prexuízo do segredo profesional.

j) Gardar o segredo profesional.

k) Dar conta ante o colexio de quen exerza actos propios da profesión sen posuír título que o autorice ou de quen non estea colexiado a pesar de posuílo.

Capítulo III

Regulación do exercicio profesional

Artigo 14º.-Visado de traballos profesionais.

1. Os colexiados atópanse na obriga de someter a visado do colexio todos os traballos que realicen no exercicio libre da profesión, aboando ao colexio os dereitos de canon de visado. Unha normativa regulará o procedemento de visado.

2. Será aconsellable, para que o colexio proceda ao visado do proxecto, informe ou calquera outro traballo profesional, que o colexiado autor do proxecto ou director facultativo do proxecto teña subscrito co interesado, empresa ou sociedade, unha folla de encargo ou contrato de dirección facultativa, respectivamente. Isto será indispensable para a defensa dos dereitos do colexiado.

3. En ningún caso o visado comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, que se deixan ao libre acordo das partes; todo isto de conformidade coa lexislación sobre defensa da competencia e competencia desleal.

4. O colexio exixirá o visado dos traballos profesionais dos colexiados, tanto se actúan de maneira individual como asociada, por conta propia ou contratados ao servizo das empresas, sociedades, etc., que, legalmente constituídas, proxecten, dirixan ou realicen traballos que puidesen ser atribuíbles aos enxeñeiros técnicos agrícolas.

5. Esta obrigatoriedade de visado faise extensible aos traballos profesionais realizados polos colexiados para as administracións públicas, cando estas, total ou parcialmente, remuneren os ditos servizos en concepto de honorarios profesionais.

6. O colexio velará para que as administracións públicas que deban autorizar ou tramitar un traballo

profesional só o admitan se este foi previamente sometido ao trámite de visado correspondente.

7. O visado é un acto colexial de control profesional, que comprende a acreditación da identidade do colexiado, as súas atribucións para levar a cabo o traballo, a non incompatibilidade do profesional e o non estar suxeito a sanción disciplinaria que impida a súa actuación. Así mesmo, supón a comprobación da suficiencia e corrección externa da documentación integrante do traballo.

8. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, o colexiado asinante é responsable da calidade técnica do traballo que realiza e do seu axuste á normativa sectorial correspondente. O colexio unicamente responde da corrección externa da documentación integrante do traballo, pero non das previsións, cálculos e conclusións que o integran.

Artigo 15º.-Publicidade.

O enxeñeiro técnico agrícola evitará toda forma de competencia desleal e aterase na súa publicidade ás normas que establezan os órganos de goberno do colexio.

Título III

Organización básica do colexio

Capítulo I

Dos órganos de goberno, as súas normas de constitución

e funcionamento e as súas competencias

Artigo 16º.-Órganos de representación.

Os órganos de representación, desenvolvemento normativo, control, goberno e administración do colexio son:

-A xunta xeral.

-A xunta de goberno.

-O presidente.

Os acordos da xunta xeral e da xunta de goberno, que estarán recollidos nas actas das súas reunións, serán efectivos de inmediato, salvo que conteñan pronunciamento en contra da súa entrada en vigor.

Artigo 17º.-A xunta xeral.

1. A xunta xeral, órgano supremo de expresión da vontade do colexio, está formada por todos os colexiados con igualdade de voto, e adoptará os seus acordos polo principio maioritario e en concordancia cos presentes estatutos.

2. Os acordos adoptados obrigan a todos os colexiados, mesmo aos ausentes, disidentes ou os que se absteñan e incluso os que recorran contra aqueles, sen prexuízo do que resolva o consello xeral ou os tribunais competentes.

3. A xunta xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano; unha, no último trimestre, para exame e aprobación do orzamento; e outra, no primeiro semestre, para a aprobación das contas e información xeral sobre a marcha do colexio en todos os seus aspectos.

4. Así mesmo, reunirase con carácter extraordinario cando o considere necesario o presidente ou a xunta de goberno, ou cando o pida coa súa sinatura a terceira parte dos colexiados, especificando o punto ou os puntos da orde do día que desexan que sexan tratados.

5. As sesións de xunta xeral ordinaria serán convocadas pola xunta de goberno sempre cunha antelación mínima de quince días respecto á data da súa realización, mediante comunicación escrita a todos os colexiados; a convocatoria incluirá a data, hora e lugar da reunión, así como a orde do día e a información complementaria que se crea oportuna.

6. Todos os colexiados teñen o dereito e o deber de asistir á xunta xeral con voz e voto.

7. De acordo co disposto no artigo 6.3º c) da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, queda expresamente prohibido adoptar acordos respecto de asuntos que non figuren na orde do día da xunta ordinaria ou extraordinaria de que se trate.

8. A xunta xeral estará constituída por todos os colexiados que asistan ou se fagan representar por escrito por outro colexiado. É necesaria, para a validez dos seus acordos en primeira convocatoria, a concorrencia de maioría absoluta entre presentes e representados. En segunda convocatoria, que poderá ter lugar media hora despois da anunciada para a primeira, serán válidos os acordos, calquera que sexa o número de asistentes e representados, salvo os que requiran maiorías especiais.

Artigo 18º.-Competencias da xunta xeral.

1. A aprobación das actas das súas sesións.

2. A aprobación da memoria anual de actividades presentada pola xunta de goberno do colexio.

3. A aprobación das contas do colexio do ano anterior e os orzamentos do seguinte.

4. A elección dos membros da xunta do goberno, así como a súa remoción por medio da moción de censura, de acordo co especificado no artigo 22º destes estatutos.

5. A fixación da contía da cota de colexiación, así como as cotas ordinarias ou as que con carácter extraordinario, por razóns que o xustifiquen, propoña a xunta de goberno.

6. A aprobación ou modificación dos estatutos do colexio e calquera outra normativa que afecte o seu funcionamento, que en ningún caso poderá vulnerar o estipulado nas normas básicas establecidas nos presentes estatutos; e, se é o caso, o regulamento de réxime interno do colexio.

7. Tomar acordos sobre a xestión da xunta de goberno.

8. Promover a disolución do colexio, de acordo co que se estableza nos presentes estatutos.

9. Coñecer, discutir e, se é o caso, aprobar todas as propostas que lle sexan sometidas e correspondan á esfera de acción dos intereses do colexio, pola iniciativa da xunta de goberno ou de calquera colexiado, se a súa proposición está avalada como mínimo polo 10% dos colexiados e é presentada con 45 días de antelación á realización da xunta xeral ordinaria.

10. Establecer baremos de honorarios profesionais con carácter simplemente orientativo.

11. Aceptar ou rexeitar doazóns ou herdanzas.

12. Implantación, supresión ou modificación de servizos corporativos.

13. Todas as demais atribucións que non fosen conferidas expresamente á xunta de goberno ou a algún dos cargos colexiais.

14. A asemblea xeral, por proposta da xunta de goberno, poderá nomear, co gallo de premiar a especial dedicación e a súa traxectoria profesional, un ou varios colexiados, dos en exercicio ou xubilados, para que formen parte da xunta de goberno con voz pero sen voto e coa mesma duración que ela.

Artigo 19º.-Funcionamento da xunta xeral.

1. As sesións da xunta xeral estarán presididas polo presidente, acompañado dos demais membros da xunta de goberno. En ausencia do presidente a xunta estará presidida polo vicepresidente, e en ausencia de ambos os dous polo vogal de máis idade.

2. O presidente será o moderador e coordinador da xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

3. Actuará como secretario da xunta xeral, redactando a acta da reunión, o secretario do colexio; na súa ausencia, o vicesecretario; e en ausencia de ambos os dous anteriores, o vogal de menor idade.

4. Todos os colexiados teñen o dereito e a obriga de asistir á xunta xeral con voz e voto, salvo os colexiados que non se atopen no pleno goce dos seus dereitos colexiais ou aqueles colexiados que non estean ao corrente das súas obrigas económicas.

5. A representación dada a outro colexiado será de forma expresa para unha sesión determinada e realizarase por medio de escrito dirixido ao presidente, no que se exprese claramente o nome de quen exercerá a súa representación. Só serán válidas as representacións recibidas pola secretaría antes do día fixado para a xunta, ou na mesa presidencial antes de se iniciar a sesión da xunta xeral.

6. En ningún caso un colexiado poderá exercer a representación simultánea de máis de tres colexiados.

7. É potestade do presidente e da xunta de goberno invitar ás sesións da xunta xeral, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, á persoa ou persoas que se consideren convenientes.

8. As votacións poderanse efectuar a man alzada ou mediante papeleta normalizada, debendo ser esta aprobada pola xunta xeral.

9. As maiorías que poden producirse son:

a) Maioría simple: cando o número de votos nun sentido supere os votos emitidos en sentido contrario mais os votos en branco.

b) Maioría absoluta: cando o número de votos nun sentido supere a metade dos votos posibles, ou sexa, todos os votos emitidos, os ausentes e as abstencións.

Artigo 20º.-Moción de censura.

1. A moción de censura contra a xunta de goberno ou algún dos seus membros só poderá ser tratada en xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. A xunta de goberno poderá acordar e propor moción de censura respecto a un ou varios dos seus membros.

3. Os colexiados poderán propor moción de censura contra a xunta de goberno ou algún dos seus membros, solicitando a realización da xunta xeral extraordinaria correspondente, de acordo co especificado no artigo 19º.4 destes estatutos. Neste caso, a xunta de goberno está na obriga de convocar inmediatamente, e para que esta teña lugar nun prazo non superior a dous meses, a xunta xeral solicitada.

4. A aprobación dunha moción de censura contra membros da xunta de goberno implicará o cesamento inmediato dos afectados.

5. A aprobación dunha moción de censura contra a totalidade ou máis da metade dos membros da xunta de goberno implicará o cesamento inmediato de toda ela. Neste caso, e para evitar o baleiro de poder, a mesma xunta xeral adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar eleccións nun prazo non superior a dous meses. A xunta xestora, que actuará como xunta de goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

6. Para a aprobación de calquera moción de censura contra a xunta de goberno será necesaria a maioría simple, tal e como se define no artigo anterior.

Artigo 21º.-A xunta de goberno.

1. A xunta de goberno, que é o órgano executivo e representativo do colexio, será elixida por votación entre os seus propios colexiados e constará dun presidente, un vicepresidente, un secretario, un vicesecretario, un tesoureiro, un vicetesoureiro e cinco vogais.

2. Quen desempeñe o cargo de presidente deberá encontrarse no exercicio da profesión.

3. A duración dos cargos será de catro anos. O cargo de secretario e tesoureiro poderá ser retribuído, sempre e cando desempeñen xornada laboral na sede do colexio e as súas retribucións deberán ser aprobadas en contía e forma pola xunta xeral.

Todos os demais cargos son de carácter honorífico, sen prexuízo de que se lles poidan aboar os gastos que lles ocasione o seu exercicio, debendo figurar unha partida para tales conceptos no orzamento anual.

4. Cando o nomeamento de calquera cargo da xunta de goberno se faga por vacante, e non por finalización de mandato, a duración no cargo elixido será só ata a fin do mandato do cargo que produciu a vacante.

5. Dentro da xunta de goberno poderá constituírse unha comisión permanente para atender os asuntos urxentes e aqueles que nesta comisión delegue a xunta de goberno. A comisión permanente estará formada polo presidente, o secretario, o vicepresidente e o tesoureiro, e estará validamente constituída cando estean presentes polo menos os dous primeiros e un dos dous últimos.

Artigo 22º.-Competencias da xunta de goberno.

A xunta de goberno ocuparase da dirección e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins, para o que exerce as seguintes competencias:

1. Executar os acordos da xunta xeral.

2. Cumprir e facer cumprir os estatutos e a normativa do colexio, así como os seus propios acordos.

3. Elaborar o orzamento do exercicio seguinte e aprobar o balance do orzamento do exercicio anterior e a memoria de xestión anual, previamente á súa presentación ante a xunta xeral, para a súa aprobación se procede.

4. Dirixir a xestión e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins.

5. Manifestar, de forma oficial e pública, a opinión do colexio nos asuntos de interese profesional.

6. Representar os intereses profesionais ante os poderes públicos, así como velar polo prestixio da profesión e a defensa dos seus dereitos.

7. Presentar estudos, informes e ditames cando lle sexan requiridos, asesorando desta forma aos órganos do Estado e calquera entidade pública ou privada. Para estes efectos, a xunta de goberno poderá designar comisións de traballo ou designar aos colexiados que considere oportunos para preparar os devanditos estudos ou informes.

8. Elixir, por proposta do presidente, o membro da xunta de goberno que actuará como suplente do presidente en representación do colexio ante o consello xeral.

9. Designar, cando proceda legal ou regulamentariamente, os representantes do colexio nos órganos consultivos das distintas administracións públicas.

10. Acordar o exercicio de accións e a interposición de recursos administrativos e xurisdicionais.

11. Someter calquera asunto de interese xeral para o colexio á deliberación e acordo da xunta xeral.

12. Regular os procedementos de colexiación, baixa, cobramento de honorarios, pagamento de cotas e outras contribucións, sempre de acordo co establecido nestes estatutos.

13. Regular e exercer as facultades disciplinarias que lle corresponden, atendo ao establecido nestes estatutos.

14. Organizar actividades e servizos de carácter cultural, profesional, asistencial e de previsión en beneficio dos colexiados.

15. Crear comisións abertas, por iniciativa propia ou dos colexiados, de acordo co establecido nestes estatutos.

16. Recadar as cotas e contribucións establecidas, executar o orzamento e organizar e dirixir o funcionamento dos servizos xerais do colexio.

17. Informar os colexiados das actividades e acordos do colexio.

18. Decidir o nomeamento e cesamento do persoal administrativo e de servizos do colexio.

19. Acordar a convocatoria de sesións ordinarias e extraordinarias da xunta xeral.

20. Acordar a convocatoria para a elección de cargos para a xunta de goberno cando así proceda, segundo o que se establece nestes estatutos.

21. Aprobar as actas das súas sesións.

22. Adquirir ou allear calquera clase de bens do colexio, segundo o orzamento vixente e aprobado pola xunta xeral.

23. A xunta de goberno poderalle propoñer á asemblea xeral o nomeamento dun ou varios colexiados, en exercicio ou xubilados, para que formen parte da xunta de goberno con voz pero sen voto.

24. Establecer oficinas administrativas territoriais.

Artigo 23º.-Funcionamento da xunta de goberno.

1. A xunta de goberno reunirase como mínimo cada dous meses, salvo nos meses de xullo e agosto, e sempre que o ordene o presidente ou o soliciten un mínimo de tres dos seus membros.

2. As convocatorias comunicaranse cunha antelación non inferior a catro días.

3. As sesións da xunta de goberno estarán presididas polo presidente; na súa ausencia polo vicepresidente; e en ausencia de ambos os dous polo vogal de máis idade.

4. O presidente será o moderador e coordinador da xunta, concedendo ou retirando o uso da palabra e ordenando os debates e votacións.

5. O secretario do colexio, ou na súa ausencia o vicesecretario ou o vogal de menor idade, nesta orde, redactará a acta da sesión.

6. Todos os compoñentes da xunta de goberno teñen o dereito e o deber de asistir ás súas sesións con voz e voto.

7. A xunta de goberno quedará validamente constituída cando se encontren presentes a totalidade dos seus membros en primeira convocatoria e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de asistentes, sempre que entre eles estean necesariamente o presidente e o secretario. Os seus acordos, en materia das súas competencias, serán vinculantes para todos os seus compoñentes e colexiados. Entre ambas as dúas convocatorias deberán transcorrer polo menos trinta minutos.

8. Os acordos serán tomados por maioría dos asistentes, con voto de calidade, en caso de empate, do presidente.

9. Os membros da xunta de goberno serán responsables dos acordos adoptados, aínda que non estivesen presentes na reunión na que se adopten, excepto cando na acta quede constancia expresa do seu voto en contra.

10. Causas de baixa na xunta de goberno:

a) Falecemento.

b) Caducidade do mandato.

c) Enfermidade que incapacite para o exercicio do cargo.

d) Renuncia.

e) Aprobación pola xunta xeral dunha moción de censura.

f) Baixa como colexiado.

g) Resolución firme en expediente disciplinario.

h) Tres faltas de asistencia consecutivas non xustificadas ou seis descontinuas, igualmente sen xustificar, ás sesións da xunta de goberno durante o mandato.

11. É potestade do presidente invitar ás sesións da xunta de goberno, en calidade de asesores ou colaboradores, sen voto, á persoa ou persoas que considere oportuno.

Artigo 24º.-Vacantes na xunta de goberno.

1. Vacante o posto de presidente, exercerá as súas funcións o vicepresidente.

2. Vacante o posto de vicepresidente, exercerá as súas funcións o membro da xunta de goberno que sexa elixido polos demais compoñentes. Para as vacantes de secretario ou tesoureiro, exercerán as súas funcións o vicesecretario e vicetesoureiro, respectivamente.

3. Vacante o posto de vogal, cubrirase nas seguintes eleccións ordinarias.

4. No caso de vacante de máis da metade dos membros da xunta de goberno, e sempre que quede no cargo algún compoñente desta, convocará inmediatamente xunta xeral extraordinaria, que adoptará un acordo consistente no nomeamento dunha xunta xestora, que deberá convocar urxentemente eleccións a todos os cargos. A xunta xestora, que actuará como xunta de goberno provisional, non poderá adoptar outros acordos que os considerados de trámite.

5. No caso de estaren vacantes a totalidade dos cargos da xunta de goberno, a convocatoria da xunta xeral extraordinaria á que se refire o artigo anterior será efectuada por un grupo de colexiados designados polo consello xeral.

Artigo 25º.-Atribucións do presidente.

Son atribucións do presidente as seguintes:

1. Convocar, abrir e rematar as sesións ordinarias e extraordinarias da xunta xeral e da xunta de goberno, así como presidilas e dirixir as deliberacións que nelas teñan lugar.

2. Convocar as eleccións de membros da xunta de goberno.

3. Decidir, co seu voto de calidade, os empates nas votacións.

4. Executar os acordos que os órganos colexiais adopten nas súas respectivas esferas de atribucións.

5. Adoptar, en caso de extrema urxencia, as resolucións necesarias, informando inmediatamente ao órgano correspondente, para a súa ratificación na primeira sesión que teña lugar.

6. Exercer a representación do colexio e dos seus órganos deliberantes e xestionar os asuntos deste ante autoridades e entidades públicas ou privadas, sen prexuízo de que en casos concretos poida tamén a xunta de goberno, no nome do colexio, encomendar as ditas funcións a determinados colexiados ou comisións constituídas.

7. Coordinar as actuacións dos membros da xunta de goberno, sen prexuízo da competencia e responsabilidade directa destes na súa xestión.

8. Visar todas as certificacións que expida o secretario.

9. Autorizar os libramentos ou ordes de pagamento.

10. Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera outro de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

11. Visar os informes e comunicacións que oficialmente dirixa o colexio ás autoridades e entidades públicas ou privadas.

12. Autorizar o movemento de fondos das contas correntes ou de aforro do colexio, unindo a súa sinatura á do tesoureiro.

13. Por acordo expreso da xunta de goberno, poderá outorgar poder a favor de procuradores dos tribunais e de letrados no nome do colexio, para a representación preceptiva ou potestativa deste ante calquera órgano administrativo ou xurisdicional no que se refire a accións, excepcións, recursos, incluíndo o de casación, e demais actuacións que se teñan que levar a cabo ante estes, en defensa tanto do colexio como da profesión.

14. Asistir en representación do colexio ás reunións do consello xeral.

15. Interpor as accións que procedan para o cobramento de honorarios non satisfeitos aos colexiados, de conformidade cos actuais estatutos.

16. Para o cumprimento dos fins citados, e calquera outro que lle fose encomendado, gozará de plena autoridade, e a súas resolucións serán cumpridas sen prexuízo das reclamacións que contra aquelas poidan interpoñerse polas canles que establece a lei.

Artigo 26º.-Atribucións do vicepresidente.

O vicepresidente substituirá ao presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a xunta de goberno ou delegue nel o presidente, tras o coñecemento pola xunta de goberno da referida delegación.

Artigo 27º.-Atribucións do secretario.

Correspóndenlle ao secretario as atribucións seguintes:

1. Redactar e dar fe das actas das sesións ordinarias e extraordinarias da xunta xeral e da xunta de goberno.

2. Custodiar a documentación do colexio e os expedientes dos colexiados.

3. Expedir as certificacións de oficio ou por instancia de parte interesada, co visto e prace do presidente.

4. Expedir e tramitar comunicacións e documentos e informar destes a xunta de goberno e o órgano competente que corresponda.

5. Exercer a xefatura do persoal administrativo e dos servizos necesarios para a realización das funcións colexiais, así como organizar materialmente os servizos administrativos.

6. Formar parte da comisión de visados designada pola xunta de goberno, asinar os visados que se efectúen, levar o rexistro dos visados de traballos profesionais e denegar o visado cando se incumpran as súas normas reguladoras.

7. Redactar a memoria de xestión anual, para a súa aprobación pola xunta de goberno e pola xunta xeral.

8. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da xunta de goberno e as que sexan propias da súa función e necesarias para o seu bo desempeño.

9. O vicesecretario substituirá o secretario nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a xunta de goberno ou delegue nel o secretario, tras o coñecemento pola xunta de goberno da referida delegación. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da xunta de goberno.

Artigo 28º.-Atribucións do tesoureiro.

Correspóndenlle ao tesoureiro as atribucións seguintes:

1. Recadar e custodiar os fondos pertencentes ao colexio, dos cales será responsable.

2. Asinar recibos, efectuar cobramentos e realizar os pagamentos ordenados polo presidente.

3. Dar conta á xunta de goberno dos colexiados que non estean ao día dos pagamentos, para que se lles reclamen as cantidades debidas ou se aprobe a tramitación da súa baixa, de acordo co que establece o artigo 9º destes estatutos.

4. Redactar o anteproxecto de orzamento do colexio, para a súa elaboración pola xunta de goberno.

5. Facer o balance do orzamento do exercicio anterior, para a súa aprobación pola xunta de goberno.

6. Proporlle á xunta de goberno os proxectos de habilitación de créditos, suplementos e variacións de ingresos cando sexa necesario.

7. Levar os libros de contabilidade correspondentes.

8. Verificar os arqueos que a xunta de goberno considere necesarios.

9. Levar o inventario minucioso dos bens do colexio, dos que será o seu administrador.

10. Aquelas que lle correspondan en calidade de membro da xunta de goberno.

11. O vicetesoureiro substituirá o tesoureiro nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e desempeñará todas aquelas funcións que lle encomende a xunta de goberno ou delegue nel o tesoureiro, tras o coñecemento pola xunta de goberno da referida delegación. Así mesmo, aquelas que lle correspondan en calidade de membro da xunta de goberno.

Artigo 29º.-Atribucións dos vogais.

Serán atribucións dos vogais as seguintes:

1. Desempeñar todos os cometidos que lles sexan conferidos pola xunta xeral, a xunta de goberno ou polo presidente, así como desenvolver e presidir as comisións creadas coa autorización da xunta de goberno do colexio.

2. Colaborar cos titulares dos restantes cargos da xunta de goberno e substituílos nas súas ausencias, vacantes ou enfermidades, de acordo co establecido nos presentes estatutos.

Capítulo II

Do réxime económico e administrativo

Artigo 30º.-Capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O colexio ten plena capacidade xurídica no ámbito económico e patrimonial.

O colexio deberá contar cos recursos necesarios para atender os fins e funcións encomendados e as solicitudes de servizos dos membros, polo cal quedan estes obrigados a contribuír ao sustento dos gastos correspondentes na forma regulamentaria.

O patrimonio do colexio é único.

Artigo 31º.-Recursos económicos do colexio.

Os recursos económicos do colexio poderán ser ordinarios ou extraordinarios.

1. Recursos ordinarios.

Constitúen os recursos ordinarios do colexio:

a) As cotas de incorporación e reincorporación.

b) A cota anual ordinaria, igual para todos os colexiados, sen prexuízo do establecido nos estatutos ou noutra normativa.

c) As cotas extraordinarias aprobadas pola xunta xeral.

d) Os dereitos de canon de visado.

e) As recargas por demora no pagamento de calquera concepto, de acordo co que se estableza regulamentariamente.

f) Os procedentes das rendas ou intereses de toda clase que produzan os bens ou dereitos que integren o patrimonio do colexio.

g) Os ingresos que se obteñan polas publicacións que se realicen, así como os provenientes de matrículas de cursos e seminarios e demais conceptos análogos.

2. Recursos extraordinarios.

a) As subvencións, donativos, herdanzas ou legados que lle concedan ao colexio as administracións públicas, entidades públicas ou privadas, colexiados e outras persoas xurídicas ou físicas.

b) Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título, entren a formar parte do capital do colexio, e as rendas e froitos dos bens e dereitos de todas as clases que posúa.

c) A obtención de créditos públicos ou privados, hipotecas dos seus bens ou calquera outro recurso conseguido por necesidade ou utilidade, tras o acordo expreso da xunta de goberno, nos límites establecidos na normativa que lle sexa de aplicación ás administracións públicas.

d) Os dereitos por estudos, informes e ditames que emita a xunta de goberno ou as comisións nas que aquela delegue a súa realización.

e) Os dereitos por utilización dos servizos que a xunta de goberno estableza.

f) As cantidades que por calquera outro concepto non especificado poida percibir o colexio.

3. As recadacións dos recursos económicos son competencia da xunta de goberno, sen prexuízo das facultades que por expreso acordo poida delegar.

Artigo 32º.-Orzamento anual.

O orzamento anual do colexio, que terá un carácter simplemente estimativo, será elaborado pola xunta de goberno, de conformidade cos principios de eficacia, equidade e economía, e incluirá a totalidade dos ingresos e dos gastos, coincidindo co ano natural. Tras o informe anticipado aos colexiados, será some

tido á aprobación pola xunta xeral, de acordo co disposto nestes estatutos. Mentres non se aprobe o orzamento, quedará prorrogado o aprobado para o ano anterior, a razón de 1/12 por mes.

Artigo 33º.-Gastos.

Os gastos do colexio serán os orzados, sen que poida ser efectuado ningún pagamento non previsto no orzamento aprobado no ano anterior, salvo en casos debidamente xustificados, que deberán ser aprobados pola xunta de goberno e, posteriormente, pola xunta xeral.

Artigo 34º.-Censores de contas.

1. Cando se produza a renovación total ou parcial dos órganos directivos, na xunta xeral anterior e como punto expreso na orde do día, serán elixidos por sorteo, de entre todos os colexiados, tres censores de contas. Tamén serán elixidos tres suplentes. Serán incompatibles coa antedita elección os membros da xunta de goberno.

2. A xunta de goberno, unha vez aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior, convocará os censores de contas para unha data determinada e porá á súa disposición o balance orzamentario, os libros de contas, os xustificantes de ingresos e gastos e cantos documentos se consideren necesarios, coa finalidade de informar sobre os extremos da súa actuación.

3. A convocatoria para o día da censura de contas será cursada nun prazo non inferior a quince días. A censura de contas realizarase no día sinalado e o informe da devandita censura será único e por escrito, sen prexuízo de que cada censor poida redactar un voto particular sobre un ou varios dos asuntos recollidos no informe.

4. A xunta de goberno prestará todo o apoio material e humano necesario para que a xunta de censores poida exercer adecuadamente as súas funcións. Así mesmo, o tesoureiro estará ao seu dispor para todas as aclaracións, explicacións ou comentarios que aqueles poidan requirir.

5. O informe redactado pola xunta de censores entregarase á xunta de goberno, que o remitirá a todos os colexiados xunto coa convocatoria da xunta xeral onde vaia ser aprobado o balance orzamentario do exercicio anterior.

6. A xunta de censores poderá solicitar o asesoramento dun auditor externo para a boa realización das funcións encomendadas, cando así o estime oportuno a xunta xeral.

Artigo 35º.-Liquidación de bens.

1. A disolución do colexio non poderá efectuarse non sendo por cesamento dos seus fins, tras o acordo das tres cuartas partes da xunta xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto.

2. En caso de disolución do colexio, a xunta de goberno actuará como comisión liquidadora e someterá á xunta xeral propostas de destino dos bens sobrantes, unha vez liquidadas as obrigas pendentes.

Título IV

Do réxime electoral

Artigo 36º.-Disposición xeral.

A elección dos membros da xunta de goberno do colexio farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto é indelegable e poderá exercerse persoalmente ou por correo.

Artigo 37º.-Electores e elixibles.

1. Para os cargos de presidente, vicepresidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro, vicetesoureiro e vogais serán electores todos os colexiados de número que figuren como tales no censo electoral do colexio.

2. Non poderán ser electores e excluiranse do censo:

a) Os que, en virtude de expediente sancionador, estivesen suspendidos no exercicio profesional ou fosen privados ou inhabilitados para o desempeño de cargos directivos, mentres dure a suspensión, privación ou inhabilitación.

b) Os que, ao ser aprobado o censo electoral definitivo, non se encontren ao día das cotas e/ou doutras obrigas económicas que o colexio ten dereito a percibir.

3. Serán elixibles os colexiados que teñan a condición de electores e reúnan os seguintes requisitos:

a) Para o cargo de presidente, os que leven cando menos cinco anos de colexiación.

b) Para secretario e tesoureiro, os que leven cando menos dous anos de colexiación.

c) Para os demais cargos, os que leven cando menos un ano de colexiación.

d) En todos os casos deberán estar ao corrente das obrigas durante os dous últimos anos.

Artigo 38º.-Convocatoria.

1. A convocatoria a eleccións deberá acordala expresamente a xunta de goberno e anunciala no taboleiro de anuncios das oficinas do colexio e mediante carta dirixida aos electores. A convocatoria conterá necesariamente:

a) Os cargos aos que a elección se refira.

b) A súa convocatoria, na que se determinará lugar, día e hora para as eleccións.

c) O calendario electoral, no que como mínimo se cumprirán os seguintes prazos: serán convocadas con dous meses de antelación ao remate do mandato de xunta de goberno actual; para a presentación de candidaturas o prazo mínimo será de quince días; e a convocatoria para a celebración da xunta xeral farase con 15 días hábiles de antelación.

Na carta dirixida a cada elector farase constar, se é o caso, a cantidade exacta que o colexiado puidese deberlle ao colexio.

2. A convocatoria deberá ser remitida con cinco días de antelación como mínimo ao día sinalado no calendario para a publicación do censo electoral.

Artigo 39º.-Xunta electoral.

1. A xunta electoral será elixida por sorteo, de entre todos os colexiados, pola xunta xeral cada catro anos. Esta elección será punto expreso da orde do día e consideraranse incompatibles para a devandita elección aos membros da xunta de goberno. Estará composta de tres membros titulares e seis suplentes.

2. Os membros da xunta electoral serán convocados polo presidente por carta certificada, fax ou telegrama, para a realización do acto de constitución. Reunida a xunta electoral no lugar, día e hora fixados, redactarase acta de constitución, así como da aceptación e toma de posesión dos cargos, que será inmediata. Os tres colexiados que formen a xunta electoral elixirán de entre eles e por eles mesmos os cargos de presidente, secretario e vogal da xunta.

3. Coa acta de constitución e o censo abrirase o expediente electoral, ao que se irán agregando as actas de cada reunión da xunta electoral. O expediente electoral estará baixo a custodia do secretario da xunta electoral, quen o conservará ata tres meses despois de realizadas as eleccións de non se producir ningún recurso e, se é o caso, ata a resolución firme dos recursos que se producisen.

4. Non poderán formar parte da xunta electoral os que presenten a súa candidatura a calquera dos cargos sometidos a elección. Procederase, nese caso, á súa substitución polo primeiro suplente, no momento no que fose presentada a candidatura.

5. A xunta electoral reunirase todas as veces que se considere conveniente a xuízo do seu presidente ou de dous dos seus membros. En todo caso, as sesións serán convocadas polo seu presidente por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Substituirá o secretario ao presidente, no exercicio desta e doutras competencias, cando este non poida actuar por causa xustificada. A asistencia ás reunións é obrigatoria para os membros da xunta debidamente convocados; incorrerán estes en responsabilidade se deixan de asistir sen escusarse e xustificarse oportunamente con anterioridade. O lugar de reunión será a sede do colexio.

6. A xunta electoral quedará validamente constituída coa asistencia de polo menos dous dos seus compoñentes. A asistencia non poderá delegarse. Os acordos tomaranse por maioría dos presentes, sen voto de calidade do presidente. De toda reunión o secretario da xunta electoral redactará a correspondente acta, que se aprobará ao final de cada reunión e asinarán todos os asistentes.

7. A xunta de goberno asesorará á xunta electoral en todo o que por esta sexa requirida e facilitaralle todos os medios materiais, de oficina, secretaría, etc., que precisen.

8. Os membros da xunta electoral desenvolverán o seu labor gratuitamente, pero serán resarcidos polo colexio de todos os gastos que o seu nomeamento e exercicio do cargo lles cause.

9. A xunta electoral poderá organizar o uso das dependencias colexiais para actos electorais, logo de petición das candidaturas aceptadas.

Artigo 40º.-Fins e funcións da xunta electoral.

Ademais das competencias mencionadas, correspóndelle á xunta electoral:

a) Garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade, observando e facendo observar a presente normativa.

b) Resolver as queixas, reclamacións e recursos que se presenten de acordo coa presente norma.

c) Denunciar ante a xunta de goberno as actuacións que ao seu xuízo merezan corrección disciplinaria.

d) Constituírse en mesa electoral e velar pola pureza das eleccións.

Artigo 41º.-Censo electoral.

1. As listas electorais ou censo deberán ser supervisadas pola xunta de goberno e serán expostas no taboleiro de anuncios das oficinas do colexio desde o mesmo día da súa publicación.

2. A xunta electoral recibirá o censo electoral o mesmo día da súa constitución e estará ao seu cargo a partir de entón.

3. Contra a inclusión ou exclusión no censo electoral, os colexiados, sexan ou non electores, poderán presentar as reclamacións que consideren oportunas nos prazos que se fixen no calendario electoral. Estas reclamacións serán resoltas pola xunta electoral dentro do terceiro día hábil seguinte á súa presentación.

4. A xunta de goberno deberá facilitar inmediata e constantemente todos aqueles datos que precise a xunta electoral.

5. Resoltas as reclamacións ao censo, a xunta electoral confeccionará o censo electoral definitivo sobre a base do entregado pola xunta de goberno. Un exemplar deste será enviado a todas as candidaturas aceptadas, cun mínimo de dez días de antelación á celebración da asemblea xeral.

Artigo 42º.-Candidaturas.

1. Os que, tras reuniren a calidade de elixibles, aspiren a ser proclamados candidatos, presentarán a súa candidatura no rexistro do colexio ou por carta certificada dirixida á xunta electoral, dentro do prazo sinalado no calendario electoral.

2. As candidaturas presentaranse en equipo e levarán polo menos o nome dos candidatos e os cargos aos que se presentan, debendo ser avaladas coa sinatura de cinco colexiados como mínimo. Cada aspirante só poderá ser candidato a un único cargo.

3. Serán nulas as candidaturas que non reúnan os requisitos desta normativa.

4. A xunta electoral solicitará aos candidatos as aclaracións que considere precisas e proclamará as candidaturas aceptadas no prazo fixado no calendario electoral. O dito prazo non poderá exceder dos dez días.

5. Contra a aceptación ou rexeitamento de candidaturas poderase interpor recurso ante a xunta electoral no prazo sinalado no calendario, que deberá ser resolto dentro do terceiro día hábil seguinte á presentación do recurso.

Artigo 43º.-Mesa electoral.

1. A mesa electoral constituirase, cos mesmos compoñentes e cargos da xunta electoral, o día da realización de eleccións e antes de comezar a votación, de todo o cal se redactará a acta correspondente.

2. As candidaturas poderán nomear un interventor, que sexa elector non candidato, para os únicos efectos de asistir á votación e reconto de votos. O nomeamento deberá facerse por escrito, asinado pola candidatura e coa aceptación do interventor, antes do comezo das votacións e entregado á mesa electoral.

3. De non se presentaren máis que unha candidatura, non se realizará a votación e será innecesaria a constitución da mesa electoral. Daquela, a xunta electoral procederá a proclamar como elixida a candidatura, respectando os prazos establecidos para efectos de posibles impugnacións.

Artigo 44º.-Votación.

1. O dereito a votar acreditarase pola constancia do votante no censo electoral e a demostración da súa identidade.

2. Nas dependencias onde se realice a votación estarán expostas as candidaturas proclamadas, así como papeletas e sobres en cantidades suficientes.

3. As papeletas e sobres que teñen que contelas deberán ser iguais. Haberá tantas clases de papeletas como candidaturas saian a elección.

4. Nas papeletas farase constar os cargos que se votan e debaixo o nome e apelidos dos candidatos.

5. O voto poderá emitirse por correo certificado e de forma individual. Para a súa validez, deberá ser recibido no sitio determinado no calendario electoral ata o día anterior ao sinalado para a votación.

6. A xunta electoral enviará con tempo suficiente a cada un dos electores as normas para o voto por correo, as candidaturas presentadas e as papeletas e sobres suficientes para que, o que non poida votar en persoa, poida facelo por correo.

7. O voto por correo deberá cumprir o seguinte:

a) Os sobres que conteñan as candidaturas correspondentes introduciranse no sobre que se envíe por correo, que poderá ser de calquera formato.

b) O sobre de correos conterá, ademais dos sobres das candidaturas, a fotocopia do DNI do elector, asinada en orixinal polo titular.

8. O día de celebración da asemblea de eleccións non se poderá realizar ningunha propaganda electoral.

Artigo 45º.-Escrutinio.

1. Á hora sinalada para a finalización das eleccións, o presidente da mesa anunciará que vai concluír a votación e non se permitirá a entrada ao local a ningunha persoa máis, procedendo a votar os presentes que non o fixesen aínda. Posteriormente, desaloxarase a toda persoa allea á xunta electoral e interventores. De seguido, procederase a introducir na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto emitidas por correo, tras comprobar os datos do DNI no censo. Por último, votarán os membros da mesa e os interventores.

2. Procederá o presidente á lectura dos votos extraendo un a un os sobres da urna, abríndoos e lendo en voz alta o nome da candidatura votada, póndoo de manifesto ao resto da mesa e aos interventores.

3. Serán nulas as papeletas:

a) Que conteñan emendas, rascaduras, notas ou comentarios.

b) Toda papeleta que non se corresponda coa facilitada polo colexio.

c) Se nun mesmo sobre houbese máis dunha papeleta, todas elas serán nulas, salvo que sexan iguais, que se contabilizarán como unha soa.

d) O voto por correo que non reúna os requisitos establecidos ou que, ao comprobar o censo, resulte que o remitente xa votase persoalmente.

e) O voto por correo recibido por conduto diferente ao establecido.

4. Feito o reconto de votos, preguntará o presidente se hai algunha reclamación que facer sobre o escrutinio, e resolverá a mesa electoral por maioría.

5. Por último, o presidente anunciará publicamente o resultado, especificando o número de votantes, o de papeletas lidas, o de papeletas válidas e o de papeletas en branco, o de papeletas nulas e o número de votos obtidos por cada candidatura. Será proclamada o candidatura que máis votos obteña; en caso de empate terá lugar unha segunda volta electoral entre as candidaturas empatadas. Dos resultados estenderase certificación aos interventores e candidaturas que o soliciten.

6. As papeletas, en presenza dos asistentes, serán destruídas, con excepción das declaradas nulas ou as que fosen obxecto dalgunha reclamación, que se unirán á acta correspondente asinada por todos os compoñentes da mesa e interventores e engadiranse de seguido ao expediente electoral. Tamén, uniranse á acta as fotocopias do DNI asinadas que acompañaban os votos por correo.

Artigo 46º.-Recursos.

Contra a denegación dos recursos escritos ou reclamacións presentadas á mesa electoral poderá interporse recurso de alzada ante o consello xeral e, unha vez esgotada a vía colexial, quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Título V

Do réxime disciplinario

Artigo 47º.-Réxime disciplinario.

1. O colexio sancionará todos aqueles actos dos colexiados que constitúan infracción culpable dos presentes estatutos, normativa ou dos acordos tomados polas xuntas xerais e de goberno.

2. Cando se trate de membros da xunta de goberno a competencia corresponderalle ao consello xeral.

Artigo 48º.-Faltas.

1. As faltas polas que disciplinariamente poderá sancionarse aos colexiados clasifícanse en leves, graves e moi graves.

2. Considerarase como falta leve toda infracción dos preceptos contidos nestes estatutos e noutras normativas e acordos, salvo as dispostas nas liñas seguintes, que se considerarán faltas graves:

a) As ofensas graves á dignidade da profesión ou ás regras que a gobernan.

b) O incumprimento reiterado no pagamento de calquera tipo de cotas.

c) A reincidencia en incorreccións que reiteradamente fagan desmerecer o concepto público do colexiado para o exercicio da profesión.

d) Encargarse de traballos profesionais que o colexiado coñeza que foron encomendados con anterioridade a outro compañeiro, sen obter previamente o permiso deste ou do colexio.

e) A comisión reiterada de infraccións leves.

f) As faltas de respecto e os atentados contra a dignidade ou a honra dos compañeiros con ocasión do exercicio profesional, así como contra as persoas que desempeñan cargos no colexio cando actúen no exercicio das súas funcións.

g) O encubrimento do intrusismo profesional, ou a colaboración co exercicio de actividades propias da profesión de enxeñeiro técnico agrícola por quen non reúna a debida aptitude para iso.

h) O incumprimento dos deberes colexiais e profesionais do enxeñeiro técnico agrícola determinados na normativa deontolóxica vixente.

i) A realización de traballos profesionais con omisión do preceptivo visado colexial.

j) Falseamento ou inexactitude grave da documentación profesional; e a ocultación ou simulación de datos que o colexio deba coñecer para exercer as funcións de control profesional ou para a repartición equitativa das cargas colexiais.

k) A realización de traballos ou intervencións profesionais que pola súa índole atenten ao prestixio profesional, ou que a súa execución non cumpra as normas establecidas polas leis ou polo colexio.

3. Merecerán a cualificación de faltas moi graves as infraccións reputadas como graves nas que concorra algunha circunstancia como: intencionalidade; neglixencia profesional inescusable; desobediencia reiterada dos acordos colexiais; dano ou prexuízo grave ao cliente ou terceiros; obtención de lucro ilexítimo mercé a actuación ilícita; atoparse no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando exista utilización desta condición; así como ter sido sancionado con anterioridade, por resolución colexial firme non cancelada, a causa de infracción grave.

Artigo 49º.-Sancións.

As sancións que poidan imporse serán:

a) Apercibimento verbal.

b) Apercibimento por escrito.

c) Reprensión privada.

d) Reprensión pública.

e) Inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos.

f) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período non superior a dous anos.

g) Suspensión temporal do exercicio profesional por un período entre dous anos e un día e catro anos.

h) Expulsión do colexio.

As tres primeiras sancións aplicaranse pola comisión de faltas leves; as tres seguintes ás faltas graves; e as dúas últimas ás moi graves.

As sancións incluídas nos puntos e), f), g) e h), suporán a accesoria suspensión dos dereitos colexiais polo tempo da súa duración, así como o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

Artigo 50º.-Prescricións.

1. As infraccións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As que constitúan faltas leves prescribirán aos seis meses.

b) As que estean tipificadas como faltas graves aos dous anos.

c) As que estean tipificadas como faltas moi graves aos catro anos.

2. As sancións prescribirán nos seguintes prazos:

a) As leves aos seis meses.

b) As graves aos dous anos.

c) As moi graves aos catro anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións contaranse desde o momento da comisión da infracción e os das sancións desde a súa firmeza. A prescrición

das infraccións interromperase por calquera acto colexial expreso e manifesto dirixido a investigar a presunta infracción. Así mesmo, a realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción interromperá o seu prazo de prescrición.

4. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos. As sancións leves cancelaranse ao ano; as graves aos tres anos e as moi graves aos cinco anos.

Artigo 51º.-Procedemento sancionador.

1. As faltas leves sancionaraas a xunta de goberno e, no seu nome, polo presidente do colexio, sen necesidade de expediente previo e tras a audiencia ou descarga do inculpado.

2. Para a imposición das sancións por falta grave incoarase previamente o oportuno expediente. Este acordo compete á xunta de goberno, que o adoptará por propia iniciativa, a petición razoada do presidente ou por denuncia. Para tal fin designará unha comisión de disciplina, constituída por tres colexiados, un deles elixido pola xunta de goberno de entre os seus membros, outro elixido polo colexiado obxecto de procedemento e outro elixido por sorteo entre todos os colexiados, agás os que pertenzan á xunta de goberno.

3. No suposto de que sexa un dos membros da xunta de goberno quen vaia expedientado, a competencia corresponderalle ao consello xeral.

4. No expediente que se instrúa oirase o afectado, quen poderá facer alegacións e achegar, ao mesmo tempo, todas aquelas probas que considere convenientes na súa defensa. Ultimado o devandito expediente, a comisión, xunto coa proposta de sanción, dirixirallo á xunta de goberno ou ao consello xeral, se é o caso, para a súa resolución e acordo.

5. No expediente que se instrúa serán aceptados todos os medios de proba admisibles en dereito, correspondendo aos instrutores a práctica das que, sendo propostas, estimen oportunas ou as que eles mesmos poidan acordar. Das audiencias e probas practicadas deberá existir constancia escrita no expediente.

6. Concluída a instrución do expediente disciplinario, os instrutores elevarano, coa correspondente proposta de resolución, ao órgano disciplinario, ante o cal se concederá ao expedientado novo trámite de audiencia, para que poida alegar canto estime oportuno ou conveniente en dereito. Os instrutores non poderán intervir nas deliberacións nin na toma de decisións do órgano disciplinario.

7. Este procedemento disciplinario poderá ser desenvolto de conformidade co disposto nestes estatutos.

Artigo 52º.-Recursos contra sancións.

Contra sancións disciplinarias de calquera tipo impostas pola xunta de goberno poderase interpor, no prazo dun mes, recurso de alzada ante o consello

xeral; contra a resolución expresa ou por silencio administrativo deste, caberá o correspondente recurso contencioso-administrativo, segundo a vixente lei xurisdicional.

Título VI

Réxime xurídico dos actos colexiais

Artigo 53º.-Réxime xurídico dos actos colexiais.

1. Os acordos e normas colexiais serán publicados mediante a súa inserción no boletín do colexio, así como co envío do escrito de notificación ou da acta correspondente aos colexiados, de forma que poidan ser coñecidos por todos eles, e sempre nos taboleiros de anuncios do colexio durante o prazo dun mes.

2. Así mesmo, a xunta de goberno deberá notificar aqueles actos que afecten dereitos e intereses dos destinatarios dos anteditos acordos.

3. Os actos emanados dos órganos do colexio, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán inmediatamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co que dispoña a lexislación estatal que regula as bases de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Consideraranse, en todo caso, como funcións públicas do colexio o control das condicións de ingreso na profesión, a evacuación de informes preceptivos, o visado de proxectos e a potestade disciplinaria.

4. A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aplicarase, así mesmo, de forma supletoria en todo o non previsto pola lexislación xeral sobre colexios e polos presentes estatutos.

Artigo 54º.-Tipos de recursos.

1. Contra os acordos emanados dos órganos do colexio poderase interpor recurso de reposición ante a xunta de goberno no prazo dun mes a partir da súa comunicación. O recurso deberá ser resolto no prazo de tres meses, transcorrido o cal entenderase desestimado e quedará aberta a vía procedente.

2. Contra as decisións ou resolucións dos órganos do colexio poderase interpor recurso ordinario ante a consello xeral, no prazo que estipulen os seus estatutos.

3. Se se trata de actos suxeitos ao dereito administrativo, o colexiado poderá elixir entre interpor o recurso de reposición ao que se refiren os puntos anteriores ou ben recorrer directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses.

Artigo 55º.-Nulidade dos actos dos órganos colexiais.

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais nos que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Os que lesionen o contido esencial dos dereitos e liberdades susceptibles de amparo constitucional.

b) Os ditados por órgano manifestamente incompetente por razón da materia ou do territorio.

c) Os que teñan un contido imposible.

d) Os que sexan constitutivos de infracción penal ou se diten como consecuencia desta.

e) Os ditados prescindindo total ou absolutamente do procedemento legal establecido ou das normas que conteñen as regras esenciais para a formación da vontade dos órganos colexiais.

f) Os actos expresos ou presuntos contrarios ao ordenamento xurídico polos que se adquiren facultades ou dereitos, cando se careza dos requisitos esenciais para a súa adquisición.

g) Calquera outro que estableza expresamente algunha disposición de rango legal.

2. Tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións colexiais que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de carácter xeral, as que regulen materias reservadas á lei e as que establezan a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais.

3. Son anulables os actos que incorran en calquera infracción do ordenamento xurídico, incluso a desviación do poder.

Artigo 56º.-Suspensión dos actos dos órganos colexiais.

1. Sen prexuízo das atribucións que a lexislación lles outorga aos órganos xudiciais en materia de suspensión de actos das corporacións profesionais, sexa ou non por petición de calquera colexiado, están obrigados a suspender os actos propios ou de órgano inferior que consideren nulos de pleno dereito:

a) A xunta xeral.

b) A xunta de goberno.

c) O presidente.

2. Os acordos de suspensión deberán adoptalos a xunta xeral, a xunta de goberno e o presidente no prazo de cinco días, que se contarán desde a data en que tivesen coñecemento dos actos considerados nulos, sempre que previamente se iniciase un procedemento de revisión de oficio ou se interpuxese recurso e concorran as circunstancias previstas pola lexislación de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común para a nulidade destes actos.