DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 13 de agosto de 2004 Páx. 11.647

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

O artigo 40.2º da Constitución española establece como un dos principios rectores da política social e económica, que os poderes públicos deben velar pola seguridade e hixiene no traballo, mandato que abrangue todas as administracións públicas, cada unha no ámbito das súas competencias, que residen non só no marco da materia laboral, senón que, en virtude da complexidade dos aspectos ligados á saúde e seguridade no traballo, comprende outros espa

zos administrativos, entre eles, o ámbito específico da saúde.

O artigo 149.1.7ª da Constitución atribúelle ao Estado a competencia exclusiva en materia de lexislación laboral, sen prexuízo da súa execución por parte das comunidades autónomas. Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 abril, establece no seu artigo 29, epígrafe 1, que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral.

No marco das competencias que a Xunta de Galicia ten atribuídas en materia de seguridade e saúde laboral, e dentro da normativa estatal vixente, constituída basicamente pola Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, que traspón ao ordenamento xurídico español a Directiva 89/391,

da Comunidade Europea, o Goberno de Galicia ten fixado como obxectivo prioritario promover a mellora das condicións de traballo, para elevar o nivel de protección da saúde e seguridade dos traballadores no seu medio laboral.

O salto cualitativo que implica a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, é relevante no ámbito da prevención posto que permite unha maior presenza e participación institucional das organizacións sindicais e empresariais máis representativas. Ao mesmo tempo que este maior protagonismo dos axentes sociais, trátase de reforzar e establecer canles que permitan unha eficaz coordinación entre as diversas administracións competentes na materia.

Con tal motivo, créase unha nova estrutura organizativa que permita o mellor desenvolvemento de todas as funcións que en materia de prevención de riscos laborais son competencia da Administración laboral e que ten como obxectivo acadar unha eficaz coordinación con outros organismos implicados no eido da seguridade e saúde laboral.

En aplicación do disposto no artigo 12 da precitada Lei 31/1995, do 8 de novembro, onde se recolle o dereito dos traballadores e empresarios a participaren na planificación, programación, organización e control da xestión relacionada coa mellora das condicións de traballo e a protección da seguridade e saúde laboral, regulouse mediante Decreto 449/1996, do 26 de decembro, o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo, sendo necesaria a súa actualización. É polo que o presente decreto regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral como o máximo órgano asesor da Administración autónoma na formulación das políticas de prevención e como órgano de participación institucional en materia de seguridade e saúde laboral en Galicia.

Na súa virtude e oído o órgano de asesoramento e participación no eido da seguridade e saúde laboral, onde están integradas as organizacións sindiciais e empresariais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia do 14 de xullo de 2004 e consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública en virtude do establecido no Decreto 166/2004, do 23 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 26 de xullo de 2004) e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral

Artigo 1º.-Creación, natureza e sede.

1. Créase o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que se configura como un órgano admi

nistrativo de carácter técnico que se integra orgánica e funcionalmente na consellería competente en materia de seguridade e saúde laboral, a través da Dirección Xeral que ten atribuído o referido ámbito competencial.

2. O instituto terá a súa sede en Santiago de Compostela, sen prexuízo da súa desconcentración territorial nos centros provinciais de seguridade e saúde laboral.

Artigo 2º.-Finalidade.

O instituto ten por finalidade a xestión e o impulso da política de saúde e seguridade laboral na Comunidade Autónoma de Galicia, conforme os principios de eficacia e participación, así como a coordinación das actuacións que nesta materia estableza a Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito de actuación.

1. O instituto estende a súa actuación a todas as empresas, a todos os traballadores e aos centros de traballo radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O seu ámbito de actuación estenderase a todas aquelas relacións laborais previstas no artigo 3 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Así mesmo, estende a súa actuación ás cooperativas, coas particularidades derivadas da súa normativa específica.

3. Polas especiais dificultades para organizar a prevención prestarase unha atención específica ás actividades de prevención dirixidas ás pequenas e medianas empresas galegas e levaranse a cabo actividades de promoción da prevención de riscos laborais en relación aos traballadores por conta propia.

Artigo 4º.-Funcións do instituto.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o instituto desenvolverá de conformidade co artigo 7.1º a) da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, as funcións de promoción da prevención e asesoramento técnico.

2. En concreto, o instituto desenvolverá as seguintes funcións:

a) Analizar e investigar as causas e factores determinantes dos accidentes de traballo, enfermidades profesionais e outros danos derivados das condicións de traballo, abordando o seu estudo preventivo e propoñendo as medidas correctoras que procedan para a súa eliminación ou redución.

b) Coñecer, tratar e elaborar as informacións e datos estatísticos sobre accidentes de traballo e enfermidades profesionais e demais danos derivados das condicións de traballo, para a realización e análise de estatísticas, así como a elaboración de estudos e informes. Así mesmo, colaborar na elaboración das estatísticas da sinistralidade laboral que se proxecten no ámbito estatal e europeo.

Neste sentido, impulsarase o emprego e aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos para garantir a seguridade, validez, eficacia e incremento da calidade na emisión e recepción de comunicacións e documentos.

c) Desenvolver o sistema de vixilancia epidemiolóxica para investigar as enfermidades laborais e o impacto das condicións de traballo na saúde dos traballadores, en coordinación coa autoridade sanitaria.

d) Programar, organizar e colaborar nas accións formativas de prevención de riscos laborais, así como programar e organizar actividades de información e divulgación en saúde e seguridade, con especial atención ás pequenas e medianas empresas e aos colectivos de traballadores en situación de maior risco.

e) Planificar e executar controis xerais e sectoriais que permitan o seguimento das actuacións preventivas que se realicen nas empresas, para a consecución dos obxectivos previstos na Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, prestando a estas e aos representantes dos traballadores o asesoramento técnico que precisen.

f) Fomentar canles de colaboración nas actividades desenvolvidas por empresarios, traballadores e as súas respectivas organizacións representativas.

g) Propoñer instrumentos de colaboración e cooperación coas administracións públicas, universidades e outras entidades, para a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, a redución dos riscos laborais, a investigación, o fomento de novas formas de protección e a promoción de estruturas eficaces de prevención.

h) Prestar asistencia e asesoramento técnico a empresas, traballadores e ás súas organizacións representativas.

i) Emitir informe con carácter preceptivo nos procedementos de acreditacións e autorizacións das entidades especializadas en servizos de prevención alleos e de persoas físicas e xurídicas para desenvolver a actividade de auditoría do sistema de prevención, de conformidade co establecido na normativa de prevención de riscos laborais. Así como o exercicio do control das súas actuacións, nos termos previstos na lexislación vixente e a comunicación á autoridade laboral das desviacións observadas en relación coas condicións de acreditación ou autorización.

Emitir informe, con carácter preceptivo no procedemento de autorización de entidades formativas, tras a comprobación do cumprimento dos requisitos regulamentariamente establecidos e o control das súas actividades.

l) En cumprimento do disposto no artigo 28 do Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención, procederase ao envío o ministerio competente de copia de todo asen

to practicado nos rexistros en materia preventiva, así como a intercomunicación destes cos rexistros das restantes comunidades autónomas.

m) Colaborar coas autoridades sanitarias na avaliación e control das actuacións que se realicen nas empresas polos servizos de prevención actuantes, nos termos establecidos na lexislación vixente.

n) Estudar, emitir informe e propoñer normativas ou reforma destas que teñan relación coa prevención de riscos dentro do ámbito autonómico, así como elaborar recomendacións sobre determinados riscos laborais e de traballadores especialmente sensibles, mozos menores de idade e a protección á maternidade.

ñ) Prestar a colaboración pericial e o asesoramento técnico á Inspección de Traballo e Seguridade Social e ás autoridades xudiciais, nos termos establecidos na lexislación vixente na materia, así como a aquelas institucións públicas que o demanden.

o) Realizar o control e seguimento das accións en materia de seguridade e saúde laboral para verificar a súa adecuación cara ao cumprimento dos obxectivos previstos na normativa de prevención de riscos laborais e, de ser o caso, aos obxectivos do establecido no convenio ou outro instrumento de colaboración.

p) Colaboración coas autoridades educativas no deseño e execución de programas educativos de prevención de riscos laborais nos centros de ensino.

q) Consonte o establecido no artigo 9 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, os técnicos de prevención do instituto, poderán desempeñar funcións de asesoramento, información e comprobatorias das condicións de seguridade e saúde nas empresas e centros de traballo, co alcance sinalado na epígrafe 3º do artigo 9 e coa capacidade de requirimento ao que se refire o seu artigo 43, todo isto na forma que se determine regulamentariamente.

Para poder exercer as funcións establecidas na epígrafe 2º do antedito artigo, deberase contar coa habilitación a que se refire a súa disposición adicional décimo quinta, nos termos que se determinen regulamentariamente.

r) Calquera outras funcións que lles sexan encomendadas ou que teña atribuídas pola lexislación para o cumprimento dos seus fins e, en xeral, a adopción das medidas precisas para garantir a coordinación eficaz dos servizos centrais e dos centros provinciais do instituto.

2. Para o desenvolvemento das funcións expresadas neste artigo estableceranse os mecanismos de coordinación axeitados coa Inspección de Traballo e Seguridade Social, e con outros órganos da Xunta de Galicia, en especial, coas consellerías con competencias en materia de sanidade e industria.

Así mesmo, no que atinxe á actividade de investigación de accidentes de traballo e á xestión derivada desta, impulsarase, polos medios precisos, a relación institucional entre as autoridades laborais e as autoridades xudiciais.

3. O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral cooperará co Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo e participará tecnicamente na Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, de conformidade co establecido nos artigos 8 e 13 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, respectivamente.

Artigo 5º.-Órganos do instituto.

Os órganos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral son:

1. Órganos de representación e dirección: a presidencia, a dirección e a dirección técnica.

2. Órgano de participación e asesoramento: a comisión consultiva.

Artigo 6º.-A Presidencia.

O cargo de presidente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral recae no titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de relacións laborais e, por ende, en seguridade e saúde laboral.

Correspóndenlle ao presidente, como máxima autoridade do instituto, entre outras, as seguintes funcións:

a) Ter a máxima representación institucional do instituto.

b) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente e non estean reservadas expresamente a outros órganos da Xunta de Galicia con competencia en materia de prevención de riscos laborais.

Artigo 7º.-A Dirección.

O director do instituto será o titular da Dirección Xeral que teña atribuídas as competencias relativas á seguridade e saúde laboral, pertencente á consellería competente en materia de relacións laborais.

Asumirá as funcións do presidente, agás as que pola súa natureza sexan indelegables, en suposto de ausencia, vacante ou enfermidade ou outra causa legal, así como nos casos de delegación.

Correspóndelle á dirección as seguintes funcións:

a) Dirixir o instituto.

b) Elevar ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral o plan de actuacións e a memoria anual do instituto.

c) Impulsar e coordinar o plan anual de actuacións do instituto aprobado polo Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

d) Supervisar a execución do plan anual de actuacións do instituto e a memoria de actividades.

e) O control e a supervisión das actividades que se desenvolvan e dos procedementos establecidos para o seu eficaz desenvolvemento.

f) Presidir a Comisión Consultiva, moderar as sesións e o desenvolvemento dos debates, así como suspendelos por causas xustificadas.

g) Supervisar a xestión económica e orzamentaria.

h) O nomeamento e cesamento dos membros da comisión consultiva, de conformidade co establecido no presente decreto.

i) Calquera outras funcións que, no ámbito das súas competencias, lle poidan encomendar a presidencia do instituto e, a través desta, o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 8º.-A Dirección Técnica.

A dirección técnica é o órgano de xestión e execución das competencias que desenvolve o instituto, baixo a superior autoridade do presidente e con dependencia funcional do director.

O director técnico será o titular da Subdirección Xeral que teña encomendadas as funcións en seguridade e saúde laboral, pertencente á Dirección Xeral con competencia en materia de relacións laborais.

Asumirá as funcións do director, agás as que pola súa natureza sexan indelegables, en suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou calquera outra causa legal, así como nos casos de delegación.

Correspóndenlle a este órgano as seguintes funcións:

a) Xestionar o plan anual de actuacións.

b) Organizar e coordinar os recursos humanos e materiais co obxecto de prestar os seus servizos eficazmente.

c) Elaborar o proxecto do plan anual e a memoria de actividades do instituto.

d) Elaborar o estudo do anteproxecto do orzamento do programa de gasto do instituto e a súa elevación á dirección, así como a súa xestión, seguimento e avaliación.

e) A prestación da asistencia técnica, información e asesoramento persoalmente ou por técnicos do instituto ao presidente, director, Comisión Consultiva e ao Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, cando sexa requirido para iso.

f) Executar e coordinar as actividades que se desenvolvan e os procedementos establecidos.

g) Calquera outras funcións que, no ámbito das súas competencias, lle poidan encomendar a presidencia do instituto e, a través desta, o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Artigo 9º.-Do persoal do instituto.

Da Dirección Técnica, baixo a supervisión da dirección do instituto, dependerá a xestión administrativa e a coordinación dos centros provinciais

de seguridade e saúde laboral, estruturados nas seguintes áreas especializadas e interdependentes:

-Seguridade no traballo.

-Hixiene industrial.

-Ergonomía e psicosocioloxía aplicada.

-Medicina laboral.

-Formación e divulgación.

Artigo 10º.-A Comisión Consultiva.

1. A Comisión Consultiva do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral constitúese como órgano técnico de participación institucional, impulso e seguimento do plan anual de actuación.

2. Estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director do instituto que será substituído polo director técnico nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal.

Vogais:

a) Pola Administración: o director-técnico, o titular da Dirección Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, un xefe de servizo e os titulares de dous centros provinciais de Seguridade e Saúde Laboral designados pola dirección do instituto.

b) Pola parte social: tres representantes designados polas organizacións sindicais máis representativas presentes no Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, proporcionalmente á súa representatividade. Por cada membro efectivo as organizacións designarán un vogal suplente.

c) Pola parte empresarial: tres representantes designados polas organizacións empresariais máis representativas presentes no Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Por cada membro efectivo a organización designará un vogal suplente.

No suposto de ausencia por calquera causa legal do director e asumidas as funcións da presidencia polo director técnico, corresponderá a condición de vogal a un dos outros dous titulares de centros provinciais que terán presenza nesta comisión.

As funcións de secretaría recaerán nun dos titulares dos centros provinciais que non teñan a condición de vogal e que sexa designado pola dirección do instituto por proposta da dirección técnica. Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal as funcións de secretaría serán desempeñadas por outro funcionario integrante da comisión que designe a dirección do instituto, por proposta da dirección técnica.

3. A Presidencia, por propia iniciativa ou por petición dalgún membro da Comisión Consultiva, poderá solicitar a presenza daquelas persoas que se considere conveniente polos seus coñecementos, preparación, prestixio ou outras circunstancias.

Artigo 11º.-Funcións e funcionamento da Comisión Consultiva.

1. A Comisión Consultiva terá como función participar na elaboración e deseño dos programas e actuacións en seguridade e saúde laboral e no impulso, actualización e seguimento das actuacións que se deriven destes, así como, emitir ditame do plan anual do instituto para a súa aprobación polo Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

2. Reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez cada tres meses, e en sesión extraordinaria sempre que o estime conveniente o presidente, ben por iniciativa propia ou por proposta de, polo menos unha terceira parte dos seus membros.

O quórum para a válida constitución da Comisión Consultiva en primeira convocatoria será a metade máis un dos membros e, polo menos, un membro de cada unha das organizacións e organismos nel representados. En segunda convocatoria, o quórum de asistencia será da metade máis un dos membros. En todo caso para a válida constitución da comisión requirirase a presenza do presidente e do secretario ou persoas que os substitúan.

Artigo 12º.-Grupos de traballo.

A Comisión Consultiva poderá propoñerlle á Dirección do instituto a creación de grupos de traballo para a análise de aspectos sectoriais ou problemáticas específicas vencelladas coa saúde e seguridade laboral. O devandito acordo establecerá o seu réxime de funcionamento, así como o seu carácter temporal ou indefinido.

Artigo 13º.-Indemnizacións por asistencias.

Os cargos de membros dos órganos colexiados do instituto non serán retribuídos, sen prexuízo da percepción das indemnizacións económicas ás que houbese lugar por asistencia.

Capítulo II

Do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e comités provinciais

Artigo 14º.-O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

1. O Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral configúrase como o órgano colexiado asesor da Administración da Xunta de Galicia na formulación das políticas de prevención e o órgano de participación institucional en materia de seguridade e saúde laboral.

2. Estará integrado por:

O presidente, será o titular da consellería que teña atribuídas as competencias en materia de relacións laborais e, por ende, en seguridade e saúde laboral.

O vicepresidente, será o titular da Dirección Xeral que teña atribuídas as competencias relativas á seguridade e saúde laboral, pertencente á consellería competente en materia de relacións laborais, quen substituirá o presidente nos casos de delegación, vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Vogais:

-Pola Administración, catro vogais: o director técnico do instituto, un representante con rango de director xeral de cada unha das consellerías con competencia en sanidade e industria e o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia.

-Polos axentes sociais: seis vogais designados por proposta das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia, en proporción á súa representatividade.

-Polos axentes económicos: seis vogais designados por proposta das organizacións empresariais máis representativas de carácter intersectorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Actuará como secretario do Consello, con voz pero sen voto, un funcionario con rango de xefe de servizo. Nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o secretario será substituído pola persoa que sexa designada pola Dirección do Instituto.

En atención aos asuntos que se van tratar e mediante proposta ante o Consello, poderán asistir ás sesións, con voz pero sen voto, os asesores da Administración ou das organizacións que o consideren pertinente, facéndollo saber previamente á secretaría do Consello.

3. Os vogais do Consello Galego serán nomeados e cesados por orde da consellería que posúe a presidencia, por proposta das organizacións sindicais e empresariais e das respectivas consellerías. Cada organización designará un suplente por cada membro efectivo do Consello, que o substituirá cando non asista ás sesións, logo de acreditación por causa xustificada.

4. O Consello Galego reunirase en pleno, con carácter ordinario, como mínimo catro veces ao ano, e con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente, ou por proposta de, cando menos a maioría dun dos tres grupos, con indicación expresa dos asuntos que se vaian tratar.

A convocatoria dos plenos, tanto en sesión ordinaria como extraordinaria, será efectuada por orde do presidente, coa antelación suficiente, e en todo caso, de quince días, agás por razón de urxencia, que se reducirá a tres días. En todo caso as convocatorias irán acompañadas da orde do día, a acta da sesión anterior e a documentación que se considere necesaria.

Para a válida constitución do pleno do Consello requirirase a presenza do presidente e do secretario ou, se é o caso, das persoas que os substitúan e, cando menos, da metade máis un dos compoñentes de cada grupo de representación en primeira convocatoria.

De non existir quórum quedará convocada de xeito automático quince minutos despois a segunda con

vocatoria, constituíndose validamente sempre que estean presentes a metade máis un dos seus membros e sempre que haxa, cando menos, un representante de cada unha das entidades que conforman o Consello.

Non poderá ser obxecto de acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do Consello e sexa declarada a urxencia do asunto por unanimidade.

Os acordos, ditames, informes e recomendacións adoptaranse por asentimento, manifestada a unanimidade dos membros do Consello ou, por instancia da Presidencia, cando se xustifique pola súa especial incidencia e repercusión nas condicións de traballo, polo voto favorable da metade más un dos presentes. En caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente ou de quen o substitúa.

Artigo 15º.-Funcións do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Correspóndelle ao Consello Galego, como o máximo órgano colexiado de diálogo institucional, concertación e participación das organizacións sindicais e empresariais e a Xunta de Galicia no deseño e desenvolvemento das políticas preventivas de Galicia, as seguintes:

1. Funcións de carácter consultivo e de participación:

a) Aprobar o regulamento de funcionamento interno do Consello e dos comités provinciais.

b) Impulsar os programas do instituto, elevando á Xunta de Galicia por medio do presidente do instituto propostas para a aprobación de plans plurianuais de prevención de riscos laborais con carácter estratéxico e de ámbito en toda a comunidade autónoma.

c) Elevar propostas e peticións ás consellerías que posúen competencias en materia de prevención de riscos laborais.

d) Formular propostas de coordinación das actuacións que se desenvolvan en materia de prevención de riscos polos departamentos de relacións laborais, sanidade e industria, así como naqueles ámbitos sectoriais nos que existan programas específicos.

e) Seguimento dos programas de actuación en materia de información e formación en prevención de riscos laborais e a formulación de propostas para o efecto.

f) Coñecer os estudos e informes elaborados.

g) Propoñer o destino dos fondos que se atribúan en función da disposición adicional quinta da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, de reforma do marco normativo de prevención de riscos laborais.

h) Crear as comisións de traballo que consideren necesarias, determinando as funcións, número de membros e composición destas.

2. Funcións de control, impulso e proposta en relación coa actividade do instituto:

a) O establecemento dos criterios xerais da actuación do instituto no marco das directrices que en materia de seguridade e saúde laboral estableza a Xunta de Galicia.

b) Coñecer das actuacións do instituto e, en especial, as dirixidas á coordinación entre as administracións públicas competentes en materia laboral, sanitaria e de industria.

c) Aprobar o plan anual e a memoria anual do instituto.

Artigo 16º.-Cómites provinciais de Seguridade e Saúde Laboral.

1. Os cómites provinciais de Seguridade e Saúde Laboral son os órganos colexiados de participación e consulta tripartitos e paritarios, con ámbito de actuación en cada unha das provincias galegas.

2. Cada comité provincial estará integrado por dezaoito membros:

O presidente, cargo que recaerá no titular da delegación provincial da consellería que teña en cada momento atribuídas ás competencias en materia de relacións laborais e, por ende, en seguridade e saúde laboral.

Vogais:

a) Pola Administración, cinco vogais: os titulares das dúas delegacións provinciais das consellerías con competencia en materia de sanidade e industria, o xefe da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, o titular do centro provincial de Seguridade e Saúde Laboral e un funcionario do centro designado polo delegado provincial, que actuará como secretario.

b) Pola parte social, seis representantes designados polas organizacións sindicais máis representativas da comunidade autónoma, en proporción á súa representatividade. Por cada membro efectivo as organizacións designarán un vogal suplente.

c) Pola parte empresarial, seis representanes designados polas organizacións empresariais máis representativas de carácter sectorial da comunidde autónoma. Por cada membro efectivo as organizacións designarán un vogal suplente.

3. Serán funcións dos comités provinciais as seguintes:

a) Coñecer os acordos do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

b) Elevar para o seu estudo, proposta sobre prevención de riscos laborais no ámbito provincial.

c) Crear as comisións de traballo que consideren necesarias, determinando as funcións, número de membros e composición destas.

d) Aquelas outras que lles foran encomendadas polo Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

4. Con independencia do que se determite no seu regulamento interno, os comités provinciais reuniranse, con carácter ordinario como mínimo unha vez cada dous meses, e con carácter extraordinario, por iniciativa do seu presidente, ou por proposta de cando menos a maioría dun dos tres grupos, con indicación expresa dos asuntos que se vaian tratar. Na adopción de acordos, en caso de empate, o presidente terá voto de calidade.

Artigo 17º.-Indemnizacións por asistencias.

Os cargos de membros dos órganos colexiados do Consello Galego e dos comités provinciais non serán retribuídos, sen prexuízo da percepción das indemnizacións económicas ás que houbera lugar por asistencia.

Disposición adicional

A provisión dos medios persoais e materiais necesarios para o correcto funcionamento dos órganos farase con cargo ás aplicacións orzamentarias da consellería competente, sen que isto signifique ampliación do cadro de persoal ou do crédito orzamentario.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 449/1996, do 26 de decembro, polo que se regula o Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo e a Orde do 16 de xuño de 1997, pola que se aproba o Regulamento de réxime interno do Consello Galego de Seguridade e Hixiene no Traballo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Consello da Xunta e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no ámbito das súas respectivas competencias, adoptarán cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta norma.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

(Decreto 166/2004, do 23 de xullo)