DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Venres, 13 de agosto de 2004 Páx. 11.641

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 199/2004, do 29 de xullo, polo que se regulan as competencias autonómicas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

A Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, ten como obxecto a determinación, protección, utilización e policía do dominio público marítimo-terrestre, recollendo así o ditado constitucional que atribúe ao Estado a facultade de definir o dominio público estatal e establecer o réxime xurídico de todos os bens que o integran.

Con este fin dispón unha serie de medidas de protección entre as que revisten especial interese as limitacións á propiedade dos terreos lindantes co dominio público. Sobre eles establécese unha servidume coa cal se trata de evitar certos usos e actividades, especialmente edificatorias, susceptibles de causar danos irreparables ao medio natural.

Tendo en conta a repartición constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas, a adopción das citadas medidas de protección corresponderá a un ou outro ente territorial en función da competencia que deba exercerse, tal como sinalou o Tribunal Constitucional na súa sentenza 149/1991, do 4 de xullo. Así, polo que respecta á zona de servidume de protección antes aludida, a sentenza declara a competencia estatal para establecer os usos prohibidos ou autorizables definidos no artigo 25 da lei, por canto tal regulación ten que considerarse normativa básica para a protección do ambiente; mentres que corresponde ás comunidades autónomas exercer a potestade de autorización dos ditos usos, facultade executiva que deriva das competencias autonómicas para executar a normativa sobre protección ambiental.

Co fin de regular a intervención da comunidade autónoma nos procedementos previstos na lei de costas, ditouse o Decreto 19/1993, do 28 de xaneiro, substituido polo 151/1995, do 18 de maio, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de costas e a súa atribución á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, agora vixente.

A experiencia acadada desde a súa promulgación, os cambios na distribución competencial ocorridos nese período na Xunta de Galicia e as modificacións lexislativas operadas aconsellan agora un novo tratamento da materia que, de xeito claro e transparente, regule as formas e procedementos para a execución da lexislación en materia de costas pola comunidade autónoma.

Así, neste decreto, despois dun capítulo primeiro en que se define o seu obxecto, regúlanse no capítulo segundo as competencias e o procedemento de tramitación da autorización autonómica para usos per

mitidos na zona de servidume de protección, así como para a legalización dos usos xa establecidos.

Tendo en conta que para a execución dunha mesma obra ou exercicio dunha mesma actividade pode ser necesaria a obtención de diferentes actos de autorización, autonómica e municipal, regúlase no capítulo terceiro o réxime de concorrencia da autorización autonómica con outros títulos, en especial coas licenzas municipais. E como concreción dos principios de cooperación, asistencia e coordinación que deben presidir as relacións entre as administracións públicas, regúlanse as obrigas de información nunha materia en que concorren as competencias de ambas.

No capítulo cuarto establécese o procedemento sancionador por infraccións cometidas na zona de servidume de protección, de forma respectuosa coa remisión que a propia lei de costas fai á normativa xeral sobre a materia. Así mesmo, delimítanse as competencias para impor as sancións e regúlase a obriga de restitución das obras non autorizadas na zona de servidume de protección.

Dado que a obriga de restitución é independente da sanción administrativa que se impoña, e mesmo pode existir sen necesidade de expediente sancionador, no capítulo quinto regúlase especificamente o procedemento para a súa resolución.

E, por último, no capítulo sexto determínanse os órganos competentes para a emisión de informes da Administración autonómica en execución da normativa de costas, no cal se refire ao dominio público marítimo-terrestre ou á súa servidume de protección e tránsito.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto regular a intervención da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre prevista no artigo 23 da Lei de costas, así como a emisión dos informes autonómicos requiridos en execución da normativa en materia de costas.

2. Para os ditos efectos, neste decreto regúlanse:

-A autorización autonómica dos usos permitidos na zona de servidume de protección.

-A concorrencia de dita autorización con outros títulos, en especial coas licenzas municipais.

-O procedemento sancionador por infraccións cometidas na zona de servidume de protección.

-A obriga de restitución das obras non autorizadas na zona de servidume de protección.

-A emisión de informes da Administración autonómica en execución da lexislación de costas referidos ao dominio público marítimo-terrestre ou á súa servidume de protección e tránsito.

Capítulo II

Autorizacións na zona de servidume de protección

do dominio público marítimo-terrestre

Artigo 2º.-Obxecto da autorización.

1. Requirirán autorización autonómica as obras, instalacións e usos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre promovidos por persoas físicas e xurídicas distintas da Comunidade Autónoma galega.

2. Só poderán ser autorizadas aquelas obras, instalacións ou usos permitidos pola lexislación en materia de costas e de acordo coas súas determinacións.

Artigo 3º.-Solicitude.

1. As solicitudes de autorización para as actuacións descritas no artigo anterior deberán dirixirse á delegación provincial ou territorial da consellería competente en materia de costas que corresponda por razón da localidade, e presentarse en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude, que deberá axustarse ao modelo que figura como anexo a este decreto, deberá xuntarse a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade do peticionario.

b) Acreditación da titularidade ou dispoñibilidade dos terreos.

c) Proxecto básico, por triplicado exemplar, das obras ou instalacións, que deberá vir subscrito por técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente; para o caso das obras menores poderá substituírse por memoria explicativa das obras e orzamento destas detallado por partidas, acompañado por planos ou esbozos de planta e alzado.

d) Certificado urbanístico en que se especifique a data de aprobación do planeamento vixente e o seu estado de execución, así como a clasificación do solo e os usos permitidos conforme o dito planeamento.

e) Plano de deslindamento definitivo ou, se é o caso, plano de definición provisoria da liña de deslindamento a escala 1/1000 efectuado ou autenticado polo órgano correspondente da Administración do Estado, no cal se sinale o predio en que se pretende realizar o uso para o cal se solicita a autorización.

f) Información fotográfica.

g) Nos supostos de solicitude de autorización de obras de reparación ou mellora sobre edificacións existentes, ao abeiro da disposición transitoria cuarta da Lei de costas e décimo terceira do seu regulamento, deberá achegarse documentación acreditativa da legalidade da edificación sobre a cal se pretende obrar.

h) Xustificante de pagamento da taxa correspondente.

Artigo 4º.-Emenda da solicitude.

Examinada a solicitude, se faltasen algúns dos documentos previstos por esta norma notificaráselle ao solicitante para que emende as deficiencias observadas no prazo de 10 días contados desde o día seguinte ao da notificación realizada. Se o solicitante non emenda as deficiencias considerarase desistido da súa solicitude, logo de resolución de conformidade co disposto nos artigos 71 e 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Informes.

1. Unha vez completa a documentación solicitarase informe aos seguintes organismos, para o cal se lles remitirá copia do expediente:

a) Ao Concello en cuxo termo se pretenda desenvolver o obxecto da autorización.

b) Ao servizo periférico de Costas do Estado, en canto á delimitación do límite interior da ribeira do mar, liña de deslindamento, mantemento das servidumes de tránsito e acceso ao mar e incidencia das construcións e das actividades xeradas por estas sobre a integridade do dominio público.

c) Para dar cumprimento ao disposto no artigo 48.3º do Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, aprobado polo Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro, poderase requirir informe da consellería competente en materia de urbanismo acerca da adecuación do proxecto ás normas e plans urbanísticos aplicables, que o emitirá no prazo de dous meses.

2. Os informes citados nas alíneas a) e b) emitiranse no prazo dun mes. Se transcorrido este prazo non recaese o informe, poderase continuar coa tramitación do expediente.

3. Os informes sinalados nas alíneas b) e c) serán vinculantes no que se refire aos ámbitos e materias indicados para cada caso.

Artigo 6º.-Audiencia ao interesado.

Cando do exame do expediente resultase que as actuacións solicitadas non son autorizables nos termos da solicitude, poráselle de manifesto ao inte

resado, quen poderá efectuar alegacións ou introducir as modificacións que coide oportunas no proxecto, nun prazo de dez días.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A delegación provincial ou territorial ditará a resolución que poña fin ao procedemento e notificaralla ao interesado.

2. A resolución ditarase e notificarase ao interesado nun prazo máximo de seis meses contados a partir da data en que a solicitude tivese entrada no rexistro da delegación provincial ou territorial competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude pode entenderse desestimada.

3. A resolución notificarase, así mesmo, ao Concello onde radique a actividade obxecto de autorización e ao servizo periférico de Costas do Estado no prazo de dez días desde a súa adopción.

Artigo 8º.-Autorizacións vencelladas á utilización do dominio público marítimo-terrestre.

1. Cando a obra, instalación ou uso para o cal se solicite autorización estea vencellado á utilización do dominio público marítimo-terrestre, será necesario obter previamente a autorización ou concesión que habilite tal utilización, outorgada polo órgano competente.

2. Exceptúanse desta norma as instalacións destinadas á explotación de establecementos de acuicultura ou auxiliares da competencia da Comunidade Autónoma, que se rexerán pola súa normativa específica.

Artigo 9º.-Incidencia en zona de servidume de tránsito ou de acceso ao mar.

No caso de que as obras, instalacións ou actividades para as cales se solicita autorización incidan sobre a zona de servidume de tránsito ou de acceso ao mar, na resolución que se adopte teranse en conta as observacións formuladas polo servizo periférico de Costas do Estado no informe a que se refire o artigo 5º.

Artigo 10º.-Legalizacións.

Para a legalización de obras, usos ou actividades realizadas sen a preceptiva autorización seguirase o mesmo procedemento establecido no presente capítulo para o outorgamento daquela.

Capítulo III

Concorrencia da autorización coas licenzas municipais para actos de edificación ou uso do solo.

Artigo 11º.-Prelación de autorizacións.

1. Conforme o artigo 196 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre

non se poderán outorgar licenzas municipais para actos de edificación e uso do solo e subsolo sen que se acredite o outorgamento previo da autorización autonómica prevista no artigo 2º deste decreto.

2. No caso de que se solicite licenza municipal para os usos descritos e o interesado non xustifique ter obtido a pertinente autorización, o concello poderase dirixir á delegación territorial correspondente da consellería competente en materia de costas para que informe sobre o seu outorgamento, de ser o caso. O dito informe emitirase no prazo máximo de quince días contados desde a recepción da solicitude na delegación provincial ou territorial competente.

Artigo 12º.-Obriga de información.

1. Os concellos da comunidade autónoma elaborarán un informe anual sobre os actos de edificación e uso do solo que se levaron a cabo durante o ano na zona de servidume de protección, do cal darán conta ao órgano autonómico competente en materia de costas.

2. Así mesmo, os concellos porán en coñecemento do órgano da administración autonómica competente en materia de costas todas aquelas obras ou actividades que se realicen no seu termo municipal na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre e que non conten coa preceptiva licenza municipal, sen prexuízo da adopción das medidas de policía urbanística que sexan necesarias para garantir a total interrupción da actividade, das cales darán conta, así mesmo, ao órgano autonómico competente.

3. Os concellos da comunidade autónoma deberán responder ás peticións de información sobre os actos de edificación ou uso do solo na zona de servidume de protección que lle dirixa a consellería competente en materia de costas, no prazo máis breve posible.

Capítulo IV

Procedemento sancionador

Artigo 13º.-Obxecto.

1. Serán obxecto de procedemento sancionador pola Comunidade Autónoma galega as infraccións do disposto na lexislación en materia de costas cometidas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen prexuízo das competencias atribuídas a outras administracións pola devandita lexislación.

Artigo 14º.-Tramitación.

1. Correspóndelles aos delegados provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas incoar e tramitar os procedementos sancionadores descritos no artigo anterior.

2. Os procedementos tramitaranse de conformidade co establecido no Regulamento para o exercicio

da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e no Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución desta (Real decreto 1471/1989, do 1 de decembro).

Artigo 15º.-Resolución.

1. A resolución do expediente sancionador con imposición de sanción corresponderalles aos seguintes órganos en función da súa contía:

a) Ao delegado provincial ou territorial, ata 100.000 euros.

b) Ao director xeral competente en materia de costas, entre 100.000,01 e 200.000 A.

c) Ao conselleiro, entre 200.000,01 e 500.000 A.

d) Ao Consello da Xunta de Galicia, máis de 500.000 A.

2. Cando a resolución non supoña imposición de sancións, corresponderalle ao delegado provincial ou territorial en todo caso.

3. Para o cálculo da sanción terase en conta, se é o caso, o valor das obras ou instalacións que constitúan o obxecto da infracción situadas en zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 16º.-Obriga de restitución.

1. Con independencia da sanción administrativa que se impoña, a resolución do expediente sancionador recollerá expresamente a obriga de restituír as cousas e repoñelas ao seu estado anterior á comisión da infracción, sen prexuízo da posibilidade de legalización prevista no artigo 194.13º do Regulamento de costas, caso en que se observará á regulación contemplada neste.

2. A imposición desta obriga estenderase unicamente á parte das obras ou instalacións que ocupen terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen prexuízo de que para a súa execución sexa necesario actuar tamén sobre outros terreos non comprendidos na devandita franxa.

3. A obriga de restitución que se impoña en ningún caso poderá resultar para o infractor máis beneficiosa que o cumprimento das normas infrinxidas.

Artigo 17º.-Relacións entre as administracións.

En aplicación do disposto no artigo 116 da Lei de costas, as delegacións provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas e os servizos periféricos de costas do Estado comunicaranse respectivamente todas as denuncias recibidas ou interpostas polos seus propios axentes por infraccións da normativa de Costas dentro do ámbito de competencia da outra administración; así mesmo, comunicaranse todas as resolucións recaídas nos expedientes sancionadores que se tramiten.

Capítulo V

Procedemento de restitución

Artigo 18º.-Obxecto.

1. Sen prexuízo da obriga de restituír que se impoña como consecuencia dun procedemento sancionador, regulada no capítulo anterior, serán obxecto de expediente de restitución e reposición ao estado anterior as obras non autorizadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre nos casos en que non proceda iniciar procedemento sancionador e salvo que se proceda á súa legalización.

2. O expediente referirase unicamente á parte das obras ou instalacións que ocupen terreos comprendidos na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

Artigo 19º.-Actuacións preliminares.

Con anterioridade ao inicio do procedemento poderanse realizar actuacións previas para determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación e para determinar a identidade das persoas que puidesen resultar responsables. Especialmente, poderase solicitar informe das administracións competentes en materia de costas e de urbanismo.

Artigo 20º.-Tramitación.

1. Iniciado o expediente por resolución do delegado provincial ou territorial, este nomeará instrutor, quen lle notificará este nomeamento xunto coa resolución de incoación ao promotor da actividade e ao seu actual titular, outorgándolles un prazo de quince días para formularen as alegacións e achegaren os documentos que coiden convenientes, e, de ser o caso, para propoñer probas, concretando os medios de que pretendan valerse. Para a aceptación ou rexeitamento das probas e para a súa práctica, observarase o disposto no Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto.

2. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo para facelo, e practicada a proba se é o caso, o instrutor formulará proposta de resolución, que se lles notificará aos interesados outorgándolles novo prazo de quince días para examinaren o expediente e formularen alegacións.

Artigo 21º.-Resolución.

A delegación provincial ou territorial ditará e notificaralles a resolución aos interesados no prazo de seis meses desde a súa incoación. Así mesmo, notificarase ao servizo periférico de Costas do Estado e ao concello en que estea a obra obxecto do expediente.

Artigo 22º.-Execución.

Para a execución da obriga de restitución e reposición ao seu estado anterior imposta como consecuencia dun procedemento sancionador ou de repo

sición, observarase o disposto no título V da Lei de costas e concordante do seu regulamento.

Capítulo VI

Informes

Artigo 23º.-Obxecto.

Os informes previstos neste decreto analizarán os actos, proxectos ou propostas que constitúen o seu obxecto desde o punto de vista da súa adecuación á lexislación estatal en materia de costas, no que se refire ao tratamento que dispoñan para o dominio público marítimo-terrestre e as súas zonas de servidume.

Artigo 24º.-Órganos competentes.

1. Correspóndelle ás delegacións provinciais ou territoriais da consellería competente en materia de costas a emisión dos informes autonómicos previstos na Lei de costas para o outorgamento de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre que deban ser resoltas pola Administración xeral do Estado, salvo o previsto no parágrafo 2, alínea c) deste artigo.

2. Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de costas:

a) A emisión do informe autonómico nos procedementos de deslindamento do dominio público marítimo-terrestre e as súas modificacións ou revisións, e en xeral en todos aqueles que poidan derivar nunha delimitación ou modificación das liñas de dominio público marítimo-terrestre ou as súas servidumes de protección.

b) A emisión de informe aos plans e normas de ordenación territorial e urbanística, así como as súas modificacións e revisións, cando incidan sobre a servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.

c) A emisión de informe nos proxectos de obra promovidos pola Administración xeral do Estado ou Administración autonómica que afecten o dominio público marítimo-terrestre ou zonas de servidume de protección ou tránsito.

d) A emisión de informe aos proxectos normativos estatais, autonómicos ou locais que regulen os usos permitidos no dominio público marítimo-terrestre ou servidumes de protección ou tránsito.

e) En xeral, a emisión dos informes autonómicos requiridos en execución da lexislación de costas, cando se refiran ao dominio público marítimo-terrestre ou á súa servidume de protección e tránsito, que non estean previstos expresamente neste decreto, e sempre que non estean atribuídos a outro órgano da administración autonómica.

Disposición adicional

No caso de que un proxecto de instalación ou modificación de establecemento de acuicultura ou auxi

liar, competencia da comunidade autónoma, requira, ademais do permiso de actividade, autorización para a zona de servidume de protección, ambos os procedementos se iniciarán e tramitarán por separado conforme á súa normativa específica. Non obstante, se a competencia para resolver ambos os procedementos está residenciada na mesma consellería, ditarase unha soa resolución que porá fin a ambos e será competente para ditala o conselleiro correspondente.

A mesma disposición será aplicable aos puntos de venda de especies pesqueiras ou marisqueiras que deban contar con autorización autonómica en materia de pesca e en materia de servidume de protección, cando ambas estean residenciadas na mesma consellería.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os procedementos de autorización incluídos no ámbito de aplicación deste decreto iniciados antes da súa entrada en vigor continuarán tramitándose conforme a normativa anterior.

Segunda.-Os procedementos sancionadores incluídos no ámbito de aplicación deste decreto iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor resolveranse de acordo coa normativa anterior, salvo que a presente poida resultar máis favorable.

Terceira.-Os informes cuxas solicitudes tivesen entrada no rexistro do órgano competente antes da entrada en vigor deste decreto, serán emitidos de acordo co réxime establecido pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto, e en particular o Decreto 151/1995, do 18 de maio, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma galega en materia de costas e a súa atribución á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Disposición derradeira

Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos