DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 12 de agosto de 2004 Páx. 11.594

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 198/2004, do 29 de xullo, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, que aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia.

A actividade pesqueira en Galicia é unha actividade básica na súa economía, tanto polos ingresos que proporciona como polo seu impacto social, pero a súa adecuada regulamentación e desenvolvemento é complexa pois toda medida de regulación dos recursos mariños debe buscar tanto o máximo rendemento potencial das unidades de poboación existentes como o benestar das comunidades pesqueiras que dependan tradicionalmente da pesca como medio principal de vida, tal e como sinala a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia.

Por outra parte, a actividade pesqueira ten por obxecto a explotación de recursos vivos renovables polo que é fundamental a súa xestión eficaz na procura dun desenvolvemento responsable e sustentable da pesca que haberá de se rexer polo principio de precaución. Nese sentido resulta necesaria a constante adopción de medidas técnicas que necesitan ser experimentadas co fin de garantir o seu acerto cara ao mellor aproveitamento dos recursos pesqueiros.

O Decreto 424/1993, do 17 de decembro, aprobou o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, sendo así que tras os anos de aplicación do mesmo evidenciouse a necesidade de ir axustando algún dos aspectos concretos da regulación regulamentaria cara á consecución da mellor preservación do recurso e do máximo benestar social dos colectivos implicados nesta actividade.

Modifícase así o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, cara a permitir que se poida estudar o alcance de concretas modificacións da regulación básica dunha determinada arte ou aparello de pesca, vía autorización da consellería competente, así como a regulación de novas artes ou aparellos de pesca, cara a constatar cientificamente que a nova regulación permitirá acadar os obxectivos propios e legalmente definidos dunha adecuada explotación dos recursos mariños. Os resultados obtidos por esta vía poderán, se é o caso, ser incorporados á regulación xeral do Regulamento das artes e aparellos de pesca.

E iso no ámbito do artigo 25 da Lei de pesca de Galicia que permite á Administración autonómica, é dicir, tanto ao Consello da Xunta como á consellería competente na materia, adoptar as medidas necesarias para garantir a conservación e mellora dos recursos pesqueiros.

Polo exposto, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo co ditame do Con

sello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o artigo 3º e o artigo 3º bis do Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia que queda redactado como segue:

Artigo 3º

1. Con carácter xeral as artes autorizadas en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e os horarios de actividade pesqueira será os que se definen e regulan no presente regulamento.

2. Iso, non obstante, a consellería competente en materia de pesca poderá, con carácter experimental e temporal, aprobar plans de pesca co obxecto de estudar os efectos derivados da utilización de novas artes e aparellos, ou da modificación da regulación dos definidos neste regulamento, cara á unha mellor xestión dos recursos pesqueiros conforme o disposto no artigo seguinte.

Artigo 3º bis.

1. A consellería competente en materia de pesca poderá, mediante aprobación de plans de pesca, autorizar con carácter experimental e temporal a actividade extractiva de embarcacións determinadas mediante artes e aparellos non regulados, ou usados de forma distinta á regulación contida no presente regulamento.

2. Os plans experimentais terán por finalidade acadar información científica cara a mellor regulación das artes e aparellos, e con ese fin levarase un control por observadores científicos que emitirán, nun período de tres anos, un ditame razoado. Iso, non obstante, e de estimarse insuficientes as conclusións acadadas neste período, poderán prorrogarse os plans dous anos máis.

3. Os plans experimentais de pesca especificarán a relación nominativa das embarcacións incluídos no seu ámbito de aplicación.

4. Durante o período de vixencia dos plans, no caso de afectar a artes e aparellos utilizados desde embarcacións, o persoal científico poderá ir a bordo das embarcacións pesqueiras incluídas no plan, coa finalidade de obter datos de seguimento da actividade, e comprobar a súa adecuada execución. A falta de colaboración dos armadores determinará a exclusión da embarcación da relación de autorizadas.

5. Finalizado o estudo realizado, se quedase acreditado que a nova regulación é máis favorable tanto para o benestar das comunidades pesqueiras como para a preservación do recurso, poderá incorporarse ao regulamento tras a súa modificación.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos