DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 11 de agosto de 2004 Páx. 11.531

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 4 de agosto de 2004 pola que se establece o sistema de transmisión de datos na fase de primeira venda da pesca fresca.

O regulamento (CEE) nº 2847/93, do Consello, do 12 de outubro de 1993, polo que se establece un réxime de control aplicable á política pesqueira común, introduce no seu título II control de capturas artigo 9, a obriga de que as lonxas ou outros organismos autorizados polos estados membros, encargados da primeira comercialización dos produtos da pesca desembarcados nun Estado membro presenten na primeira venda unha nota de venda. Da exactitude súa, serán responsables os citados organismos, ante as autoridades competentes do Estado membro no territorio onde se efectúe a primeira comercialización. No citado regulamento especifícanse os datos mínimos que deben incluír as notas de venda, que

deberán remitirse nun prazo de 48 horas, despois da venda, á autoridade competente ou a outros organismos autorizados polo Estado membro, en soporte informático para todas aquelas que dispoñan de sistemas de envío telemático, sendo excepcional o envío de papel, soamente permitido para as lonxas que non dispoñan de sistemas de envío telemático.

Este regulamento trasládase parcialmente á lexislación nacional mediante o Real decreto 1998/1995, do 7 de decembro, polo que se ditan as normas para o control da primeira venda de produtos pesqueiros, co obxecto de establecer a normativa básica en materia de ordenación do sector pesqueiro que atribúe ao Estado o artigo 149.1º.19 da Constitución, polo que corresponde agora a Comunidade Autónoma de Galicia o seu desenvolvemento normativo e a execución nesta materia.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco vén regular no ámbito da nosa Comunidade Autónoma o tema que nos ocupa, determinando unha ordenación comercial da cuestión e establecendo as premisas necesarias para que a dita encomenda se leve a cabo do xeito máis efectivo posible, procurando darlle un tratamento homoxéneo a estas materias así como adaptalas á lexislación vixente.

De acordo co anteriormente disposto, logo da consulta ás autoridades portuarias e aos sectores pesqueiro e comercializador afectados, e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a regulación do sistema de transmisión de datos da primeira venda dos produtos da pesca fresca.

Artigo 2º.-Obrigas.

Para os efectos desta orde, considéranse suxeitos obrigados á transmisión de datos na primeira venda de pesca fresca os titulares ou as entidades concesionarias das lonxas, centros de venda e calquera outro establecemento que estea autorizado para a realización de primeira venda da pesca fresca pola consellería competente en materia pesqueira e inscritas no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir os lugares onde se realice a primeira venda.

As lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados para realizar as primeiras vendas dos produtos pesqueiros frescos deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer de equipos informáticos suficientes e axeitados para a obtención e transmisión instantánea ao organo competente da comunidade autónoma de todos os datos que se precisen sobre as transaccións que nelas se efectúen.

b) Dispoñer de sistemas de pesaxe precisos e axeitados ás características dos produtos pesqueiros obxecto de transacción.

Artigo 4º.-Nota de venda.

A primeira venda de produtos pesqueiros frescos realizarase, con carácter xeral, a través de sistemas automatizados de poxa e emitirán unha nota de venda que deberá conter os datos que constan no anexo I.

Artigo 5º.-Transmisión de datos.

1. A consellería con competencias en materia de pesca establecerá os mecanismos e os protocolos necesarios para que as lonxas, centros de venda e establecementos autorizados para a primeira venda de pesca fresca transmitan de forma instantánea aos sistemas de almacenamento de información estatística desta consellería, os rexistros coa información correspondente ás transaccións realizadas e que darán orixe ao contido das notas de venda.

2. A transmisión de datos en tempo real por vía telemática á consellería competente en materia de pesca farase de acordo cos formatos de arquivos que se publican como anexo I a esta orde.

3. As lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados de primeira venda de pesca fresca disporán dun prazo de 48 horas posteriores á transmisión para rectificar os erros de identificación, pesaxe ou asignación de prezo que tiveran lugar durante a poxa.

4. A consellería competente en materia de pesca informará, logo da súa revisión, os responsables das lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados para a primeira venda de pesca fresca, daquelas transmisións susceptibles de seren erróneas ou con deficiencias nas notas de venda, co fin de que sexan corrixidas en orixe.

5. Os responsables das lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados, unha vez comprobadas estas deficiencias comunicarán á consellería competente en materia de pesca, no prazo de 48 horas, as correccións que correspondan e remitirán de novo aqueles rexistros que fosen corrixidos.

Disposicións adicionais

Primeira.-A consellería competente en materia de pesca facilitará a automatización tanto da poxa como da transmisión de datos, naquelas lonxas e establecementos autorizados que non dispoñan destes sistemas automatizados.

Segunda.-O incumprimento do establecido nesta orde dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador de conformidade coa normativa vixente en materia de infraccións, e se o dito incumprimento se realiza de forma reiterada, poderá dar lugar á retirada da autorización para a realización da primeira venda de pesca fresca.

A falta de colaboración ou a transmisión de datos inexactos, ou fóra de prazo será sancionado conforme a normativa vixente.

Terceira.-As administracións públicas competentes en cada caso adoptarán as medidas necesarias co fin de garantir un tratamento confidencial dos datos recibidos en virtude desta orde, restrinxíndose o seu uso aos fins para os que se achegan, agás que se deban usar para protexer a saúde pública.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se poñan á disposición dos titulares ou responsables das lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados de primeira venda de pesca fresca de sistemas telemáticos de información, estes transmitirán os seus datos, dentro do prazo das 48 horas seguintes á realización da poxa, mediante a xeración do arquivo de transmisión nos formatos que se fixan no anexo I desta orde, utilizando os medios tecnolóxicos dos que dispoñan ou daqueles postos á súa disposición pola consellería competente en materia de pesca.

Segunda.-Establécese un período dun mes desde a publicación desta orde para que os titulares ou responsables das lonxas, centros de venda ou establecementos autorizados realicen nos seus sistemas informáticos, as modificacións necesarias que permitan a xeración do arquivo de transmisión conforme os formatos establecidos no anexo I desta orde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que contradigan o disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para dictar as disposicións para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2004.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

O formato do ficheiro de transaccións para o seu envío por vía telemática ao Servizo de Estudos Pesqueiros por parte das lonxas e entidades responsables da recollida e envío de información será:

A) Para produtos frescos:

A transmisión realizarase mediante un ficheiro ASCII no que cada liña conteña a información de cada unha das transaccións realizadas co seguinte formato:

Orde

campos

Descrición campoLonxitude

/tipo

Observacións

1Código identificación lonxa/portoALFA (4)

2Data poxaDDMMAAAA

3Número de poxaALFA (2)Nº da poxa no día

4Número de nota de venda (Lote)ALFA (8)Correlativas. Número único en data

5Código especie (SIP)ALFA (8)

Orde

campos

Descrición campoLonxitude

/tipo

Observacións

6TamañoALFA (2)1,2,3,3ª,3b,4,4ª,4b,5,5ª,5b

7PresentaciónALFA (1)E = enteiro

D = descabezado

V = eviscerado

8CalidadeALFA (1)E = Extra

A

B

9DestinoALFA (1)Destino de peixe:

F= consumo fresco

A= almacenamento

T= transformación

C= conxelación

R= retirada para non consumo humano

10Lista buqueALFA (1)

11Matrícula buqueALFA (6)

12Folio buqueALFA (6)

13NIF compradorALFA (12)

14NIF vendedorALFA (12)

15Identificador de campo (16)ALFA (1)Identifica o contido do campo 16:

1= PERMEX

2= Nº buque CFPO

3= Nº rexistro comunitario de buques

16PERMEX / Nº buque CFPO / Nº rexistro comunitario de buquesALFA (12)

17Zona de capturaALFA (4)

18ArteALFA (3)

19Guía de descargaALFA (14)4 c porto orixe + 4 c porto destino + 6 c guía de descarga / folla de transporte

20Data desembarcoDDMMAAAA

21CantidadeALFA (10,2)Sempre en quilos. Os dous últimos caracteres son os decimais separados por coma

22Importe con signoALFA (10,2)Os dous últimos caracteres son os decimais separados por coma

Una vez xeradas as liñas de transaccións, crearase unha última liña de validación na que figurará:

Descrición campoLonxitude tipoObservacións

Número de rexistros enviadosALFA (10)Situarase no campo «número de venda»

Total quilosALFA (12,2)Situarase no campo «cantidade»

Total importeALFA (12,2)Situarase no campo «importe»

Todos os campos se tratarán como alfanuméricos, con inclusión expresa do separador «,» (coma) para os que expresen cantidades decimais, o signo é un dos caracteres.

Utilizarase como separador de campos o carácter «;» (punto e coma).