DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 11 de agosto de 2004 Páx. 11.530

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 197/2004, do 29 de xullo, polo que se regula a flota de pesca interior da Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme o Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias exclusivas en materia de pesca nas rías e demais augas interiores.

En exercicio da dita competencia exclusiva, o Parlamento galego aprobou a Lei de pesca de Galicia, que lle atribúe á Administración autonómica regular e ordenar a explotación dos recursos mariños, así como garantir que a súa utilización se realice de forma que se obteña o seu máximo rendemento a través dunha explotación económica racional e eficaz que sexa compatible coa conservación das especies e co incremento do benestar comunitario.

O citado texto legal recoñece así mesmo a necesidade de crear un marco adecuado para a modernización do sector pesqueiro cara á súa adaptación económica e sinala no seu artigo 23 que lle corresponde á Administración autonómica ditar normas sobre o número máximo de embarcacións ou persoas que poidan ser autorizadas para explotar os recursos mariños, a súa tonelaxe total e unitaria, a potencia dos seus motores e o tipo de unidades de explotación.

Neste marco normativo estímase necesario identificar a flota que faena exclusivamente nas augas de competencia exclusiva de Galicia, co fin de adoptar as medidas de xestión e modernización máis adecuadas para acadar os obxectivos de máximo rendemento sostible dos recursos e de adecuación da flota á correspondente actividade extractiva.

En efecto, en Galicia existe un número considerable de embarcacións pesqueiras censadas nos distintos caladoiros a nivel nacional, comunitario ou internacional, pero aquelas unidades de esforzo pesqueiro en Galicia que unicamente traballan no interior das rías, non están na actualidade suficientemente identificadas. A experiencia acadada, o coñecemento que se ten das características estruturais da flota galega e das súas posibilidades de extracción e comercialización fan necesario identificar a flota galega de pesca interior para acadar por medio de accións específicas un mellor aproveitamento das súas capacidades, así como a mellor promoción e comercialización dos seus produtos.

O concepto de augas interiores e a súa distinción do mar territorial xa foi recollido na propia normativa internacional, en concreto na Convención de Dereito do Mar, ao distinguir entre as liñas de base normal e as liñas de base recta (artigo 3 e 4 da Convención de 1958).

En España, a lei que dá lugar ao trazado de tales liñas é a Lei 20/1967, do 8 de abril, sobre extensión

das augas xurisdicionais españolas a 12 millas para efectos da pesca. No seu artigo 2 determínase que as liñas de base a partir das que se mide a largura desas augas xurisdicionais son as que veñen definidas polas liñas de baixamar escorada, aínda que o Goberno poida acordar o trazado de liñas de base recta.

Así o fixo o Goberno e actualmente estas augas marítimas interiores están fixadas por relación ás liñas de base rectas establecidas, polo Real decreto 2510/1977, do 5 de agosto, que dá paso á existencia de augas interiores en torno ás costas españolas.

Pola súa parte o Real decreto 258/1989, do 10 de marzo, resolve o límite entre as augas continentais e as augas interiores, indicando que tal límite se atopa naquel lugar onde se fan sensibles as mareas ou, en ausencia destas, onde aumenta sensiblemente a salinidade.

No mesmo sentido, a normativa comunitaria define as augas interiores do litoral (Directiva 76/464/CEE) como as augas situadas antes da liña de base que serve para medir a largura do mar territorial e que, no caso dos cursos de auga, se estenden ata o límite das augas continentais, límite que se define como o lugar do curso de auga no que, durante a marea baixa nas épocas de débil caudal de auga continental, o grao de salinidade aumenta considerablemente como consecuencia da presenza de auga de mar.

Nesta liña, a propia especificidade da pesca nas augas interiores levou á propia normativa da Unión Europea (Regulamento 2792/1999, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estrutural no sector da pesca) a establecer unha regulación específica da pesca en augas interiores, permitindo que os buques que faenan exclusivamente nas augas interiores dos estados membros non estean suxeitos a determinadas disposicións vixentes en materia de política pesqueira común.

Resulta pois necesario identificar a flota que faena exclusivamente naquela clase de augas da exclusiva competencia da Comunidade Autónoma galega, co fin de adoptar as medidas adecuadas de xestión e modernización.

Por todo iso, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regular a flota de pesca interior da comunidade autónoma cara á conservación e mellora dos recursos pesqueiros a través dunha explotación económica e eficaz.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto establécense as seguintes definicións:

-Augas interiores: enténdese por augas interiores as augas marítimas situadas por dentro das liñas de base, tal e como se recollen na Lei 20/1967, do 8 de abril, e no Real decreto 2510/1977, do 5 de agosto, ata o lugar onde se fai sensible o efecto das mareas.

-Pesca en augas interiores: enténdese por pesca en augas interiores a actividade de extracción dos recursos pesqueiros levada a cabo por buques de pesca que operan exclusivamente nas augas interiores de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Flota de pesca interior: enténdese por flota de pesca interior as embarcacións pesqueiras que operan exclusivamente nas augas interiores de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Finalidade.

A ordenación da flota galega de pesca interior ten como finalidade:

a) Mellorar a flota pesqueira e adaptala aos recursos dispoñibles e accesibles.

b) Mellorar a consecución dos obxectivos da política pesqueira común coa colaboración activa dos propios profesionais.

c) Fomentar os investimentos materiais de protección e desenvolvemento da pesca nas rías galegas.

d) Permitir e promover accións de interese colectivo, cunha duración limitada.

e) Elaborar modelos óptimos de xestión do esforzo pesqueiro.

Artigo 4º.-Censo da flota galega de pesca interior.

1. A consellería competente en materia de pesca elaborará un censo da flota galega de pesca interior, no que se inscribirán as embarcacións pesqueiras inscritas no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia que exerzan a actividade extractiva exclusivamente nas augas interiores de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os buques inscritos no Censo de Flota Galega de Pesca Interior só poderán ser despachados para a pesca, marisqueo ou faenas auxiliares, nas augas interiores de competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Censos específicos.

1. Para unha mellor xestión e distribución das posibilidades de pesca poderán establecerse censos específicos da flota de pesca interior, por modalidades e zonas.

2. A inclusión dunha embarcación nun ou máis deses censos faraa a consellería competente en materia de pesca conforme a criterios que teñan en conta:

-A habitualidade na pesquería.

-A idoneidade das embarcacións e demais condicións técnicas delas.

Artigo 6º.-Medidas de regulación.

De conformidade co artigo 23 da Lei 6/1993, do 11 de marzo, de pesca de Galicia, a consellería competente en materia de pesca poderá establecer disposicións específicas sobre a tonelaxe, a potencia e o tipo das embarcacións de pesca interior.

Disposicións adicionais

Primeira.-As embarcacións que soliciten a inscrición no Censo da Flota Galega de Pesca Interior como consecuencia das disposicións contidas neste decreto terán preferencia para ser incluídas nas relacións de embarcacións autorizadas nos plans anuais de explotación pesqueira e marisqueira que se autoricen no interior das rías galegas, así como nas convocatorias de axudas para plans de xestión integrada das zonas costeiras que puidesen establecerse.

Segunda.-O disposto no presente decreto non afectará as embarcacións que faenen simultaneamente en augas interiores e en augas exteriores de competencia exclusiva da Administración do Estado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos