DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 10 de agosto de 2004 Páx. 11.457

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 192/2004, do 29 de xullo, de traspaso do centro de servizos sociais de Ortigueira ao concello desa localidade.

No eido da asistencia social, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

En virtude desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servizos sociais.

A dita norma, recollendo o principio de autonomía dos entes locais consagrado pola Constitución española, realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, atribuíndolles aos concellos competencias propias para a creación e xestión tanto dos servizos sociais de atención primaria como dos servizos sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello.

En desenvolvemento do establecido na disposición transitoria primeira da devandita norma legal, aprobouse o Decreto 129/1996, do 26 de marzo, polo que se crean as comisións mixtas coas corporacións locais para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servizos Sociais, establecendo a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

Segundo o Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica de Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 280/2003, do 17 de xuño, e o Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, modificado polo Decreto 7/2004, do 8 de xaneiro, na actualidade estes equipamentos, están adscritos á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Constituída a Comisión Mixta de Transferencias Xunta de Galicia-Concello de Ortigueira, segundo o establecido no citado Decreto 129/1996, e de conformidade co disposto no artigo 2º deste, adoptou, na súa reunión do 19 de maio de 2004, acordo de transferencia ao Concello de Ortigueira do centro social situado no seu termo municipal e adscrito á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

O dito acordo ten carácter de proposta, e precisa aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

Por isto, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en virtude do establecido no Decreto 166/2004, do 23 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 26 de xullo)

e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 129/1996, do 29 de marzo, para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, adoptado na súa reunión do día 19 de maio de 2004, polo que se traspasan o Centro Social de Ortigueira, situado no termo municipal de Ortigueira, e os correspondentes recursos persoais, materiais e orzamentarios.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados ao Concello de Ortigueira e asumido por este o centro e servizos que se relacionan no dito acordo, que se inclúe como anexo deste decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os medios persoais, bens, dereitos e obrigas sinaladas no texto do acordo e relacións que se xuntan, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este decreto terá efectividade o día 1 do trimestre seguinte á publicación no DOG do decreto, sen prexuízo de que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais produza ata a entrada en vigor deste decreto todos os actos administrativos necesarios para o mantemento do centro no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivera no momento da adopción do acordo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela o vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública

(Decreto 166/2004, do 23 de xullo).

ANEXO

Joan Ribot Margarit e María Luísa Sierra Vale, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias

Xunta de Galicia-Concello de Ortigueira, prevista no Decreto 129/1996, do 29 de marzo,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da Comisión Mixta que tivo lugar o día 19 de maio de 2004, se acordou o traspaso ao Concello de Ortigueira do centro social dependente da Administración autonómica e situado no seu territorio municipal, nos termos seguintes:

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

En consonancia co disposto no artigo 148.1º.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia establece no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de asistencia social.

Pola súa parte, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, recolle entre os principios inspiradores do sistema de servizos sociais o de territorialidade, segundo o cal a organización do sistema e a distribución de competencias e funcións responderán aos principios de descentralización e desconcentración, atribuíndo ou delegando o exercicio das competencias nos seus entes ou órganos administrativos máis próximos aos cidadáns, sen mingua da garantía dunha igualdade de servizos e prestacións a todos os cidadáns de Galicia.

Así mesmo, a norma realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, establecendo no seu artigo 21:

«1. Correspóndelles aos concellos, de conformidade co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, as seguintes competencias:

a) A creación e xestión dos servizos sociais de atención primaria.

b) A creación e xestión dos servizos sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello».

Ao mesmo tempo, a disposición transitoria primeira da lei sinala que «de conformidade coas competencias atribuídas ás entidades locais nesta lei, arbitrarase regulamentariamente o procedemento para a transferencia dos equipamentos, persoal, medios materiais e dotación orzamentaria correspondentes a elas», engadindo que a devandita transferencia incluirá, entre outros equipamentos, aos centros sociais e as residencias da terceira idade, agás as asistidas.

Sobre a base destas previsións estatutarias e legais resulta procedente efectuar o traspaso do centro social dependente da Administración autonómica ao Concello de Ortigueira.

B) Identificación do equipamento que é obxecto de traspaso.

Traspásase ao Concello de Ortigueira o seguinte equipamento do seu ámbito territorial:

-Centro social.

A xestión deste centro realizarase de acordo coa lexislación vixente nesta materia na Comunidade Autónoma de Galicia, en especial o relativo á determinación de beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora.

Unha vez o traspaso sexa efectivo, o centro quedará obrigado a desenvolver os distintos programas e actuacións de ámbito autonómico que a Xunta de Galicia impulse en cada momento, nas condicións que prevé a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais.

C) Bens, dereitos e obrigas que se traspasan.

1. Traspásanse ao Concello de Ortigueira os bens, dereitos e obrigas da Xunta de Galicia que se recollen no inventario detallado da relación adxunta número 1.

2. No caso de que o centro traspasado non se utilice para o cumprimento dos fins sociais previstos, reverterá á Comunidade Autónoma despois de que esta o solicite dándolle audiencia ao concello.

3. No prazo dun mes a partir da data de efectividade da transferencia obxecto deste acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

D) Persoal que se traspasa.

O persoal adscrito ao centro e servizos traspasados que se referencia nominalmente na relación anexa número 2, pasará a depender do Concello de Ortigueira.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais notificaralles aos interesados o traspaso tan pronto o Consello da Xunta aprobe este acordo por decreto.

Así mesmo, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública declarará o pase a nova situación administrativa que corresponda.

Así mesmo, remitiráselle ao órgano competente do Concello de Ortigueira unha copia certificada do expediente de persoal, así como certificación de haberes referidos ás contías devengadas durante 2004.

E) Valoración das cargas financeiras do centro e servizos transferidos.

1. A valoración definitiva do custo efectivo anual dos servizos traspasados, referidos ao ano 2004 elévase a 95.910,94 euros, consonte a seguinte distribución:

a) Centro Social de Ortigueira:

Capítulo I:70.628,06

Capítulo II:25.282,88

Total:95.910,94

2. O financiamento do citado custo por parte da Comunidade Autónoma realizarase en exercicios sucesivos para cada un dos centros traspasados mediante actualización do seu importe na mesma medida en que evolucionen globalmente os gastos de funcionamento (capítulos I e II) dos centros de igual natureza xestionados pola Comunidade Autónoma. A variación indicada enténdese referida a termos de comparación homoxéneos, é dicir, excluíndose os incrementos que poidan producirse en cada anualidade, respecto da anterior, pola posta en funcionamento de novos centros ou servizos.

3. A transferencia dos fondos ao Concello de Ortigueira efectuarase por doceavas partes do importe total financiado en cada exercicio.

4. No ano 2004 o custo financiado será o resultante de deducir do total neto sinalado no punto 1 desta epígrafe o importe dos gastos dos capítulos I e II aboados pola Comunidade Autónoma ata a data de efectividade de traspaso do centro.

F) Documentación e expedientes necesarios para a xestión do centro que se traspasa.

A entrega da documentación e expedientes do centro que se traspasa, realizarase no prazo dun mes a partir da data de efectividade da transferencia obxecto deste acordo.

G) Data de efectividade da transferencia.

A efectividade da transferencia obxecto deste acordo terá lugar o día 1 do trimestre seguinte á publicación no DOG do decreto.

E para que conste, expídese esta certificación, en Santiago de Compostela o 19 de maio de 2004. Secretarios da Comisión Mixta, Joan Ribot Margarit e María Luísa Sierra Vale.

Joan Ribot MargaritMaría Luísa Sierra Vale

SecretarioSecretaria

Visto e praceVisto e prace

María José Cimadevila CeaAntonio Campo Fernández

Conselleira de Asuntos Sociais,Alcalde do Concello

Emprego e Relacións Laboraisde Ortigueira

Relación número 1

Relación de bens inmobles adscritos a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais

obxecto de traspaso ao Concello de Ortigueira

Nº ident.Nome e usoLocalidade e enderezoSuperficie construída

C0236Centro Social de OrtigueiraLg. Recheo Alameda, s/n585 m

Relación número 2

Relación nominal do persoal que se traspasa ao Concello do Centro Social de Ortigueira

Apelidos e nomeNúmero de

rexistro persoal

Corpo ou escalaPosto de traballoSituación

administrativa

Retribucións abnuais 2004

BásicasComplemen.IPC galegoTotal

Regueira Vale, Mª Mercedes33.831.066Dtor. centro socialDtor. centro socialLF22.386,622.550,8494,3625.031,82

Paz Rodríguez, Beatriz32.630.453Peón especializadoPeón especializadoLT13.023,44 310,4450,4613.384,34

Castro Seoane, Carmen Sara76.399.044LimpadoraLimpadoraLF14.542,16 310,4456,2014.908,80