DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 05 de agosto de 2004 Páx. 11.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 12 de xullo de 2004 pola que se declara de interese galego a Fundación Curros Enríquez e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 14 de xuño de 2004 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 2 de xuño de 2004, pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Curros Enríquez, adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto promover

e difundir o coñecemento da vida e da obra de Manuel Curros Enríquez, así como dos outros poetas e escritores relacionados con Celanova. E así son fins da fundación os seguintes:

1. Creación do Museo dos Poetas.

2. Xestión anual da Casa Museo.

3. Recompilación de material documental, mobiliario, etc. para a dotación da Casa Museo.

4. Promoción de estudos de investigación e divulgación da vida e da obra de Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e os outros escritores nacidos ou relacionados con Celanova.

5. Organización de campañas informativas a nivel escolar do que significou a figura de Manuel Curros Enríquez para o rexurdimento da literatura galega.

6. Organización de talleres literarios, cursos de verán e outros relacionados coa poesía e o xornalismo, nos que destacou a figura de Curros Enríquez.

7. Organización de actividades culturais, congresos, seminarios, recitais poéticos, concertos, conferencias, mesas redondas e outras relacionadas co mundo da literatura galega e co tempo literario en que se moveron os poetas.

8. Continuación da entrega anual do premio «Celanova, casa dos poetas».

9. Colaboración con outras casas museo de escritores afíns ou contemporáneos de Curros Enríquez ou dos outros poetas de Celanova, para organizar programas de divulgación conxunta dos escritores.

10. Publicación de investigacións, estudos e outro material que a Casa Museo xere coa súa actividade de promoción da figura de Manuel Curros Enríquez e os outros poetas de Celanova, en todos os soportes audiovisuais e literarios posibles.

11. Calquera outro adecuado ao seu obxecto.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Curros Enríquez xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Curros Enríquez no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, para os efectos constitutivos

que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentarlle o proxecto de orzamento ao protectorado, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2004.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo