DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 05 de agosto de 2004 Páx. 11.153

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 184/2004, do 22 de xullo, polo que se crea o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia plena desta Comunidade Autónoma para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades; competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos termos que figuran no artigo 2 do Decreto 114/1982, do 1 de setembro, sobre asunción de transferencias en materia educativa, e no artigo 1 do Decreto 454/2003, do 26 de decembro, (DOG do 19 de xaneiro de 2004), polo que se establece a estrutura orgánica da consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, integra as ensinanzas artísticas dentro da ordenación do sistema educativo e determina no seu artigo 38 os obxectivos propios deste ensino de réxime especial: proporcionarlle ao alumnado unha formación artística de calidade e garantir a cualificación dos futuros profesionais de música, da danza, da arte dramática, e das artes plásticas e o deseño. Así mesmo, establece no seu artigo 39 que as ensinanzas de música e danza comprenderán tres graos; elemental, medio (ou profesional) e superior.

Así mesmo, a Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, no seu artigo 7 mantén a consideración de ensinanzas escolares de réxime especial ás artísticas, nas cales se inclúen as de música.

Para o desenvolvemento e regulamentación destas ensinanzas ditouse o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que impartan ensinanzas artísticas; o Real decreto 756/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, e o Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso aos ditos graos, modificado e ampliado polo Decreto 179/2003, do 27 de febreiro.

Por outra parte, a Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, determina no seu artigo 17 que a creación dos centros públicos será efectuada polo Consello de Goberno da comunidade Autónoma correspondente.

Finalmente, tendo en conta a necesidade de implantar estas ensinanzas especializadas nas mellores condicións posibles de calidade en centros que garanten a sólida formación técnica e humanística do alumnado que acadará a titulación correspondente aos estudos cursados, estímase conveniente

proceder á creación do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, que impartirá os graos elemental e medio, e adscríbese á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para o mellor cumprimento do anteriormente sinalado e determinará os cadros de persoal docente, administrativo e subalterno necesario para o máis eficaz desenvolvemento das actividades docentes.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria