DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 02 de agosto de 2004 Páx. 10.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 180/2004, do 29 de xullo, de modificación da ordenación provisional contida no anexo do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas.

O Decreto autonómico 207/2002, do 20 de xuño, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 119, do 21

de xuño de 2002 (corrección de erros no DOG nº 127, do 3 de xullo) dispuxo, de conformidade co disposto polo artigo 52 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, suspender, para a súa revisión, a vixencia das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, establecendo que a suspensión determina a entrada en vigor da ordenación provisional que se insire como anexo no citado decreto.

A ordenación provisional establecida polo decreto ten carácter eminentemente transitorio e cautelar coa finalidade de garantir que a edificación que poida realizarse durante o período transitorio non faga inviables as posibles solucións que lle corresponde adoptar ao futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal que é o instrumento de ordenación urbanística integral do termo municipal que definirá o modelo de convivencia e establecerá a ordenación urbanística definitiva.

Neste sentido, o Concello de Ponteareas acordou formular o Plan Xeral de Ordenación Municipal, de conformidade coa nova Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e contratou os traballos de elaboración do plan, actualmente en redacción.

Con fundamento nos traballos xa realizados polo equipo redactor do plan, elaborouse por instancia do Concello de Ponteareas a proposta de modificación da ordenación provisional contida no anexo do Decreto 207/2002, que foi aprobada polo Pleno da Corporación municipal en sesión que tivo lugar o 16 de febreiro de 2004, por maioría absoluta legal, e trasladada á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

A nova Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na súa disposición transitoria primeira, número 2, establece que:

«Os decretos autonómicos de suspensión do planeamento urbanístico que foron ditados antes da entrada en vigor desta lei manterán a súa plena eficacia ata a aprobación definitiva do correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal, coas seguintes especificacións:

a) Ao solo urbano aplicaráselle o réxime establecido por esta lei para o solo urbano e a ordenación provisional establecida nos correspondentes decretos.

b) No solo apto para urbanizar e no solo non urbanizable será de aplicación integramente o disposto nesta lei para o solo rústico.

c) Nos núcleos rurais tradicionais delimitados será de aplicación o disposto nesta lei para o solo de núcleo rural.».

En consecuencia, segundo o mandato da Lei 9/2002, mantense a suspensión do planeamento urbanístico de Ponteareas ata a aprobación definitiva do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal; pero nada obsta para que se modifique a ordenación provisional contida no anexo do citado Decreto 207/2002, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas, ao abeiro do disposto polo artigo 96 da vixente Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

A nova ordenación provisional elaborouse con base na proposta presentada polo concello e aprobada polo Pleno da Corporación de Ponteareas e acomódase ao réxime establecido pola vixente Lei 9/2002. Trátase de posibilitar a edificación no ámbito do solo urbano consolidado con estrita suxeición aos criterios establecidos polo artigo 46.1º de modo que a altura, o volume e o fondo máximo edificables non superan o das edificacións existentes que foron construídas ao abeiro do planeamento suspendido.

En todo caso, a ordenación provisional non compromete a futura ordenación urbanística e resulta coherente coa estratexia, as directrices e os obxectivos xerais do plan xeral actualmente en elaboración polo Concello de Ponteareas.

Para a aplicación das novas ordenanzas provisionais apróbase o plano no que se reflicte o perímetro do solo urbano consolidado e o ámbito de aplicación de cada ordenanza neste tipo de solo que figura no expediente tramitado pola Dirección Xeral de Urbanismo e obxecto de informe favorable pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Na súa virtude, de conformidade co establecido pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, de acordo co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e nove de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o texto da ordenación provisional contido no anexo do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, que queda redactado segundo o texto que se insire no anexo deste decreto.

Así mesmo, para a aplicación das ordenanzas provisionais, apróbase o plano no que se reflite o perímetro do solo urbano consolidado e o ámbito de aplicación de cada ordenanza neste tipo de solo, que figura no expediente tramitado pola Dirección Xeral de Urbanismo e obxecto de informe favorable pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

ANEXO

Ordenación provisional

1. Condicións xerais de edificación en solo urbano.

1.1. Para edificar no solo urbano de Ponteareas, os terreos deberán reunir os requisitos exixidos para edificar en solo urbano consolidado, establecidos polos artigos 12.a) e 16.1 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, así como as condicións establecidas polo artigo 19.1º das normas complementarias e subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente por Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

1.2. As edificacións que se autoricen deberán cumprir as condicións establecidas polos artigos 15 a 20 das normas complementarias e subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente por Orde do 3 de abril de 1991, da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

1.3. As alturas máximas permitidas nas distintas ordenanzas de solo urbano mediranse no centro de todas as fachadas, desde a rasante natural do terreo ao arrinque inferior da vertente de cuberta.

1.4. As cubertas das edificacións estarán formadas por planos inclinados sen quebraduras dos seus faldróns e prohíbense as mansardas e outros volumes sobre os faldróns de cuberta. A pendente máxima permitida será de 45º con altura máxima de cumieira de 3,50 metros.

Permítese o aproveitamento da planta baixo cuberta nas seguintes condicións:

-A iluminación do espazo baixo cuberta realizarase por medio de ocos situados no plano de cuberta ou a través de fiestras abertas a patios ou terrazas.

-Admítense os recuados da edificación na cuberta creando terrazas e áticos, coa limitación de que ningún elemento construído, sobresaia do sólido capaz definido nesta ordenanza, quedando toda construción incluída baixo o plano máximo dos 45º de cuberta, debendo ser a pendente uniforme.

1.5. Nos tramos urbanos de estradas manteranse as liñas de edificación fixadas pola autoridade competente en materia de estradas, de conformidade coa lexislación sectorial de aplicación.

1.6. Para autorizar novas edificacións en solo urbano será necesario dispoñer dunha praza de apar

camento por cada cen metros cadrados de superficie construída sobre rasante.

1.7. Permítese como máximo unha única planta soto ou semisoto, agás que resulten necesarios un maior número de sotos con destino a apardoiros. En todo caso, non poderán sobresaír máis de 1 metro sobre a rasante natural do terreo.

1.8. Para a regulación dos distintos usos e categorías haberá que aterse ao disposto na normativa das normas subsidiarias de planeamento de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra con data do 11 de maio de 1995, en todo o que non se opoñan ao establecido pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Ordenanza do cuarteirón pechado.

2.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos que no plano de ordenación aprobado por este decreto se inclúen dentro do ámbito do solo urbano consolidado en zonas de tipoloxía de cuarteirón pechado.

2.2. Usos permitidos.

Uso característico: vivenda colectiva.

Usos permitidos: comercial en categoría 1; hoteleiro, de categorías 1, 2 e 3; industrial de categorías 1 e 2; administrativo de categorías 1 e 2; docente; sociocultural de categorías 1 e 2; sanitario de categoría 1; asistencial, garaxe-aparcadoiro; e almacéns de categoría 1 e 2, nas condicións de uso establecidas polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra.

2.3. Condicións de edificación.

-Tipoloxía: edificación entre medianeiras formando cuarteiróns pechados, con ou sen patio de cuarteirón.

-Aliñacións: as establecidas no plano de ordenación aprobado por este decreto.

-Altura máxima: a establecida no plano de ordenación aprobado por este decreto, en función do largo da rúa:

-Largo da rúa:-Altura máxima:

Menor de 6 metrosdúas plantas e 7,50 metros

Igual ou maior de 6 metros e menor

de 9 metrostres plantas e 9,50 metros

Igual o maior de 9 metros e menor

de 12 metroscatro plantas e 12, 50 metros

Igual ou maior de 12 metros e menor

de 14 metroscinco plantas e 15,50 metros

Igual ou maior de 14 metrosseis plantas e 18,50 metros

No caso de que exista contradición entre a altura determinada no plano de ordenación e a fixada nesta ordenanza en función do largo da rúa, aplicarase a que corresponda á menor altura.

-Parcela edificable: debe contar cunha superficie mínima de 100 metros cadrados, un fronte de fachada mínimo de 6 metros e permitir a inscrición dentro da parcela dun círculo de 4 metros de diámetro; agás aquelas parcelas que se encontren entre outras xa edificadas con anterioridade á aprobación deste decreto.

-Fondo máximo edificable: máximo de 20 metros en todas as plantas.

-Chafráns: será obrigatorio nos casos reflectidos no plano de ordenación así como nas esquinas das rúas, en todas as plantas, cunha dimensión igual ou superior a 5 metros medidos na perpendicular á bisectriz do ángulo formado polas aliñacións das fachadas, debendo manterse nas plantas de pisos superiores, cos voos e saíntes autorizados.

-Voos: non se autorizan en rúas menores de 5 metros de largo. Nos demais supostos permítense os voos cunha lonxitude máxima de 1/10 do largo da rúa e como máximo de 1 metro. A separación do voo á medianeira será de 0,60 metros e como mínimo, unha distancia igual á dimensión do voo proxectado. A separación vertical do voo coa rasante do vial será maior de 3,50 metros. Non se autorizan voos a patio de rueiro.

3. Ordenanza de bloque aberto.

3.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación aos terreos que no plano de ordenación aprobado por este decreto se inclúen dentro do ámbito do solo urbano consolidado en zonas de tipoloxía de edificación aberta en bloques separados entre si por espazos libres.

3.2. Usos permitidos.

Uso característico: residencial.

Usos permitidos: terciario e locais comerciais en planta baixa, agrupacións comerciais, salas de reunión e dotacións de pequeno tamaño en planta baixa.

3.3. Condicións de edificación.

-Tipoloxía: edificación exenta con tratamento de fachada en todos os seus ventos, sen que poidan construírse paramentos cegos.

-Parcela mínima edificable: 1.000 metros cadrados.

-Fronte mínimo da parcela á vía pública de 20 metros.

-Aliñacións: as establecidas no plano de ordenación aprobado por este decreto.

-Recuados mínimos obrigatorios: 5 metros á aliñación e a todos os lindeiros da parcela. Ademais, a separación entre bloques non será inferior a 1/2 da altura da edificación, cun mínimo de 5 metros.

-Altura máxima: a establecida no plano de ordenación aprobado por este decreto.

-Voos: non se admiten voos sobre as zonas de recuamento.

-Espazo libre de parcela: os espazos non ocupados pola edificación non poderán pecharse e deberán estar axardinados nunha proporción superior ao 60% da súa superficie. O resto poderá destinarse a zonas peonís, usos deportivos e aparcamento en superficie; neste último caso sen ocupar unha superficie maior ao 25% do total do espacio libre da parcela.

4. Ordenanza de edificación unifamiliar.

4.1. Ámbito de aplicación.

Esta ordenanza é de aplicación os terreos de solo urbano consolidado en zonas de tipoloxía de edificación unifamilar.

4.2. Usos permitidos.

Uso característico residencial en vivenda unifamiliar.

Usos permitidos: comercial de categoría 1; administrativo e oficinas de categoría 2; sociocultural de categoría 1; garaxe-aparcadoiro de categoría 1 e 2.

4.3. Condicións de edificación.

-Tipoloxía: edificación illada.

-Aliñacións: as determinadas no plano de ordenación aprobado por este decreto.

-Alturas: 7 metros, sen superar a planta baixa e unha planta alta.

-Parcela edificable: debe contar cunha superficie mínima de 500 metros cadrados e un fronte de fachada mínimo de 13 metros.

-Edificabilidade máxima permitida: 0,75 metros cadrados edificables por metro cadrado de parcela.

-Ocupación máxima sobre parcela: 35%.

-Recuados mínimos a todos os lindeiros da parcela: 3 metros.

5. Ordenanza de solo urbano de interese cultural.

5.1. Ámbito de aplicación.

Será de aplicación esta ordenanza aos seguintes inmobles:

a) Terreos incluídos no ámbito de aplicación da ordenanza 1.1 de solo urbano establecida polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra o 11 de maio de 1995.

b) Inmobles urbanos incluídos no catálogo das citadas normas subsidiarias de planeamento municipal.

c) Inmobles urbanos incluídos no anexo 3º das normas complementarias e subsidiarias de planeamento provinciais, aprobadas por Orde do 3 de abril de 1991.

5.2. Usos permitidos.

Os usos correspondentes á ordenanza de solo urbano de rueiro pechado.

5.3. Condicións de edificación.

Quedan prohibidas as obras de nova planta e a ampliación de edificacións existentes, de adición de novas plantas e as de demolición ou derrubamento das construcións existentes.

Permítense obras de mellora das condicións de seguridade e habitabilidade, obras de reforma, así como cambio de uso sempre que se trate dun uso permitido. En todo caso, será necesario obter o previo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6. Ordenanza de espazos libres e zonas verdes.

6.1. Ámbito de aplicación.

Quedan sometidos a esta ordenanza:

a) Os terreos que poidan resultar inundados durante as enchentes dos ríos (zonas inundables) e os terreos comprendidos na zona de policía (100 metros) do río Tea e os seus afluentes.

b) Os terreos cualificados como espazos libres e zonas verdes no plano de ordenación aprobado por este decreto.

c) Os terreos incluídos no ámbito das unidades de execución definidas nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra con data do 11 de maio de 1995, debidamente dilixenciados polo secretario da citada comisión, agás que teñan o instrumento de equidistribución aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 207/2002, do 20 de xuño.

d) Os restantes terreos incluídos no perímetro do solo urbano aos que non lles sexa de aplicación ás ordenanzas 1, 2, 3, 4, 5 e 7 deste decreto.

6.2. Usos permitidos.

O único uso permitido é o de espazo libre de uso público, de esparexemento da poboación.

6.3. Instalacións permitidas.

As instalacións compatibles co uso de espazo libre como son: áreas de xogos infantís, áreas de deporte non regrado ao aire libre, áreas de plantación e axardinamento, lugares acondicionados para o descanso e recreo pasivo, palco de música, servizos hixiénicos públicos, pequenas construcións e instalacións destinadas á venda de bebidas e revistas, etc.

As edificacións que se constrúan terán, sumadas todas, unha ocupación máxima do 5% da superficie do parque e a altura máxima non superará os 4 metros.

7. Ordenanza de equipamentos e dotacións públicas.

7.1. Ámbito de aplicación.

Será de aplicación aos terreos cualificados como equipamentos nos planos de ordenación aprobados por este decreto.

7.2. Usos permitidos.

Administrativo, sociocultural, sanitario, docente, cemiterio, relixioso, deportivo, asistencial e mercados.

7.3. Condicións de edificación.

-Aliñacións: segundo o plano de ordenación aprobado por este decreto.

-Recuados mínimos: 5 metros a todos os lindeiros e como mínimo unha distancia igual á altura da edificación.

-Altura máxima: a reflectida no plano de ordenación aprobado por este decreto; no seu defecto a altura máxima será de dúas plantas e 7 metros.

- Edificabilidade máxima: 1 metro cadrado edificable por cada metro cadrado de solo.

8. Planeamento subsistente.

Os ámbitos remitidos a plans parciais e especiais aprobados definitivamente que a seguir se relacionan manterán a súa vixencia provisional ata aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal:

-Plan parcial de ordenación do solo apto para urbanizar da áreas de Canedo, aprobado definitivamente pola Corporación municipal con data do 1 de febreiro de 1999.

-Plan especial de desenvolvemento da unidade de execución número 13 (Urbanización Lamazares), aprobado definitivamente pola Corporación municipal con data do 7 de setembro de 1998.

-Plan especial para a implantación do campo de golf en Pías, aprobado definitivamente pola Corporación municipal con data do 1 de febreiro de 1999.

9. Réxime aplicable aos núcleos rurais.

Nos ámbitos de aplicación da ordenanza 1.7 de solo urbano de núcleo rural, da ordenanza de núcleo rural existente consolidado e da ordenanza de núcleo rural existente de baixa densidade, delimitados nos planos de ordenación das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra con data do 11 de maio de 1995, debidamente dilixenciados polo seu secretario, será de aplicación o réxime establecido pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o solo de núcleo rural e, ademais, as seguintes condicións de edificación:

-Fachada mínima de parcela: 6 metros.

-Recuamentos: 4 metros a todos os lindeiros de parcela para novas edificacións e cerramentos. No caso de edificacións tradicionais existentes, para os efectos da súa rehabilitación, se estas se sitúan a máis de 4 metros do eixo do camiño non se esixirá o recuamento frontal. As ampliacións de edificacións existentes deberán recuarse o mesmo que as novas edificacións.

-Ocupación máxima: 30% no ámbito da ordenanza 1.7 de solo urbano de núcleo rural e 25% no ámbito

da ordenanza de núcleo rural existente de baixa densidade.

-Edificabilidade máxima: 0,60 m/m no ámbito da ordenanza 1.7 de solo urbano de núcleo rural e 0,50 m/m no ámbito da ordenanza de núcleo rural existente de baixa densidade.

-Cubertas: quedan prohibidas as mansardas e bufardas.

10. Réxime aplicable no solo non urbanizable e no solo apto para urbanizar.

Aos terreos clasificados polas normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas como solo rústico ou non urbanizable en calquera das súas categorías, así como os clasificados como solo apto para urbanizar ou solo urbanizable, será de aplicación o réxime establecido pola Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o solo rústico.

11. Regulación das edificacións fóra de ordenación.

11.1. As edificacións e construcións realizadas ao abeiro da preceptiva licenza urbanística municipal outorgada con anterioridade á aprobación do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, que resulten desconformes coa nova ordenación provisional establecida neste decreto, quedarán sometidos ao seguinte réxime de fóra de ordenación:

a) Construcións e edificacións situadas en solo urbano en situación de fóra de ordenación relativa por vulnerar algunha das condicións de edificación establecidas nas ordenanzas para o solo urbano: poderán autorizarse obras de mellora das condicións de seguridade e habitabilidade, obras de reforma, así como cambio de uso sempre que se trate dun uso permitido na correspondente ordenanza. Non se permiten obras de ampliación que impliquen incremento do volume edificable.

b) Construcións e edificacións situadas en solo urbano en situación de fóra de ordenación por total incompatibilidade coas determinacións desta ordenación provisional: considéranse incluídas nesta categoría todas as construcións e edificacións en situación de fóra de ordenación non incluídas na categoría anterior, en particular as destinadas a usos non permitidos pola nova ordenación ou con invasión de espazos previstos para zonas verdes, viais e outras dotacións públicas. Nestas, só se poderán autorizar obras de simple conservación e as necesarias para o mantemento do uso preexistente.

c) Construcións e edificacións realizadas ao abeiro da preceptiva licenza urbanística municipal e autorización autonómica en solo rústico ou non urbanizable e no ámbito dos núcleos rurais; quedarán sometidas ao réxime establecido pola disposición transitoria cuarta da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

11.2. O réxime de fóra de ordenación non será de aplicación ás edificacións construídas sen licenza

urbanística ou executadas ao abeiro de licenzas anuladas por resolución xudicial. Nestes supostos serán de aplicación o réxime de protección da legalidade urbanística establecido polos artigos 208 a 223 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e só poderán ser obxecto de legalización no suposto de que se acomoden integramente ás condicións establecidas na ordenación provisional contida neste decreto.

11.3. Os equipamentos de titularidade e dominio público existentes no momento da entrada en vigor deste decreto en situación de fóra de ordenación por incumprimento das condicións de edificación sinaladas pola ordenanza 7, de equipamentos e dotacións públicas, poderán ser ampliados ata un 50% da superficie edificable orixinaria sen exceder da altura máxima establecida na citada ordenanza 7.