DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.903

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2004 pola que se fai público o contido da modificación do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A. (Cersa), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 12 de marzo de 2002, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A. (Cersa), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras adheridas subscribiron un convenio para a habilitación dunha liña de financiamento específico de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia (Resolución do 20 de marzo de 2002, DOG nº 61, do 27 de marzo).

Con data do 21 de marzo de 2003 subscribiuse unha addenda ao convenio (Resolución do 21 de marzo de 2003, DOG nº 63, do 31 de marzo) a cal se integra no conxunto das medidas deseñadas pola Xunta de Galicia para contrarrestar os efectos derivados do afundimento do buque Prestige e establece, entre outras medidas, reducir excepcionalmente o tipo de xuro aplicable ás solicitudes de microcréditos presentadas polas microempresas galegas ao abeiro do convenio citado no prazo dun ano. Así mesmo, acórdase a contribución do Igape ao fortalecemento das sociedades de garantía recíproca galegas mediante contribucións ao seu fondo de provisións técnicas en función dos microcréditos avalados por estas.

Por Resolución do 1 de abril de 2004 (DOG nº 70, do 13 de abril) prorrogáronse as condicións establecidas na Resolución do 21 de marzo de 2003, ata o fin da vixencia do convenio, establecida no 31 de decembro de 2004, atendendo á favorable acollida pola microempresa galega deste instrumento de financiamento dos seus investimentos, así como á evolución dos tipos de xuro, por unha banda, e por outra, á mellora da capacidade das sociedades de garantía recíproca tanto para a asunción de riscos como para facilitar o acceso ás fontes de financiamento ás microempresas galegas.

Tendo en conta o número e contía dos proxectos presentados ata a data de hoxe ao abeiro do citado convenio, así como as expectativas de demanda ata o 31 de decembro de 2004, faise necesaria a ampliación do límite da liña de microcréditos Cersa e, consecuentemente, o crédito plurianual, engadindo unha plurianualidade para 2005.

Polo tanto, o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza de data do 29 de xullo de 2004, acordou as modificacións que a seguir se publican para o seu coñecemento e entrada en vigor.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1º.a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Facer pública a modificación do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Compañía Española de Reafianzamiento, S.A. (Cersa), as sociedades de garantía recíproca de Galicia (Afigal e Sogarpo) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de financiamento de microcréditos na Comunidade Autónoma de Galicia, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza de data do 29 de xullo de 2004:

1. Amplíase o importe máximo de operacións a conceder polas entidades financeiras adheridas ao convenio en 18.000.000 euros máis, quedando establecido o límite total de operacións a financiar en 108.000.000 de euros.

2. Amplíase o crédito orzamentario do Igape para o ano 2004 en 1.269.000 euros máis e engádese unha nova plurianualidade para o ano 2005 cunha dotación orzamentaria de 1.269.000 euros con cargo ás seguintes aplicacións:

-02.01.16/01/02: 997.785 (ano 2004), 997.785 (ano 2005).

-02.01.16/01/03: 271.215 (ano 2004), 271.215 (ano 2005).

Quedando as dotacións orzamentarias definitivas do convenio do seguinte xeito:

-02.01.16/01/02: 5.032.824 (ano 2004), 997.785 (ano 2005).

-02.01.16/01/03: 1.650.215 (ano 2004), 271.215 (ano 2005).

En Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA