DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.902

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2004 pola que se fai público o contido da modificación do convenio de apoio financeiro 2004-2006 ao sector do transporte público por estrada de Galicia para a renovación da flota de vehículos, subscrito entre o Igape e as entidades financeiras.

Mediante Resolución do 14 de maio de 2004 publicouse un convenio, subscrito entre o Instituto Galego

de Promoción Económica (Igape) e diversas entidades financeiras, de apoio financeiro ao sector transporte público por estrada de Galicia, motivado pola importancia que ten este sector dentro do tecido socioeconómico da nosa comunidade e ao elevado investimento que estas empresas están levando a cabo para a renovación da frota de vehículos (DOG nº 100, do 26 de maio de 2004).

Tendo en conta o número e a contía dos proxectos presentados ao abeiro do citado convenio de apoio financeiro nos dous primeiros meses, así como a demanda manifestada polas empresas e entidades financeiras, faise necesaria a ampliación da liña habilitada ampliando a contía máxima a financiar e consecuentemente o crédito plurianual.

Polo tanto o Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 29 de xullo de 2004, acordou as modificacións que a seguir se publican para o seu coñecemento e entrada en vigor.

Polo que antecede, en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12.a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica e do artigo 11.1º.a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o seu regulamento

RESOLVO:

Facer pública a modificación do convenio de apoio financeiro 2004-2006 ao sector do transporte público

por estrada de Galicia para a renovación da frota de vehículos subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras, acordada polo Consello de Dirección do Igape na súa xuntanza do 29 de xullo de 2004:

1. Amplíase o importe máximo de operacións que concederán as entidades financeiras adheridas ao convenio en 3.000.000 de euros máis, quedando establecido o límite total de operacións a financiar en 8.000.000 de euros.

2. Amplíase o crédito orzamentario do Igape para o ano 2004 en 278.000 euros máis, quedando establecido nun total de 518.490,38 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 02.01 01/01/14 656700.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica