DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.889

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 29 de xullo de 2004 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada polos traballadores de empresas auxiliares do complexo medioambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro día 31 de xullo de 2004 e se estenderá desde a dita data ata o 21 de agosto de 2004, ambos os dous inclusive.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñocida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionada ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que que ditan normas para garantir a

prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razóns de servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

A Lei 10/1997, do 10 de abrril, de residuos, dispón no seu artigo 29 que corresponderá á Sociedade Galega do Medio Ambiente a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión, coas conseguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlados dos residuos. Neste sentido engade o seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama realizarase de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos no artigo 2 desta lei, para o que deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso. Na actualidade a Sociedade Galega de Medio Ambiente xestiona diariamente os residuos de 220 concellos de Galicia o que supón unha media diaria de residuos de 1.900 toneladas. Polo volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría

un colapso na recollida de residuos a nivel autonómico que tardaría días en corrixirse, o que pode levar consigo problemas de salubridade e medioambientais con consecuencias imprevisibles.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar os servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican nesta orde, logo da audiencia ao comité de folga.

Con base no anterior e de conformidade co establecido na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño

DISPOÑO:

Artigo 1º

A convocatoria de folga que afecta os traballadores das empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda que se iniciará o vindeiro día 31 de xullo de 2004 e que se estenderá desde a dita data ata o 21 de agosto de 2004, ambos os dous inclusive, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a continuación:

Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible:

-Pulpista: 1 por quenda.

-1 axente de circulación e 1 axudante en quenda de mañá e 1 axente de circulación e 1 axudante en quenda de tarde.

-Triadores: 4 por quenda.

-Rondista: 1 por quenda.

-Xefe de quenda: 1 por quenda.

-Operadores planta: 1 por quenda.

-Condutor de pa: 1 por quenda.

-Condutor camión: 1 por quenda.

-Peón secadoiro: 1 por quenda.

Bolsa amarela:

-Encargado: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

Planta MER:

-2 en quenda de mañá e 2 en quenda de tarde (por quenda 1 encargado e 1 operario).

Planta de coxeración-Planta termoeléctrica:

* Comúns:

-Xefe de quenda: 1 por quenda.

-Operador: 1 por quenda.

-Rondista: 1 por quenda.

-Ensacado cinzas: 2 en quenda de mañá e 2 en quenda de tarde.

-Condutor cinzas: 1 en quenda de mañá e 1 en quenda de tarde.

-Escouras: 1 por quenda.

-Retén: 2 por quenda.

Depuradoras:

-CMC: 1 por quenda.

-Depósito temporal: 1 por quenda.

Control de accesos CMC:

-Control de accesos: 1 por quenda.

Depósito temporal:

-Control de entrada: 1 por quenda.

-Encargado: 1 por quenda.

Artigo 2º

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir os distintos servizos realizarase pola dirección das empresas auxiliares do Complexo Medioambiental de Cerceda.

Artigo 3º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2004.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente