O Concello de Ribeira de Piquín considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma Galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil catro,
DISPOÑO:
Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Ribeira de Piquín, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:
De ouro (amarelo), un pez ou troita de sinople (verde), acompañado de dúas faixas ondadas de azur
(azul), unha no alto e outra no baixo. O timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil catro.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesús Carlos Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local
ANEXO
CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE
E VOLUNTARIADO