DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.883

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 173/2004, do 15 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 163 Plan de Obras e Servizos 2003 A Pontenova. Estrada provincial Xinzo-O Navallo-Pontesoutelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,0 ao 1,5 (concello da Pontenova).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día vinte e un de novembro de dous mil tres, aprobou o proxecto da obra nº 163 Plan de Obras e Servizos 2003 A Pontenova. Estrada provincial Xinzo-O Navallo-Pontesoutelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,0 ao 1,5 e, na sesión do vinte e nove de marzo de dous mil catro, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dezasete de xuño de dous mil catro.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación, a actual vía ten unha grande importancia para as comunicacións da zona por enlazar os municipios da Pontenova e Ribeira de Piquín, ademais de unir numerosas localidades situadas no itinerario, xerándose un intenso tráfico por unha estrada moi estreita e con curvas de raio moi limitado, o que provoca un alto risco de accidentes con perigo para a vida humana, polo que actuación é necesaria para reducir o risco potencial de accidentes de tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens

e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra nº 163 Plan de Obras e Servizos 2003 A Pontenova. Estrada provincial Xinzo-O Navallo-Pontesoutelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0,0 ao 1,5, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, quince de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local