DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de xullo de 2004 pola que se convocan os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2003-2004.

A Orde do Ministerio de Educación e Cultura do 13 de decembro de 1999, pola que se crean os premios nacionais de bacharelato e se establecen os requisitos e o procedemento para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato (BOE do 25 de decembro), determina no seu artigo 3.1º que as comunidades autónomas con plenas competencias en materia educativa poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus ámbitos territoriais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas, e de acordo co disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 11 de decembro),

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse en Galicia os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2003-2004.

Artigo 2º

1. Poderase conceder un máximo de 23 premios extraordinarios.

2. Cada premio estará dotado con 600 A, con cargo á partida orzamentaria 07.03.323A.480.1.

Artigo 3º

1. Poderán optar ao premio extraordinario de bacharelato os alumnos que cursaran en centros docentes españois, tanto de carácter público como privado, os dous cursos de calquera modalidade de bacharelato e que finalizaran estes estudos na Comunidade Autónoma de Galicia no ano académico 2003-2004.

2. Para poder participar nesta convocatoria será necesario que a media das cualificacións obtidas nos dous cursos sexa igual ou superior a 8,75 puntos.

3. Para obter a nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, propias de modalidade e optativas, dos dous cursos de bacharelato.

4. A dita nota será a media aritmética das cualificacións de todas e cada unha das materias a que se refire o punto anterior.

Artigo 4º

1. O alumnado que, reunindo os requisitos indicados, desexe optar ao premio extraordinario, deberase inscribir, ata o día 10 de setembro de 2004, no instituto no que se atope o seu expediente académico.

2. Os alumnos e os secretarios dos seus respectivos centros deberán cubrir os modelos de inscrición que se inclúen como anexo I e anexo II a esta convocatoria.

3. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, indicándoselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos do artigo 42.1º da citada lei.

4. Rematado o prazo de inscrición, os secretarios dos centros comunicarán por fax, antes do día 21 de setembro de 2004, ao Servizo Provincial de Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a lista de alumnos inscritos coa indicación das modalidades de bacharelato cursadas e remitirán as solicitudes de inscrición que estean no seu poder ao citado servizo.

Artigo 5º

A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa será a encargada de elaborar as probas, así como de dar as instrucións necesarias para o seu desenvolvemento.

Artigo 6º

1. As probas estruturaranse en dúas partes, a realizar cada unha nun tempo máximo de dúas horas:

Primeira parte:

a) Redacción sobre un tema de carácter xeral: histórico, filosófico ou literario.

b) Análise dun texto na lingua estranxeira cursada polo alumno como materia común de bacharelato e resposta a cuestións de carácter cultural, literario ou gramatical. O exercicio realizarase sen dicionario no idioma correspondente.

Segunda parte:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos de dúas materias cursadas polo alumno segundo as opcións que se recollen no anexo III.

2. Cada exercicio de cada parte da proba cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ao premio extraordinario, os alumnos deberán obter en cada exercicio, polo menos, cinco puntos e unha cualificación total de 32 puntos ou máis.

Posto que o número de premios propostos non pode ser superior ao que resulte da aplicación do artigo 2 desta orde, en caso de empate daráselle preferencia ao mellor expediente académico.

3. As probas terán lugar o día 29 de setembro de 2004 nos seguintes centros:

IES Elviña da Coruña.

IES Sanxillao de Lugo.

IES As Lagoas de Ourense.

IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Artigo 7º

1. O tribunal encargado de supervisar e avaliar as probas estará presidido polo director xeral de Centros e Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue, e constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e por profesores de ensino secundario especialistas, todos eles, nas distintas materias obxecto da proba, designados pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

2. O tribunal fará pública a acta provisional coas cualificacións obtidas polos candidatos nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria así como a través do portal educativo da Xunta de Galicia, http://www.edu.xunta.es

3. Os alumnos examinados, ou os seus pais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, mediante instancia dirixida ao presidente do tribunal e remitíndoa á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, no prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte a aquel no que sexan públicas as cualificacións.

Artigo 8º

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

O orixinal quedará arquivado na Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e serán remitidas copias del á Dirección Xeral de Universidades, aos reitorados das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional do Ministerio de Educación e Ciencia e ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. De acordo coa proposta feita polo tribunal, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa concederá os premios extraordinarios de bacharelato, mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Artigo 9º

Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios poderase recorrer mediante recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 4/1999 de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

1. O alumnado que obteña premio extraordinario de bacharelato poderá optar, logo de inscrición, ao premio nacional.

2. A obtención do premio extraordinario será anotada no expediente académico do alumno polo secretario do centro no que realizou a inscrición.

3. Nos libros de cualificación dos alumnos estamparase dilixencia na que constará a obtención do premio extraordinario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Centros e Ordenación Educativa e de Universidades para ditar

cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2004.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO III

Materias que compoñen a segunda parte da proba

Modalidade cursadaOpciónMaterias

Artes* Debuxo artístico II

* Historia da arte

Ciencias da Natureza e da SaúdeA* Matemáticas II

* Física

B* Bioloxía

* Química

Humanidades e Ciencias SociaisA* Latín II

* Historia da arte

B* Matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II

* Xeografía

TecnoloxíaA* Matemáticas II

* Física

B* Tecnoloxía industrial II

* Electrotecnia

Naqueles casos nos que existan dúas opcións para unha modalidade, se o alumno cursou as catro materias que as compoñen entón deberá elixir a opción pola que se presenta á proba.