DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 30 de xullo de 2004 Páx. 10.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 172/2004, do 1 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Clave PO/02/048.03.

Con data do 20 de febreiro de 2004 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Clave: PO/02/048.03.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial. Xa que de non realizarse esta actuación, a posta en funcionamento do segundo cinto de Vigo, prevista para o ano 2005, provocará que o tráfico de vehículos pesados (máis de 2.000 por día) que se dirixa ao polígono de Balaídos (Fábrica Grupo P.S.A. Citroen) descorra por zonas residenciais co conseguinte perigo para os peóns.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de xullo de dous mil catro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da vía de conexión do segundo cinto de circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos. Clave: PO/02/048.03.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil catro.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Alberto Núñez Feijoó

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda